•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Agustín Hernández,
voceiro do Grupo Municipal Popular

«Politicamente eu son galego»

Agustín Hernández

150 150 CORALIA

Antes que político, persoa. Así marca o inicio da conversa Agustín Hernández (Madrid, 1961), futuro candidato á alcaldía de Santiago de Compostela nas vindeiras eleccións municipais de maio de 2019. Nun despacho de Raxoi cunhas vistas incomparábeis da Alameda –«mellores que as do alcalde»–, o político popular revela unha faceta cálida e próxima.

«A xente é máis esixente coa política local, que está a pé de rúa. Loxicamente, a xente vota un alcalde e esíxelle en función diso».

  • ACTUALIDADE

Entrevista de LAURA R. CUBA
Fotografías de ÓSCAR CORRAL

A xente acostuma ver a política de xeito moi distante. Como interactúas cos teus votantes? Que tal levas a notoriedade?
Intento mostrarme da forma que son. Por exemplo, eu son algo tímido. Se es tímido, alguén pode interpretar que a falta de contacto é consecuencia de que estás noutro nivel ou es altivo e distante, mais non é así. Na política moitas veces os contactos son únicos, e a imaxe que nos formamos dunha persoa é a partires dunha única xuntanza. Se tes ocasión de ver tres ou catro veces a unha persoa e coñecela ben xa podes sacar unha conclusión diferente. Hai que ter moita empatía, moito contacto, moita simpatía, e logo chegar a coñecer a persoa para ver se é unha fachada ou non. Bueno, así é a vida [ri].

Como persoa tímida, tes que forzarte para cumprir con esa imaxe pública?
Eu teño claro que hai que estar á altura do posto que desempeñas. Loxicamente. Eu tiven oportunidade de ser director xeral de Obras Públicas, conselleiro, alcalde… e tes que estar á altura do posto. Tamén é diferente un posto de designación que de elección. A xente non espera o mesmo dun posto directivo da Administración pública, aínda que sexa exposto, que dunha persoa que está en contacto coa xente e en primeira liña.

Que muda?
A xente é máis esixente coa política local, que está a pé de rúa. Loxicamente, a xente vota un alcalde e esíxelle en función diso. Eu estiven de conselleiro cinco anos e a relación que tiven coa veciñanza e coas persoas coas que me atopaba antes de ser alcalde e despois foi moi diferente, aínda que facía o mesmo. Sempre fun a pé a moitos sitios, andaba pola rúa… Non é por xustificar determinada relación de distancia, mais a xente ten un comportamento cara ao responsable político condicionado pola túa posición.

Como un enxeñeiro de camiños tímido chega a meterse na política?
É bo que a xente teña claro que iso non é tan raro na vida política. Hai perfís políticos que teñen un compromiso e presenza na vida política e institucional desde moi novos. Delegados de curso, comités de facultade, militancia nas organizacións xuvenís dos partidos políticos… É xente cunha progresión orgánica dentro dos partidos, mais tamén hai moita xente coma min que están a facer un traballo e alguén pon enriba da mesa a posibilidade de traballar na Xunta de Galicia. Ti tomas esa decisión, entras na Xunta como técnico de nivel, no meu caso dedicado a infraestruturas hidráulicas e xestión das inversións en materia hidráulica. O director xeral que está nese momento observa que es comprometido, traballador e leal polo que confía en ti para postos de maior responsabilidade. Entras xusto aí no límite entre o cargo técnico e político.

«Hai vida despois, houbo vida antes e hai vida en paralelo. E ten que habela. Iso algo ten que ver coa miña falta de necesidade de notoriedade. Nunca tiven. Non me pelexo por saír na foto».

E a partires de aí…?
No meu caso, o director xeral marchou ao goberno de Madrid. Entón o conselleiro naquel momento mira arredor e pregunta «quen é un tipo competente e conecto con el a un nivel persoal? Pois Agustín». Tamén teño que dicir que a min nunca me pediron a militancia política, só me pediron lealdade e traballo. A militancia chega despois por unha cuestión de coherencia, cando xa entras no goberno da Xunta e tes unha implicación a nivel partido. Dalgún xeito, eu estaba identificado coa ideoloxía e o pensamento do Partido Popular desde moito antes de estar afiliado porque levaba anos traballando alí e eu era un traballador do grupo. Tamén é bonito, porque creo que iso significa que a política está aberta máis do que a xente pensa. Iso permite que haxa persoas, alleas a este mundo tan endogámico, que medren como políticos.

Sempre tiveches inquedanzas políticas?
Non, foron desenvolvéndose. Eu visualizo máis a política como un traballo de xestión pública e servizo público, de resolver problemas e actuar na alta dirección dunha estrutura. Penso que son máis persoa do executivo que do lexislativo. Teño ese compoñente máis práctico.

Mentalidade de enxeñeiro.
Exactamente. Son concreto, conciso. Nos discursos podes apreciar os que somos de formación técnica. Quizais Bea Mato é algo raro, porque ten ese aspecto máis filosófico e máis etéreo. Vai tamén coa capacidade de transmitir os sentimentos, eu como son tímido teño un certo coidado coa miña vida persoal… Sempre tiven claro que a política é un chanzo na vida que ten un final, e teño a grande obsesión de saber saír da política. Porque iso é o importante, decidir cando isto remata, porque isto remata. Hai vida despois, houbo vida antes e hai vida en paralelo. E ten que habela. Iso algo ten que ver coa miña falta de necesidade de notoriedade. Nunca tiven. Non me pelexo por saír na foto. Teño todas as que queira, non é por facerme o sobrado [ri]. Necesito eu saír co presidente da Xunta? Xa estiven, e con Angela Merkel, co rei, co rei emérito, coa raíña emérita… Bah!, é parte da vida, mais a vida tamén é tomar unhas cervexas no casco histórico, facer unha andaina polo Barbanza, facer unha excursión, ler un libro, escoitar música… A intimidade é sagrada.

Ese peche de etapa, contémplalo como unha idea ou xa hai algo programado?
Non teño nada programado. Hai que vivir con intensidade cada momento. Creo que unha das miñas virtudes é ser capaz de enfrontar os retos co máximo esforzo e a máxima dedicación. Para conseguir a máis alta porcentaxe dos teus obxectivos, tes que estar en tensión, ter un reto. Agora mesmo, por exemplo, teño diante o desafío das eleccións municipais e poño mando e rumbo cara a ese obxectivo. Hai que chegar a maio dicindo «fixen todo o que tiña que facer», porque logo a vida non remata en maio de 2019. A vida é moitas máis cousas que o día a día das cousas que facemos. Creo que tamén esta forma de pensar incrementouse co paso pola alcaldía. Era algo absolutamente diferente, frenético, nun momento turbulento. Abarcaba todos os ámbitos e tiña moita exposición. Iso fixo que relativizara o que é pensar e planificar. De que serve que eu faga plans do que vaia acontecer nun ano se daquela podo ser alcalde e estar metido no remuíño do día a día? O que teño que facer é estar á altura desa responsabilidade.

O diván
Un recuncho de Compostela:
Monte de Deus, alí enriba de Vite. É un miradoiro diferente e podes ir camiñando.
Unha manía:
A inmediatez. Iso xera tensión ás veces nos colaboradores [ri].
Un trazo distintivo do teu carácter:
Túzaro, cabezón.
Un tipo de humor:
Creo que non practico moito o humor, probablemente iso sexa un defecto [ri]. Por dicilo dalgunha maneira, un humor franco, claro. Non son capaz de ter retranca. A risa clara e aberta.
Unha comida:
A robaliza á sal.
Unha viaxe:
Teño moitas ganas de coñecer San Petersburgo, porque alí está a tumba de Agustín de Betancourt, o fundador da miña profesión.
Algo a estrañar cando viaxas:
A miña casa.
Un bo plan en Compostela:
Pasear por calquera dos parques. En soidade voluntaria, porque é necesaria e enriquece.
Unha música:
Calquera ópera. Orfeo ed Euridice, porque é unha ópera sen recitativos. A música da ópera non a esquezas, é impresionante. E iso que non teño oídos, teño orellas [ri].
Un libro:
O último que lin foi Las hijas del capitán de María Dueñas. Ou Antes que anochezca de Reinaldo Arenas.
Un ídolo:
[cavila] Martin Luther King. Hai que admirar a quen tivo a valentía de romper co establecido e marcar un antes e un despois. E parece mentira que iso o diga un político dun partido conservador! [ri] Sempre digo que son un espírito alternativo no corpo dun político conservador.

Botando a vista atrás, que dirías que é mellor desta lexislatura?
O mellor é a capacidade que tiven de coñecer a cidade de forma diferente e moito máis real. Coñeces a cidade sendo alcalde e conselleiro, mais non é comparable á capacidade de coñecer as cousas cando estás na oposición.

E o peor?
O peor… teño que dicilo [ri] é o trato… O trato persoal na corporación. Teño que dicilo. É certo que se matizou algo, mais foi o peor. As formas, a imaxe absolutamente encasillada que tiñan os novos compañeiros da corporación a respecto de nós.

Pensas que non estaba xustificada esa hostilidade
Hostilidade, esa é a palabra. Non. A hostilidade foi moi dura, inxusta. E no fondo iso afecta porque ti tes unha familia, unha contorna, e moitas das reflexións utilizadas nos debates foron, á parte de inxustas, tremendamente duras.

Excederon quizais o terreo do político?
Para min si. E para min iso é o peor da situación política que estamos vivindo. Eu tiven ocasión de debater sempre o conto con xente moi dura politicamente do BNG, do PSdeG… mais daquela existía un límite claro que non pasaba do persoal. Hai cuestións que non se poden permitir. Insisto, matizouse. Cando tes un cliché e logo tes que convivir con esa persoa un certo tempo decátaste de que non era así. Foi duro, e foi tamén unha etapa. Tamén curte [ri].

Fóra disto, o certo é que no Concello es moi valorado polo teu compromiso lingüístico co galego. Como é isto para ti?
Penso que é xa unha perspectiva de responsabilidade política. Aprender galego foi antes de ser conselleiro, mais é evidente que un conselleiro de Galicia ten que ser un conselleiro en galego. Isto en liberdade absoluta, porque eu non tiven ningunha presión para aprender nin para falar nin nada en galego.

Fálalo porque che peta e queres e dáche a gana.
Exactamente [ri]. E ademais tamén o fixen de xeito autodidacta. Así falo [ri]. Foi unha decisión puramente persoal e logo é unha cuestión de pura responsabilidade política. Se traballas nun territorio, coñeces ese territorio e queres ese territorio e a súa xente, é algo lóxico. Ás veces dinme que non son galego por ter nado en Madrid e, vamos ver, galegos son aqueles que naceron en Galicia ou que politicamente son galegos. E politicamente eu son galego. Non nacín aquí mais eu sinto Galicia e Santiago tanto ou máis que moita xente. Foi froito dun proceso totalmente natural e sen ningún tipo de esforzo.

Ao xeito de María Victoria Moreno, a túa relación con Galicia e a túa opción pola lingua é unha historia de amor?
Si, é un caso parecido porque ela era de Estremadura. Lembro que o meu avó, que morreu con 101 anos e era xornalista, chamoume cando fun nomeado conselleiro. O único que me dixo foi «hablarás en gallego». O meu avó, que era de Ocaña! [ri] «Claro, abuelo», dixen.

É natural, logo, que unha persoa no servizo público de Galicia debe falar galego?
Si, si. A Xunta de Galicia é unha administración que ten que ser en galego, con normalidade. Se alguén vai á Xunta e non entende o galego porque é de Madrid, pois tratalo con absoluta normalidade, mais por defecto Galicia ten que ser un país en galego, porque é parte da identidade do país. Iso si, ten que ser con normalidade e sen imposicións.

Ti pensas que aquí se chegou a impoñer o galego nalgún momento?
Non, home, non. Non.

Preocúpache entón o estado de saúde da lingua nestes momentos?
Utilízase menos, si, sobre todo na xente moza. Penso que rachar con esa tendencia é contraproducente se se fai a través dunha imposición, hai que facelo a través dun proceso natural de aprender o galego e querer o idioma, e a partir de aí falalo con normalidade.

Centrándonos en Compostela, que imaxe tes ti dela? Que mudarías?
Penso que Santiago de Compostela é o que é como consecuencia da súa historia e da súa realidade. É unha cidade que tivo unha época de esplendor en paralelo á historia democrática deste país, un impulso que incrementou esa mellora xeral como son as infraestruturas, o Plan Xeral, o Xacobeo 93… Despois a cidade entrou nunha dinámica de perda de pulso e agora está sumida nun momento gris, no sentido de que non existe un obxectivo claro alén do Xacobeo 2021. Precisa un obxectivo para volver a ese crecemento. Debemos ser unha cidade capaz de xerar un proxecto de futuro e de consenso colectivo que permita marcar un horizonte. E logo, a partir de aí, actuar na mellora da vida cultural. Eu visualizo unha vida cultural absolutamente vulgarizada. Pasan os anos e acontece exactamente o mesmo. Non hai novidade, non hai cuestións atractivas nin novidosas. O tecido comercial está esquecido, as zonas verdes están abandonadas, a sucidade está no casco histórico, que se baleira de persoas e só hai turistas… Todo iso provoca que Santiago non estea no lugar que eu creo que debería estar.

Que che gustaría conservar do Santiago actual?
A súa identidade, a súa arquitectura. O Plan Especial do casco histórico foi unha ferramenta imprescindíbel e o único que temos que facer é adaptalo á nova situación normativa. Para iso cómpre actuar desde a política. O diagnóstico do casco histórico está feito, mais nos últimos quince anos ninguén fixo nada para cambiar esa dinámica. A cuestión da perda de xente no casco vello non foi algo de onte para hoxe, leva moitos anos a acontecer. Os barrios e o rural tamén están mudando. Santiago, no referente á construción da cidade, está feita. O que temos que facer é elevar o seu nivel. Só hai que mantela e mellorala. Mirar para o futuro e buscar algo colectivo que xere ilusión.

Tamén é actualidade en Coralia:

Concha Fernández,
concelleira de Políticas Sociais

«Nós chegamos onde non o fai a RISGA ou as prestacións estatais»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Nun despacho presidido por unha ilustración de Rosalía de Castro de Rei Zentolo, esta compostelá por decisión e adopción debulla os retos e logros que está a afrontar o Concello após tres anos de lexislatura…

O número

de outono

está na rúa!

Á venda en_

Antonio López Díaz,
reitor da USC

«Somos unha fábrica de igualdade de oportunidades»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Natural de Barreiros e pai de dúas fillas -unha delas ex-estudante da USC-, o reitor da universidade máis antiga de Galicia asumiu o cargo no pasado mes de xuño após unha ampla vitoria nas eleccións…

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido