•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Goretti Sanmartín,
vicepresidenta da Deputación

«Necesítanse mulleres para tecer alianzas e avanzar»

Goretti Sanmartín

150 150 CORALIA

Entusiasta e entusiasmada, Goretti Sanmartín será, logo de moitos anos como militante de base e activista social, a candidata á alcaldía de Compostela polo Bloque Nacionalista Galego. Feminista, ecoloxista e defensora da lingua e da cultura, a actual vicepresidenta da Deputación anima as mulleres de todos os ámbitos sociais a dar un paso adiante e conquistar máis espazos públicos na política institucional.

  • ACTUALIDADE

Entrevista de LAURA R. CUBA
Fotografías de ÓSCAR CORRAL

O teu labor político está emparentado de maneira indivisíbel co teu activismo social. Como acaban converxendo os dous?
Eu comecei a ter moitas inquedanzas por cuestións de tipo social, feminista e de reivindicación da lingua no instituto da Estrada. Estudei nun momento no que non había lingua e literatura galega no ensino, mais tivemos un profesorado moi comprometido. Faciamos teatro en galego, traíannos a Santiago para ver teatro, tiñamos posibilidade de estudar cuestións ligadas á literatura galega, había moito uso da lingua. Aí tomei conciencia do tema da lingua e da necesidade de defender a nosa cultura. O feminismo afianzou máis en min ao chegar á universidade a Santiago, cando xa decidín instalarme aquí definitivamente. En primeiro de carreira entrei en contacto cos grupos de mulleres da universidade. Foi un momento de descuberta do feminismo, de coñecemento.

En que consistían eses grupos de mulleres?
Eran grupos que facían traballos de acción feminista e de formación. No eido da formación traían mulleres destacadas no ámbito do feminismo. Había moitas mulleres ligadas ao mundo da pedagoxía, da psicoloxía, da filosofía… mais tamén había mulleres do resto das facultades que adquiriamos formación feminista, pasándonos libros, decidindo que había que ler, que había que saber, que exposicións ver… E logo decidindo facer accións do ámbito feminista. Realmente tiveron moito éxito durante anos. Penso que se están intentado retomar.

Que tipo de accións?
Accións reivindicativas para acabar co machismo nas aulas, por exemplo. Son accións que hoxe poden estar de novo de moda como aquelas a favor dos xoguetes non sexistas, a favor dos temas ligados á linguaxe inclusiva… Tentabamos facer accións que chegasen ao conxunto da sociedade. Era un momento de moitísima efervescencia e sobre todo había moitísimo debate sobre se o feminismo debía ser auto-organizado, até que punto as mulleres tiñan tamén que colaborar ou traballar nas organizacións mixtas ou non… O que quedou daquela etapa, sobre todo, é a necesidade de facer pactos entre mulleres, por riba das diferenzas, dentro da diversidade dos feminismos. Penso que as mulleres que nacemos ou nos cultivamos no ambiente feminista desa época tivemos sempre claro que, por riba de todo, precisabamos da sororidade para conseguir avanzar.

«O que se fai desde o feminismo, desde o ecoloxismo e desde os movementos de reivindicación da lingua son expresións políticas e ferramentas para mudar a sociedade».

«Na vida non podemos facer todo e temos que escoller. E eu escollo o que me interesa, que é o movemento feminista, cultural e todo o que teña que ver coa defensa da lingua, e creo que ese traballo tamén é importante facelo desde as organizacións políticas».

Ves esta sororidade aplicada á política institucional?
É obvio que na política hai moito machismo. Non é algo afastado do resto da vida, porén, eu creo que se produciu unha interiorización por parte das mulleres feministas. No Bloque Nacionalista Galego (BNG) levamos moito tempo abrindo espazos ao feminismo para acadar que a acción non se reduza a un recoñecemento teórico do feminismo como unha das loitas fundamentais para transformar na sociedade, senón que signifique a súa posta en práctica. Temos unha voceira nacional muller, temos un grupo parlamentario cheo de mulleres, temos moitas mulleres novas á fronte da dirección…

E fóra do propio partido?
Sendo eu vicepresidenta da Deputación asistín a algunha reunión na que contei 19 homes que entraban a unha sala na que eu era a única muller. Claro, pregúntaste, como é posíbel que esteamos aínda neste punto? As mulleres participan moitísimo na vida social mais resístense a participar de igual maneira na política. Por exemplo, son maioría nas ANPAS, nas asociacións de veciños ou culturais… pero foxen do mundo da política, do poder, que nós queremos mudar e transformar. É sempre lexítimo facer esas escollas e que as mulleres queiran crear outros mundos, mais penso que nos grupos políticos necesítanse mulleres para tecer alianzas e avanzar.

Cando chegaches a comprometerte politicamente?
En toda a etapa universitaria estiven ligada ao movemento estudantil. Daquela eran os inicios dos CAF –Comités Abertos de Facultade– e a partir de aí decidín adquirir un maior compromiso e entrar en política, no Bloque Nacionalista Galego. Foi o que sempre me pareceu que defendía o noso país, a nosa cultura e as posibilidades de facer unha transformación radical da sociedade. Desde entón sempre estiven vinculada ás asociacións culturais, como por exemplo O Galo aquí en Santiago, a asociacións de defensa da lingua ou a experiencias ligadas co movemento feminista como a Marcha Mundial das Mulleres. No Bloque Nacionalista Galego fun responsábel local e comarcal. Logo, andando o tempo, tamén tiven a posibilidade de desenvolver política lingüística na universidade e de seguir traballando desde diferentes ámbitos, convencida de que todo o que se fai nos movementos sociais é política. Isto moitas veces ponse en dúbida, pero o que se fai desde o feminismo, desde o ecoloxismo e desde os movementos de reivindicación da lingua son expresións políticas e ferramentas para mudar a sociedade.

Que supuxo para ti aceptar máis responsabilidades orgánicas e a conseguinte proxección pública?
Queiras que non, ter esas inquedanzas sociais e políticas, ese entusiasmo e esa forza lévate a querer traballar en todas as instancias. O que pasa é que na vida non podemos facer todo e temos que escoller. E eu escollo o que me interesa, que é o movemento feminista, cultural e todo o que teña que ver coa defensa da lingua, e creo que ese traballo tamén é importante facelo desde as organizacións políticas. Ese é o núcleo arredor do que me movo sen que iso me aparte doutros temas. Penso que aí hai unha continuidade, porque no BNG eu traballei moito arredor do feminismo. Fun responsábel de Mulleres, levei a cabo moitas campañas e accións en defensa das mulleres, fun responsábel da Comisión de Cultura… Creo que hai unha comunicación entre os ámbitos nos que traballei e os meus intereses específicos. Non o vivo como algo moi distinto. Eu realmente cheguei a un cargo institucional público moi recentemente, pois son vicepresidenta da Deputación desde hai tres anos, despois de toda unha vida traballando en política. Vivo esta etapa con gran responsabilidade e, xa que me tocou estar á fronte, imos facer todo o posíbel por transformar. Isto foi, desde logo, ao que dediquei todas as miñas forzas durante os últimos anos. E penso que desde a Deputación da Coruña fixemos unha mudanza moi profunda nas políticas que levamos a cabo. Pero insisto, non vexo tantas diferenzas entre ser activista social e activista política.

O diván
Un recuncho de Compostela:
A contorna da Colexiata do Sar, sen ningunha dúbida. Mesmo cando non existía o paseo, a contorna é magnífica.
Unha manía:
Son hiperpuntual. No mundo político iso non se ten en conta, e sempre levei moi mal o tema da impuntualidade. E digo que é unha manía porque para min ser puntual é estar cinco minutos antes.
Un trazo distintivo do teu carácter:
O entusiasmo que, ás veces, chega a converterse en paixón. Non soporto a xente morna, que nin está nun lado nin noutro. Hai que ter un pouco de sangue nas veas.
Un tipo de humor:
Gústame o humor intelixente, como o de Castelao. O humor crítico que sabe poñer o dedo na ferida. Tamén me encanta o humor baseado nos xogos de palabras.
Unha comida:
En xeral, as potaxes. As ervellas, os garavanzos, as lentellas… En xeral, a comida de culler gústame moito.
Unha viaxe:
A Bretaña. Fun recentemente e foi sensacional. Fun con xente que a coñecía moi ben e foi unha descuberta magnífica. Era un sitio onde levaba tempo querendo ir. E sen saír do país, creo que non se valoran o suficiente paisaxes ourensás como Ribadavia e a súa contorna.
Algo a estrañar cando viaxas:
Nas viaxes estraño a comida mais, sobre todo, o noso clima. É magnífico, a pesar dos efectos do cambio climático.
Un bo plan en Compostela:
Pasear pola beira do Sar e do Sarela. Ir ao Banquete de Conxo ou polos muíños do Sarela e acabar cun concerto de música en directo.
Unha música:
u son fan de moitas músicas. Temos unha potencia enorme en mulleres músicas: Mercedes Peón, Uxía, Habelas Hainas...
Un libro:
Reivindicando a contemporaneidade, diría Circe ou o pracer do azul de Begoña Caamaño. É unha gran novelista.
Un ídolo:
Eu son fan das mulleres que dan un paso adiante. Desde o punto de vista histórico, calquera sufraxista. Emmeline Pankhurst -a muller que se tirou aos cabalos para reivindicar o voto feminino- ou Rosa Parks. E, do presente, Ana Pontón.

Non obstante, pasaches de ser unha militante anónima a converterte nunha cara pública.
Iso supón un cambio, pero aínda que eu poida ser a cara pública, detrás do traballo que facemos na Deputación, hai un equipo de máis deputados, de máis persoal no gabinete, de máis xente que está conformando o equipo de traballo alí. Así é que eu sempre me vexo como parte dese equipo que está transformando. Ese peso é algo moi partillado no conxunto. É algo fundamental para mudar as cousas en política: que haxa equipo, que haxa colectividade, que haxa grupo. Se non somos capaces de facer iso, entón non cambiamos nada porque os procedementos son a propia política. Se da política que ti fas xorde a idea de que es unha especie de caudillo que o dirixe e organiza todo mentres o resto está a outro nivel, entón actúas mal. Se non es capaz de conformar equipos de traballo, aínda que ti sexas a parte visíbel dos mesmos, non fas nada. Tamén penso que a idea de fuxir de liderados únicos nos que non se discute nada vén do feminismo. No BNG somos unha mostra dese liderado colectivo, cunha cabeza visíbel que expresa o que se pensa de maneira partillada.

Non supón un punto de conflito esta vida institucional coa vocación activista?
Eu creo que conciliei perfectamente. Nós chegamos á Deputación cun programa que procuraba romper coas xerarquías, para que as decisións se tomasen de xeito colectivo, que houbese delegacións… Eu non tiven a idea de virarme doutra pasta por tocar poder. Seguimos sendo parte dun equipo, dun grupo. Non noto que haxa un salto moi grande entre unha parte e a outra, por iso quero animar as mulleres a que dean o paso, a que todas estas mulleres que son activistas nas ANPAS, nas escolas, nos centros sociais se unan para chegar a conseguir que a xente que traballa en política sexa a xente que quere mudar as cousas. A xente combativa, a que ten inquedanzas e está nos movementos asociativos, culturais e ecoloxistas modificando cousas. Necesitamos que estas persoas cheguen aquí.

Todo movemento social é político, como dicías. Na túa opinión, logo, todos os políticos deberían vir desa base?
Eu son unha muller comprometida co país e coa transformación social, e para poder acadar iso o lóxico é que a política se nutra de persoas que practiquen o activismo social nalgún ámbito, que coñezan a realidade. O que non se pode pensar é en estar en política levando áreas onde non coñeces o que pasa, cales son os problemas, como vive a xente que representas…. Hai moitas cousas que cómpre pór en práctica. Facer a compra tamén é un acto político, por exemplo. Que pasa? Que as mulleres fomos capaces historicamente de facer moito e dar moitos pasos e achegarnos a eses mundos mais os homes non fixeron a viaxe contraria? Como non a fixeron, parece que aí seguimos unhas poucas. Hoxe fai falla, pois, ter a vontade de ocuparse do privado e do público. Non creo que haxa nada máis político que facer a compra ou decidir, nun momento determinado, manter un compromiso feminista. É o máis político que podes facer na vida, levar o teu compromiso político á túa vida persoal.

Ti onde fas a compra?
[ri] Sempre en comercios de proximidade. Non son amiga de grandes superficies, está claro. Aquí en Santiago merco na praza ou en comercios pequenos ou en lugares onde hai froita, produtos ecolóxicos… Temos que potenciar eses mercados de proximidade; ese é o esquema polo que aposta o BNG. Só hai que ir a Pontevedra para comprobar a boa saúde do pequeno comercio e como a xente segue a mercar nese comercio local.

Un político que non estea en sintonía cos movementos sociais pérdelle o pulso á sociedade, logo.
Si, mais non penso que ese risco o teña ningunha persoa dentro do BNG porque temos moi claro esa necesidade de estar coa xente, de estar na proximidade, nas asociacións e coñecer que é o que pasa. É un risco para calquera persoa que entenda que a política é ter poder e exercer sen máis. A política ao final é unha ferramenta de transformación social e, se o entendes así, non tes máis remedio que establecer lazos de solidariedade.

Aínda que es da Estrada, podemos dicir que levas Compostela no corazón.
Eu fiquei completamente engaiolada coa Compostela daqueles anos en que estiven na universidade. Era unha época na que moita xente e amizades da miña contorna decidiron ficar aquí, polo que tiven moi claro que este era o sitio no que quería vivir. De feito, tiven o meu primeiro destino en prácticas no instituto Eduardo Pondal. O definitivo foi na Pobra do Caramiñal mais continuei a vivir aquí. Agora que traballo na Coruña moita xente pensa que estou alí mais eu sigo residindo en Compostela. É un lugar que me gusta para vivir, que ten o tamaño ideal para ir camiñando a todos os sitios. É tamén un lugar con efervescencia cultural, patrimonio, riqueza… mais que tamén ten ao mesmo tempo un ambiente case rural, con barrios que son de cada sitio.

«Non creo que haxa nada máis político que facer a compra ou decidir, nun momento determinado, manter un compromiso feminista. É o máis político que podes facer na vida, levar o teu compromiso político á túa vida persoal».

Que non cambiarías da cidade?
Non mudaría nunca a súa capacidade para integrar o rural e o urbano. É unha das maxias de Santiago, como as contornas dos ríos Sar e Sarela, que son dous espazos fantásticos.

E que mudarías?
Creo que, se se puidese cambiar, cambiaría ese xeito no que parece que viven de costas o mundo universitario, o mundo rural e o mundo da cidade. Son mundos separados, e penso que é algo máis acusado agora. Antes había máis integración entre o Santiago universitario e o resto da cidade. Hai moitos factores, mais o estudantado non fai tanta vida aquí e a xente de Santiago tamén descoñece moito o seu rural. Non coñece as súas parroquias e as súas paisaxes.

Tamén é actualidade en Coralia:

Agustín Hernández,
voceiro do Grupo Popular

«Politicamente eu son galego»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Antes que político, persoa. Así marca o inicio da conversa Agustín Hernández (Madrid, 1961), futuro candidato á alcaldía de Santiago de Compostela nas vindeiras eleccións municipais de maio de 2019. Nun despacho de Raxoi…

Concha Fernández,
concelleira de Políticas Sociais

«Nós chegamos onde non o fai a RISGA ou as prestacións estatais»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Nun despacho presidido por unha ilustración de Rosalía de Castro de Rei Zentolo, esta compostelá por decisión e adopción debulla os retos e logros que está a afrontar o Concello após tres anos de lexislatura…

Antonio López Díaz,
reitor da USC

«Somos unha fábrica de igualdade de oportunidades»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Natural de Barreiros e pai de dúas fillas -unha delas ex-estudante da USC-, o reitor da universidade máis antiga de Galicia asumiu o cargo no pasado mes de xuño após unha ampla vitoria nas eleccións…

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido