•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

DIEGO VIAÑO
«Bo tempo é que chova en inverno
e o do verán no que fai sol»

Diego Viaño

150 150 CORALIA

Son as 6 da mañá e soa o espertador. Hora de erguerse para poder estar en San Marcos ás 7.15, onde nada mais chegar haberá que pasar por maquillaxe e por vestiario. Despois tocará darlle unha volta á previsión e axustar até o último detalle para poder entrar en directo ás 8.30, ás 9.00 e ás 9.40 con mapas, fotografías e gráficos actualizados. Ás 13.40 fará outro directo na Revista, e ás 15.25 anunciará a previsión no Telexornal. E aínda volverá asomarase, outra vez, aos fogares galegos co Tempo mediodía ás 15.35. Logo de gravar varios micro-espazos, ás catro, xa liberado da maquillaxe, actualizará as redes sociais para abandonar os estudios ás 17.00. Haxa ou non haxa enriba de nós anticiclóns ou borrascas, así é o día a día de Diego Viaño, o indiscutíbel home do tempo.

SOCIEDADE

Desde hai case vinte anos es un dos rostros máis populares da televisión en Galicia. Pero como foi o teu primeiro directo?
Foi unha conexión para A Revista hai moitísimos anos desde un salón de peiteado para un cambio de look. Sempre fun unha persoa tranquila, e non me traizoaron os nervios. Daquela fixen outro directo que me impactou: un accidente no que morreran dúas mozas compostelás ás que atropelara un condutor que circulaba baixo os efectos do alcohol. Quizais foron os dous primeiros directos que fixen na rúa. No plató, a miña primeira vez foi con deportes no informativo da mañá. Custárame máis porque aí hai que controlar máis detalles. Non teño tan bo recordo dese día no plató. Si o teño facendo directo na rúa. Eu conto, como unha honra, que son o único xornalista da Televisión de Galicia que ten presentado deportes, informativos e o tempo.

A información é unha necesidade, un dereito, ou unha vocación?
Para min, as tres cousas. Penso que todos temos dereito a estar ben informados. E, nun tempo no que calquera pode dar unha nova a través do seu perfil social sen ningún tipo de cancelas, xorde máis doadamente a desinformación. Por iso os xornalistas debemos traballar un pouco máis o xeito no que se introduce a información. De aquí a un futuro non moi distante o noso papel será fundamentalmente o de filtrar a información a transmitir para facer fronte á desinformación.

Cales son vantaxes e desvantaxes do traballo nun departamento tan exposto á crítica como o dos servizos informativos?
A información do tempo é unha información bastante agradecida. Saber que á xente lle interesa o que fas e que o teu traballo ten certa relevancia social, énchete de satisfacción. A cara negativa é que estás moi exposto, o que significa, por exemplo, ter que escoitar «críticas construtivas» sobre o teu traballo de persoas descoñecidas, que cren que te coñecen porque entras todos os días nas súas casas… Por sorte, despois de vinte anos de dedicación a esta profesión, gañas táboas para saír airoso deste tipo de circunstancias.

«De aquí a un futuro non moi distante o noso papel será fundamentalmente o de filtrar a información a transmitir para facer fronte á desinformación».

Paraugas ou parasol?

Paraugas.

Onde escapas para recuperar o anonimato?

Á montaña.

Refrán favorito?

«Ceo empedrado, chan mollado».

Reporteiros é un deses programas dos que o público garda un excelente recordo. Da túa etapa nel, que temas che espertaron especial interese?
Gústame que me fagas esa pregunta porque teño un recordo magnífico de Reporteiros. Lembro con moito cariño unha reportaxe sobre persoas desaparecidas, unha reportaxe que nos levou moito tempo facer, pero que ao final quedou ben xeitosa, na que falabamos coa muller dun holandés de Petín que levaba moitos anos desaparecido. Tiña sospeitas de que alguén o fixera desaparecer e loitaba para que o seguisen buscando. O caso é que non hai moito tempo que apareceron os seus restos. Lembro con especial cariño esa reportaxe, entre outras cousas, porque a fixen con Pep Fortuni, un magnífico reporteiro gráfico ―xa falecido―, co que trabei grande amizade.

Santiago Pemán marcou unha época co seu estilo persoal á hora de transmitir a información meteorolóxica, coas témporas, «maruxías» e «marexadas». Cal consideras ti que é a teu selo persoal?
Puf! É difícil competir con Santiago Pemán porque foi o primeiro gran home do tempo da TVG. E no seu momento, Fraga e Pemán eran, posibelmente, as persoas máis coñecidas de Galicia. Santiago Pemán leva moitos anos lonxe do primeiro plano, pero non hai día no que non me pregunten por el, é máis, unha das acepcións que aparecen en Google cando me buscan é «fillo de Santiago Pemán». Á hora de transmitir a información, tento ser moi afábel. Uso expresións que a xente emprega nas súas casas. Son galego falante e son da aldea, e iso axúdame moito a empatizar coa xente que nos ve, que o valora. Sáenos de dentro o que dicimos. Nós non temos telepronter, polo que sexa cal sexa o teu estado de ánimo… nótase todo. En Galicia, o home do tempo é en moitas casas un máis da familia.

Os maiores son o teu público máis fiel e exixente?
Son, sen dúbida, o meu público máis fiel. A verdade é que me fai especial ilusión que me recoñezan, porque eu son bastante aberto e gústame falar con eles. A xente nova é, probabelmente, o público máis exixente.

Vodas, romarías, festas patronais están entre os eventos que máis interacción producen nas redes sociais do Servizo de Información Meteorolóxica da TVG. Cal é o segredo para ter enganchadas a 38.000 persoas ás vosas predicións?
É un traballo intenso e laborioso, xa que somos nós quen nos encargamos de todo. Facemos a previsión, argallamos os mapas e seleccionamos as imaxes. Chégannos centos e centos de fotografías todos os días e Anabel, Ana Celia, Mabel e máis eu encargámonos de todo. Somos nós quen as filtramos e as editamos, e tamén os que lle contestamos á xente se se van emitir, onde e a que hora.

Segundo as imaxes que vos fan chegar, cal dirías que é o amencer e o solpor máis impresionante?
Que difícil! Os abrentes máis fermosos que nos chegan son, probabelmente os da Mariña. Reinaldo é un colaborador habitual que nos envía decote fermosísimos abrentes de Burela. En canto aos solpores máis espectaculares, quizais sexan os das Rías Baixas, coas illas Cíes de fondo.

O tempo é hoxe en día unha aplicación máis no teléfono, con previsións que chegan a adiantarnos a tendencia de toda a estación ou incluso de todo o ano. Pero cal é a fiabilidade dunha previsión a medio e a longo prazo?
Este é un tema realmente interesante. Previsión estacional, a día de hoxe, non existe, é ciencia ficción. Si se poden estabelecer tendencias estacionais ―por exemplo, se o verán vai vir seco e caloroso ou húmido e con temperaturas suaves― en función de determinados parámetros, como pode ser a temperatura do océano. Fóra disto non se pode afinar máis. De feito, na primavera, máis alá de dous ou tres días é certamente complicado afinar na previsión.

Entón, non podemos adiantar como será a segunda metade do ano en Galicia?
Para coñecer ese tipo de tendencia hai que estudar minuciosamente os modelos de previsión, as temperaturas do Pacífico e do Atlántico, e isto, tanto na Axencia Estatal de Meteoroloxía como en Meteogalicia, estúdano con moitos meses de antelación. Nós xa temos bastante co día a día. A fiabilidade das tendencias é baixa, son só unha referencia.

Neste mundo no que manda a tecnoloxía, seguen sendo valiosos os métodos tradicionais para a predición do tempo?
Nas charlas cos estudantes sempre lles digo que para coñecer a previsión meteorolóxica é importante abrir a fiestra e mirar o ceo, porque aínda nos segue a dar moitísima información. En función do tipo de nubes que haxa podemos anticipar se se achega choiva ou se nos agardan días tranquilos, se hai estabilidade ou inestabilidade atmosférica. Polo tanto, a observación segue a ser moi importante.

Como sería o atlas das nubes galegas?
Pregunta complicada. Aquí en Galicia temos moita disparidade de nubes e, agás algunha moi concreta, podemos observar calquera tipo de nubes. As máis curiosas serían os cúmulos ―as nubes altas e esponxosas que asociamos ás treboadas― ou as lenticulares, que teñen forma de lente e son nubes altas moi vistosas. En Galicia hai infinidade de nubes. Temos para encher un atlas ben gordo.

Hai algún fenómeno meteorolóxico especificamente galego?
Especificamente galego non. O que si hai é fenómenos curiosos, como o efecto Foehn que se dá na zona cantábrica, por onde entran ventos do nordés ―que achegan humidade e arrastran aire frío― que rebotan na serra do Xistral, polo que na Mariña, ao norte, temos moitas nubes e da outra cara do Xistral, na Terra Cha, temos outro tempo distinto, máis aberto e despexado. Na nosa comunidade tamén se observan halos solares e, de cando en vez, mangas mariñas.

«Santiago Pemán leva moitos anos lonxe do primeiro plano, pero non hai día no que non me pregunten por el, é máis, unha das acepcións que aparecen en Google cando me buscan é 'fillo de Santiago Pemán'».

Que entende Diego Viaño por bo e por mal tempo?
Agora que nos estamos a recuperar dun ano e medio de seca grazas a unha primavera chuviosa, a miña conclusión é que o bo tempo é o habitual da estación na que esteamos. Bo tempo é que chova en inverno e o do verán no que fai sol.

Cales son os fenómenos que neste e en vindeiros veráns deberíamos observar con máis atención?
Por mor do quecemento global, deberemos prestar atención aos fenómenos de vagas de calor extremas que se volverán máis habituais. Debido ao cambio climático é probábel que no futuro este tipo de fenómenos sexan máis frecuentes e lle afecten a máis zonas de Galicia. A Organización Mundial da Saúde calcula que a partir do 2050 van multiplicarse as mortes a causa destes fenómenos extremos. Cativos e maiores teñen que extremar as precaucións.

Entre todas as estacións, podes contarnos para rematar, cal é a que rexistra mellores audiencias no que á meteoroloxía se refire?
As mellores audiencias tráennolas, de lonxe, os temporais de inverno.

Sabela Seoane
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Verán de 2018
Data de publicación

CYRA & The Wrong Shop
Vestimenta

O paraíso perdido & A gramola
Localizacións

Álex Regueiro
Estilista

Entrevista extraída do número 9.

Aquí tes máis contidos relevantes:

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido