•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Coralia 12
A festa da primavera

Coralia en primavera

150 150 CORALIA

O número de primavera de Coralia presentábase este martes, 26 de marzo, no templo da cultura compostelá, a Libraria Couceiro, que este ano cumpre medio século de vida. Personalidades, autoridades e representantes do mundo da política, a cultura ou o comercio acudiron a unha cita que precisou de máis espazo para dar cabida á grande afluencia de amizades que quixeron acompañarnos.

Crónica e fotografías de MATEO CODESIDO

Cheguei pasadas as sete e media á Libraria Couceiro. «Que lugar máis apropiado para a presentación!», foi o primeiro que pensei. No corazón da Praza de Cervantes, emblema do comercio compostelán, preséntase unha revista dedicada ao comercio. Todo ben.

Non puiden ter un recibimento mellor. Xesús Couceiro en persoa e o seu fillo Pablo déronme a benvida e indicáronme amabelmente que o evento se celebraría no segundo andar. Ao ser a libraría máis antiga de Compostela non contaba con el, pero ao chegar arriba decateime de que había ascensor; unha libraría adaptada e accesible. Eu, que podo, subín as escaleiras gozando da maxia de cada espazo.

No camiño atopei a Valeria Pereiras, redactora xefa da revista e, hoxe tamén, anfitrioa. Apenas cinco ou seis persoas agardaban a chegada dos asistentes. Entre elas Álex e Alfredo, entre impacientes e expectantes. Axiña foron chegando os primeiros asistentes. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega e a candidata do BNG e vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, foron as primeiras autoridades en facer acto de presenza. Representantes do Goberno galego, como a conselleira de Educación Carmen Pomar e o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, os candidatos á alcaldía do PP e Compromiso por Galicia, Agustín Hernández e Xoan Bascuas, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e moitas outras persoas convidadas foron enchendo o segundo piso de Couceiro de saúdos, bicos, apertas, risos e a sensación de que estaban nun evento que apetecía. Como a cea de Nadal cando levas moito tempo sen comer marisco. A xente tíñalle ganas.

Cando me din conta, as cadeiras estaban todas ocupadas, e a xente ateigaba as escaleiras tanto de subida como de baixada, coma paxariños nas pólas dunha carballeira. Coralia non quixo demorar e arrincou a presentación, incluída a actuación de Falua. Mentres gozabamos da súa fermosa música, apareceu Encarna Otero, a protagonista da capa, que chegaba tarde doutro evento –«a maxia de Compostela», dixo, «tantos eventos e cousas interesantes»–. Entrevistada por Valeria Pereiras para este número 12 da revista Encarna Otero, exprofesora de Álex e Alfredo, é a personificación do amor incondicional por Compostela, unha muller comprometida pensando constantemente en como mellorar a vida da cidadanía de Santiago.

Os risos compartidos e as sorpresas dominaron a presentación. Non foi un «yo he venido aquí a hablar de mi libro». As anécdotas, o dinamismo e o humor irreverente co que acostuman encandear Álex e Alfredo foron a tónica do evento. Di que si. Xa está ben de tanto discurso politicamente correcto. Tamén houbo tempo para reivindicar e mandar algunha indirecta. Nalgún momento víase baixar algunha cabeza como cando na escola che mandaban corrixir un exercicio e ti non o tiñas feito. Mais, ao final, o sorriso foi unánime.

Presentación Coralia primavera

Encarna foi a encargada de descubrir a capa da revista. Despois do «Ooooooh!» xeneralizado a sala arrincou en aplausos contemplando a ilustración de Encarna Otero realizada polo director de arte da publicación.

E o gran momento da noite produciuse coa entrega das peneiras. Eses distintivos cos que as lectoras e os lectores de Coralia elixen a «crème de la crème» da cidade. Desta vez os galardóns eran ben xeitosos. Patrocinounos Tórculo. Descoñecía eu que fixeran ese tipo de traballos.

A peneira de Coralia
Tórculo Mazarelos
Máis información aquí
Telf. 981 806 528

Parque da Alameda
O lugar máis romántico de Compostela
Entrega Ana Portals —do espazo gastronómico Solleiros—
Recolle Martiño Noriega Sánchez, alcalde de Santiago

O Dezaseis
O favorito para ir de viños
Entrega Elena Fabeiro, xerente da Fundación Artesanía de Galicia
Recolle Esteban Vázquez

Praia de Compostela (Vilagarcía)
A praia de Compostela
Entrega Cristina Doel, de Catrineta
Recolle Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística

San Clemente
A mellor tapa
Entrega Elías Rozas, de Compostela Campers
Recolle Juan Ramón Vidal

A peneira de Coralia

Pub Momo
O pub máis enxebre
Entrega Eva Cividanes, de Queroté
Recolle Begoña, do pub Momo

Merlín e familia
A artesanía máis auténtica
Entrega Rita Sobrado, vicepresidenta da Asociación Hostelería Compostela
Recolle Patricia, de Merlín e familia

Casa das Crechas
O local con máis marcha
Entrega Óscar de Toro, de Café Venecia
Recolle Esteban Vázquez

Coas peneiras entregadas, Falua cerrou o acto e todo o mundo se dispuxo a recoller un exemplar da revista.

Coma sempre, a presentación non defraudou. Detrás dun acto coma este hai sempre unha maneira diferente de facer e contar as cousas.

Foi a primeira vez que acudía desde que son parte de Miranda Priestly, empresa editora da revista, e para min supuxo toda unha experiencia. O mesmo habería que ir reservando data e modelo para a presentación do número de verán porque vai ser boa! Prometido.

Coralia na libraria Couceiro

Tamén é actualidade en Coralia:
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido