Hotel

Moure

fóra do convencional

Hai unha nova Compostela que sorprende e marabilla a propios e alleos. Unha capital na que se abre paso a sofisticación dunha arquitectura de vangarda que, lonxe de mimetizarse coa cidade vella, a renova e lle dá contemporaneidade. O hotel boutique Moure representa o paradigma da grande arquitectura posta ao servizo do benestar das persoas.

«Please, do it yourself» é un principio angular da política comercial do Hotel Moure, unha visión refrescante da hospedaxe, que contraría o concepto do luxo vinculado aos servizos esmerados e defende a liberdade máxima no uso e deleite das instalacións, dos espazos e dos servizos por parte dos hóspedes. Semella lóxico que entre os seus clientes –moitos deles estranxeiros– abunden as persoas con inquedanzas en relación ás novas tendencias e o deseño, que foxen do convencional e aprecian orixinalidade e ubicación por igual.

A zona social é un espazo aberto e dinámico que fusiona madeira, pedra, formigón e cristal, e na que o sonido da auga ten unha presenza constante. Todos os hóspedes gozan neste espazo común de cociña aberta, honesty bar, coffee shop, prensa e ordenadores gratuítos; así como dunha atmosfera que cambia co paso das horas e, que se ao atardecer invita ao descanso e o relax, pola mañá nos empurra a gozar do día en plenitude.

Entre os múltiples galardóns recibidos polo hotel Moure, hai que destacar o Premio Internazionale Ischia Di Architettura no ano 2014

Cada unha das quince habitacións do hotel posúe a súa propia identidade, incluíndo solucións de confort e deseño orixinais, que van desde a forma en que a luz natural entra no baño ata os propios cabeceiros das camas, e que se perciben en multitude de pequenos detalles, como nas perchas, exclusivas do hotel.

A singularidade do Moure fai da hora do baño un auténtico divertimento, ao ofrecernos a posibilidade de darnos un baño romano nunha bañeira redonda baixo unha entrada cenital de luz natural, ou de facelo gozando das vistas panorámicas da cidade e o Pedroso, de refrescarnos nunha ventá balcón, ou de facelo entre os muros de pedra e hedras do patio exterior.

Hotel Moure

Rúa dos Loureiros, 6
981 58 36 37
www.mourehotel.com

Tempada alta:

*Tarifas dinámicas,
en función da oferta
e demanda

Do 1 de abril
ao 1 de novembro
e pontes*

FICHA

Pablo Oreiro
Modelo

Rois Llongueras
Peiteado e maquillaxe

Álex Regueiro
Estilista

Lucía Cabrera
Aux. de produción

Alfredo Iglesias
Fotógrafo