•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Cristina Tojo,
Autónoma do Ano en Galicia 2018

«Hai que darlle paso ao turista,
pero quen ten que gozar a cidade é quen vive aquí»

Cristina Tojo

150 150 CORALIA

«Noraboa polo premio. Polo tesón, polo traballo», interrompe a entrevista un cliente de Cristina Tojo. Vén de ser distinguida como mellor autónoma de 2018 por APE Galicia. Socia de Compostela Monumental, está á fronte de Comercial Tojo.

É a terceira xeración dun negocio que iniciou o seu avó en 1913.

cristina tojo, autónoma do ano en galicia

«O meu avó abriu como zapatería. Chegou a ser unha das máis importantes de Galicia, porque non só era tenda de calzado senón que ademais era almacenista e distribuidor por toda a comunidade».

«Criámonos xogando por aquí, vendo como traballaban meus pais e botando unha man. Antigamente os nenos faciamos pequenos traballos que non nos custaban o menor esforzo. Aprendiamos o valor que tiña facelo».

Entrevista de VALERIA PEREIRAS
Fotografías de ROCÍO CIBES

Primeiro, parabéns polo premio. Que valorou o xurado?
Grazas. Sinceramente, non mo dixeron. Notificáronme que mo concederan. Eu deduzo que o premio vai en función do número de anos que ten o negocio, que xa son 106.

Autónoma do século, máis que do ano entón.
[Ri] Si. Certamente, o que pasa é que quen realmente o merece non son eu que levo moitos menos deses cen.

Cando comezaches?
Eu levo desde 2006 ou 2007. É dicir, nada en comparación. Estiven traballando fóra e cando meu pai non puido continuar foi cando entrei eu. De todas formas, tanto meus irmáns coma min criámonos aquí.

Claro, na tenda.
Si, criámonos xogando por aquí, vendo como traballaban meus pais e botando unha man. Antigamente os nenos faciamos pequenos traballos que non nos custaban o menor esforzo. Aprendiamos o valor que tiña facelo.

E a socializar tamén.
Claro, aprendes a relacionarte moito coa xente e iso non nos causou o máis mínimo trauma a ningún dos catro [ri], pódelo crer.

Ti es a terceira da xeración. Comezou Julio Tojo avó e despois Julio Tojo pai. Variou o modelo de negocio?
Houbo cambios moi importantes e radicais. O meu avó abriu como zapatería. Chegou a ser unha das máis importantes de Galicia, porque non só era tenda de calzado senón que ademais era almacenista e distribuidor por toda a comunidade. Tiña representantes propios que percorrían as zapaterías pequenas de toda Galicia que distribuían o calzado.

A marca era o seu nome?
Julio Tojo, si. El traía o calzado de Alicante. Veu a I Guerra Mundial e comezaron os problemas. Os económicos, que afectaron a toda Europa e, aínda que aquí menos, tivo que deixar o almacén. Mantivo a zapatería. Así até a guerra civil española na que se atopou con que os curtidos ían ao Exército e as fábricas de calzado estaban no Levante polo que aquí non chegaba. Non tiña mercancía e tivo que cambiar.

E converteuse nun bazar.
Si, de utensilios de fogar. En Santiago pechaba un negocio, tipo bazar Sole ou Almacéns Álvarez, que o facía porque ao propietario morréranlle dous fillos na guerra. El era amigo de meu avó e falando na rúa contoullo. Entón, meu avó que tiña o negocio baleiro mercou un lote co que tiña o home na tenda e converteuse en bazar de menaxe.

E como se converteu no que é hoxe Comercial Tojo?
Pasou a guerra, chegou a emigración e con ela as maletas e os baúis. Había unha demanda grande e pouco a pouco foron desprazando os utensilios de cociña.

Iso é o que máis vendedes hoxe?
Si, realmente temos artigos de viaxe e complementos. Cara aí é cara a onde quixen ir orientando a tenda, quitando algúns artigos que comercializaba meu pai. Cando comezou, era practicamente a única tenda de deportes que había en Santiago. Hoxe o deporte é un campo excesivamente amplo e decidín abandonalo. En cambio, entrei en artigos que el non tiña como a mochila, que traballo de maneira importante. Cambiei o paraugas cara un de máis calidade. Pero é que o comercio en si é o que foi evolucionando.

«Pasou a guerra, chegou a emigración e con ela as maletas e os baúis. Había unha demanda grande e pouco a pouco foron desprazando os utensilios de cociña».

«Ás veces hai quen quere abusar, pero un sempre ten que intentar buscarlle solucións ao cliente, que marche contento. Dicirlle que non o ves así, que ten follas de reclamación dispoñíbeis. Sempre cunha palabra amábel, intentando manter a calma».

cristina tojo, autónoma do ano en galicia

Porque os gustos tamén o fan.
Porque o cliente cho pide.

Dixéchesme o que cambiou. Que mantés do negocio familiar?
O mobiliario mantense, moito tipo de artigo da época do meu pai e o que é máis importante, o trato co cliente, absolutamente personalizado. Intentar darlle ao cliente realmente a mellor atención posíbel. Desde moi pequena escoitei que sempre ten a razón e que se non a ten, hai que darlla.

Iso sempre é así?
Non, ás veces hai quen quere abusar, pero un sempre ten que intentar buscarlle solucións ao cliente, que marche contento. Dicirlle que non o ves así, que ten follas de reclamación dispoñíbeis. Sempre cunha palabra amábel, intentando manter a calma.

E poñendo boa cara.
Tes que poder facelo, se lle pos mala cara realmente estalo enfadando de entrada, e el reacciona no mesmo grao. O que tes é que ter man esquerda para poder levalo. E aínda así ás veces non o consegues.

Hai moito repunante.
Recordo unha clienta. Eu procuro estar atendendo a todas as persoas a un tempo. Estaba cunha clienta empaquetándolle algo que levaba e entrou outra que quería ver un paraugas. Díxenlle que por favor fose mirando, que abrise os que quixera e que se tiña dúbidas que preguntara. Tardei algo máis da conta porque a outra clienta preguntaba máis e eu por non tela abandonada quixen abrir conversación con ela a ver que tipo de paraugas buscaba, para quen era… Pareceulle tan mal que me contestou: non sabía eu que os paraugas tivesen idades. Deu a volta, e marchou dándolle un golpe á porta. [ri] Acababa de perder unha clienta por exceso de amabilidade. Por iso digo, non sempre é posíbel.

A clientela tampouco é igual que daquela. De que tipo é?
Teño un campo de clientela bastante ampla. Despois sempre entra o típico que di «vaia, que comercio tan antigo!».

Como un museo.
Si, e claro, tamén entran turistas. Esta [Caldereiría] é unha das rúas máis transitadas e os turistas no verán son unha inxección de enerxía. Pero eu aquí de quen máis vivo e a quen máis agradecida lle estou é ao cliente habitual.

[Nese momento abre a porta un cliente para felicitala polo premio]

Clientes educados.
Si, efectivamente.

Isto é o bo de traballar aquí, na Zona Vella. Comercio de proximidade.
O meu pai era un home tremendamente sociábel, moito máis ca min. Eu son máis tímida, pero aprendín del. A base de velo, tomei nota desa forma de tratar a xente como se fose amiga, e terminei colléndolle o gusto aínda que son bastante distinta aquí na tenda a como o son fóra.

Aquí compórtaste coma teu pai.
Si, ás veces estou falando e dáme a impresión de estalo escoitando.

Hai algo que non che guste de traballar aquí?
Da zona vella non hai nada que non me guste. Son de aquí, son picheleira, nacín nesta casa. Podendo ser, non me marcharía nunca. Sempre atopas caras coñecidas. Estás só, das con alguén e podes pasar un rato quitando a morriña que teñas.

Vives aquí?
Non, por razóns familiares vivo na zona nova. Pero o que me gusta é a parte histórica. Claro que ten as súas limitacións, pero penso que salvábeis. Non teñen que ser un obstáculo para darlle vida ao pequeno comercio, e o problema é que se deixou morrer.

Pechan moitos?
Estase permitindo que se converta en zona turística cento por cento. Eu non son anti turistas, ao contrario. Hai que darlle paso ao turista, pero quen ten que gozar a cidade é quen vive aquí. Se o dedicamos todo ao turismo quedará unha cidade de postal, un escaparate nada máis.

cristina tojo, comercial tojo, caldeirería

Canto máis vai a durar comercial Tojo?
A miña intención é que chegue aos 125. Eu tería 77.

E despois, relevo non hai?
Non o sei. Non teño fillos. Teño sobriños, pero son moi novos de momento. Están estudando. Gustaríame que algún o collera e, non como o levo eu, que lle dea o seu cambio.

Gustaríache que continuara?
Si, que continuara vivo na cidade o apelido Tojo. E que siga sendo un referente.

«Estase permitindo que se converta en zona turística cento por cento. Eu non son anti turistas, ao contrario. Hai que darlle paso ao turista, pero quen ten que gozar a cidade é quen vive aquí. Se o dedicamos todo ao turismo quedará unha cidade de postal, un escaparate nada máis».

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido