Bus Station Space

Arte en tránsito

A galerista Luisa Pita, na plenitude persoal e profesional, sostén que a arte é con frecuencia máis auténtica cá realidade.

O sorriso de Luisa é continuo, sen pausa. As súas maneiras, delicadas. E o seu mirar, entre traveso e curioso, revela un amor absoluto pola arte. Se a súa cor é o vermello, o seu pintor é Picasso, e o seu estilo favorito, o impresionismo. Á fronte de Bus Station Space desde 2012, Pita rompe moldes entre os galeristas profesionais, ao converter a visita ao seu sempre dinámico espazo expositivo nun acerto, con independencia do maior ou menor coñecemento do artista ou obra en cartel por parte de quen contempla. As súas mans son dúas bolboretas frenéticas e incansábeis, sempre dispostas a revelar matices ou unha pincelada xenial, e sempre dispostas a invitarnos a entrar na súa máis grande obra: Bus Station Space.

Cal é o segredo do teu éxito?

Segredo non hai, é traballo diario; non sei se é un éxito continuado, pero desde logo é unha ilusión permanente, día a día. Todas as cidades son boas prazas para a arte e o que hai que facer é impulsar, apoiar e crer nestes proxectos marabillosos que a xente, día a día, levanta, traballa e defende. A min gústame que cando a xente se achega á galería, vexa algo máis que a obra de arte en si mesma, por iso me implico, acompáñoos, fágolles visitas guiadas. Simplemente penso que todas as persoas que entran na galería son o mellor público posíbel.

O artista nace?

O artista faise. Dubido moito que haxa por aí unha fada madriña que lle pon a alguén os pinceis ou os materiais na man para de repente xerar unha historia marabillosa que ese alguén saberá plasmar. Penso que podes ter calidades, pero hai que formarse e desenrolar esas calidades. A arte é puro oficio, constancia e traballo. É a perdurabilidade a que fai que unha obra e un artista sexan recoñecidos. E o coleccionista de gama alta, ama a arte ou só busca facer un bo negocio? O coleccionista sempre ama a arte. É algo pasional. Se alguén ten a posibilidade de adquirir e a súa vez compartir as obras que posúe, estamos diante dunha paixón, non diante dun negocio.

É este un momento axeitado para lanzarse ao coleccionismo?

Sempre é un momento axeitado, o que acontece é que a palabra coleccionismo pode levar a malas interpretacións. O coleccionismo asóciase cun investimento importante de diñeiro, se ben coleccionista é calquera persoa que queira gozar dunha peza especial na súa casa. Aquí ten habido pezas a partir de 50 euros, coma os gravados do artista xaponés Masafumi Yamamoto, que teñen gustado moito, ou esculturas de Camilo Seira que se vendían a partir de 100 euros. O que quero dicir é que o coleccionismo funciona a partir da necesidade e o goce que cada quen obtén cando adquire unha peza dun artista con traxectoria e que non ten que ser necesariamente de miles e miles de euros. A partir de cantidades moi normais, como son 50 euros, xa podes atopar pezas e se non o galerista búscache o que estás a demandar, porque todos os valores son moi altos cando un ten que dispoñer do seu propio diñeiro. Iso hai que respectalo sempre.

Cal é a saúde da arte en Galicia?

Agora mesmo hai artistas que teñen unha presenza e unha traxectoria extraordinaria. Hai que confiar en que toda esta xeración de artistas que están saíndo de Belas Artes, poidan ocupar o lugar que se merecen e o sitio que lles corresponde, porque hai xente moi boa que aínda está por despuntar. Nos vindeiros dez ou quince anos veremos como esta nova xeración de artistas se vai facendo un oco nas galerías, como vai medrando profesionalmente e como nós, os galeristas, podemos apostar por eles. Agora mesmo dar nomes, resúltame moi difícil. Eu aposto por moita xente que me está a facer chegar os seus proxectos, os seus currículos e que eu, pouco a pouco, vou integrando na galería.

Dunha galería de arte como Santiago, que peza che inspira máis?

A min o sitio que me emociona sempre é o parque da Almáciga. Encántame ir alí e pasear, buscar un recunchiño de sol e desfrutalo. Non preciso máis, así son feliz!

O inverno é perfecto para achegarnos á obra de que artista?

En Bus Station Space recordaremos este inverno como a estación perfecta para contemplar as fotografías, esculturas e instalacións de Christian Villamide.

Rematamos cunha cita de Pablo Picasso: «A pintura non se fixo para decorar os apartamentos. É un instrumento de guerra ofensiva e defensiva contra o inimigo». Verdadeiro ou falso?

Absolutamente verdadeiro! O artista transmite a través da súa obra todo o que quere, todo o que sinte, todo o que é bo ou positivo para a sociedade. Permítese esa liberdade de xogar co que el observa, de interpretalo e dirixilo a todo tipo de público. Sen dúbida, comparto totalmente a opinión deste gran mestre.

Un pensamento para compartir? Eu creo, como o facía Kokoschka, que con frecuencia os cadros son máis auténticos cá realidade. O que se plasma nunha obra de arte é un mundo marabilloso.

LUISA-PITA-CORALIA-600-1

«A arte é puro oficio, constancia e traballo».

LUISA-PITA-CORALIA-600-2

«Simplemente penso que todas as persoas que entran na galería son o mellor público posíbel».

BUS STATION SPACE
Praza de Camilo Díaz Baliño
625 34 20 65
De luns a venres:
11.00-13.00/17.00-20.30
Sábado, previa cita
BUS STATION SPACE

Se queres recibir na casa a nosa versión impresa, preme sobre a ligazón:

INVERNO

PRIMAVERA

Se queres poñerte en contacto coa redacción de CORALIA, escribe a:

redaccion@coralia.gal

Se queres contactar co noso departamento de publicidade, escribe a:

publicidade@coralia.gal