•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Con Galiza sempre no horizonte

Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela

Con Galiza sempre no horizonte

150 150 CORALIA

O pasado 10 de outubro inaugurouse no Colexio de Fonseca esta exposición comisariada por Xosé Ramón Fandiño e Gloria López, promovida polo Ateneo de Santiago e a USC e patrocinada polo concello da cidade e a Deputación da Coruña. Moitas vontades confluíron para levala a bo fin.

Na hora da presentación había tanta xente enchendo as salas de Fonseca como non se vira antes, esta era a maneira de demostrar o interese que esas dúas figuras teñen para os composteláns e o respecto que nos merecen.

«Santiago é a musa de toda Galicia; en Santiago únense todos os valores do pobo galego. A historia de Galicia está formada polas follas de pedra dese gran libro que forman os monumentos de Compostela».

É TENDENCIA
Reportaxe de Pilar Sampedro
Agradecemento polas imaxes a Xosé Ramón Fandiño

Isaac, que percorría as rúas ata hai ben pouco tempo, sempre a traballar (na Galería Sargadelos, no Museo do Pobo Galego e no IGI) e a defender un modelo de empresariado que o levaría ata a expulsión da empresa… porque non está ben considerado o investimento real en memoria e cultura; semella que a louza só pode ser decorativa e non sinal de identidade dun país.

Seu pai, Camilo, foi un home moi polifacético: encargouse do taller de escenografía e deseño da empresa de espectáculos Fraga, foi delineante do concello, deseñou a capa dos libros para a colección Lar, así como os carteis das festas e os do «SI» ao Estatuto… Camilo Díaz Baliño sería quen, como lembraba Fandiño, deixou escrito de Compostela: «Santiago é a musa de toda Galicia; en Santiago únense todos os valores do pobo galego. A historia de Galicia está formada polas follas de pedra dese gran libro que forman os monumentos de Compostela». Consideraba el, ademais, que Santiago era cidade santa polo Apóstolo, áurea por Xelmírez e heroica polos estudantes que formaron o Batallón Literario de 1808.

A cidade ten moito que ver tamén con Isaac e Camilo, co que este último conseguiu facer nos derradeiros anos da República e co que o fillo ergueu en pleno franquismo, entregándonos o orgullo de sermos galegos con dignidade.

Os dous foron tratados da peor maneira como pago aos seus empeños e todo o ben que fixeran polo común. O pai asasinado nos primeiros días do golpe de Estado fascista do 36. O fillo separado da empresa e do IGI (Instituto Galego da Información) por aqueles que estaban en débeda con el polo simple feito de crear as empresas e o aparato cultural e de vangarda que as sostiña, por todo o que deseñara e inventara, polas patentes e as arquitecturas, pola editorial do Castro e o Museo Carlos Maside, polas tendas que puxera en pé (con galería de arte e libraría), pola factoría cultural que erguera no medio do deserto gris que era o país no tempo do franquismo. Dous homes bos e xenerosos, tal como canta o noso himno, que rematan sufrindo a crueldade dos que non poden consentir que haxa xente coma eles, que limpan o que os demais «Non me agardes, nai, estou limpando o que manchan eles» líase nunha pancarta da manifestación contra a marea negra do Prestige aquel día que a chuvia fixo florecer paraugas en Compostela. Alguén ten que limpar…

«'Non me agardes, nai, estou limpando o que manchan eles' líase nunha pancarta da manifestación contra a marea negra do Prestige aquel día que a chuvia fixo florecer paraugas en Compostela».

A exposición é unha homenaxe, un motivo para traelos, unha vez máis; para lembrar o que foron e o que fixeron, para relelos e mirar as súas obras, para ser conscientes de todo o que se perdeu. A mostra lévanos a Camilo no salón artesoado; o home que ademais dos citados traballos foi escritor, pergamiñista, muralista, pintor, director artístico… déixase ver en todas esas facetas.

«Esta exposición ven sendo unha cura, unha sanación para a cidade, porque necesita lembrar esa ferida aberta».

Éntrase á sala lendo o poema que lle escribira ao fillo:

“Prendinlle na cabeza do meu fillo,
unha estreliña
forxada na irmandá
e quero ver brillar á lus d´esa estreliña
hastra chegar cegar.
Que vexan os demai n´esa estreliña
a luz da Libertá.
Que vexan que o tesouromáis querido
o ten o seu brilar.
Estreliña feituca de cariños,
estrela do meu lar,
que sempre te levei como reliquia
da Terra, Dios e Nai,
xa te deixo prendida no meu fillo
para sempre endexamais.”

Así refulxían os ollos de Díaz Pardo!

Sáese do Salón artesoado vendo os retratos que Camilo lles fixera aos seus compañeiros, na cadea, uns días antes de morrer.

Na antiga capela gótica encontrámonos coa actividade artística, industrial e cultural de Isaac con posterioridade á morte de seu pai, acompañada dun feixe de fotos en que aparece na compaña de xente que compartiu con el esperanzas e traballos naquela altura.

Ninguén mellor que Fandiño e Gloria López poderían ter enfrontado unha tarefa coma esta: eles acompañaron a Isaac ata os seus últimos días no IGI, eles traballaron ata o último momento ao pé del.

Dalgunha maneira, esta exposición ven sendo unha cura, unha sanación para a cidade, porque necesita lembrar esa ferida aberta, esa chaga que ha de estar ao aire para que sande. Compostela veunos pasar por ela, como fachos de luz que foron feridos e apagados de mala maneira… e iso hai que limpalo.

Para que naza un home, ou unha muller, da altura de Camilo ou Isaac, son necesarios lustros e décadas, séculos para que o humus da Terra dea unha colleita coma esa. Mentres agardamos, imos lembrando cal é o horizonte e a mensaxe.

Tamén é actualidade en Coralia:

Agustín Hernández,
voceiro do Grupo Popular

«Politicamente eu son galego»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Antes que político, persoa. Así marca o inicio da conversa Agustín Hernández (Madrid, 1961), futuro candidato á alcaldía de Santiago de Compostela nas vindeiras eleccións municipais de maio de 2019. Nun despacho de Raxoi…

Concha Fernández,
concelleira de Políticas Sociais

«Nós chegamos onde non o fai a RISGA ou as prestacións estatais»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Nun despacho presidido por unha ilustración de Rosalía de Castro de Rei Zentolo, esta compostelá por decisión e adopción debulla os retos e logros que está a afrontar o Concello após tres anos de lexislatura…

Antonio López Díaz,
reitor da USC

«Somos unha fábrica de igualdade de oportunidades»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Natural de Barreiros e pai de dúas fillas -unha delas ex-estudante da USC-, o reitor da universidade máis antiga de Galicia asumiu o cargo no pasado mes de xuño após unha ampla vitoria nas eleccións…

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido