•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Coñezamos Compostela

Corría o ano 1967 cando, por encargo de TVE para o programa Conozca usted España, Claudio Guerín Hill (Sevilla, 1939) gravaba nas rúas da nosa cidade o documental Compostela. Unha marabilla de vintesete minutos e cincuenta segundos pola que pasean As Marías nun Santiago ateigado de estudantes e que inclúe un travelling con música dos Beatles de fondo no que se poden ver o desaparecido edificio Castromil e o Quiqui Bar sitos, daquela, na Praza de Galicia.

Pela del Álamo, director de Curtocircuíto

Reportaxe de VALERIA PEREIRAS I Fotografías de CURTOCIRCUÍTO

Había expectación por visualizar as propostas de Ezequiel Méndez Vidal, a quen Curtocircuíto -en colaboración co actual cineclube compostelán e da man de Julio Vilariño- lle deu nesta 15 edición do festival (a sección) Carta Branca. E sorprendeu. «Sendo o 15 aniversario do festival pensamos que tiña todo o sentido do mundo recuperar a figura de Ezequiel, porque el e o cineclube universitario representan a tradición cineclubista da cidade e son os precursores de calquera outra iniciativa de exhibición cinematográfica fóra dunha sala comercial», afirma o director do Curtocircuíto, Pela del Álamo. Ezequiel Méndez, unha figura fundamental para explicar a cinefilia local –foi o primeiro director do Cine-Club compostelán- quixo rescatar para o público picheleiro unha desas cintas cunha historia única que, á vista da repercusión, apenas ninguén coñecía.

Repudiado polos censores do franquismo polo seu realismo afastado da típica «postal» de Compostela, no documental podemos ver a unhas Maruxa e Coralia Fandiño Ricart rexoubeiras diante da cámara, para a que posan uns segundos rodeadas de estudantes aos que saían afagar nos seus paseos diarios collidas do brazo pola zona vella. «O cine de Guerín é un cine humanista, que pon a atención na xente, nos rostros, nas expresións, no pobo, na rúa… É un cinema que deixa espazo á realidade. Hai unha representación, unha subxectividade, que é capaz de amosar con lucidez e frescura esa realidade compostelá. Hai unha mirada. É máis herdeiro do cinema de Carlos Velo, o primeiro cineasta galego documental, afastado da visión monolítica de Santiago. Na cinta de Guerín todos os estamentos sociais teñen voz propia. Ves as entrañas da cidade», explica Pela.

«O cine de Guerín é un cine humanista, que pon a atención na xente, nos rostros, nas expresións, no pobo, na rúa... É un cinema que deixa espazo á realidade. Hai unha representación, unha subxectividade, que é capaz de amosar con lucidez e frescura esa realidade compostelá».
«Parece que Compostela xurdiu con Xerardo Estévez e de aí para atrás hai certa néboa, por iso ten tanto interese».

A cinta de Guerín tamén deixa constancia do desaparecido edificio modernista Castromil, proxectado polo arquitecto coruñés Rafael González Vilar en 1922 e derrubado en 1975 polo Goberno municipal para construír un aparcadoiro subterráneo. As imaxes forman parte dun fermoso travelling, con banda sonora da canción Girl dos Beatles, no que a cámara se vai desprazando polos arredores da praza do Toural até desembocar na praza de Galicia nun día calquera chuvioso na capital de Galicia de finais dos sesenta. «Un fai patria da súa cidade e ao ver estas imaxes hai unha cuestión emocional», confesa Pela. «Eu teño a convicción de que en Compostela andamos un pouquiño orfos da historia recente. Pouco escrito hai sobre os anos vinte, que foi unha revolución e cando chegou o modernismo, pouco sabemos dos anos trinta e corenta e como lle afectou o franquismo á cidade, e tampouco están os documentos que visibilizan esta época tan accesíbeis», asegura Pela, «parece que Compostela xurdiu con Xerardo Estévez e de aí para atrás hai certa néboa, por iso ten tanto interese».

Substituída no programa de TVE por Hacia Santiago (José Luis Font), máis axustada aos cánones do réxime, e tamén exhibida por Méndez, o documental de Guerín quedou condenado ao ostracismo e esta é a primeira vez que se proxecta na cidade. «O de José Luis Font é unha clara resposta por parte de TVE de contrapropaganda á mirada de Guerín». Este morrería seis anos despois en Noia durante a rodaxe da película de terror, La campana del infierno, ao caer precisamente do campanario da igrexa de San Martiño, desde unha altura de vinte metros, onde trataba de situar unha cámara para gravar un plano complicado.

Desde a súa proxección, o pasado 3 de outubro no Museo das Peregrinacións, as redes sociais e os Whatsapps enchéronse de fragmentos do documental –gravados por alguén durante a proxección-, espallándoos até saltar máis aló da nosa cidade e de Galicia. «Pódese ver online de algunha maneira?», preguntan moitos. De momento non, xa que TVE aínda non o incorporou no seu arquivo histórico documental, «tenas baixo chave e non as rula», di Pela. «Nós tivemos acceso pagando as correspondentes taxas de proxección, de manipulación de copias, porque os fondos están na Filmoteca española, e é complicado. Non temos posibilidade de difundilo. Pero aos meus pais, que non viven en Galicia chegáronlle e tamén á miña irmá na Coruña. Case todo o mundo coñece a alguén que o viu. É moi guai, pero nós non podemos difundilo. O que si, xa falei coa xente do Cineclube da posibilidade de volver proxectalo en Compostela». Agardemos que poida facerse. De momento só nos queda agradecer a Curtocircuíto e ao Cineclube ternos descuberto este luxo de peza, patrimonio inmaterial da nosa cidade.

Tamén é actualidade en Coralia:

Concha Fernández,
concelleira de Políticas Sociais

«Nós chegamos onde non o fai a RISGA ou as prestacións estatais»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Nun despacho presidido por unha ilustración de Rosalía de Castro de Rei Zentolo, esta compostelá por decisión e adopción debulla os retos e logros que está a afrontar o Concello após tres anos de lexislatura…

O número

de outono xa

está na rúa!

Á venda en_

Antonio López Díaz,
reitor da USC

«Somos unha fábrica de igualdade de oportunidades»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Natural de Barreiros e pai de dúas fillas -unha delas ex-estudante da USC-, o reitor da universidade máis antiga de Galicia asumiu o cargo no pasado mes de xuño após unha ampla vitoria nas eleccións…

Estes son os contidos máis buscados:

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido