A cidade de

Encarna Otero

POR ALFREDO IGLESIAS

Muller, filla, irmá, amiga, compañeira, mestra. Todas elas son Encarna. Tamén o son a loitadora, a política, a historiadora, a xestora ou a escritora. E o son a galega, a compostelá e a veciña do Carme; a que le con entusiasmo o Sempre en Galiza de Castelao e O segundo sexo de Simone de Beauvoir; a que gusta das cereixas e os figos collidos da árbore, e a que desfruta dun refrescante baño estival no mar ou dun tranquilo paseo dominical polo Pedroso.

Woody Allen afirma que «a xubilación é para a xente que pasou toda unha vida odiando o que facía». Dicimos a verdade ao afirmar que Encarna Otero segue a gozar intensamente en todos os seus campos de actividade?

Coido que si. A xubilación é un dereito cando levas unha vida de labor. Un dereito sobre todo a algo, a ter seguridade e poder ocupar o teu tempo naquilo que antes non puideches facer pola razón que sexa, é dicir, perder as horas e gañar tempo, o tempo para empregalo en ti.

Neste tempo novo, hai novos proxectos dos que nos poidas falar? Volverás á dirección tras a experiencia en A luz do negro?

Na Comisión de Igualdade do Consello da Cultura temos unha liña de traballo para recuperarmos as memorias das mulleres que aínda viven e das que se perderan as pegadas do seu traballo, se non se recuperasen. Nese sentido, hai toda unha liña de proxectos que van continuar.

Para cambiar o mundo, que é máis importante? Crear unha nova literatura infantil, ensinar a amar a Historia aos adolescentes? A mellora da calidade de vida dos adultos? Ou a posta en valor do coñecemento e experiencia dos nosos maiores?

Todo. É que mudar o mundo é un traballo de formigas, como adoitamos facer as mulleres, no que todo é imprescindíbel. Todo iso, e moitísimo máis, é necesario para cambialo, e sobre todo o que é imprescindíbel é o traballo das persoas, día a día, porque esas son as cousas inmensas e enormes que transforman a vida.

Cales son para ti as luces e sombras do sistema educativo actual?

A gran sombra é que está ameazado como sistema público, como base fundamental da vida, e ademais está terribelmente recortado nos seus recursos. Esa é a gran sombra. As grandes luces son que aínda, grazas á loita das persoas, se segue mantendo, e logo os e as profesionais que traballan nel e, sobre todo, que a xente o vexa como un dereito imprescindíbel no que hai que obrigar a investir os nosos impostos.

A profesora Encarna Otero cativaba coa súa percepción única da Historia, á que sempre achegaba actualidade e proximidade. O labor máis complicado é converter a Historia con maiúscula na historia propia de cada un de nós?

Pois si. Evidentemente, o que se trata de transmitir no ensino é como as xeracións anteriores fixeron cousas que nos poden influír na nosa vida de todos os días e que formamos parte dun elo que xa vén de atrás e seguirá cara ao futuro, e temos a obriga de transmitilo. A Historia ten que servir para actuarmos na nosa vida de todos os días.

A literatura infantil descubriulle ao gran público toda a tenrura de Encarna, que nos tiña máis acostumados a publicacións de contido histórico-social. A tenrura é compatíbel coa vida pública?

É completamente imprescindíbel. Eu creo que a tenrura é un compoñente moi feminino e oxalá os homes aprendesen tamén a vivir con ela e para ela. É imprescindíbel na vida de todos os días porque a tenrura tamén che permite firmeza, afouteza e enfadarte cando é necesario, para de aí saíres cara a adiante. Hai que plasmala en todos os instantes da vida.

As satisfaccións da actividade pública chegan a compensar os sacrificios?

Se tes moi claro o servizo público, si, é dicir, en todo dás e deixas sempre, e a vida mesma é unha liña na que dás e deixas. O esforzo, o traballo, non ter tempo e ter que prescindir de moitas cousas claro que forman parte da túa vontade e vocación de servizo público.

Galicia é un matriarcado liderado por homes. Isto é así porque as mulleres son menos ambiciosas cós homes ou porque a política segue a discriminar a muller?

En Galiza o que hai é unha inmensa presenza das mulleres porque traballan moito, pero iso non se traduce nin en toma de decisións nin en poder, é dicir, o empoderamento das mulleres en Galiza aínda non chegou e tampouco o acceso aos recursos económicos. E aínda queda moito. Mira a diferenza entre Amancio Ortega e Rosalía Mera, estuda a proxección empresarial dun e da outra e verás a diferenza. O feminismo teno moi ben estudado e cando as mulleres non participan nin están presentes nin se empoderan é por múltiples razóns, pero entre outras moitas, son moi importantes os obstáculos inmensos que se lles poñen para poder exercer ese traballo e ese poder. É verdade que ás veces dan marcha atrás, pero porque non están dispostas a pagar o inmenso esforzo que lles supón estar en postos de dirección, por iso o empoderamento das mulleres é imprescindíbel porque, cando as mulleres se empoderan, xeran unha mellor calidade de vida para todos, para homes e mulleres.

Que queda da Compostela que deixaches cando saíches a Francia nos anos setenta?

Case nada! Ollo, nestes últimos catro anos de goberno PP pensei que ía volver esa Compostela escura, gris, negra, clasista e terríbel! Porque por sorte, Compostela a partir dos anos oitenta e noventa mudou, mudou moitísimo: democratizouse, urbanisticamente mellorou, tivo un proxecto do que vivimos hoxe aínda. Daquela Compostela quedan os barrios con identidade, que tiñan vida propia e que eu creo que son imprescindíbeis, pero pouco máis, por sorte. Esperemos non retroceder.

O Santiago da actualidade está máis pensado para turistas e visitantes de paso que para o benestar dos composteláns e das compostelás?

A cidade está moi perdida para a súa propia xente. Primeiro, hai que pensar e reflexionar sobre o modelo turístico porque pode morrer de saturación, é dicir, de éxito, que a cidade non sexa capaz de xestionar o turismo que entra nela. Isto, ademais, xa está ocorrendo noutros sitios e xa se está estudando e Santiago ten que estudalo. E en segundo lugar, é verdade que case todas as políticas de benestar se eliminaron e cómpre recuperalas, porque non hai máis que ver a cantidade de pobreza e de marxinación que a cidade ten; e a iso hai que darlle unha alternativa e unha saída. Agardemos que nestes catro anos, co consenso das forzas políticas que están na corporación, de todas aquelas que se din ao servizo das persoas, se recupere esa política de benestar, esa política de convivencia, esa política de consensos e se empece a reflexionar sobre o turismo, que pode ser pan de hoxe e fame de mañá.

Que tiñan Rosalía ou as irmáns Fandiño Ricart en común coas compostelás de hoxe en día?

Tiñan soños, tiñan esperanza, tiñan ilusión por viviren nun mundo mellor e tiñan moitísima tenrura e amor por Compostela. E ademais, unha coa súa poesía e a súa obra –moitas veces máis de amor, outras veces máis de rabia e de loita–, e as outras co seu colorido produciron unha luz inmensa que xa non é de Compostela, é universal. E eu creo que ese tamén debe ser un obxectivo das mulleres compostelás hoxe. Facer país, facer cidade, facer barrio é unha declaración de amor de Encarna Otero a Galicia, a Santiago e ao Carme. Ese amor non lle fai reconsiderar o retorno á política activa? Cando me fun da vida municipal despois de doce anos tiña moi claro que me ía porque hai que deixar paso á xente nova, á xente que teña o folgo e a forza que eu tiña cando traballei por esta cidade, o cal non quere dicir que non participe en política, porque política é todo, non só estar como representante municipal no concello. Agora formo parte dunha asociación de veciños, na que tamén estamos facendo política desde o momento que facemos barrio. Esa é outra esfera de traballo na que continuarei, imaxino, ata que volva á terra que foi de onde saín.

Para rematarmos, cres como Castelao que «o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideias en feitos»?

Si. Eu estou completamente de acordo con iso. Hai que falar, arar e ao mesmo tempo que o arar sirva para dar froito, o que sexa. Eu coincido con Castelao e volvo á imaxe das formigas, que ao traballaren todos os días fan un esforzo ímprobo por construíren e así é como hai que traballar. Isto último dígollo a toda a xente que en Compostela quere iniciar algo, que o faga e persevere e que xogue co único co que en Galiza podemos xogar, coa calidade e as cousas ben feitas, porque só así poderemos volver colocar a Compostela no mundo, que é o que necesitamos neste momento.

Un desexo?

Xustiza no mundo e moita mellor vida para as mulleres!

ENCARNA-OTERO-CORALIA-3

«A cidade está moi perdida para a súa propia xente».

«A Historia ten que servir para actuarmos na nosa vida de todos os días».

«Eu creo que a tenrura é un compoñente moi feminino e oxalá os homes aprendesen tamén a vivir con ela e para ela».

ENCARNA-OTERO-CORALIA-2

Se queres recibir na casa a nosa versión impresa, preme sobre a ligazón:

INVERNO

PRIMAVERA

Se queres poñerte en contacto coa redacción de CORALIA, escribe a:

redaccion@coralia.gal

Se queres contactar co noso departamento de publicidade, escribe a:

publicidade@coralia.gal