•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

CHRISTIAN ESCUREDO
«Adán é galego»

Christian Escuredo

150 150 CORALIA

SOCIEDADE

De sorriso permanente e ollar curioso, Escuredo mantén intactas a frescura e enerxía do seu debut (Inesperadamente, de 2004), xunto ás ganas de divertirse e aprender cada día.

Con só trinta e dous anos, é unha estrela que, sen renunciar á súa esencia ou ás persoas e lugares importantes, saborea tranquilamente o seu éxito maiúsculo.

Diplomado en educación musical, licenciado en arte dramática e cun posgrao en artes escénicas, Christian transita do cine ao teatro e da música á danza con absoluta naturalidade.

O protagonista das longametraxes El silencio de los objetos de Iván Rojas, A pesar de todo, quérote, de Jorge Algora ou Barreiros de Simón Casal de Miguel, e o Carlos Grandío da premiada serie Libro de familia (TVG), é hoxe por hoxe un dos imprescindíbeis da carteleira madrileña.

A compostelá Casa do Cabido é o escenario perfecto para a conversa e un decorado ideal para fotografar un dos rostros máis atractivos da escena actual.

Desde o outono de 2014 Christian é Adam, un Adán que reina no Broadway madrileño subido a unhas plataformas de vertixe. Icona da tolerancia e a diversidade, o irreverente personaxe da superprodución musical Priscilla, reina del desierto é un ser complexo, tenro e divertido, ao que dotou de vida e autenticidade este recoñecido actor e músico valdeorrés.

Premiado como actor revelación de 2014, o mellor actor de musical de 2015 vive un momento absolutamente doce na profesión, recoñecido por público e crítica grazas a un personaxe que lle proporcionou incontábeis alegrías.

Cando o éxito te acompaña ano tras ano, é difícil manterse pegado á realidade?
Eu manteño os pés na terra estando conectado co presente. A min amólame moito pensar no futuro e gústame espremer cada día. Vivir as cousas que suceden en cada momento é quizais o que me permite manterme centrado. O que de verdade me gusta é vivir o presente!

Ser o mellor actor de musical en España de 2015 faiche pensar en dar o salto a Londres ou Broadway?
Non, precisamente. O que fai é darme pulos para seguir dedicándome ao que máis me apetece, sen que signifique que iso teña que ocorrer en Londres, Broadway, Madrid ou Santiago de Compostela.

Despois de tantas representacións, hai algunha función que sexa máis memorable ca o resto?
Por suposto que si. Os parabéns da última función de Priscilla en Madrid, ao igual que as do Fan day, que coincidiu co meu aniversario, foron algo máis que aplausos, supoñían a constatación da especial gratitude de moita, moita xente. Ao mesmo tempo, eses momentos recompénsante interiormente por todo o esforzo, por todo o traballo de cada día. Para min, ese é o xeito de ver como a sementeira vai dando o seu froito.

A viaxe de Adam, Bernadette e Tick, os tres protagonistas do musical de Sidney a Alice Springs é un viaxe de gran crecemento persoal. Que significou no teu caso?
Para min esta viaxe foi un descubrimento constante, tanto á hora de preparar o personaxe como traballando as súas circunstancias ao longo de cincocentas doce funcións. Unha viaxe que me deu a posibilidade de descubrir un universo que descoñecía e do que puiden empaparme completamente.

Terse subido a unhas plataformas día tras día durante tantas funcións, permítelle a Christian ver o mundo desde un punto de vista sorprendente: «dáme unha perspectiva máis divertida do mundo, desde a que vivir a vida coma se dun xogo se tratara». É aí talvez onde se orixina a súa gran versatilidade, que lle permite ser Rolf, o mensaxeiro nazi do musical Sonrisas y lágrimas, e a drag Felicia de Priscilla. Humanizando o personaxe, Christian construíu un Adam moi sólido «máis galego que australiano», que lle esixiu dedicación constante mañá, tarde e noite desde moito antes da estrea do musical. «Levo unha vida monacal» recoñece o actor, que foi quen de transformar as dúas horas e media de coreografía con continuos cambios de vestiario, perrucas e maquillaxe, nun exercicio natural e absolutamente fluído.

A mellor hora do día?
O momento de meterme na cama para durmir.
Un ritual diario acostumado?
Beber un vaso de auga nada máis erguerme.
Que é indispensábel para ter o corazón contento?
Non deitarse enfadado nunca.
Recuncho favorito de Compostela.
Hai moitos...! O parque de Bonaval, por exemplo. É moi bonito.
Unha canción para compartir?
Calquera de Gregory Porter.
Non adormeces sen...
Poñer o espertador (moitos risos)!
Un desexo.
O que máis desexo é que nos entendamos todos.
Unha persoa fundamental?
A miña nai.

O afecto do público é fundamental nunha carreira de éxito pero, chega a resentirse a vida persoal pola sobreexposición mediática ou vai no oficio?
Vai no oficio, porque vives do público e tes que ser consciente de que a repercusión do factor público na túa vida pode variar segundo o momento. É algo que vai no oficio, que aprendes a relativizar.

No Barco principiou o teu camiño, e é alí onde se atopa o seu refuxio. Que camiño é máis doado de facer? O que leva de Soulecín a Madrid ou de Madrid a Soulecín?
Máis doado é ir de Madrid a Valdeorras, porque cando regresas á casa sabes que vas atopar.

Ars Mediterránea International acaba de concederche o Gran Premio de España polo teu labor coma pedagogo teatral. En cal das dúas vertentes es máis feliz? Na de intérprete ou na de docente?
Eu son feliz nas dúas por igual. Como docente, o que tento facer é compartir o que experimento como intérprete. E como intérprete, gústame moito descubrir matices e traballar personaxes, para amosar o mellor de min no escenario ou diante da cámara e poder poñer en práctica todo o que me ensinaron os meus mentores e todo o que me ensinan os meus compañeiros, que é cos que máis aprendo da profesión.

É posíbel sobrevivir a unha superprodución coma Priscilla, reina del desierto? Cales serán as túas próximas paradas?
(Entre risos) Claro que sobrevives! Como non vas sobrevivir! Sobrevivir, sobrevives a todo! Os seres humanos estamos configurados para a adaptación e para superar calquera experiencia. E polo que se refire á miña próxima parada vai ser… Valdeorras. Toca descansar un pouco!

Entrevista extraída do número 2.

Álex Regueiro
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Álex Regueiro
Estilismo

Primavera de 2016
Data de publicación

Rois Llongueras
Peiteado e maquillaxe

ALALÁ, Francis Montesinos & Who killed Bamby?
Vestimenta

Casa do Cabido
Localización

Álex Regueiro
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Álex Regueiro
Estilismo

Primavera de 2016
Data de publicación

Rois Llongueras
Peiteado e maquillaxe

ALALÁ, Francis Montesinos & Who killed Bamby?
Vestimenta

Casa do Cabido
Localización

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido