•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

A revolución compostelá do 68

Venceremos nós

150 150 CORALIA

O 1 de decembro cumpríronse 50 anos do concerto de cantautores galegos na sala Capitol que deu voz e aparencia pública ás revoltas universitarias que paralizaron a cidade durante meses no ano que cambiou a historia do mundo.

París, 1968
Bibliothèque nationale de France

En Estados Unidos, os asasinatos de Martin Luther King e de Robert Kennedy evidenciaban que, xusto no país que armara e promovera a batalla física e intelectual contra o comunismo, estaba a librarse unha cruenta loita de clases pola defensa dos mesmos dereitos civís e económicos que a ditadura do proletariado laminara na URSS.

Buzz Aldrin
(Apollo 11)

Por JUAN OLIVER

Por moito que un bote man dos seus anais resulta difícil atopar un ano tan repleto de acontecementos relevantes para a historia moderna como 1968. Porque nese redondo exercicio sucederon tantas cousas, e case ao mesmo tempo, que se antolla imposíbel facer un resumo de noticias que de verdade reflicta todo o que pasou. Non se trata só de glosar a importancia de cada un deses sucesos en particular, senón a de todo o conxunto. Porque é precisamente esa interrelación de feitos históricos a que explica en boa medida o que o mundo é hoxe en día.

Hai medio século, en maio de 1968, París converteuse no centro do movemento anticapitalista ao que se abrazou unha xeración enteira de mozos airados que xa non se identificaban co relato socioeconómico que construíran en Occidente os vencedores da II Guerra Mundial. Paradoxalmente, a pouco máis de mil quilómetros de alí, a Primavera de Praga advertía do principio do fin da Guerra Fría entre bloques e do agónico comezo do derrubamento do único sistema político que se aparecía como alternativa ao capitalismo contra o que clamaban os manifestantes parisienses. Por estraño que pareza, un fío invisíbel unía as actitudes irreverentes de ambos extremos de Europa.

Mentres tanto, en Estados Unidos, os asasinatos de Martin Luther King e de Robert Kennedy evidenciaban que, xusto no país que armara e promovera a batalla física e intelectual contra o comunismo, estaba a librarse unha cruenta loita de clases pola defensa dos mesmos dereitos civís e económicos que a ditadura do proletariado laminara na URSS. Outro paradoxo.

E non é o último, porque os exemplos son múltiples e variados. Aí vai outro: case ao tempo en que se anunciaba a inminente chegada do home á Lúa, como metáfora da derrota da concreción terreal das aspiracións filosóficas do materialismo dialéctico, así como das ansias de liberdade da especie humana, millóns de cidadáns negros seguían manifestándose en numerosos estados dos EUA, a capital do mundo libre, para esixir algo tan elemental como que se lles deixase non ir á Lúa, senón a traballar ou a estudar, sentados nos mesmos asentos do autobús que a lei reservaba en exclusiva aos brancos.

Todos eses acontecementos, e o seu contexto, claro, forman parte dunha narración épica que contribuíu a construír no último medio século o discurso intelectual sobre o que se asenta o noso modo de vida, co mesmo razoamento que alimentou a bagaxe cultural de calquera europeo que presuma de estar ben informado. Incluso o daqueles que se criaron e sufriron durante a España gris dos peores anos do franquismo.

Aínda que resulta triste que as seguintes xeracións, as de quen creceron nos albores da democracia española, apenas sexan conscientes de que esta é tamén a súa propia historia. Porque conviviron cun xerme contestatario tan relevante como o que encheu de manifestantes as rúas de París, de Washington e de Praga. Si, aquí tamén. En Galicia. Porque en Santiago tamén houbo un amago de revolución sesenteira ao estilo das de Francia e Checoslovaquia, e un movemento de defensa dos dereitos cidadáns tan relevante como o que estaba a suceder nos Estados Unidos.

«Se España era aburrida entón, imaxínate Galicia. Viviamos nunha época que era un verdadeiro coñazo, e non só pola opresión política da ditadura, senón pola inercia social na que o franquismo e o nacional-catolicismo instalaran o país. Até máis ou menos o 68, esta era unha sociedade aburrida de si mesma», conta Vicente Araguas, un dos fundadores de Voces Ceibes, o colectivo de artistas que en decembro de 1968, hai xusto cincuenta anos, foi protagonista dun mítico concerto na sala Capitol de Santiago que se nutriu daquel espírito rebelde que alumara centenares de protestas ao redor do mundo. O linogravado orixinal do cartel que o anunciou, unha verdadeira xoia obra de Raimundo Patiño, Xavier Pousa e Beatriz Rey, consérvase hoxe no Museo Reina Sofía de Madrid.

No concerto daquel 1 de decembro no antigo Capitol, que presentou Manuel María, participaron os emblemas de Voces Ceibes: Xavier do Val, Miro Casabella, Guillermo Vermello, Xerardo Moscoso e Vicente Araguas, quen apareceu como Vicente Álvarez cambiando o seu apelido para evitar problemas coa súa familia. Outros dos intérpretes só aparecían só cos seus nome.

O recital deu voz, forma e aparencia pública a un movemento que se iniciou un ano antes en Compostela, no principio do curso 1967-1968, cando o Sindicato Democrático de Estudantes da Universidade Galega (SDEUG) gañou as eleccións na Universidade de Santiago desprazando os representantes do franquista Sindicato Español Universitario (SEU).

Na maioría de centros e facultades a transición de cargos estudantís discorreu sen demasiados problemas. Porque en realidade aquelas eleccións non tiñan tanta transcendencia máis aló da simbólica derrota dos aliados universitarios do Réxime. Pero na Facultade de Ciencias o decano negouse a facilitar ao SDEUG as instalacións e os fondos dos que até entón dispoñía o SEU, e aquilo prendeu a mecha do levantamento estudantil. Despois de varias protestas e dunha asemblea desaloxada sen contemplacións pola policía de Franco, os universitarios iniciaron unha folga que mantivo a Universidade paralizada e en loita, e a cidade enteira á expectativa, desde febreiro até entrado o mes de abril.

«Eramos unha universidade amorfa, con pouco máis de 5.000 estudantes. Pero a folga foi un verdadeiro desafío para o Réxime e supuxo un grande impulso para a loita antifranquista», lembra Araguas, doutor en Filoloxía cunha tese sobre O mundo poético de Bob Dylan e hoxe profesor emérito na Complutense, onde imparte este ano un curso sobre o Maio do 68.

A censura franquista logrou que a revolta invernal dos estudantes composteláns apenas transcendese máis aló de Galicia. E moito menos fóra de España, onde o resto do planeta observaba unha apertada concatenación de acontecementos bélicos, políticos, sociais, científicos, económicos e culturais que se sucedía case a diario sen solución de continuidade. Coma se a historia decidise concentrar en 1968 todos os puntos álxidos da onda de cambios que levaba insinuándose ao longo de todo un decenio.

O 5 de xaneiro, Alexander Dubcek accedía á secretaría xeral do Partido Comunista de Checoslovaquia e iniciaba o proceso de reformas que o mundo coñecería como a Primavera de Praga, e que concluiría no verán coa invasión soviética do país. Tres días despois, un grupo de estudantes da Universidade de Nanterre, no cinto vermello de París, concentrábanse para recibir con apupos e berros o ministro de Educación, iniciando as protestas e peches que derivarían catro meses despois, o 13 de maio, na maior folga xeral da historia de Francia e de Europa.

Cartel do concerto de Voces Ceibes na Sala Capitol
Raimundo Patiño, Xavier Pousa & Beatriz Rey, 1968

Matin Luther King
Biblioteca do Congreso

«Viviamos nunha época que era un verdadeiro coñazo, e non só pola opresión política da ditadura, senón pola inercia social na que o franquismo e o nacional-catolicismo instalaran o país». Vicente Araguas

Asemblea no patio da Facultade de Filosofía e Letras, en 1968.
Arquivo da Fundación 10 de Marzo, Legado Vicente Álvarez Areces

Utilizar en Galicia o idioma propio de Galicia era un sinal da rebeldía coa que moitos mozos empezaban a cuestionarse o fondo e as formas do que xa empezaba a soarlles como Antigo Réxime.

Uns días antes, case en Ano Novo, o Vietcong atacaba a embaixada estadounidense en Saigón, provocando unha virulenta reacción do Goberno de Washington que presidía Lyndon B. Johnson, sucesor do asasinado John F. Kennedy, e que derivaría en marzo no cruento masacre de My Lay. O asasinato e as violacións de case medio centenar de civís vietnamitas, anciáns, nenas e nenos incluídos, a mans de tropas estadounidenses, levantou definitivamente as masas que reclamaban o fin da guerra de Vietnam en Estados Unidos e alentou a todo o movemento pacifista internacional.

Pouco despois coñecíase a morte do primeiro ser humano que saíu ao espazo exterior, o astronauta soviético Yuri Gagarin, ocorrida case ao tempo en que Stanley Kubrick convertía a carreira espacial nun asunto filometafísico coa estrea da súa 2001: Unha odisea no espazo. O 4 de abril, un francotirador abatía a Luther King, quen viña de posicionar o black power norteamericano contra da Guerra de Vietnam. O 5 de xuño, outro pistoleiro asasinaba a Bobby Kennedy, que acababa de iniciar a súa carreira cara á Presidencia dos Estados Unidos tras gañar as primarias do Partido Demócrata en California. Non tiñan pasado nin cinco anos desde o asasinato do seu irmán maior.

As revoltas de Santiago enmárcanse nese contexto. E lonxe do que poida parecer, eran autónomas e incluso previas ao que sucedería despois no resto do mundo. O momento culminante desa revolución que xerminaba no recuncho máis occidental do Occidente europeo foi o 12 de marzo, cando, tras tres días de ocupación pacífica do edificio administrativo da Universidade compostelá, a policía desaloxaba porra en man os máis de 1.500 estudantes concentrados no seu interior e nas súas inmediacións. O mesmo número de persoas que un mes despois se concentrarían na Universidade de Nanterre, dando corpo multitudinario ao Maio do 68 francés.

En Santiago, os estudantes disolvéronse cantando o Venceremos nós, a versión galaica do We shall overcome, a canción gospel composta por Charles Tindley que Peter Seeger e Joan Baez converterían no himno dos defensores dos dereitos civís nos Estados Unidos. En Galicia, o movemento estudantil adoptou o tema como propio grazas á versión de Xosé Luís Franco Grande. As súas estrofas, traducidas do orixinal en versión libre, entoáronse desde entón en todos os recitais de Voces Ceibes:

Venceremos nós / Venceremos nós / Algún día venceremos / Desde ou fondo dá noite / Dime ou corazón / Que algún día / Venceremos nós.

Pode parecer casualidade, ou o froito dunha reflexión oportunista. Pero o certo é que Santiago e Woodstock, o lugar onde se celebrou o mítico festival folk no que Seeger e Baez popularizaron o We shall overcome, sitúanse na mesma latitude xeográfica: o paralelo 42. Do paradoxo á coincidencia.

O que non é casualidade é que os estudantes de Santiago escollesen o galego como lingua para glosar espiritualmente a súa protesta. Utilizar en Galicia o idioma propio era un sinal da rebeldía coa que moitos mozos empezaban a cuestionarse o fondo e as formas do que xa empezaba a soarlles como Antigo Réxime. E como tamén estaba a ocorrer nos Estados Unidos e en Francia, a música pop e folk foi a espoleta e a canle pola que empezaron a circular todos eses sentimentos colectivos.

En 1967, un veinteañero de Ferrol, Andrés Lapique Dobarro, producira o seu primeiro traballo discográfico, un EP que tivo pouco éxito pero que representaba todo un fito para a época, porque os seus catro temas, de corte pop melancólico, estaban gravados en galego. Nunca antes a música xuvenil urbana se tiña expresado libremente nunha lingua que a ditadura tentara acantoar lonxe das cidades, e á que o establishment do franquismo consideraba un símbolo de atraso cultural e económico. Os seus novos defensores convertérona en todo un estandarte da loita pola liberdade e pola defensa da súa identidade colectiva.

Corredores da Facultade de Filosofía e Letras, durante o encerro.
Arquivo da Fundación 10 de Marzo, Legado Vicente Álvarez Areces

A censura franquista logrou que a revolta invernal dos estudantes composteláns apenas transcendese máis aló de Galicia. E moito menos fóra de España, onde o resto do planeta observaba unha apertada concatenación de acontecementos bélicos, políticos, sociais, científicos, económicos e culturais que se sucedía case a diario sen solución de continuidade.

Asemblea na Facultade de Farmacia.
Arquivo da Fundación 10 de Marzo, Legado Vicente Álvarez Areces

Moitos daqueles mozos eran fillos da burguesía ligada ao Réxime. «É verdade que algúns eramos uns señoritos privilexiados. Tiñamos moitas posibilidades, entre elas, viaxar, o que nos permitía ter unha xanela de acceso ao mundo que tamén nos serviu para saber que o que estaba a pasar en Galicia non era un feito illado do que ocorría no resto do mundo», conta Araguas, fillo dun militar. Como Andrés Dobarro, que proviña tamén dunha familia ferrolá secularmente vinculada á Armada española.

Dobarro publicou en 1968 aquel disco tan supostamente inocente como reivindicativo. Só un ano despois, o seu tema Corpiño xeitoso, que aparecería no disco Chámome Andrés Lapique Dobarro (RCA, 1970) convertíase en número un nas listas de música en España. Ninguén foi quen de conseguir algo semellante desde entón. Tampouco en catalán nin en éuscaro.

«Foi algo incríbel. Todo o que por entón se escoitaba nas emisoras de radio do país tiña que ver coa copla española. Así que ver como un tema pop en galego chegaba a todos os recunchos de España, e xusto naquel momento, foi un tremendo subidón de autoestima para todo o movemento estudantil. Tamén para quen se dedicaba á canción política», afirma o escritor Xavier Alcalá, un dos mellores amigos de Dobarro e autor das letras de varias das súas cancións, entre elas a da mítica Teño saudade.

As revoltas universitarias de Santiago terminaron entrada a primavera, cando as autoridades decidiron adiantar as vacacións de Semana Santa, a única posibilidade que lles quedaba para tentar rebentar a folga. Ao regreso, acordaron cos estudantes que se poñían fin ás protestas, trasladarían o decano da Facultade de Ciencias, destituirían o reitor e anularían todas as sancións impostas polos sucesos ocorridos desde que empezou o conflito.

Naqueles expedientes figuran centenares de nomes de estudantes, algúns dos cales trazarían anos despois coñecidas carreiras profesionais, políticas, artísticas e intelectuais: o expresidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; o expresidente do Principado de Asturias, Vicente Álvarez Areces; o maxistrado do Tribunal Constitucional e exfiscal xeral do Estado Cándido Conde Pumpido; o sociólogo e escritor Fermín Bouza, o médico e exdeputado socialista Francisco Cerviño… Tamén Dobarro, Araguas, Casabella, Alcalá, Benedicto

Moitos deles coincidiron naquel concerto do 1 de decembro de 1968 no Capitol de Santiago, que deu voz e forma na capital de Galicia ao espírito irreverente duns anos que cambiaron o mundo e dunha historia que tamén se escribiu. Non está de máis lembralo cincuenta anos despois.

Contido extraído do número 11

Queres ollar máis contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido