•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Monica Mura
artista interdisciplinaria e performer

«Se buscas un cambio, é xusto que haxa un diálogo»

Monica Mura

150 150 CORALIA

Desde cativa, Monica Mura (Cagliari, 1979) tivo claro que quería explorar a vida a través da perspectiva de xénero. Primeiro, sen sabelo, de maneira inconsciente, e agora a través de todas as posibilidades que lle ofrecen as disciplinas que domina: da pintura á fotografía pasando pola comunicación, o deseño de moda ou a videoarte. Así o testemuñan proxectos como Cartografía corporal, exposicións como Mallo en marzo (unha homenaxe á artista de Viveiro) ou E ti que (de quen) vés sendo? que pode verse até finais deste mes na Igrexa da Compañía (USC).

Con visita guiada incluída polas distintas partes da instalación, na que se nos invita a reflexionar sobre a identidade e a memoria, dando voz a persoas que sofren as problemáticas da muller trans* (o leitmotiv da mostra) e, por extensión, do colectivo LGTBIQ, Monica recibe a Coralia no backstage da Igrexa, o seu lugar de repouso e traballo estes días.

  • ACTUALIDADE

Entrevista de VALERIA PEREIRAS
Imaxes e vídeos de MONICA MURA

Contábasme que levas xa 16 anos vivindo en Galicia. Como é que viñeches parar a Santiago?
Eu marchei de Sardeña cando cumprín os 18 anos. Vivín un ano en Londres. Despois, decidín volver a Italia para estudar no D.A.M.S. (Disciplinas da arte, a música e o espectáculo, na Universidade de Turín), que é unha facultade que aquí non existe. Xestor cultural sería a saída laboral equivalente, e quería facer iso para non ter que ir a Belas Artes, que non me gusta polas súas implicacións co mercado. Eu quería ser libre. Pero chega un momento no que decido que quero traballar no mundo da publicidade, e como Milán era o centro pero a min non me resulta atractivo, decido que quero ir a vivir a Barcelona. Entón, o problema: o idioma. Empezo a estudar español e pido unha bolsa Erasmus que me trae a Santiago. Non tiña nin idea do que me ía atopar. Non investiguei moito. Sabía que había peregrinos e dábame un pouco de medo vivir nunha cidade moi relixiosa. E, cando aterro, vexo un sitio que non podía imaxinar que era España. E digo, que bonito, parécese a Irlanda e falan español. Segundo erro. Descubro o galego, e que tamén en Cataluña e o País Vasco teñen outras linguas, como pasa co sardo. Quédome o ano de Erasmus e decido facer a tese investigando a arte contemporánea de aquí. Métome nun grupo de teatro e Santiago gústame tanto que nese momento marchar a Barcelona sería só porque o decidira antes e quedo.

E hoxe, segues no teatro?
Non. Non é o meu. Fixen varias obras. Participei nos Monólogos da vaxina, que se representou aquí no Teatro Principal e que estaba organizado por Karen Campos e era unha obra benéfica.

Con todo es unha artista multidisciplinar… De onde che vén a vocación?
Xa de pequena empecei co debuxo e a pintura ao óleo, acuarela… Cando tiven a miña primeira cámara foi a fotografía e así fun evolucionando até poder traballar o vídeo na universidade. Tiven un profesor moi bo, o viodeoartista Alessandro Amaducci de Turín. Todo o que fixen sempre estivo relacionado co xénero. Desde pequena. Eu debuxaba mulleres.

Por que esa teima?
A miña profesora dicía que era porque non coñecía os homes, porque era demasiado moza, pero creo que se equivocaba bastante [ri]. En secundaria, cando tes 12 anos un día chegoume a dicir iso, pero como tamén me dicía que debuxaba os soles demasiado grandes non lle imos a dar demasiada importancia [ri de novo].

Ti mesma sufriches entón coa identidade de xénero…
Non tiven referentes no mundo da arte. Os que tiña eran homes, a min gustábame Gustav Klimt, del conservo a marca do dourado, a liña espiral cando era pequena… Gustábame tamén Dalí, o surrealismo… Na literatura si tiña referentes femininos, pero no mundo das artes plásticas non. Mais daquela tampouco me preguntaba o por que. E isto tamén me protexeu, porque non tiña esa conciencia de que por ter unha vaxina entre as pernas puidera ter máis dificultades. Pensaba que se facía as cousas ben ía ser recompensada igual que os meus compañeiros.

E foi así? Non pensas que tiveches que demostrar máis por ser muller artista?
Si.

Por que cres que sucede isto? Por que continúa a ser tan acentuada a desigualdade de xénero no mundo da arte?
Eu formo parte da asociación nacional MAV Mujeres en las Artes Visuales, con sede en Madrid, e temos moi claro os datos porque cada ano as miñas compañeiras dedícanse a facer estatísticas. Este ano, os datos que conseguiron foron que en ARCO, a feira de arte contemporánea máis importante que hai en España, só un 25% das persoas participantes eran mulleres. Se temos en conta que somos maioría en Belas Artes… Por que? Pois, polo patriarcado. Segue estando aí. As mulleres estamos neste momento loitando como nunca porque nos están matando, ademais de non conseguir romper con ese teito de cristal. Estannos matando, están quitándonos a vida e entón estanse dando conta, moitos homes e mulleres, de que isto non pode ser, de que a educación é moi importante. Nun momento dado empezas a decatarte de que estás vendo o mundo cos ollos pechados pola venda do patriarcado ou o machismo e empezas a ver a luz e dáste conta de que o mundo está estragado. Que se non é algo grave hai un micromachismo sempre por detrás e entras nunha loita continua na que te decatas de que é tan importante visibilizalo que xa non podes falar doutra cousa.

«En ARCO, a feira de arte contemporánea máis importante que hai en España, só un 25% das persoas participantes eran mulleres. Se temos en conta que somos maioría en Belas Artes… Por que? Pois, polo patriarcado. Segue estando aí».

«Quero que a xente reflexione. Non quero impoñer un discurso, como non me gusta que mo fagan a min. Na miña obra deixo a liberdade de poder achegarse máis ou menos».

«Para min si que é importante darlle ás persoas o que están buscando. Que nas salas, museos e galerías de arte as visitas poidan tocar as obras, sentirse protagonistas e poidan interactuar».

É entón ese o teu obxectivo, visibilizar?
Visibilizar é unha proposta. É verdade que o fago, pero non é o meu obxectivo. O gran protagonista desta exposición é un punto interrogante e eu fágome preguntas e ábroo ao público. Quero que a xente reflexione. Non quero impoñer un discurso, como non me gusta que mo fagan a min. Na miña obra deixo a liberdade de poder achegarse máis ou menos. Traballo unha obra complexa, que se divide en distintas capas e, ás veces, só as persoas que se paran a mirala dunha forma detida poden chegar a ver todas as capas. Tampouco é o que pretendo. Se buscas un cambio, tamén é xusto que haxa un diálogo. Ás veces pódese e ás veces hai que dar pistas para que a xente consiga experimentar. O que comentabas antes, non? O tema de que son unha artista multidisciplinar. A min gústame máis interdisciplinar, porque me movo por distintos campos. Non puiden incorporar aínda a ciencia porque non a controlo, pero encantaríame. O que si que teño claro que me gusta é que a arte sexa accesíbel, para todos os públicos e que, sobre todo, supoña unha viaxe.

Como fas nesta exposición, que ten un percorrido moi concreto…
O que intentei facer nesta exposición foi buscar un espazo e facer que as persoas poidan acceder á sala expositiva, facer unha viaxe e saír de aquí, polo menos, cunha experiencia para levarse. Algunhas persoas poderán rexeitalo, outros reflexionarán máis na casa, outros iranse de aquí sen levar nada porque non quixeron tampouco dialogar… En calquera caso non pasaría nada, pero para min si que é importante darlle ás persoas o que están buscando. Que nas salas, museos e galerías de arte as visitas poidan tocar as obras, sentirse protagonistas e poidan interactuar. O meu obxectivo é ese, que non é outro que unha idea da arte en 360 graos; unha idea que teño desde pequena, só que entón non tiña esa conciencia porque rexeitaba a palabra artista, pero si no momento en que aceptei o que era, o meu camiño…

«Non veño só como artista, teño un background de deseñadora, de comunicadora, de ter traballado con educadores, psicólogos e todo isto vaite enriquecendo».

«É todo un experimento, unha obra viva. A composición é como unha gran peza e eu son como a directora de orquestra de todo isto que montamos aquí».

«En Italia, e en Latinoamérica, asústame ver que apenas hai mulleres que envellezan dunha forma natural, orgánica, porque están modificadas pola cirurxía estética ou polo botox».

Nos+Otras: en red, do Museo Thyssen-Bornemisza… Fálame dese proxecto.
Fun seleccionada con outras tres artistas para este proxecto, no que traballamos con trinta mulleres en risco de exclusión social. Reuniámonos unha vez ao mes, e ao final fixemos unha exposición de fin de proxecto coas obras creadas polas mulleres resultado dos talleres que lles propuxeramos, e a miña era sobre o retrato e o autorretrato. O que despois se exhibiu tamén foi Sas Diosas. Miradas, sa arèntzia mea, que era a obra coa que me seleccionaran.

E que tal foi a experiencia?
Moi boa. Tamén colaboramos aquí, en Lugo, na vertente galega, coa asociación Acadar [Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia], e teño que agradecer á Rede Museística Provincial de Lugo que colaborou, e a experiencia foi moi enriquecedora. Aprendín moitísimo porque estiven traballando man a man cos educadores nas actividades e vas vendo outras posibilidades. Eu veño dun percorrido tamén como comunicadora e entón vas sumando cousas, e este proxecto non tería sido posíbel senón tivera todo iso en conxunto. Non veño só como artista, teño un background de deseñadora, de comunicadora, de ter traballado con educadores, psicólogos e todo isto vaite enriquecendo.

No manifesto que pode lerse na túa páxina afirmas que as túas obras «forman parte de proxectos artísticos amplos en continuo proceso de evolución ao longo do tempo»…
Si, é todo un experimento, unha obra viva. A composición é como unha gran peza e eu son como a directora de orquestra de todo isto que montamos aquí.

Vin durante a visita que había referentes galegos, Maruja Mallo, e de Sardeña, a deseñadora Edina Altara…
Si, e entre os meus referentes, unha moi clara que non coñecía e coa que me dixeron que compartía certas referencias, que é Esther Ferrer. Despois coñecina persoalmente, e mesmo fixen unhas performances con ela este ano no Reina Sofía. Sobre todo, a obra Antes e Despois que foi unha das razóns polas que a coñecín, porque houbo persoas que me preguntaban se era unha homenaxe a Esther Ferrer. Como italiana, non a coñecía, e cando a descubrín souben da foto combinando as medias caras. Chegaramos a un punto de vista parecido, pero desde un punto de partida distinto. Eu viña dun discurso de rebelión ao que é a imposición da moda e a busca da eterna xuventude. En Italia, e en Latinoamérica, asústame ver que apenas hai mulleres que envellezan dunha forma natural, orgánica, porque están modificadas pola cirurxía estética ou polo botox.

Unha loita contra o tempo…
Que ao final crea caricaturas, e nalgúns casos problemas irreversíbeis. É que se metes a pata non podes volver a atrás.

Por que cres que nos pasa isto?
Polo patriarcado.

Tamén hai homes que comezan a facelo…
No momento en que se rompen as barreiras, entre homes e mulleres, collemos o malo do outro. O mercado no mundo da moda é o que intenta dicirche como tes que ser. Eu traballaba no mundo do deseño, e por iso, porque sei como funciona, sinceramente non lle dou importancia ás marcas, doulle moi pouco peso. Pero hai moitísimas persoas para as que as marcas son fundamentais. Dan por feito que por ser dunha marca é mellor, e se a isto lle sumamos os xogos de poder, o que manda é utilizar ese produto en concreto, ter ese corpo…

«No momento en que se rompen as barreiras, entre homes e mulleres, collemos o malo do outro. O mercado no mundo da moda é o que intenta dicirche como tes que ser. Eu traballaba no mundo do deseño, e por iso, porque sei como funciona, sinceramente non lle dou importancia ás marcas, doulle moi pouco peso».

Cóntanos, como xurdiu E ti que (de quen) vés sendo?
Este era un proxecto que tiña eu na miña cabeza e o que estaba era buscando un espazo íntimo que permitise a coexistencia de todo en conxunto. Tiña que ser un espazo respectuoso co argumento da obra, e entón tiña o proxecto, escollín a sala e preguntei se era factíbel. Se non o tivese sido non o tería montado, porque supón un esforzo físico e económico pola miña parte xa que é un proxecto que quixen autoproducir.

E nótase que está montado pensando no espazo. Unha igrexa para falar de identidades, memorias e xéneros… Cando menos curioso.
As obras, algunhas son de anos anteriores, unha mini retrospectiva, e na zona central as obras xa as tiña na cabeza pero aínda non se materializaran porque tiña dificultade buscando un lugar no que puidese acomodalas. As obras, hai algunhas que poden convivir en calquera sala e outras que precisan un espazo moi grande, entón tamén pensei na Igrexa da Universidade porque cría que era o espazo máis adecuado, e aínda o creo. Para acoller un discurso de memoria, xéneros… e que ademais as persoas que participaron nos vídeos puidesen ter un lugar digno. Até agora non se presentaran e esta foi a maneira de que saíran á luz. Cando fago unha obra na que se traballa con persoas que o dan todo, e aínda que a obra despois a asine eu, é evidente que hai unha aportación de almas desas mulleres como é o caso de Elas Contan [unha videoinstalación que forma parte da exposición] e chega un momento que ten que verse. Tiñan que saír á luz e tiñan que poder verse en Santiago, que é de onde son elas. E aquí estamos, por elas.

Na túa declaración de intencións tamén afirmas que para encontrar a expresión máis pura privilexias a intención fronte ao procedemento. Que é exactamente o que queres dicir con isto?
Sen saber o que era o arte contemporáneo eu xa facía cousas que se consideraban iso sen eu ser consciente. Acepto só algún traballos de deseño ou comunicación, intento quedarme só con aqueles que están relacionados con temas que me afectan directamente e non entran en conflito coa miña forma de pensar. Volver atrás, e aceptar outro tipos de traballo no mundo do marketing ou da comunicación, sería incongruente. Traballo con mulleres de Acadar no que poden ser guías contra a violencia de xénero a mulleres con discapacidade… e isto si me motiva, e acepto ese traballo. Tamén podo implicarme en cousas así nestes eidos, pero sempre intento, dentro dos límites, reservar o meu esforzo ao mundo da arte.

«Traballo con mulleres de Acadar no que poden ser guías contra a violencia de xénero a mulleres con discapacidade... e isto si me motiva, e acepto ese traballo. Tamén podo implicarme en cousas así nestes eidos, pero sempre intento, dentro dos límites, reservar o meu esforzo ao mundo da arte».

O ano que vén estás convidada a participar na Bienal de Xénova: Other Identity. Altre forme di identità culturali e pubbliche. Xa tes pensada a túa proposta?
A bienal de Xénova foi posposta un ano, tiveron que modificar a data que ía ser neste ano. Convidáronme a participar en Other identity que vai ser a temática da bienal. Cando mo propuxeron, a peza de Poder ver, ver poder estaba, nun principio, pensada para alí. Como se retrasou, e a miña mente é moi rápida -necesito parir, non podo esperar meses-, a esta altura aínda non sei se proporei o mesmo. Pode ser, porque esa peza é moi potente e encaixa perfectamente nese contexto, pero non descarto facer algo novo para a ocasión.

E de Sardeña, que botas de menos?
Os meus pais. Sobre todo a familia. O lugar é moi bonito, pero eu son unha insular estraña e cando estou en Sardeña sinto a claustrofobia e necesito irme. Sinto que estou nunha gaiola, dourada, pero gaiola. Tamén conta o complicado tema dos transportes.

Tes intención de quedar?
Non sei se te fixaches, na entrada da exposición hai un billete do metro de Madrid, e fai referencia ao que foi a miña viaxe alí. É certo que Santiago non é unha capital na que te poidas mover facilmente. Para ver a meus pais teño que pasar dous días de viaxe, durmir no aeroporto… Para min non é cómoda como cidade. Sempre digo que me quedei en Santiago porque me gustaba, porque me parecía unha cidade que, nese momento, era moi aberta. Camiñaba pola rúa, atopábame cun músico, despois outro amigo, acababamos vendo un espectáculo de teatro noutro local… como que te ías tropezando coa arte en cada esquina. Hoxe non é tanto así. Non hai ese punto underground que había antes. Cheguei en 2002, e dixéronme que antes era incluso mellor. Pero houbo un momento no que me estaba desenamorando da cidade. O tema do turismo, o centro histórico penso que xa está pensado só para os que veñen de fóra e a cidade estase volvendo difícil para os que vivimos aquí. Ao mesmo tempo, tamén dixen que se un sitio non me quere marcharía. Se detecto que Santiago deixa de quererme como me quería, pois marcharei.

Volverías a Italia?
Nunca digo deste pan non comerei. Pero, agora mesmo, se non é por unha cuestión afectiva non creo que volvese, porque sería ir dunha situación parecida a outra. Se unha ten que dar o paso e moverse xa pensaría, non che digo de ir a Australia, pero nun momento dado si me gustaría ter unha experiencia no Xapón, facer alí unha residencia. Xapón encántame, son unha apaixonada do tema da tecnoloxía. É como un soño, unha pequena conta pendente. E despois, realmente, non teño pensada unha cidade. O máis cómodo sería Madrid, por proximidade, idioma… Un lugar no que poidas coller un avión nun momento dado e ir unha fin de semana a ver a familia, unha exposición… Nova York tamén me gustaría. Non sei, non o pensei moito. Eu creo que hai que seguir o instinto. Eu fíome moito del e do que me digan o corazón e o corpo no seu momento. De todos modos, se quedo en Santiago o que teño que facer é viaxar.

E ti que (de quen) vés sendo? Identidades, Memorias e Xéneros

Igrexa da Compañía (USC). Até o 31 de outubro.

Tamén é actualidade en Coralia:

Goretti Sanmartín,
candidata á alcaldía polo BNG

«Necesítanse mulleres para tecer alianzas e avanzar»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Entusiasta e entusiasmada, Goretti Sanmartín será, logo de moitos anos como militante de base e activista social, a candidata á alcaldía de Compostela polo Bloque Nacionalista Galego. Feminista, ecoloxista e defensora da lingua e da cultura, a actual vicepresidenta da Deputación anima as mulleres de todos os ámbitos sociais a dar un paso adiante…

Coñezamos Compostela

Unha reportaxe de VALERIA PEREIRAS

Corría o ano 1967 cando, por encargo de TVE para o programa Conozca usted España, Claudio Guerín Hill (Sevilla, 1939) gravaba nas rúas da nosa cidade o documental Compostela. Unha marabilla de vintesete minutos e cincuenta segundos pola que pasean As Marías nun Santiago ateigado de estudantes e que inclúe un travelling con música dos Beatles de fondo no que se poden ver…

Agustín Hernández,
voceiro do Grupo Popular

«Politicamente eu son galego»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Antes que político, persoa. Así marca o inicio da conversa Agustín Hernández (Madrid, 1961), futuro candidato á alcaldía de Santiago de Compostela nas vindeiras eleccións municipais de maio de 2019. Nun despacho de Raxoi…

Concha Fernández,
concelleira de Políticas Sociais

«Nós chegamos onde non o fai a RISGA ou as prestacións estatais»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Nun despacho presidido por unha ilustración de Rosalía de Castro de Rei Zentolo, esta compostelá por decisión e adopción debulla os retos e logros que está a afrontar o Concello após tres anos de lexislatura…

Antonio López Díaz,
reitor da USC

«Somos unha fábrica de igualdade de oportunidades»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Natural de Barreiros e pai de dúas fillas -unha delas ex-estudante da USC-, o reitor da universidade máis antiga de Galicia asumiu o cargo no pasado mes de xuño após unha ampla vitoria nas eleccións…

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido