•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

CARLOS VILLANUEVA
«Temos a débeda e a obriga
de dar a coñecer a Andrés Gaos»

Carlos Villanueva

150 150 CORALIA

Investigador vocacional, Carlos Villanueva Abelairas (Melilla, 1949) é un infatigábel divulgador dos nosos autores. Catedrático de Historia da Música na Universidade de Santiago e experto en sons medievais, encabeza o equipo de investigadores que, baixo o paraugas do Grupo Organistrum, está a estudar o Fondo Andrés Gaos, un tesouro que ven de chegar á Biblioteca América desde Bos Aires, tras a súa cesión á USC por parte do fillo do violinista Andrés Gaos Guillochón. Para Villanueva a Universidade de Santiago de Compostela é a gran caixa de resonancia que nos permitirá recoñecer e converter a obra dun dos mestres máis esquecidos da música galega en patrimonio artístico para todos os galegos.

«Gaos ten a sorte de pertencer a unha familia moi musical, pois que o seu pai, un recoñecido violinista, era o representante do seu cuñado, Canuto Berea, un prestixioso director de orquestra e empresario. De feito, aquel neno prodixio era quen probaba os pianos da tenda de instrumentos ao cargo do seu pai (en Vigo)».

SOCIEDADE

A Biblioteca América da USC ven de recibir a doazón do Fondo Andrés Gaos, cedido polo seu fillo. Como se pode definir a traxectoria musical de Gaos?
Andrés Gaos (A Coruña, 1874 – Mar de Prata, 1959) comeza a súa traxectoria a curta idade como un virtuoso do violín e do piano. Gaos ten a sorte de pertencer a unha familia moi musical, pois que o seu pai, un recoñecido violinista, era o representante do seu cuñado, Canuto Berea, un prestixioso director de orquestra e empresario. De feito, aquel neno prodixio era quen probaba os pianos da tenda de instrumentos ao cargo do seu pai (en Vigo). Foi nesa época na que deu o seu primeiro concerto, aos dez anos de idade, iniciando unha traxectoria fulgurante e gañando os seus primeiros premios.

Non tardou en dar o gran salto a América. Co tempo o propio Gaos chegou a considerarse arxentino.
Primeiramente acada unha bolsa coa que viaxa a París e recibe moitos galardóns e un grande recoñecemento desde aquela plataforma parisiense. Precisamente grazas a este fondo que temos agora en Compostela podemos seguir a súa traxectoria nos seus primeiros anos, que son fundamentais polo enfrontamento de caudais musicais que lle afectaron de preto: a tradición e as novas correntes. En 1895, unha vez que acada a maioría de idade, viaxa a América, a Bos Aires. Alí se inicia como instrumentista e principia un dúo profesional coa súa primeira dona, América Montenegro. É unha época na que pasan moitas cousas tanto na súa vida persoal como na profesional, na que chegará a abrir o seu propio conservatorio, fará xiras de concertos por toda Europa, casará novamente -con Luisa Guillochón-, e trasladarase temporalmente a París, para máis tarde instalarse definitivamente en Bos Aires onde traballará como profesor, chegará a ser catedrático de violín e, en certo momento da súa vida, terá un cargo importante como inspector de ensino secundario. En todos estes anos, rexistramos unha serie de obras que Andrés Gaos irá transformando co paso do tempo, como é o caso da suite romántica retocada por el mesmo e logo convertida en Las montañas de Galicia, en 1953. Asemade, continúa a súa tarefa como compositor; non con moita obra, pero si dunha calidade extraordinaria.

«O seu problema é o mesmo que o de Manuel Quiroga ou Jesús Bal y Gay, por exemplo. Todos os autores que tiveron que saír de Galicia, aínda que neste caso non fose por mor dun exilio, senón pola emigración, sufriron este descoñecemento pola falta de estudo da súa obra, sobre todo aqueles que non tiveron relacións cos centros galegos».

«Gaos era un músico de tradición, moi afrancesado e cunha liña tardorromántica. Formouse ademais alí, en París, coas influencias de mestres como Saent-Saëns ou Cesar Frank, e lonxe da agresividade dos novos compositores como Stravinsky. El non pertencía ao circulo de músicos da vangarda que, naquel entón, era moi exclusivista, algo que hoxe non ocorre».

Gaos é considerado como o maior representante da escola española de violín, e a pesar de isto, é un dos grandes esquecidos da historia da música galega. Por que? Semella un paradoxo.
O seu problema é o mesmo que o de Manuel Quiroga ou Jesús Bal y Gay, por exemplo. Todos os autores que tiveron que saír de Galicia, aínda que neste caso non fose por mor dun exilio, senón pola emigración, sufriron este descoñecemento pola falta de estudo da súa obra, sobre todo aqueles que non tiveron relacións cos centros galegos. Gaos, en cambio, tivo moita participación, no de Bos Aires.

Vostede encabeza o grupo de traballo encargado do estudo deste legado. Cales son os eixes deste patrimonio musical?
O fondo presentouse oficialmente na USC no mes de outono. É unha especie de continuación dun primeiro legado, tamén doado polo seu fillo, ao Concello da Coruña. A súa man é fundamental porque puxo en orde todo o patrimonio musical do seu pai: cartas, fotografías, algunha delas á carón de Camille Saint-Saëns, por exemplo, cadernos de xiras ou recortes de prensa. Consérvanse boa parte das setenta obras que compuxo, moitas delas manuscritas, e algunhas sen estrear. Tamén cartas con outros compositores, como Tomás Bretón ou Pau Casals, a quen por certo chega a facerlle a dedicatoria dunha obra para violonchelo e piano. Esta doazón é como un agasallo! O profesor Xoan Trillo aconsellou a Gaos Guillochón depositala na nosa Universidade por ser o lugar máis axeitado para acometer o estudo, divulgación e catalogación da obra do seu pai e, tal e como o propio Gaos desexaba, que o seu fondo se custodiase finalmente en Galicia.

Hai na obra de Gaos desinterese polas novas tendencias musicais?
Gaos era un músico de tradición, moi afrancesado e cunha liña tardorromántica. Formouse ademais alí, en París, coas influencias de mestres como Saent-Saëns ou Cesar Frank, e lonxe da agresividade dos novos compositores como Stravinsky. El non pertencía ao circulo de músicos da vangarda que, naquel entón, era moi exclusivista, algo que hoxe non ocorre. Ademais, a vida musical e persoal de Gaos ten un punto de inflexión importante en 1937 coa súa participación na Exposición Internacional de París. A falta de afondar máis, sabemos polas moi divulgativas biografías de Rosa María Fernández ou Xulio Andrade, que a presenza do mestre marcouno, por tratarse dun estranxeiro, dun emigrado que chega a París para representar a Arxentina. E por riba, tocando obras do seu propio repertorio e deixando fóra a moitos compositores de vangarda. Esta ruptura tamén nos dá claves para entender a elección do xeito de escribir ao antigo estilo.

A falta de material para afondar na súa obra é determinante. Cando comeza o movemento da recuperación da súa traxectoria?
Comeza cando Rodrigo de Santiago se atopa coa obra do autor ao ser nomeado director da Banda de A Coruña. O seu labor é moi importante para dar a coñecer a figura de Gaos. Tamén xogou un extraordinario papel Ramiro Cartelle que fundou a Asociación Musical que leva o nome do compositor e foi artífice da doazón á cidade da Coruña de parte do seu arquivo, así como de dous violíns. E logo está o labor, non suficientemente valorado de Juan Trillo, que xunto a Víctor Pablo Pérez comezou a mover a parte editorial das obras de Gaos.

Un dos obxectivos que se marca o grupo de traballo que vostede dirixe e unha nova monografía para afondar no estudo de Gaos. Falta quizais a día de hoxe unha biografía definitiva do autor?
Eu creo que a palabra «definitiva» nestes momentos non aparece. Montserrat Capelán fará este estudo e para levalo adiante temos moitísimo material novo, máis de 150 cartas e extraordinario material gráfico. Por exemplo, posibelmente haxa temas políticos sen destapar, moita música inédita e unha importantísima achega da prensa da época. Cambiarán cousas porque antes coñecíase menos sobre Gaos. Vai ser unha obra moi importante que non vai desautorizar a ninguén, senón que vai completar todo o que se fixo até agora.

Que obxectivos se marca o seu grupo para a posta a punto deste fondo documental?
A presenza do fondo en Compostela é, por exemplo, a gran ocasión para investigar sobre a vida e obra de Andrés Gaos nunha tese doutoral. Pero non vexo esta oportunidade como un traballo individual senón como a ocasión para levalo a cabo en equipo. Eu creo que temos a débeda e a obriga de dar a coñecer a Andrés Gaos. Editar a súa obra descoñecida e crear no público esa necesidade. Esta é a ocasión perfecta para que as súas composicións se interpreten, non sei se dun xeito definitivo, pero si necesario. Sabemos dalgún instrumentista, como é o caso de Florian Vlashi, que gravou algunha das obras do músico galego, as súas habaneras ou sonatas, pero toda esta produción non está regulada nos conservatorios, nin a súa música nin a de ningún autor galego. É por iso polo que estamos en contacto coa Orquestra Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia, para levar a cabo monográficos de Gaos na tempada 2018-2019.

A liña musical das súas composicións -máis preto da tradición que da vangarda- é outra das claves da investigación?
Temos que desentrañar o motivo polo que un compositor de tanta calidade non compuxo máis obras. Desde o ano 1936, Gaos non fai practicamente obra nova salvo algúns arranxos. Está un pouco como fóra de tempo, aínda que iso tamén pasou aquí con outros autores. Isto pode estar relacionado con movementos políticos, de relacións profesionais ou incluso da política cultural daqueles momentos. No seu caso, os movementos de vangarda eran moi exclusivistas e agresivos, e Gaos non camiñaba da súa man. Agora, por exemplo, hai un maior eclecticismo. Eu ensino música e mostro o máis moderno pero tamén intento facer comprender o anterior. Dubido moito que, coa calidade desas obras, Gaos non tivera máis encargos. Por que? Esta é unha das chaves do estudo.

No ano 2019, cumpriranse sesenta anos do pasamento de Gaos. Podemos xa anunciar un seminario internacional e unha exposición?
Estamos buscando apoios porque pretendemos que sexa unha operación institucional. De cara a este fin a Universidade de Santiago xa comezou os contactos. Mais o catálogo definitivo non sairá até a tempada 2018-2019. Será o primeiro paso para atraer ao público, paso que debe ir en paralelo ás tarefas de restauración dos violíns do fondo, un deles de fins do século XVIII e outro de 1928. E, xunto a todo isto, temos que avanzar no seu estudo, involucrando ao público de toda Galicia para poder difundir a súa obra.

«Eu creo que temos a débeda e a obriga de dar a coñecer a Andrés Gaos. Editar a súa obra descoñecida e crear no público esa necesidade. Esta é a ocasión perfecta para que as súas composicións se interpreten, non sei se dun xeito definitivo, pero si necesario».

«Temos que desentrañar o motivo polo que un compositor de tanta calidade non compuxo máis obras. Desde o ano 1936, Gaos non fai practicamente obra nova salvo algúns arranxos. Está un pouco como fóra de tempo, aínda que iso tamén pasou aquí con outros autores».

Entrevista extraída do número 8.

Fernando Franjo
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Facultade de Xeografía e Historia

Inverno de 2017

Data de publicación:

Localizacións:

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido