•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Antonio López Díaz,
reitor da USC
«Somos unha fábrica de igualdade de oportunidades»

antonio-lopez

150 150 CORALIA

Natural de Barreiros e pai de dúas fillas -unha delas ex-estudante da USC-, o reitor da universidade máis antiga de Galicia asumiu o cargo no pasado mes de xuño após unha ampla vitoria nas eleccións. Antonio López Díaz leva os deberes feitos para esta volta ás aulas en que facultades e bibliotecas se enchen de alumnado universitario, investigadores e persoal de servizo, expectantes polo que deparará esta nova lexislatura.

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Unha vez pasou a campaña e as eleccións e soubo que ía ser reitor, como recibiu a noticia?
Supón unha mistura de cousas. Por un lado, cando te presentas, concorres e tes un resultado moi favorábel hai unha certa satisfacción. Parece que acertamos no proxecto, nas ideas, nas persoas… Iso fai que nos sintamos moi contentos e satisfeitos mais, ao mesmo tempo, aparece a carga de responsabilidade que supón. Afrontámolo con moita ilusión, non hai dúbida, e parécenos tamén -ou iso percibimos- que na propia comunidade universitaria hai unha certa ilusión de cambio, de que se poidan facer algunhas cousas doutra maneira, e de que poidamos mellorar as cousas. E nesas estamos. Con traballo, con responsabilidade, mais con moita ilusión.

«No ámbito nacional e incluso internacional a USC ten un papel esencial na investigación, sempre vinculado á docencia e a conseguir que os resultados da mesma transcendan á sociedade».

«A universidade está facendo moitos esforzos para constrinxir. Por iso dicimos que nese escenario non podemos, aínda por riba, facer un esforzo extra para aforrar e mais para amortizar débeda. Poderemos facelo cando melloren as condicións financeiras pero non neste momento».

Que desafíos presenta este curso?
Os retos coinciden un pouco coas liñas mestras do que foi a campaña. Repetimos reiteradamente que tiñamos tres actuacións especiais. Unha ten que ver coa revitalización dos propios órganos de goberno, a toma de decisións e facer máis partícipe a comunidade universitaria. A segunda tiña que ver co capítulo de persoal. Durante estes anos de crise os dous grandes damnificados foron o persoal docente e de servizos, que sufriron unha gran precariedade. É imprescindíbel facer un plan de catro anos para atender as xubilacións que se van producindo e estabilizar o persoal, garantindo a promoción dentro da carreira administrativa. O terceiro reto ten que ver con buscar solucións na xestión dos recursos económicos e financeiros e na xestión de infraestruturas. Un punto chave é o refinanciamento da débeda para que non nos esixa facer o esforzo que teriamos que facer se mantemos o calendario actual -amortizar nun ano seis millóns e noutro ano máis de oito millóns de euros-. Temos que analizar as estruturas e facer un uso máis racional dos espazos infrautilizados. Todo iso está orientado a operacións instrumentais, que teñen como obxectivo último mellorar a docencia, a investigación, transferir os resultados da investigación, abrirnos máis á sociedade… Iso son os obxectivos últimos, mais para iso precisamos estas actuacións.

Unha queixa constante é esa precariedade do traballo docente. Persoas que levan décadas como interinas e non conseguen unha praza.
Ese é un problema. Iso é o que falaba da estabilización. Delongouse moito a estabilización nas categorías de persoal da universidade, tamén por razón da crise. Antes aos 30 e algo anos unha persoa que facía e lía a súa tese podía estar en condicións de ter unha praza estábel. Hoxe estamos a chegar a prazas moi avanzadas. Esa interinidade é un grandísimo problema cando estamos a falar de prazas estruturais que debemos cubrir. Ten que dar lugar a que se abran as vías de estabilización.

Outra das cuestións que trata é a investigación e a transferencia de coñecemento.
A universidade ten tres funcións esenciais: docencia, investigación e difusión da cultura e do coñecemento. No ámbito nacional e incluso internacional a USC ten un papel esencial na investigación, sempre vinculado á docencia e a conseguir que os resultados da mesma transcendan á sociedade. Por exemplo, temos unha patente e podemos venderlla a unha empresa para que a explote en beneficio da sociedade ou constituír empresas dentro da propia universidade para explotar resultados de investigacións. Estamos a apostar decididamente por iso en ámbitos diversos, mais nalgún moi marcado como a biomedicina. É un polo importantísimo que se está a traballar aquí. Temos o CiMUS, o CiQUS… E estamos facendo moitos esforzos para que non quede só nun traballo de investigación, e permita transferir os resultados para que haxa unha repercusión na sociedade.

En temas de orzamento, falaba vostede de renovación da débeda e de reorganizar a xestión de recursos… En que estado atopou a USC?
A universidade vén funcionando desde o ano 2016 baixo o Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia que reparte os fondos entre as tres universidades. Isto fai que teñamos uns condicionantes no noso financiamento como universidade que nos dan menos posibilidades que a outras. En que sentido? Por exemplo, nós temos unha media de idade do profesorado máis alta. O custo unitario por profesor para nós é máis caro que noutras universidades. Temos un patrimonio construído máis antigo. É dicir, o seu mantemento é moito máis caro. Ao noso ver, o plan de financiamento non atende axeitadamente as peculiaridades da propia universidade, e iso hai que corrixilo cando cheguemos a negociar un novo plan. Contamos agora cuns orzamentos restritivos, dentro dun plan que foi aprobado nun momento no que aínda había -e segue habendo- unhas dificultades económicas grandes. A universidade está facendo moitos esforzos para constrinxir. Por iso dicimos que nese escenario non podemos, aínda por riba, facer un esforzo extra para aforrar e mais para amortizar débeda. Poderemos facelo cando melloren as condicións financeiras pero non neste momento.

De cara a este futuro, que cuestións son as máis urxentes?
No futuro inmediato, temos que conseguir ese refinanciamento da débeda porque afecta os nosos orzamentos do ano vindeiro, alén do plan de profesorado do que falamos. Tal e como prometeramos na campaña, xa mudamos os criterios na asignación de prazas de promoción atendendo a criterios de antigüidade na propia acreditación. Fixemos unha convocatoria en xullo e imos resolvela inmediatamente. Temos que traballar este plan de profesorado xuntamente co orzamento, que imos aprobar neste último trimestre, e a programación plurianual, que debemos aprobar tamén neste último trimestre e que recolle cal vai ser a nosa actuación ao longo dos catro anos.

Un dos problemas que afronta a USC é a caída no estudantado, sobre todo no campus de Lugo. Que apostas se van facer neste eido?
Efectivamente, estamos a asistir a unha previsión do número de alumnos que, dentro dunha maior ou menor estabilidade, amosa un decrecemento. Logo temos un problema, que está a ser focalizado en Lugo, de falta de demanda nalgúns títulos. Non se cobren as prazas que ofertamos. Tamén hai algunhas en Santiago, mais moito menos que en Lugo, onde existe un problema de baixa demanda nalgunhas titulacións ligadas á facultade de Humanidades e á de ADE en Lugo. Máis alá de tratar de manter algunhas das medidas que xa se viñan aplicando, temos aberto un novo deseño de novos títulos para mudar esa tendencia e facer que a oferta docente que levemos a Lugo poida ser atractiva. Non é enrocarnos e dicir «estes son os títulos que ofrecemos e facer o que sexa para que veñan alumnos». Non, imos repensar se esa é a mellor oferta e temos decidido poñer en marcha unha revisión desa oferta de títulos, que ten moito que ver co título de Xestión de Empresas Culturais para a facultade de Humanidades ou repensar un título de Emprendemento e Economía Dixital.

O diván
Un recuncho de Compostela:
A praza de Acibechería, diante do Seminario Maior de San Martín Pinario, onde fun residente durante os meus anos de carreira, e agora, o Pazo de San Xerome, onde estou desde hai uns meses, neste recuncho da praza do Obradoiro; é unha experiencia inigualábel.
Unha manía:
Non son de rutinas ou manías, mais… gústame vir camiñando ao traballo.
Un trazo distintivo do teu carácter:
Din que son unha persoa pacífica e de bo carácter, e tamén me din que son de ideas fixas, e que non é fácil desmontarme unha vez tomo unha determinación.
Un tipo de humor:
Encántanme os Monty Python. Ese humor de xogo de palabras e ironías.
Unha comida:
Arroz. Gústame comelo e cociñalo. Con calquera cousa: polo, verduras, marisco, chocos…
Unha viaxe:
Lembro unha que fixemos en familia a Nova York no pasado ano, que foi fantástica. A cidade é encantadora para visitar.
Algo a estrañar cando viaxa:
Aínda que pareza mentira, o clima. Sobre todo cando viaxas a sitios calorosos, logo de dous días botas en falta o fresco. Logo tamén boto de menos o hábito ordinario de vida, a rutina do traballo de cada día.
Un bo plan en Compostela:
Levo estes últimos anos gozando moito do baloncesto, do OBRA. É un plan bonito ir a un partido. É unha das citas que me gusta. Ou, senón, camiñar. Levamos catro anos facendo o Camiño de Santiago cuns amigos. Chegar camiñando á praza do Obradoiro despois de sete ou oito días ten un sentimento especial.
Unha música:
Sen ser un gran melómano, gústanme moito os cantautores como Sabina, Elton John… Tamén me gusta Pink Floyd.
Un libro:
El nombre de la rosa, de Umberto Eco.
Un ídolo:
Esa é difícil… Por todo o que tivo que ver coa defensa de dereitos humanos e igualdade, paréceme unha figura espectacular a de Nelson Mandela. É alguén que representou moito.

Ten dúas fillas e unha delas estudou nesta mesma universidade. Este feito provoca que sinta máis un engado de responsabilidade real de cara a como inflúa a súa actuación no estudantado?
Ela xa rematou, mais si. Loxicamente, é unha das grandes responsabilidades. Valoramos que sexamos uns dos grandes encargados e que nos confíen a formación universitaria de vinte tantos mil estudantes cada ano. Esa é unha responsabilidade moi grande. Os pais e os propios estudantes confíannos iso e é un reto, sempre, facelo o mellor posíbel.

Antes de chegares ao cargo, houbo fortes polémicas arredor de acoso sexual por parte de docentes a alumnas. Logo de anos de traballo, OIX artellou un protocolo para estes casos. Hai algunha liña marcada neste ámbito?
Ese protocolo recollía cousas que xa existían mais temos que reforzar algunhas das liñas. Unha cousa é aprobar os protocolos e outra é que a xente faga uso diso. Temos os mecanismos previstos, mais o que debemos facer é conseguir que a comunidade universitaria interiorice que iso existe. Tomouse unha decisión no seu momento que foi remitir esas actuacións á Fiscalía e nesa fase están. Nós estamos pendentes do que poida considerar cara ao seu xuízo. Amosamos cero tolerancia con calquera destes comportamentos e, onde haxa que actuar, actuaremos. Iso si, unha cousa é o xuízo e a visión que temos desde fóra e outra é actuar dentro do marco normativo que temos. Fronte a estes problemas, demándanse reaccións máis contundentes e fortes, pero dentro da responsabilidade disciplinaria temos uns mecanismos moi limitados. Ás veces temos comportamentos que non nos gustan mais que non encaixan dentro da tipificación de infraccións. Dentro dese marco, temos que facer o que podemos.

Fala de revitalizar os órganos de gobernos e estimular a participación. Pasa isto pola creación de novas canles, ou por redeseñar as ferramentas que xa existen?
Exactamente. O deseño dos órganos de participación que temos na universidade, como o Claustro ou o Consello de Goberno, ademais das Xuntas de Facultade ou Consellos de Departamento, son a estrutura estábel. Á marxe disto, nós pretendemos abrilo máis, dar máis acceso á comunidade universitaria e instaurar certas prácticas como pode ser ter contactos preparatorios das reunións cando se fala de temas importantes con estudantes, decanos, directores de departamentos… É dicir, procuramos trasladar ese debate á comunidade universitaria, escoitándoa. En canto a órganos novos, estamos moi interesados en que a participación se abra ao estudantado, quen participa pouco nas decisións da universidade. Revisaremos o propio Estatuto do Estudantado na universidade e crearemos dentro del novos órganos de representación do estudantado, que aumenten a conexión do equipo de goberno co estudantado a través de Consellos de Estudantes, delegados de cada centro…

Por que cre que debería a xente estar orgullosa da USC?
Sen caer na nostalxia do pasado, penso que debemos estar orgullosos dunha institución que durante 523 anos estivo aquí formando persoas galegas e non galegas, sendo o gran faro de formación ao máximo nivel. Tamén me parece que o papel da formación universitaria é o maior instrumento de equiparación e igualación social que podemos ter. A partires de aí xa non estamos condicionados polo ricos ou pobres que somos, nin quen son os nosos pais, senón que cada quen ten diante de si un abano de posibilidades que lle permite ser o que queira ser. É das cousas que máis me emocionan da universidade. Somos unha fábrica de igualdade de oportunidades. Entre a universidade e as administracións temos que ser capaces de evitar que os condicionantes económicos e sociais sexan un problema e conseguir a máxima igualación.

«Sen caer na nostalxia do pasado, penso que debemos estar orgullosos dunha institución que durante 523 anos estivo aquí formando persoas galegas e non galegas, sendo o gran faro de formación ao máximo nivel».

A USC formou xeracións de galegas e é un faro dentro da cultura galega. Esta non se entende tampouco sen a súa lingua. Vde. é galegofalante, e os últimos datos a respecto do estado de saúde do idioma na institución amosa datos alarmantes.
Aí temos varios ámbitos que debemos separar. No ámbito administrativo e de funcionamento eu penso que está totalmente normalizado que a nosa lingua oficial e propia é o galego, e funcionamos con absoluta normalidade en galego. Logo temos o ámbito da docencia e da investigación. Na docencia paréceme que tiñamos que mellorar e incrementar a presenza do galego nas nosas aulas. Depende moito da opción lingüística que faga o profesor. Logo temos outro tema que é máis complexo, que é o tema da investigación. Se buscas a máxima difusión, tes que procurar canles de comunicación que permitan chegar o máis lonxe posíbel. Aí xa non estamos falando de galego nin castelán, senón que se está a impoñer o inglés como lingua franca científica. Hai outras variábeis, porque nese caso o uso dunha lingua ou outra condiciona o noso impacto. Non obstante, temos moito que mellorar.

Tamén é actualidade en Coralia:

Concha Fernández,
concelleira de Políticas Sociais

«Nós chegamos onde non o fai a RISGA ou as prestacións estatais»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Nun despacho presidido por unha ilustración de Rosalía de Castro de Rei Zentolo, esta compostelá por decisión e adopción debulla os retos e logros que está a afrontar o Concello após tres anos de lexislatura…

O número

de outono xa

está na rúa!

Á venda en_
Estes son os contidos máis buscados:

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido