•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Cineuropa 32

Escandaleira de cinema

Cineuropa 32

150 150 CORALIA

Aínda co regusto da décimo quinta edición de Curtocircuíto, o cinema volve invadir Compostela, como cada novembro desde 1987. É o mes de Cineuropa, un dos festivais máis queridos e agardados da capital galega. Entre castañas, viño novo e cogomelos, os espazos de exhibición da cidade ábrense ao público, maioritariamente local, para ofrecerlles algunhas das xoias, rarezas e obras premiadas no circuíto internacional da sétima arte. En Coralia, falamos co seu director, José Luis Losa, para preguntarlle pola edición que comeza e para que nos oriente entre os 300 filmes incluídos nas 21 seccións desta nova edición, a do «escándalo», que poderemos gozar até o 28 de novembro.

«Nesta ocasión, pareceunos interesante buscar unha reflexión a través de títulos que desde o comezo do cine até agora foron froito de escándalo ou vítima da censura».

  • ACTUALIDADE

Entrevista de VALERIA PEREIRAS
Imaxes e vídeos de CINEUROPA

Xa van alá 32 edicións de Cineuropa ininterrompidas. Sempre se celebrou en novembro?
Si, a data foi sempre a mesma desde a primeira edición. Foi sempre no mes de novembro. Durante moitos anos chegou a durar un mes natural e despois, esencialmente coa crise, reducimos a duración a 22-23 días que, en todo caso, máis que duplica a duración dos festivais normais.

Aínda que se acurta en días medra noutros aspectos, por exemplo os espazos.
Si, a maiores este ano está a sala do centro sociocultural de Santa Marta e a do Museo das Peregrinacións. Isto é, en realidade, porque por fortuna aumenta o número de cine que queremos que o público coñeza. Sempre fomos un gran angular do cine que se pode ver nos festivais ao longo da temporada e, claro, ampliamos bastante o número para intentar que queden fóra o menor número de películas posíbeis.

Fálanos dalgúns títulos destacados que podemos ver este ano.
Pois empezando polas máis premiadas, está a Palma de Ouro en Cannes que case sempre a atopamos e neste caso é a película xaponesa de Koreeda, un director que é un habitual no festival, con Un asunto de familia; tamén a cuncha de ouro de San Sebastián, Entre dos aguas, que é unha película coa que traemos no premio Cineuropa a Isaki Lacuesta [Antonio Durán «Morris» e Ángela Molina, son os outros dous galardoados desta volta]; o Oso de Ouro de Berlín, unha película romanesa e moi controvertida Touch me Not; ou as películas de directores ou directoras moi habituais no festival como Claire Denis, Oliver Assayas… No caso de Denis High Life, de Assayas Non-Fiction… Un cine que entronca co ciclo que temos dedicado ao escándalo como Las hijas del fuego, de Albertina Carri, ou a francesa Sauvage, de Camille Vidal-Naquet que están máis alá do límite, da liña vermella do cinema que se pode consumir en plataformas como Netflix. Parece que aí está todo e non é así, é probábel que a maior parte dos títulos que ofrecemos non cheguen a Netflix. Penso en películas como In fabric, de Peter Strickland, que é un director que acadou con tres películas un lugar de culto no cine internacional. Naturalmente tamén unha película que ofrecemos como primicia absoluta en España, a última de Paolo Sorrentino, Loro (Silvio y los demás aquí), que é un biopic cáustico sobre Berlusconi, que conta como nunha telenovela o que é unha traxedia para Italia. E despois tamén un montón de películas comprometidas co momento político.

O escándalo é o leimotiv desta edición…
Si cada ano hai un ciclo que tende a ser mastodóntico polo número de películas. O ano pasado era o cine das revolucións, hai dous anos o policíaco francés e, nesta ocasión, pareceunos interesante buscar unha reflexión a través de títulos que desde o comezo do cine até agora foron froito de escándalo ou vítima da censura. Películas que incomodaron e incluso se poden derivar reflexións intelectuais moi interesantes. Por exemplo, poño como caso El último tango en París que no seu momento foi unha obra de transgresión e era un exercicio de liberdade e foi vítima da censura en España e que hoxe, pasados 40 anos, pode ser visionada tamén como unha película central do heteropatriarcado. Como no cine xaponés, por exemplo, como no foco que temos dedicado a Koji Wakamatsu, un director da extrema esquerda cunha película sobre o Exército Vermello xaponés e que ten moitas películas en torno ao sexo que probabelmente sexan cuestionábeis neste momento tan ilusionante que vivimos coa revolución da muller. O muro do politicamente correcto, o novo tabú tamén, pero o feito lóxico desa emancipación.

«Temos un ciclo sobre os 100 anos que cumpre o cine en Romanía e que irá acompañada coa proxección dunha película de cine muda cunha intérprete romanesa en directo. Tampouco faltará o concerto da Real Filarmonía, que lle porá música a O Gabinete do doutor Caligari, de Robert Wiene».

«Eu non perdería Deslembro polo que significa, e á marxe da calidade da película. Cando a vimos, ao equipo do festival gustounos moito e está entre as menos visibles. É magnífica. De Claire Denis High Life que é un achegamento á ciencia ficción, unha peli de naves espaciais con Juliete Binoche no centro e que é diferente a todo o que se ten visto até agora nese xénero. E hai un documental español, que é a causa contra Franco e que nos parece que é unha potente arma de recuperación de moitas causas, para que poidamos perder dunha vez de vista ao tirano».

Goretti Sanmartín, Martiño Noriega e José Luis Losa na rolda de prensa de presentación de Cineuropa 32.

Tedes un apartado reservado ao feminismo, Cineuropa súmase tamén a esta onda?
Hai un ciclo «O presente é muller», xogando co título dunha película de Marco Ferreri, que inclúe películas de directoras e cunha filosofía feminista, pero tamén o facer visíbel á muller é algo transversal no festival a través dalgunhas directoras que están entre o máis importante da creatividade internacional. É o caso de Claire Denis ou de Valeria Bruni Tedeschi, por exemplo, na sección oficial. Hai presentes moitas películas dirixidas por mulleres fóra desa sección, a que che comentaba antes Las hijas del fuego, que son películas que teñen ese valor e que percorre todo o festival.

E que rarezas e xoias podemos visionar?
Servíndose do máis obvio. Hai unha película que para min é unha xoia do cine negro francés, que ten unha gran tradición, a película Fleuve Noir, cun gran Vicent Cassel, que vén con pouco nome e que me interesa recomendar. Ocórreseme tamén Deslembro (Flavia Castro) que é unha película brasileira que rememora o que foi a ditadura non tan afastada, a última en desaparecer de Latino América, e por enriba nun momento tan delicado e perigoso como o que se está a vivir en Brasil. Está a peli turca, tamén dun habitual do festival, Nuri Bilge Ceylan, que é The wild pear tree, que é excepcional e que animo a ver. Despois hai unha mexicana, Cómprame un revólver, que é unha distopía, que xa estamos como saturados deste tipo de cine pero esta é a través da visión duns nenos polo que resulta unha visión nova do cine distópico, igual que a película iraní Dressage, de cine que fala de liberación femininas, unha película que a min me parece fastuosa; ou cine americano independente, hai tres películas: Support the girls, que tamén ten unha mensaxe feminista, a versión norteamericana de The kínder garden teacher que é un remake notábel dunha peli israelí, e The miseducation of Cameron Post, que denuncia tamén o integrismo e a restricción de liberdades civís que se vive nos EUA.

Tamén vai haber actividades paralelas, Manuel Rivas ten confirmada a asistencia a unha mesa redonda sobre a situación no Sahara organizada ao redor da presentación de Hamada, a nova película documental do realizador galego Eloy Domínguez Serén. Que máis tedes preparado?
Xa en si a película Hamada é un dos acontecementos do festival. Sempre tentamos que estea o Novo Cine Galego, que nos enriqueza, que teña aquí a súa estrea en Galicia e coa película de Eloy estamos entusiasmados. Tamén vai haber unha mesa sobre mulleres creadoras de diferentes xeracións, para que compartan as súas experiencias no terreo creativo audiovisual. Temos un ciclo sobre os 100 anos que cumpre o cine en Romanía e que irá acompañada coa proxección dunha película de cine muda cunha intérprete romanesa en directo. Tampouco faltará o concerto da Real Filarmonía, que lle porá música a O Gabinete do doutor Caligari, de Robert Wiene.

Supoño que hai maratón este ano tamén?
Si, se non liquídannos. É un dos momentos sinalados do festival. Este é un festival relaxado, que prescinde de alfombra vermella, pero o maratón é un momento como de festa e a que non fose aínda recoméndolle que o viva, que leve café porque son 12 horas de películas divertidas, unha experiencia singular.

Para rematar, voute poñer nun compromiso. O bono é de dez, pero pídoche tres títulos que non podemos perder.
Falábamos antes de Brasil, eu non perdería Deslembro polo que significa, e á marxe da calidade da película. Cando a vimos, ao equipo do festival gustounos moito e está entre as menos visíbeis. É magnífica. De Claire Denis High Life que é un achegamento á ciencia ficción, unha peli de naves espaciais con Juliete Binoche no centro e que é diferente a todo o que se ten visto até agora nese xénero. E hai un documental español, que é a causa contra Franco e que nos parece que é unha potente arma de recuperación de moitas causas, para que poidamos perder dunha vez de vista ao tirano.

Tamén é actualidade en Coralia:

Goretti Sanmartín,
candidata á alcaldía polo BNG

«Necesítanse mulleres para tecer alianzas e avanzar»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Entusiasta e entusiasmada, Goretti Sanmartín será, logo de moitos anos como militante de base e activista social, a candidata á alcaldía de Compostela polo Bloque Nacionalista Galego. Feminista, ecoloxista e defensora da lingua e da cultura, a actual vicepresidenta da Deputación anima as mulleres de todos os ámbitos sociais a dar un paso adiante…

Coñezamos Compostela

Unha reportaxe de VALERIA PEREIRAS

Corría o ano 1967 cando, por encargo de TVE para o programa Conozca usted España, Claudio Guerín Hill (Sevilla, 1939) gravaba nas rúas da nosa cidade o documental Compostela. Unha marabilla de vintesete minutos e cincuenta segundos pola que pasean As Marías nun Santiago ateigado de estudantes e que inclúe un travelling con música dos Beatles de fondo no que se poden ver…

Agustín Hernández,
voceiro do Grupo Popular

«Politicamente eu son galego»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Antes que político, persoa. Así marca o inicio da conversa Agustín Hernández (Madrid, 1961), futuro candidato á alcaldía de Santiago de Compostela nas vindeiras eleccións municipais de maio de 2019. Nun despacho de Raxoi…

Concha Fernández,
concelleira de Políticas Sociais

«Nós chegamos onde non o fai a RISGA ou as prestacións estatais»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Nun despacho presidido por unha ilustración de Rosalía de Castro de Rei Zentolo, esta compostelá por decisión e adopción debulla os retos e logros que está a afrontar o Concello após tres anos de lexislatura…

Antonio López Díaz,
reitor da USC

«Somos unha fábrica de igualdade de oportunidades»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Natural de Barreiros e pai de dúas fillas -unha delas ex-estudante da USC-, o reitor da universidade máis antiga de Galicia asumiu o cargo no pasado mes de xuño após unha ampla vitoria nas eleccións…

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido