•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Concha Fernández,
concelleira de Políticas Sociais
«Nós chegamos onde non o fai a RISGA ou as prestacións estatais»

Concha Fernández

150 150 CORALIA

Luns pola mañá. Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais, chega camiñando desde Concheiros até a súa oficina, en Galeras. Nun despacho presidido por unha ilustración de Rosalía de Castro de Rei Zentolo, esta compostelá por decisión e adopción debulla os retos e logros que está a afrontar o Concello após tres anos de lexislatura. Con paso curto e vista longa, non perde o tempo valorando as próximas eleccións municipais, estando como está centrada no obxectivo de seguir a sementar para construír unha cidade «máis amigábel para a veciñanza».

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Que idea tiñas cando asumiches o cargo?
Cando iniciamos a responsabilidade de goberno en Santiago de Compostela pensamos que debiamos poñer as políticas sociais ao servizo da veciñanza e das persoas con maior vulnerabilidade ou maiores dificultades sociais e económicas. Nesta Concellaría fixemos unha aposta de orzamento e investimento nas persoas notabilísima.

En que se traduce esa aposta?
Un dos programas máis importantes dos que temos en marcha neste momento é o servizo de axuda no fogar. Consiste na atención na contorna doméstica das persoas con algún tipo de situación de dependencia, sexan maiores ou persoas con algún tipo de diversidade funcional, que precisan de axuda para se manter en situacións de vida digna na súa contorna.

Con canto investimento público conta este programa?
Partiamos dun contrato de 914.000 euros e ao chegar aumentámolo até o máximo que nos permitía a lei, un 20%. Este ano puidémolo licitar desde febreiro e temos dous lotes de 1 millón de euros cada un. Directamente, multiplicámolo por dous. Tiñamos persoas en lista de agarda e imos ter cada vez máis persoas maiores que van precisar este servizo de axuda no fogar, cuxa prestación é unha responsabilidade comparten os concellos e a Administración pública.

«Cando iniciamos a responsabilidade de goberno en Santiago de Compostela pensamos que debiamos poñer as políticas sociais ao servizo da veciñanza e das persoas con maior vulnerabilidade ou maiores dificultades sociais e económicas. Nesta Concellería fixemos unha aposta de orzamento e investimento nas persoas notabilísima».

Con canto investimento público conta este programa?
Partiamos dun contrato de 914.000 euros e ao chegar aumentámolo até o máximo que nos permitía a lei, un 20%. Este ano puidémolo licitar desde febreiro e temos dous lotes de 1 millón de euros cada un. Directamente, multiplicámolo por dous. Tiñamos persoas en lista de espera e imos ter cada vez máis persoas maiores que van precisar este servizo de axuda no fogar, cuxa prestación é unha responsabilidade que comparten os concellos e a Administración pública.

Por que é tan importante a axuda no fogar?
Eu sempre digo que este é un exercicio de xustiza e responsabilidade compartida. Xustiza para que as persoas dependentes poidan continuar na súa contorna familiar e atendidas en boas condicións, mais tamén de xustiza para coas mulleres. Compartimos a responsabilidade coas mulleres coidadoras informais, nas que sempre recaeu o coidado de dependentes ou de maiores ou pequenos a cargo. Por iso, neste momento, é o programa máis importante en investimento e dotación que temos sobre a mesa.

«Eu sempre digo que este é un exercicio de xustiza e responsabilidade compartida. Xustiza para que as persoas dependentes poidan continuar na súa contorna familiar e atendidas en boas condicións, mais tamén de xustiza para coas mulleres».

Ademais diso, tamén contan coa Garantía Básica Cidadá…
O seguinte programa en contía económica é a Ordenanza de Garantía Básica Cidadá, que iniciamos coa chegada ao goberno. Ten unha dotación anual de 1.500.000 euros e pretende cubrir as necesidades básicas e garantir os dereitos fundamentais das persoas que están nunha situación de vulnerabilidade socioeconómica. Ten dúas patas. Unha é a Renda de Garantía Básica Cidadá, que é unha prestación continuada, mensual, para garantir os dereitos básicos de vivenda, manutención, de cobertura de necesidades básicas de enerxía e vida. Agora mesmo está atendendo a 95 persoas. Despois temos unha serie de prestacións de emerxencia ou rescate social -por volta das 250- para aquelas persoas que, por unha situación puntual, necesitan un apoio económico mentres non resolven o seu estado ou teñen unha prestación doutra intensidade e continuidade, porque estas axudas son temporais e puntuais. Por exemplo, a de aloxamento e necesidades básicas.

«Nós chegamos alí onde non chegan outras prestacións, que son as prestacións de carácter autonómico como a RISGA ou de carácter estatal, como as pensións non contributivas ou por desemprego. Isto demostra que hai moitos ocos onde se perden as persoas nunha situación de vulnerabilidade, como por exemplo aquelas que están nunha situación de irregularidade administrativa ao seren orixinarias doutros países e perder o traballo».

De todos os programas, hai algún que destaque especialmente?
Temos unha prestación de nova incorporación, á que lle teño moita estima, dentro das de rescate social. É a axuda que pretende cubrir os gastos derivados da educación para ensinanzas non obrigatorias. Por exemplo, o primeiro tramo de 0 a 3 anos ou cando acabamos a ESO. Cando eu cheguei a esta Concellaría había 134.000 euros e pasamos a destinar 600.000 euros neste programa. Logo hai un terceiro programa, que é o das bolsas de comedor, actividades complementarias e material escolar. Ten unha dotación de 600.000 euros.

Por que cres que é tan importante esta axuda pública?
Teño asignado prestacións para estudos universitarios e creo que cubrir unha matrícula de universidade ou soportar o mínimo a quen está a especializarse na súa formación pode servir para romper círculos de pobreza. Son os programas aos que máis estima lles teño porque igualan en oportunidades todas as crianzas, independentemente da situación socioeconómica da familia. É no ámbito máis normalizado como o educativo onde podemos atopar as maiores oportunidades. A miña xeración tivo oportunidade de acceder á universidade e a un nivel social determinado porque houbo un investimento importante en apoiarnos no acceso á educación e en todo o complementario a esta, como o lecer e a cultura.

Até onde chega o Concello en materia de axudas sociais?
Xeramos esta Ordenanza de Garantía Básica Cidadá cun obxectivo claro: garantir os dereitos básicos da veciñanza de Compostela. Iso si, non é unha competencia municipal. Nós chegamos alí onde non chegan outras prestacións, que son as prestacións de carácter autonómico como a RISGA ou de carácter estatal, como as pensións non contributivas ou por desemprego. Isto demostra que hai moitos ocos onde se perden as persoas nunha situación de vulnerabilidade, como por exemplo aquelas que están nunha situación de irregularidade administrativa ao seren orixinarias doutros países e perder o traballo. Seguen a ser as nosas veciñas e veciños, mais automaticamente quedan fóra de todo o sistema de protección. O Concello non quere que iso aconteza porque entendemos que todas as persoas son necesarias e contribúen ao desenvolvemento económico e cultural de Santiago de Compostela. Isto tamén acontece coas persoas que teñen contratos moi precarios. Teñen ingresos por 200 euros ao mes porque non poden compatibilizar co coidado de dependentes ou porque non tiveron maior sorte para atopar un traballo que permita unha vida digna para toda a unidade de convivencia. Non é incompatíbel con quen ten uns ingresos mínimos, cousa que si pasa coas prestacións autonómicas.

É a RISGA insuficiente, logo?
Coa Ordenanza de Garantía Básica Cidadá -ou coa Garantía Básica Infantil que imos intentar promover- cubrimos os ocos aos que non chega a Xunta de Galicia. Estamos dándonos conta de que é un sistema de moi escasa protección, que deixa fóra as persoas que máis o precisan. É imprescindíbel reformular a RISGA. As contías son mínimas, insuficientes mesmo para unha cidade como Santiago de Compostela. Mantén o círculo de pobreza e é incompatíbel con todas as outras axudas. En vez de ser unha garantía como unha renda básica a RISGA é un teito. Unha vez que conseguiches entrar na RISGA, é absolutamente incompatíbel cun traballo, con outras prestacións… Mantente sempre baixo esa situación de case extrema pobreza e vulnerabilidade porque falamos de 426 euros mensuais.

Un dos retos é, pois, o de atopar o máximo entendemento con outras administracións…
Non é nada fácil. Mantemos a correcta relación e respecto institucional, mais temos verdadeiras dificultades, por exemplo, en materia de saúde. É habitual que entren no hospital cunha enfermidade, un traumatismo ou un problema puntual e aos catro días estean na casa sen coordinación, sen saber se hai alguén máis, se poden valerse… Atenden o estritamente médico, mais a coordinación sociosanitaria é moi complicada. Nós non deixamos de insistir porque creo que as administracións públicas, de acordo ás nosas competencias e posibilidades, temos a obriga de garantir os dereitos fundamentais. Non podemos permitirnos o luxo de abandonar as persoas. Non ter a mesma cor política ten algunhas vantaxes, mais ten outras desvantaxes. Porén, desde a Xunta faise oposición aos concellos que non son da súa cor política.

O diván
Un recuncho de Compostela:
O Parque de Bonaval.
Unha manía:
Recoller.
Un trazo distintivo do teu carácter:
O optimismo.
Unha comida:
A empanada de maravallada da miña nai.
Unha viaxe:
Feita, Senegal. Pendente, Arxentina.
Algo a estrañar cando viaxas:
A casa e os meus.
Un bo plan en Compostela:
Un paseo polas Brañas do Sar volvendo por Belvís para tomar algo no barrio de San Pedro.
Unha música:
Toda ten o poder de emocionarme. Se teño que escoller, música tradicional e rock.
Un libro:
Os libros arden mal, de Manolo Rivas.
Un ídolo:
A miña avoa, as mulleres labregas e as mestras republicanas.

De aquí até o final de lexislatura, hai algún plan ou traca final coa que sorprender?
Hai algo sobre o que non había directamente nada, a atención ás persoas sen fogar. Demos pasos substanciais. Primeiro, coordinamos as entidades e servizos que atendían estas persoas en situacións de extrema vulnerabilidade nunha Mesa de Atención a Persoas Sen Fogar. Despois, fixemos convenios con Cruz Vermella para atender a persoas sen fogar -para atención en rúa- e con Feafes -cos pisos de saída para persoas sen fogar con trastornos mentais-. Temos tamén a proposta dun centro municipal de atención integral a persoas sen fogar. Agardamos ter o proxecto no último trimestre do ano. O centro estará situado no parque de Belvís, no que até agora é o Centro de Interpretación Ambiental. É un proxecto totalmente innovador. Neste outono teremos tamén o Plan Municipal de Atención Integral a Persoas sen Fogar e esperamos deixar posta a primeira pedra do centro, cuxa construción está dotada cun millón de euros, por formar parte do Fondo de Desenvolvemento Sostíbel de Compostela.

Neste centro, que eidos contemplaría esa atención integral?
Haberá un centro de día, onde poderán facer actividades formativas, de participación e inserción social. Tamén está o centro residencial de media estadía, con 17 estadías de carácter individual. Prevese unha permanencia de entre seis meses e un ano e medio, xustamente para promover o acceso a outras vivendas de saída ou e a vivendas modelo housing first, que tamén poremos en marcha. Agora hai dúas funcionando e imos habilitar outras catro antes de que acabe este ano. Falamos de atención integral porque recupera, rehabilita e pretende reincorporar á sociedade, sempre partindo da garantía do dereito á vivenda, que é o que non teñen as persoas sen fogar. Sen unha vivenda estábel e digna, as persoas non poden iniciar o proxecto de rehabilitación vital e persoal.

É un proxecto innovador e único no país.
É o único centro residencial de media estadía individualizada de toda Galicia, onde son todos colectivos e de carácter temporal. Vai ser o primeiro servizo especializado destas características e é unha competencia autonómica. Neste sentido reclamámoslle á Xunta de Galicia que dote o Instituto Galego de Vivenda e Solo dun parque público de vivendas, suficiente e diverso tamén, para atender o modelo housing first, e atender as persoas sen fogar.

Ti tes formación en psicoloxía, como inflúe esta no teu traballo diario?
Obviamente, a miña formación inflúe decisivamente no meu desenvolvemento profesional, persoal e político. O equipo de goberno tívoo moi en conta cando fixo a proposta de candidatura. Estudei máis de dez anos na facultade de Psicoloxía, onde fixen o doutoramento, a tese e, ademais, son profesora de intervención sociocomunitaria. Formo profesionais que logo traballan nos servizos sociais e isto, sen dúbida, axuda directamente a que eu teña un coñecemento e perspectiva claros do que deben ser os servizos sociais comunitarios nos concellos, nunha autonomía ou nun estado.

A xente acostuma ver as institucións lonxe da súa vida diaria. Como é a túa experiencia de contacto coa cidadanía?
Nós chegamos do pobo á praza, camiñando e dialogando. Somos unha candidatura cidadá porque somos cidadáns e cidadás, profesionais conscientes que decidimos dar un paso adiante pola situación de deterioro case vergoñenta na que ficou na anterior lexislatura. Tiñamos tamén que devolver ao ben común o que se investiu en nós. Queriamos, podiamos e tiñamos un proxecto a pesar do que dixeran. De aí viñemos e así o dialogamos. A nosa campaña é un proxecto que fixemos cara a cara, boca a boca, algo que seguimos mantendo porque seguimos sendo quen eramos, veciños e veciñas activas en moitos ámbitos da vida social e cultural de Compostela. Creo que a vida institucional ten que ser compatíbel coa vida humana, porque só dese xeito podemos desenvolver políticas públicas ao servizo das persoas e non ao servizo doutros intereses.

Nas próximas municipais, onde te ves?
Iso é algo que temos que falar dentro do grupo de goberno. Para min é unha honra e un grato pracer estar ao servizo da veciñanza de Compostela. Síntome profundamente satisfeita e honrada, como compostelá de adopción, por ser concelleira desta corporación e deste equipo de goberno, servindo a veciñanza e participando na construción da Compostela que eu quero máis, á que máis me sinto achegada e incorporada.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido