•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Banquete de Conxo

150 150 CORALIA

En tempos de enfrontamento, falla de consenso, rivalidade e desafecto, o Banquete de Conxo recórdanos que a unión e a solidariedade do pobo son posíbeis, que existen espazos de afecto e irmandade. A época actual é ben distinta do primixenio banquete de 1856, mais non custa extrapolar as súas leccións e espírito reivindicativo, co galeguismo por bandeira.

(...)
y brindo por el pueblo soberano…
y a quien acate libre como el viento
el vuelo del humano pensamiento…

Aurelio Aguirre

Con estes versos brindaba Eduardo Pondal e saudaba os asistentes ao histórico banquete, celebrado por iniciativa do poeta compostelán Aurelio Aguirre, daquela estudante de Dereito. Ambos os dous serían procesados pola Audiencia da Coruña, por este e outros brindes democráticos e progresistas realizados durante o transcurso da xornada. Ameazados con seren deportados ás illas Marianas, a intercesión do fiscal de Santiago evitouno finalmente.

por VALERIA PEREIRAS

Este episodio dá conta da transcendencia que tivo aquel evento na carballeira de Conxo que vén de recuperarse recentemente. O ano pasado celebrábase a primeira Festa do Banquete, promovida polo Concello de Santiago, para conmemorar a mítica xuntanza considerada un dos momentos fundacionais do galeguismo. Amais dos mencionados Pondal e Aguirre, dela tamén tomaron parte outras persoas destacadas da época, como Luís Rodríguez Seoane, Manuel Murguía, Paz Novoa ou Rosalía de Castro.

Celebrada despois da grave crise económica de 1852 a 1855, que afecta a agricultura e paraliza a industria dando lugar a motíns en diferentes cidades, e coincidindo co décimo aniversario dos Mártires de Carral –a sublevación de militares galegos contra o ditador Narváez que rematou co fusilamento de todos eles–, o feito diferencial deste fito da historia contemporánea de Galicia foi o convite realizado a un patrón e dous obreiros de cada oficio por parte dos estudantes da Universidade de Santiago que, vestidos de frac, servíronlle o banquete aos obreiros; un xesto de confraternización que non gustou ás autoridades que temían unha insurrección, e que rematou coa mobilización do exército.

O ano pasado celebrábase a primeira Festa do Banquete, promovida polo Concello de Santiago, para conmemorar a mítica xuntanza considerada un dos momentos fundacionais do galeguismo. Amais de Pondal e Aguirre, dela tamén tomaron parte outras persoas destacadas da época, como Luís Rodríguez Seoane, Manuel Murguía, Paz Novoa ou Rosalía de Castro.

Neste 163 aniversario a comisión organizadora do Banquete de Conxo implicou os veciños dos barrios do Castiñeiriño, Pontepedriña, A Rocha e Santa Marta, zonas que forman parte do antigo Concello de Conxo. Tralos preparativos, que incluíron distintas actividades, como obradoiros para a elaboración de traxes de época, un roteiro histórico-artístico e teatral, o venres 3 arrancan oficialmente os festexos. Comezan con actividades infantís e culminarán o domingo coa romaría na que se volverá a servir cabra, produto tradicional nas festas dos barrios do sur da cidade.

Para quen non poida asistir, o programa inclúe tamén unha xornadas gastronómicas nas que se servirá este prato na Bodeguilla de Santa Marta e no Mercado gastronómico La Galiciana, entre outros restaurantes de Compostela que prepararán este produto durante os días que dura a celebración.

«Temos que ir todos a Conxo, berrar liberdade, igualdade e fraternidade!», dixo daquela Pondal. «Baixaremos todos xuntos e celebraremos un banquete onde os compañeiros lerán o seu brinde para reivindicar os valores tan prezados que nos unen», respondeu Rosalía. A celebración desta nova edición do Banquete de Conxo quere recuperar eses valores e festexar a unión do pobo galego. Que a «Orde e fraternidade», presidan de novo os actos de conmemoración e sirvan para revitalizar Compostela cultural e politicamente como pasou daquela.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido