Sabela Arán

«Pásoo mellor facendo de mala»

Atravesa un excelente momento profesional, avalada polos premios e co recoñecemento de público e compañeiros de profesión, pero o seu gran éxito, interpretando á Socorrito de A Esmorga, e a Gloria de Serramoura na TVG, non lle quita perspectiva nin altera os seus valores e afectos. Posuidora dunha beleza cativadora, nunca lle di non a un novo reto profesional, a unha xuntanza familiar ou a un paseo polas rúas da vella Compostela. Arán, brillante actriz co corazón repartido entre Compostela e Portosín, está chamada a ser grande entre as grandes.

Cando chega o éxito é difícil manter os pés na terra?

En realidade, este é un traballo como calquera outro traballo. O resto do tempo levas unha vida como a de todo o mundo. Sempre fago o mesmo, coa mesma xente. Teño as mesmas rutinas. Ao mellor é que non cheguei a un punto de éxito que me cegue. Todo o que me está pasando son cousas que no tempo se prolongan moito: a candidatura a un premio non ven dun día para outro e unha temporada grávase en dous meses, así que tes moito tempo para pensar, reflexionar e considerar a túa vida. E cando tes tanto tempo para darlles tantas voltas ás cousas e te das conta de cal é a realidade, non hai nada que che separe da terra.

«Cando son boa, son moi boa, cando son mala son aínda mellor»: a frase é de Mae West, pero podería ser de Gloria de Serramoura?

Gloria podería axustarse perfectamente ao que dixo Mae! Aínda que actualmente estamos vendo unha Gloria diferente, con máis sentimentos, e iso pode ser positivo. Como actriz, sempre que fas un personaxe moi afastado de ti é moito máis interesante. A min gústame facer de «mala», pero é un reto facer de «boa», porque ata o momento na miña carreira sempre me topei co problema do físico, e ao ter as faccións moi marcadas e o xesto un pouco serio, a maior parte da xente considera que non teño faccións de «boa». Cando fixemos Vilamor tiven que dulcificar moito iso. E foi tamén un reto para min porque ás veces podo ser un pouco brusca á hora de falar e transmitir algo que non é. Ambas as dúas situacións son retos, pero eu persoalmente pásoo mellor facendo de «mala».

Cun éxito como Serramoura é difícil ter vida privada?

Gloria é un personaxe que, sendo como é, un pouco retorcida, cae fenomenal. A xente achégase a min con moitísimo cariño e Gloria estame dando moitas satisfaccións nese sentido. En Madrid, na etapa que estiven en Puente Viejo, o trato era máis impersoal. Aquí, na casa, a xente trátate cun respecto diferente e eu procuro ser natural con todo o mundo. Estoulle eternamente agradecida á xente, porque para os actores, ese feedback, ese saber como caes, é fundamental. A verdade é que sempre tiven una consideración moi boa por parte do público.

Probabelmente, a súa decisión máis difícil foi elixir a interpretación fronte a profesións máis estábeis e con maior percorrido. «Se necesitas respirar para vivir, necesitas esforzarte para conseguir un traballo. Eu creo que son unha persoa bastante perseverante e xa que tomei a decisión de ser actriz, teño que ir con todas as consecuencias». Así que, convencida da súa decisión e tras licenciarse en 2009 en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago, Sabela marchou a Madrid para formarse en interpretación e dobraxe, e tomar parte ao mesmo tempo en diferentes curtametraxes e series web que lle foron proporcionando táboas, ata que no ano 2012 a súa actuación na longametraxe Vilamor de Ignacio Vilar, a fixo merecedora do Mestre Mateo á mellor actriz. A partir dese momento o seu rostro tense feito enormemente popular entre o público, grazas a series tan premiadas como Matalobos, Gran Hotel, Serramoura e Códice, e a longametraxes como Blockbuster ou a A Esmorga. O seu é un oficio fermoso, pero complexo. «Todos os días hai unha parte de min que pensa se estou facendo o correcto –revela Sabela sen dubidar–, porque é unha profesión inestábel, sen ningún tipo de seguridade a nivel administrativo, e economicamente sen garantías, na que non tes unha xubilación nin unha carreira asegurada ata os 65. Para min, tomar a decisión de ser actriz, podendo facer outras cousas que tamén me gustaban moitísimo, foi a decisión máis importante. Porque despois todos os personaxes que fixen ata o momento tiveron algo interesante. Pero a profesión é enfastiada, tan bonita como enfastiada».

Que papel che ten suposto máis satisfaccións ata o de agora?

Sonia, de Vilamor, foi fundamental nun sentido práctico, porque foi o primeiro personaxe que interpretei para o gran público; pero téñolle especial cariño á Socorrito de A Esmorga. Cando eu lin A Esmorga no instituto, a descrición dese personaxe fíxome chorar e ata ese momento non chorara nunca lendo un libro. Quedoume tan marcada que poñerlle cara, poñerlle mímica e voz, foi un agasallo absoluto. Ser fiel á Socorrito que todos coñecemos é un éxito persoal. Síntome moi orgullosa do traballo que fixen, que non sempre se pode dicir; e, no caso da Socorrito, síntome feliz.

Os Mestre Mateo proporcionan máis amigos ou inimigos?

Os Mestre Mateo nunca fan inimigos, porque son unha maneira de darlle recoñecemento a un traballo que se vai facer igualmente. Eu non estou interpretando a Gloria pensando no Mestre Mateo, nin eu nin ninguén, quero pensar. Hai que ter en conta que a familia audiovisual de Galicia é unha familia na que todos somos amigos. Ti podes pertencer máis a un grupo ou levarte mellor con outra persoa, pero en realidade sempre estás implicado dalgunha forma, ou emocional ou profesionalmente coa xente que vai levar o premio. A min pasoume no caso da Socorrito, que non levei, e non me sentín mal, porque recoñecía o traballo de compañeiras. Antes de entregarse os premios felicitoume moitísima xente polo meu traballo. Compañeiros que non coñecía persoalmente felicitáronme polo traballo que fixen. Son compañeiros que ademais de público forman parte do oficio, e recibir o seu parabén para min é fundamental.

Marilyn Monroe queixábase hai máis de medio século de que en Hollywood importaba moito máis o peiteado que a virtude das actrices. Como é o panorama audiovisual hoxe?

Marilyn pertencía a unha época na que se valoraban outras moitas cousas antes que as dotes interpretativas. No audiovisual hai unha desigualdade absoluta da muller con respecto ao home. A presenza masculina vai ser, na maioría dos casos, maior, e a vida profesional das actrices máis curta. No audiovisual non se escribe tanto para nós, e entre todos temos que corrixilo e darlle cabida a historias contadas pola boca de mulleres. Depende de nós como profesión, pois o público vai aceptar esas historias igualmente. A cuestión é valorar o que realmente importa: o talento. En Galicia están a traballar actrices e actores de todas as características e nese sentido é un plus para o noso audiovisual porque está facendo as cousas moi ben. Ás veces sacrificando un pouco tardas máis en chegar, pero chegas dunha maneira máis honrada.

Que sacrificios implica a interpretación?

Neste traballo trabállase desde moi cedo, como en moitos, e teño que pasar moitísimas horas en tacóns, coa roupa que lle toque ao personaxe… Pero non me atopei con ninguén que me pedira cambios físicos. Non me pediron nin engordar nin adelgazar; pedíronme como moito lavar o cabelo con xabrón Lagarto, que polo visto lle quita o brillo. O sacrificio é manterse.

A quen che gustaría darlle vida no futuro?

Ser outro sexo nunha interpretación. Facer directamente de home. É algo moi complicado que me esperta moita curiosidade. Tamén me gustaría facer un papel que implique un esforzo físico, en liña coa Hilary Swank de Million Dollar Baby ou da Tenente O’Neil de Demi Moore.

Con que directores quererías traballar?

A verdade é que me gustaba moito a maneira de traballar de Kubrick, pero está morto e non pode ser. Teño moita curiosidade por David Fincher, por Coppola, e entre os máis achegados, Montxo Armendáriz, que tamén ten unha sensibilidade moi especial e Almodóvar porque é un tipo bastante peculiar á hora de dirixir e darlles forma aos personaxes.

Sabela Arán, lonxe dos focos, saborea enormemente as pequenas grandes cousas. Encántalle perderse polas rúas da zona vella da Santiago. «Co paso do tempo desfruto moitísimo máis de tomar uns viños ou unhas cañas pola zona vella coa compaña que eu escolla que facendo outras cousas. A min perderme pola pedra compostelá gústame moitísimo». Sen embargo, cando busca tranquilidade o seu destino favorito é Portosín: «É un sitio paradisíaco. A auga da praia non está quente, non é o Caribe, nin podes esquiar, pero si que podes tomar un viño no bar de sempre, saudar aos veciños de sempre e, sobre todo, estar tranquila, coa familia e preto do mar». De feito, esta localidade forma parte de moitos dos seus momentos máis entrañábeis: «Sendo moi pequena, as angulas eran un prato que non se podía tomar todos os días, e cando comiamos todos xuntos, a miña avoa Leonor, que faleceu hai ano e pico, convidábanos aos meus irmáns e a min a tomar as angulas porque sabía que nos facía especial ilusión. Cando penso na miña infancia recordo moito ese sabor, porque xa non se comen e forman parte do pasado».

Poderías desvelarnos os ingredientes dun día perfecto?

Para min sería un día no que haxa un pouco de todo. Unha parte de traballo, porque iso me faría sentir que fago o que quero, faríame sentir realizada como traballadora. Unha xuntanza familiar ao redor dunha mesa, pois na miña casa iso sempre se valorou moito, con sobremesa e conversas que se prolongan horas e horas e horas. E, pola noite, estar na casa descansando, estar vendo unha película, ou lendo un rato ou escoitando algo de música… Sentir que cumpro todas as miñas necesidades vitais: o traballo, o amor da familia, dos amigos, da miña parella e a tranquilidade. Eu son unha persoa que por momentos quero estar con moita xente, pero preciso estar comigo mesma tamén.

Tes feito algunha loucura por amor?

O amor é o motor fundamental, pero ata o momento non tiven demasiado amor de parella. Así que non fixen aínda nada moi esaxerado, pero podería facer calquera cousa!

E por último, con que soña Sabela Arán?

Coa familia xa conto, porque teño unha familia estupenda, e a saúde vai vir ou non vai vir. Eu principalmente co que soño é con poder vivir do meu traballo. Soño cun futuro un pouco estábel, que supoño que é algo que está na cabeza de todos no seu oficio. Esforzarme por conseguir o meu obxectivo e vivir do que me gusta.

«Cando tes tanto tempo para darlles tantas voltas as cousas e te das conta de cal é a realidade, non hai nada que che separe da terra».

sabela-aran-CORALIA-600x956
sabela-aran-CORALIA-3-600x956

«Ás veces sacrificando un pouco tardas máis en chegar, pero chegas dunha maneira máis honrada».

sabela-aran-CORALIA-4-600x956
sabela-aran-CORALIA-2-600x956

«O amor é o motor fundamental, pero ata o momento non tiven demasiado amor de parella».

FICHA
Núa Moda
Vestiario
Espadela

Aditamentos
Rois Llongueras

Peiteado e maquillaxe
Álex Regueiro

Estilista
Lucía Cabrera

Aux. de produción
Alfredo Iglesias

Fotógrafo
Dado Dadá Jazz Club

Localización
VOLVER AO PRINCIPIO

Se queres recibir na casa a nosa versión impresa, preme sobre a ligazón:

INVERNO

PRIMAVERA

Se queres poñerte en contacto coa redacción de CORALIA, escribe a:

redaccion@coralia.gal

Se queres contactar co noso departamento de publicidade, escribe a:

publicidade@coralia.gal