•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Delmiro Prieto,
secretario e voceiro da Fundación Santiago Centro

«A unidade e a suma sempre son positivas»

Delmiro Prieto

150 150 CORALIA

Delmiro Prieto é o secretario e voceiro da Fundación Santiago Centro desde os seus inicios, en 2004, e á fronte dela atravesou a crise financeira que se cebou de maneira significativa co pequeno comercio. Conversamos no establecemento que rexenta, Opticalia, en Xeneral Pardiñas, unha das rúas comerciais clave de Compostela.

Delmiro Prieto, Santiago Centro

«Cando a crise prometemos estar ao pé do canón até reconducir a situación. Hoxe estamos coa proa posta. A partir de aquí, imos ver».

Entrevista de VALERIA PEREIRAS
Fotografías de ROCÍO CIBES

Levas case quince anos formando parte da directiva da asociación de comerciantes Santiago centro. Toca relevo?
Os relevos neste tipo de organización son moi complicados. Non imos estar eternamente, eu iso téñoo moi claro. Cando a crise prometemos estar ao pé do canón até reconducir a situación. Hoxe estamos coa proa posta. A partir de aquí, imos ver. Aínda que só sexa por hixiene, fai falla zume novo.

Dis que o peor da crise está superado. Non é esa a impresión vendo a cantidade de baixos pechados que hai no Ensanche.
Entendo que tocou fondo dalgunha maneira. Hai que ser prudentes, pero é o que penso. Tamén depende de en que zona do Ensanche. Na máis potente, por así dicilo, esta zona na que estamos, entre Doutor Teixeiro, Praza Roxa, República Arxentina, A Senra, é difícil atopar locais baleiros. Si que é certo que hai moitas actividades que se inician e ao pouco dan marcha atrás. É unha situación complexa porque os custos xerados dos soldos son moi importantes e hai que mover moita actividade para poder mantelos. Se saímos un pouco desta améndoa, entón si, xa non é unha parte tan comercial e hai máis espazo libre.

Si, pero aí o comercio xa era menos significativo.
Co boom houbo un momento que Santiago estaba entre as cidades que máis densidade tiñan de puntos de venda por habitante. Iso nunha situación da crise vén tamén a reordear un pouco as cousas e a frear a actividade.

Falaba o outro día co presidente da AA.VV. Raigame do Ensanche e dicíame que habería que incentivar o alugueiro de baixos baleiros. Vós tamén o pensades?
Iso sería indispensábel. Do mesmo xeito que a crise foi recolocando o sector, tamén isto require un pouco de orde. Pero é complexo. É chan privado e habería que motivar ou incentivar, e non me gusta a palabra sancionar, pero si facer algo cos espazos que levan desocupados moito tempo e que non se alugan polo elevado prezo que teñen.

Que tipo de clientela tedes no Ensanche?
Hai de todo, non só do barrio, dela non viviría todo o comercio que vive. Capta moita clientela da periferia.

As Cancelas como vos ten afectado?
Como o Hipercor e outras grandes superficies, creo que se se xestionan dunha forma equilibrada convivimos perfectamente. Non se resente algo porque naza outra cousa, hai para todos sempre que o saibamos xestionar. Cando se desbarata é cando se rompe ese equilibrio, como no caso da Coruña, que acabaron co comercio tradicional.

E perde o barrio.
O comercio de barrio forma parte da vida, da contorna. Se pechamos os ollos e imaxinamos rúas sen comercio automaticamente dámonos conta de que é un barrio morto. O comercio tradicional emprega en Galicia a máis de cen mil persoas. Ningunha grande área fai iso, aínda que sexa o que se nos traslada. Pero non din cantos rematan quedando nin en que condicións o fan, que non ten nada que ver co pequeno comercio. A unidade e a suma sempre son positivas. Se no Ensanche hai tres asociacións, vinte e cinco, as que foran, se somos capaces de facer cousas xuntas seremos quen de facelas mellor que cada un polo seu lado.

Delmiro Prieto, Santiago Centro

«Os inventos que nos traemos do Misisipi o único que fan é estragar o noso».

Como ese proverbio que di «camiña só e chegarás rápido, camiña acompañado e chegarás máis lonxe»?
Si, colaboramos coa veciñanza organizando actividades conxuntas. De todo hai que tomar nota para mellorar. Eu como comercio, do que tomo nota é que a suma do barrio sempre contribúe a facer as cousas máis atractivas, grandes e fortes.

Estamos en plena campaña de rebaixas. Como está marchando?
Eu véxoa bastante débil pero é lóxico por dúas razóns. As rebaixas deixaron de selo en 2012, aínda que se mantén o calendario xa non é o mesmo porque temos rebaixas todo o ano. Por outra banda, os inventos que nos traemos do Misisipi o único que fan é estragar o noso. Non valen para nada. Si, para Amazon e para todo este tipo de negocio que nos está a invadir xerando problemas no noso modo de vida habitual. Aínda que tamén hai que dicir unha cousa, as rebaixas de verdade fanse no pequeno comercio, deixémonos de historias, porque é o que non merca para as rebaixas.

E o balance de Nadal?
Salváronse os móbeis, coa particularidade de que viña precedida do Black Friday. Pero claro, temos isto, o Sunday Monday, e xa estou agardando por trinchar un pavo. É o que nos falta. Estamos perdendo o noso en base a importar cousas sen cultura, a do folk e a hamburguesa. Somos vítimas dos medios.

A estrutura comercial non ten que ver coa deles.
Non, nin os nosos costumes. Aquí temos uns chuletóns de envexa e empeñámonos en comer carne procesada de a saber onde.

Pasando ao apartado de queixas e reclamacións. Como vedes o proceso de peonalización do Ensanche?
Está en proceso. Hai que establecer prioridades. Primeiro temos que xerar alternativas, que favorezan que a xente teña medios de acceso. Unha vez que estea iso feito, que se peonalice até San Caetano. Non hai problema. Pareceríame perfecto. O que non se pode é facelo, impedir o tráfico rodado sen establecer os mecanismos de acceso porque lle estarías dicindo á xente que non pode vir. Aí si que estariamos empurrándoas cara as grandes superficies. Poñámosllo fácil.

«No Ensanche non somos capaces de crear algo que sexa atractivo para o que vén ao Obradoiro. Se o fósemos, viría a xente a velo. Hai que empezar a crealo».

Que habería que facer, acordos cos aparcadoiros subterráneos?
Santiago Centro xa ten un acordo coa maior parte deles, e iso facilítanos ofrecer o aparcamento nunhas condicións máis vantaxosas. Todos os comercios teñen a posibilidade de facelo, non llo ofrecemos só aos socios, que si teñen unha subvención da fundación. Pero a calquera comercio lle sairía máis baratos que indo pola súa conta. Aínda así hai quen o fai por libre.

O tema da ORA tras a remunicipalización, como está indo?
O da rotación forzada cada dúas horas eu non o vexo mal para que a xente non se durma. Había un problema que se xerou por aquela que vén de fóra. O Concello permite estacionar catro horas se traballas no comercio, sexas ou non de Santiago, sempre e cando se solicite. Hai moita xente que non o sabe e implica que se critique que non poden facelo. Pódese facer, que falen co Concello para sabelo.

Cal é a vosa relación co Concello?
Pois francamente boa. Hai unha relación próxima, nunca tivemos ningún problema, sempre unha disposición a colaborar máxima. Nese sentido hai que dicir chapó por eles, sen lugar a dúbidas.

Como afrontades 2019? Algunha novidade?
Queremos ser capaces de por en práctica o plan estratéxico que vimos elaborando desde hai uns anos e que aporta cousas interesantes.

Está en fase de estudo?
Xa está practicamente pechado. Presentámolo en colectivos do Ensanche para abrilo ás súas suxestións. Nós aquí en Santiago temos unha liña divisoria, a Senra, e temos interiorizado que son dúas cidades distintas. Até o punto de que te pos a traballar neste proxecto e dáste conta de que é mentira. De que é algo que o temos interiorizado de xeito erróneo. E por que? Porque no Ensanche non somos capaces de crear algo que sexa atractivo para o que vén ao Obradoiro. Se o fósemos, viría a xente a velo. Hai que empezar a crealo. Unha proposta que presentamos foi a dun mural que xa tiñamos apalabrado cunha artista de renome internacional, co programa de Pasearte. Xa estaba preparado pero a comunidade de veciños botouse atrás.

Que mágoa!
Non descartamos a idea, porque seguimos traballando nela. É espectacular o deseño, pintas tres edificios así e a xente vén a velo.

Como é traballar no Ensanche? Vives aquí?
Vivo fóra, levo vinte e oito anos traballando no Ensanche e estou encantado. A miña idea inicial era vivir aquí, até que me din conta que non podía. Recorrín a periferia e atopei un lugar que me encantou e do que non me penso mover, que é Ames. Eu vivín o desenvolvemento todo de Bertamiráns, tiña setecentos habitantes censados, hoxe pasa dos sete mil. E creceu dunha forma moi ordenada e moi ben. Pero aquí estou moi cómodo.

Delmiro Prieto, Santiago Centro

«O comercio de barrio forma parte da vida, da contorna. Se pechamos os ollos e imaxinamos rúas sen comercio automaticamente dámonos conta de que é un barrio morto. O comercio tradicional emprega en Galicia a máis de cen mil persoas. Ningunha gran área fai iso, aínda que sexa o que se nos traslada».

Delmiro Prieto, Santiago Centro

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido