•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Bodeguilla

150 150 CORALIA

É TENDENCIA

Bodeguilla

A receita do éxito

San Roque, San Lázaro e Santa Marta presumen de Bodeguilla. E aínda que cada un destes tres espazos gastronómicos posúe unha personalidade propia que o diferencia dos outros membros da familia, todos teñen en común a excelencia no trato, no servizo e no produto, que caracterizan a firma compostelá.

  • San Roque, 13
    T 981 57 78 05
    San Lázaro, 104
    T 981 56 66 07
    Avda. da Liberdade, 11
    981 81 35 20

  • www.labodeguilla.gal
     f bodeguilladesanroque

Javier Míguez Nimo inaugura a primeira Bodeguilla en 1986, logo de varios anos aprendendo a profesión no Crosby, o Bohemia e o Tamboura. Ese paso por locais emblemáticos da movida dos oitenta, permitiulle botar a andar a súa idea de negocio, coñecendo profundamente as particularidades da hostalaría compostelá.

A Bodeguilla de San Roque abriu as súas portas o 19 de setembro de 1986 na que era a casa familiar, e de inmediato converteuse en lugar de paso obrigado entre veciños e visitantes. O segredo do éxito instantáneo da súa idea, amais de no trato e no estilo do servizo, radicou na carta da taberna. Unha carta na que Míguez Nimo incorporou seis tapas quentes, fóra da tendencia do momento que se inclinaba por tapas exclusivamente frías.

O público, os costumes e os gustos de hoxe en día pouco teñen que ver cos de 1986. Daquela, os pratos fríos representaban o noventa por cento da carta, mentres que na actualidade só son o dez por cento do total. Unha carta que hoxe cambia dúas ou tres veces por temporada, na que seguen trunfando vellas receitas como a de solombiños ao queixo, a tosta de salmón e o tiramisú de castañas.

Desde a súa apertura, os viños e os petiscos da Bodeguilla propiciaron grandes amizades, confidencias e conversa fluída, e deron lugar aos faladoiros de Sucasas, Maside, Pardiñas, Pepe Tomé ou Xaquín del Valle-Inclán. O seu público, ano tras ano, irá mudando, ata quedar configurado principalmente por profesorado universitario, profesionais liberais e mozos e mozas nas súas primeiras citas co amor e cos viños.

Fiel ao seu carácter emprendedor, aos sete anos da apertura en San Roque, Javier abriu moi preto de alí Casa Loureiros, un establecemento especializado nas cociñas do mundo que ostentou durante os catro anos que permaneceu aberto o título de restaurante de máis sona da contorna. Aquela experiencia xunto ao éxito da Bodeguilla orixinal impulsaron a expansión do negocio, que chegará a San Lázaro en 2005. Neste barrio, eminentemente administrativo, Míguez abre un local cálido e funcional, no que dá cabida a unha aula de formación -única en Galicia-, onde celebrar catas de viños, queixos, aceite, cervexa, chocolate etc.

Será en 2012, coincidindo co vinte e cinco aniversario da apertura da Bodeguilla de San Roque, cando a familia volva medrar coa apertura da Bodeguilla de Santa Marta, un espazo sorprendente no que están moi presentes o deseño e a innovación. Vai, pois, para trinta anos que a Bodeguilla é tendencia en Compostela, evolucionando, cambiando, reinventándose sen renunciar á súa esencia.

É tendencia por posuír a carta máis ampla de viños de Compostela e unha das mellores de Galicia. Porque xunto aos albariños, mencías e aos escumosos galegos, a súa carta inclúe caldos de Chile, Arxentina, California, Francia ou Portugal, viños doces de Xerez e unha importante selección de escumosos cataláns. É tendencia polo seu excepcional xamón ibérico de landra, cortado á man por José Manuel Míguez, campión estatal de corte de 2015. Por implantar o servizo de comidas a domicilio con JUST-EAT, ou por incorporar unha tarxeta que premia a fidelidade dos seus clientes.

Contido extraído do número 2.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido