•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Eloy Domínguez Serén

«Sempre souben que tiña un material moi valioso entre as mans»

Eloy Dominguez

150 150 CORALIA

A última película de Eloy Domínguez Serén (Simes, 1985) arrincou con ganas o sorriso e o aplauso do público de Cineuropa na súa estrea. Editada en Compostela, Hamada (Suecia, Noruega, Alemania, 2018) é unha historia de vidas secuestradas no medio do deserto alxeriano, nos campamentos de refuxiados saharauís.

Cartel da película Hamada de Eloy Dominguez, estreada en Cineuropa

É TENDENCIA

Entrevista de Valeria Pereiras
Agradecemento polas imaxes a Eloy Dominguez

Sihdamed e Zaara, as personaxes protagonistas, pasan a súa mocidade neste lugar inhóspito no que «non viven nin os lagartos» e que a NASA emprega como campo de probas para as súas misións a Marte. Falamos con Eloy desta película que pon o foco, dunha maneira encantadora, co humor sempre presente, na situación de inxustiza que sofre este pobo.

Antes de rodar a película pasaches varios meses nos campamentos do Sáhara de voluntario, dando clases de Cine. Como foi esa experiencia?
Foi parte dun proxecto que hai nun dos campamentos, en Toujdour. Hai unha escola que naceu despois do festival de cine FISAHARA. En 2008 créase o festival e en 2012 a escola, grazas ao traballo de varias ONGS e ás aportacións de cineastas españois. Se non me equivoco, Luís Tosar foi un deles.

«Dentro dun campamento de refuxiados, o coche é un símbolo de status tamén, de choque entre xeracións: os mozos que prefiren Mercedes e os avós que aínda se aferran ao Land Rover. O meu achegamento cinematográfico a esa comunidade foi a través dos coches».

E como sae a idea do documental? Porque estiveches en total sete meses en varios momentos distintos.
Si, ao longo de tres anos estiven en períodos de dous meses, traballando como profesor e familiarizando aos alumnos e alumnas co equipo. Nunca tocaran unha cámara e o obxectivo era que, aínda que só estaban dous meses pero intensivos, que ao final cada un deles tivera feita unha curtametraxe.

E o documental ten que ver con estas curtas?
Faciamos quedadas os días que non había clase para saír cunha cámara, e cada un tiña que gravar. Eu tamén me incluía e o que primeiro gravei foron os coches que había por alí. Estaba fascinado con eles. Nunha das ocasións metéronse uns nenos diante, de seis ou sete anos, e empezaron a facer unha pequena improvisación e a interactuar comigo. A partir de aí naceu unha curta e empecei a indagar máis no tema dos coches. Parecíame que eran un bo símbolo, un bo fío condutor para afondar na historia deste pobo, na guerra, no éxodo, na memoria e na identidade. O Land Rover é toda unha icona na cultura saharauí, téñenlle dedicado poemas e cancións. Dentro dun campamento de refuxiados, o coche é un símbolo de status tamén, de choque entre xeracións: os mozos que prefiren Mercedes e os avós que aínda se aferran ao Land Rover. O meu achegamento cinematográfico a esa comunidade foi a través dos coches.

Si, teñen moita presenza na película. O título Hamada, designa en árabe ese lugar tan inhóspito no que se asentan os campamentos, e os coches tamén son un símbolo de liberdade aínda que todo o que os rodea é un deserto que semella infindo… Cal foi a túa sensación alí?
O paradoxo era como amosarlle ao espectador o feito de que a ausencia de límites que ten o deserto é precisamente a barreira que non poden traspasar. A idea de que esa inmensidade era o límite que eles tiñan na súa mobilidade. Nese sentido, os coches representan a liberdade nun lugar restrinxido, que por motivos políticos e legais non poden abandonar. Eses coches, en realidade, non nos poden levar máis alá. E de aí tamén sae esa narración dun soño ao comezo no que aparecen as dunas, que son o símbolo dese obstáculo que lles impide alcanzar o lugar de onde eles veñen.

Hamada, de Eloy Dominguez

«O paradoxo era como amosarlle ao espectador o feito de que a ausencia de límites que ten o deserto é precisamente a barreira que non poden traspasar».

Hamada, de Eloy Dominguez

«Son parte da xeración de saharauís que xa naceu alí, que non estivo nunca nos territorios ocupados, dos que só coñecen o que lles contan os maiores».

