•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

AQUARIUS
Terra á vista?

Por Óscar Corral e Naiara Galarraga

Aquarius

150 150 CORALIA

Aínda que ningún dos dous esqueceremos aquela noite, cada un quedou cun instante. Un instante que volvía nas nosas conversacións durante a odisea que veu despois. A Óscar impresionoulle aquel rapaz que subiu a bordo case espido. Moi delgado, fibroso e que apenas levaba un calzón. Un calzón verde. Tremelicaba. «Benvido ao Aquarius», díxolle ao chegar un dos humanitarios, como a cada un dos outros 629 rescatados daquela noite. Nós tentabamos non perder detalle mentres a min me abrollaban as preguntas… Como se sentirán neste preciso instante? Que lles pasaría pola cabeza durante as últimas horas, ou días, mentres esperaban a que alguén aparecese no horizonte? O meu recordo é que os primeiros, os 129 do primeiro caiuco, ían descalzos. Todos. Homes, mulleres e nenos.

Aquarius. Oscar Corral e Naiarra Galarraga

Un rescate como o do Aquarius é unha especie de gran coreografía mil veces ensaiada na que cada un ten un papel perfectamente medido.

Un rescate como o do Aquarius é unha especie de gran coreografía mil veces ensaiada na que cada un ten un papel perfectamente medido. É unha engrenaxe moi afinada. Todo está ensaiado. Especialmente todo o que pode ir mal. O instante crítico é ese en que a lancha de rescate se aproxima ao caiuco. É clave que os migrantes manteñan a calma, que sigan as instrucións, que non se rendan ao pánico. Óscar viviu ese instante na zódiac, cos rescatadores. O silencio. Conta que iso é o que máis lembra. O silencio. O calados que estaban aqueles homes e mulleres a piques de ser salvados, pero sen estar aínda a salvo. Esa mesma noite decenas de persoas dun segundo caiuco caeron ao mar e tiveron que ser sacadas unha por unha da auga.

Todas elas crían que nunhas horas ou días estarían en Italia. Na soñada Europa. Por fin durmían tranquilos.

Aquarius. Oscar Corral e Naiarra Galarraga

Todas elas crían que nunhas horas ou días estarían en Italia. Na soñada Europa. Por fin durmían tranquilos.

Horas despois chegou o chío que o cambiou todo. O novo ministro do Interior de Italia, Matteo Salvini, líder da xenófoba Liga Norte, discípulo no twitter de Trump, anunciou que pechaba os portos. E así foi que o que ía ser unha repousada reportaxe de verán sobre o crecente pulso entre as ONG e os Gobernos europeos no Mediterráneo central a conta dos rescates se converteu nunha ampla cobertura multimedia (todo o intensa que a wifi de a bordo nos permitiu) sobre unha crise política que acaparou a atención de millóns de europeos durante nove días.

Todo o que fixemos a partir dese momento na que era a nosa primeira cobertura xuntos (coñecerámonos a véspera de embarcar) tiña un só propósito: que os lectores coñecesen a aquelas 630 persoas, a Progress, aos seus pais, ao seu irmán Donald, a Jessica, a Jack Freeman, a Moses, a Ibrahim, a Ali… e tentar que a través deles a sociedade puidese comprender por que alguén se mete nun caiuco para cruzar o mar, ou máis exactamente, por que alguén embarca os seus fillos en semellante travesía, que é o que pretenden deixar atrás e que é ao que aspiran ao pisar terra firme europea.

Alí estabamos nós con 630 persoas que encarnan un dos fenómenos máis influentes do noso tempo, a inmigración que modela o mundo. Emigrar, desprazarse para prosperar ou para fuxir do perigo, é tan vello como a Historia. Cada un deles co seu propio relato, coas súas miradas e xestos, deunos vimbios cos que ilustrar un fenómeno complexo, cambiante e central na política europea.

Aquarius. Oscar Corral e Naiarra Galarraga

A proporción de emigrantes non variou nas últimas décadas, pero o impacto político da inmigración ilegal (e tamén da legal) disparouse.

Os rescates no Mediterráneo central son só un pequeno capítulo do drama que supón morrer afogado na antesala de Europa, un asunto amplísimo que tamén inclúe os caiucos que chegan a diario ás costas andaluzas, os africanos sen documentos que subsisten como manteiros, os Erasmus que namoran e quedan fóra, os que acaban de licenciarse e cruzan un océano en busca de oportunidades, as mulleres que coidan os nosos fillos e os nosos pais, as familias que recollen o pouco que queda e abandonan os cascallos da súa casa bombardeada en Iemen ou na Siria…

A proporción de emigrantes non variou nas últimas décadas, pero o impacto político da inmigración ilegal (e tamén da legal) disparouse. En Europa. E en Estados Unidos. É un terreo no que as percepcións están a miúdo a anos luz da realidade, algo que a moitos electores pouco lles importa.

Os que axitan o medo fréganse as mans mentres recadan máis votos elección tras elección. Nós tentamos que os lectores e os electores subisen a bordo estes refuxiados e migrantes. E durante uns instantes reparasen neles como persoas, os mirasen aos ollos, e os escoitasen. Non me gusta dicir que aquela cobertura tivo un final feliz, sería moito dicir. Pero si foi un final decente. A cuestión agora é que a historia, antes ou despois, se repite…

Aquarius. Oscar Corral e Naiarra Galarraga

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido