Oro

Negro

A busca do tesouro

POR DIANA IGLESIAS

A moda volta constantemente a mirada atrás para construír o seu futuro. De feito, esa é a esencia mesma do seu carácter cíclico e o motivo polo que as prendas vintage, que sobreviviron cando menos vinte anos despois da súa creación, se teñen revalorizado co paso do tempo ata converterse en verdadeiros tesouros. Se os anos setenta e oitenta che pareceron irrepetíbeis e os rememoras constantemente con certa nostalxia, Oro Negro converterase no teu novo templo de culto.

A primeira pista do que nos imos topar tras ese escaparate xa nola da o propio nome do establecemento. O petróleo é na actualidade o motor da economía mundial, un negocio redondo e un líquido cuxo valor se asemella ao de calquera metal nobre. É tamén a perfecta metáfora do que ofrece Oro Negro: auténticas reliquias das que posuiremos a exclusiva, xa que se trata de pezas singulares.

Entre esas catro paredes o tempo parece deterse e o noso apetito consumista insaciábel ralentízase: case a par que aparecen nos raís e estantes os chándales, camisas de cowboy e estampados psicodélicos propios destas décadas, que reflicten o cambio das normas do xogo e o inicio da democratización das tendencias co crecemento da moda de consumo rápido, caracterizada polos seus baixos prezos.

Dúas das décadas máis prolíficas no que a produción téxtil e tendencias se refire, están fielmente representadas. Parte da historia máis recente do sector son os distintos modelos de creepers que poderedes atopar situados a un metro do chan en diversas baldas. Este calzado underground que popularizaron nos cincuenta os mozos rockabilly, ten a súa orixe nos anos posteriores á II Guerra Mundial e alcanzou o seu máximo apoxeo na década dos setenta. Oro Negro comercializa a versión máis luxosa e sofisticada deste calzado de sola ancha, as PinSoup confeccionadas en pel e ante e cosidas a man.

Por iso non é de estrañar que a súa clientela sexa do máis diversa e variopinta. Á tenda, tal e como recoñece o seu propietario, Iago Pedreira, achégase xente de todos os estilos, «temos un público moi amplo, tamén no que a idades se refire».

«Temos un público moi amplo, tamén no que a idades se refire».

Iago Pedreira

Outro dos alicientes que ofrece este establecemento redunda no encanto de escudriñar entre os colgadoiros en busca de pezas únicas que incorporar aos nosos gardarroupas, a maior parte delas traídas desde EEUU, Inglaterra ou Francia. Entre as que se atopan icónicas beisboleiras, xerseis dalgunhas das universidades máis coñecidas ou prendas denim. Case todas unisex, xa que foi na década dos setenta cando xurdiu esta tendencia social que se caracterizaba por diluír as diferenzas propias do xénero en materia de vestimenta e aparencia.

A venda de artigos usados é unha práctica habitual, desde hai anos, en países como Australia ou Noruega, pero parece que por fin os galegos nos decidimos a importar esa fórmula de negocio tan exitosa. A iniciativa, tal e como nos confesa Iago, está a ter moi boa acollida na cidade, quizais debido a que, pese a que a estética vintage comezou a estar de moda hai uns cantos anos, ata que Oro Negro aterrou na capital galega «non había posibilidade de adquirir este tipo de prendas».

A moda de segunda man demostra que a industria téxtil non ten porque ser efémera: as pezas poden ter tantas vidas como donas e donos. Pero non deixedes que o termo vos leve a engano: todas e cada unha das pezas da tenda están en perfecto estado e foron tratadas antes de poñerse á venda para garantir uns estándares mínimos de calidade.

ORO NEGRO

Alfredo Brañas, 21
626 05 60 74


Mon-Fri
10:30am-2:30pm
4:30pm-9:00pm
Sat
11:00am-2:00pm
4:30pm-8:30pm

FICHA

Damián Prado
Modelo
Rois Llongueras
Peiteado e maquillaxe
Álex Regueiro
Estilista
Lucía Cabrera
Aux. de produción
Alfredo Iglesias
Fotógrafo
Oro negro
Localización

Queres ver máis?

Preme sobre o botón

Queres ser modelo?

miranda@coralia.gal