Os personaxes principais, Sihdamed entre eles que estivo aquí na presentación, viven alí desde sempre ou máis ben sobreviven. Que aprendiches deles?
Son parte da xeración de saharauís que xa naceu alí, que non estivo nunca nos territorios ocupados, dos que só coñecen o que lles contan os maiores.

E falan deles, tanto Sihdamed como Zaara os teñen moi presentes, cada un á súa maneira iso si.
Si, o que me fascinaba destes rapaces é que teñen unha maneira distinta de afrontar a súa situación. Sihdamed é un pouco máis reflexivo, cunha gran personalidade e moita fortaleza para coidar da súa familia, mentres que Zaara é unha persoa máis pragmática, máis asertiva, máis enérxica, que quere atopar un traballo que lle permita mercar un coche, mentres que Sihdamed quere atopar a maneira de sustentar unha familia de oito persoas nun lugar no que non hai recursos.

A verdade é que fan moi bo tándem. Buscaches ese contrapunto ou saíu así?
Funme dando conta durante o proxecto de que se complementaban moi ben, pero durante a montaxe eu ía filmando paralelamente. Así, durante tres anos. Xa na montaxe decateime de que estes dous irmáns representaban dous modos distintos de enfrontar un mesmo conflito. Ademais tiñamos unha relación persoal extraordinaria, así que decidín centrarme neles cara a final da rodaxe.

Os diálogos son perfectos e hai setenta horas de metraxe, vaia traballo de edición… Montáchela en Compostela case toda, non?
Si, estiven traballando só durante un ano e cando xa tiña algo parecido a unha película, unhas dúas horas, aí entrou Ana Pfaff, quen entre outras é a montadora de Estiu 1993 (Carla Simón, 2017), con moita experiencia tanto en documental como ficción e considerei que era a persoa axeitada para tratar de atopar unha liña argumental ou narrativa na película. Había momentos fantásticos pero aínda faltaba por construír algo parecido a unha historia. Cando entra Ana intentamos construír un marco narrativo que penso que existe na película. Non é fundamental, non estabamos tratando de narrar unha historia con formulación, nó e desenlace, pero ao final e despois de doce semanas máis atopámolo.

Quero darche os parabéns polos excelentes subtítulos. Penso que é unha tradución moi acertada que achega moi ben a linguaxe que empregan as personaxes da cinta.
Para min era algo importantísimo. Xeralmente delégase ese traballo a un tradutor ou tradutora e, neste caso, quería intentar ser o máis fiel posíbel. Estiven traballando con tres tradutores distintos, unha delas vive aquí en Santiago e durante dúas semanas estivemos cóbado con cóbado traducindo frase por frase unha vez que a película estaba montada. Iamos verificando que a tradución ao castelán era a axeitada e despois eu traducíaa do castelán ao galego. Fun moi coidadoso con iso.

Na conversa posterior ao pase da película, dicía Manuel Rivas que o do Sáhara é unha mancha na democracia española, que lle sorprendía o esquecemento cara a situación do pobo saharauí. Está pensada esta película para rescatalo?
Vivindo fóra decateime de que este conflito estaba moi esquecido á marxe dos principais actores nel envoltos que son Marrocos, Sáhara Occidental, Alxeria, Mauritania, España e Francia, e para min era importante que desde un punto europeo descoñecedor deste conflito o público se puidera achegar a estes personaxes. Por iso optei por produtoras, distribuidoras e festivais internacionais e, nese sentido, estou moi satisfeito porque a acollida que tivemos é a mellor.

Hamada

Hamada

Hamada, de Eloy Dominguez

«O contexto era importante, os personaxes eran fascinantes, e ademais o achegamento que lles fixemos tan íntimo a través da convivencia e tamén do humor, facíame pensar que era o correcto».

Hamada, de Eloy Dominguez

«Onte mesmo recibimos unha nova moi boa que é que unha distribuidora sueca encantoulle o proxecto e quéreo distribuír en cinemas comerciais dese país».

E é que Hamada na súa corta vida, desde a estrea mundial, recibiu xa varios premios, entre eles o de Mellor Película Española e Director en Xixón… Intuías que ía ter tan boa acollida?
Eu, honestamente, sempre souben que tiña un material moi valioso entre as miñas mans, e sentía que era a miña responsabilidade sacarlle o máximo proveito. O contexto era importante, os personaxes eran fascinantes, e ademais o achegamento que lles fixemos tan íntimo a través da convivencia e tamén do humor, facíame pensar que era o correcto. Antes de que a cinta se estrease, cando aínda era un proxecto en desenvolvemento xa recibira dous premios. Tamén fomos seleccionados para participar na sección First Appearence do festival de documentais máis importante do mundo, o IDFA (Festival de documentais internacional de Ámsterdam).

Había sinais claras, desde logo.
Foron dous foros nos que presentamos o proxecto, gañamos nos dous. Entón, si, había a sensación de que estabamos indo na boa dirección. Despois en IDFA, que como dicía é un festival enorme, foi a oitava película máis vista de todo o festival. Había películas de grandísimos autores e a nosa foi a oitava dunhas catrocentas, e despois xa os premios de Xixón confirmaron que as boas sensacións son certas.

Cal é o circuíto que vai seguir agora Hamada?
Onte mesmo recibimos unha nova moi boa que é que unha distribuidora sueca encantoulle o proxecto e quéreo distribuír en cinemas comerciais dese país. Amais, os próximos festivais son o de Porto/Post/Doc, Novos Cinemas en Pontevedra, estará tamén no festival de Göteborg en Suecia e despois tamén se emitirá na televisión sueca, danesa e norueguesa. Isto é o que está confirmado, e seguro que se irán sumando máis festivais.

Mencionas moitos países nórdicos, porque ti es do Salnés, vives en Compostela, pero antes fixéchelo en Suecia e viaxas a miúdo. De onde te sentes?
En realidade vivín fóra moitos anos: en Salamanca, Barcelona, Italia e en Suecia pero síntome moi galego. Empatizo moito coa cultura, coa paisaxe, co humor, coa vida na rúa… Por moito que eu sinta Suecia como un segundo fogar, a idea de pertenza que teño aquí aínda non a teño noutro lugar. A miña relación con Suecia ou Noruega, onde tamén vivín unha tempada, é moi profunda, moi íntima, moi construtiva e si que intento vivir a súa realidade, sobre todo a través do cine. A miña próxima película é unha coprodución entre estes dous países e está rodada en Noruega, no Ártico (The Darker it Gets, en preprodución), así que é un vínculo que non intento pechar senón desenvolver.

Vaia contraste entre o Ártico e o Sáhara…
Xa. Tamén estiven aprazando moitísimo un proxecto novo no Sáhara e aínda que é un texto pequeniño xa estou con moitas ganas de pensar nel, e tamén de acompañar Hamada, pero despois de tres anos de traballo necesito novos estímulos.

Hamada, de Eloy Dominguez

E de Galicia, non che atrae a idea de rodar algo aquí, non o pensaches?
Si que teño unha idea moi concreta para unha película, lamentabelmente até o de agora sempre se me puxeron as cousas máis doadas fóra, aínda que hai moita xente aquí que apoia o meu traballo e coa que tiven oportunidade de compartir proxectos pequeniños. Teño unha idea que quero desenvolver e espero que durante os próximos meses se establezan colaboracións e que se faga realidade. Sería un proxecto sempre dentro das miñas dimensións, pero un pouco máis ambicioso, entón tamén teño que ser cauteloso. Pero a idea é que despois do Ártico esa sexa a miña próxima película.

Tamén é actualidade en Coralia:

Agustín Hernández,
voceiro do Grupo Popular

«Politicamente eu son galego»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Antes que político, persoa. Así marca o inicio da conversa Agustín Hernández (Madrid, 1961), futuro candidato á alcaldía de Santiago de Compostela nas vindeiras eleccións municipais de maio de 2019. Nun despacho de Raxoi…

Concha Fernández,
concelleira de Políticas Sociais

«Nós chegamos onde non o fai a RISGA ou as prestacións estatais»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Nun despacho presidido por unha ilustración de Rosalía de Castro de Rei Zentolo, esta compostelá por decisión e adopción debulla os retos e logros que está a afrontar o Concello após tres anos de lexislatura…

Antonio López Díaz,
reitor da USC

«Somos unha fábrica de igualdade de oportunidades»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Natural de Barreiros e pai de dúas fillas -unha delas ex-estudante da USC-, o reitor da universidade máis antiga de Galicia asumiu o cargo no pasado mes de xuño após unha ampla vitoria nas eleccións…

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido