•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Espadela

150 150 CORALIA

É TENDENCIA

Espadela Artesanato

O escaparate do mundo

A benquerenza pola nosa cultura e por traer a Compostela o labor dos mellores artesáns do planeta é a esencia de Espadela Artesanato, espazo singular que, sen saírmos da rúa do Vilar, nos convida a facer unha máxica viaxe polos mundos da artesanía.

  • Rúa do Vilar, 58
    981 57 78 05
    f Espadela

  • De luns a venres:
    10.30-14.00/16.30-21.00
    Sábados:
    11.00-14.30/17.00-21.00

O compromiso coa lingua e o amor polo noso empurraron a César Lago a crear Espadela Artesanato no verán de 1992, co fermoso obxectivo de converter o número 58 da rúa do Vilar no enderezo da artesanía de calidade en Compostela.

Esta viaxe, que principia e remata en Galiza, vainos descubrir tesouros de Perú, México, Cuba, Brasil, Marrocos, Camerún, Malí, Burkina Faso, Níxer, Madagascar, China, Turquía, Tailandia, Irán, Afganistán, Nepal, India ou Grecia. E, con independencia da súa orixe, todas e cada unha das pezas seleccionadas por Espadela Artesanato posúen garantía de orixe, idéntico respecto pola tradición e a máis alta das calidades.

Coa honestidade e a orixinalidade como sinais de identidade irrenunciábeis do negocio, César Lago e María Outeiro converten a visita a Espadela Artesanato nunha experiencia máxica e sempre sorprendente. Incensos de aroma sutil, luces relaxantes e músicas orixinais crean o ambiente perfecto para atopar esa peza de roupa única, ese complemento persoal exclusivo ou ese obxecto con historia para o fogar, que pola súa procedencia, calidade e orixinalidade nos fai viaxar instantaneamente no tempo e no espazo.

Aquí atopan o seu marco ideal un talismán de pedra e un coitelo da matanza, como tamén o fan bonecas, berbequís ou culleres antigos. De liña clásica ou moderna, de piñeiro ou nogueira, de aspecto industrial ou pintadas a man, con ou sen passepartout, as combinacións son infinitas.

Coa cor e os chapeus de rabiosa actualidade, entre o público foráneo de Espadela Artesanato triunfan este verán as pezas de decoración, a bixutaría, a roupa, os panos e os sombreiros; sendo agora mesmo os favoritos de Compostela as boinas galegas e mais os sombreiros, a bixutaría, os panos e as pezas étnicas.

Pamelas e chapeus de Madagascar, bixutaría grega e roupa confeccionada con tecidos naturais marcan a tendencia este verán, igual que ocorre coas reproducións de pezas antigas de escritorio de orixe chinesa, como os compases, as lupas e os lapis.

A súa listaxe de pezas especiais semella infinita e inclúe rodas de pregarias, malas, cuncos e trompas tibetanas, esculturas e bronces africanos, esenciarios tradicionais da India e Irán, bandeirolas de oración nepalís, thangkas, teas africanas, panos de Caxemira, colchas indias e afgás, tapices nepalís, colgantes e pendentes tribais afgáns, prata antiga da India, xoias do Nepal e do Tíbet, cachimbas de opio, incenso e incensarios indios e nepalís, chapeus galegos, franceses e de Madagascar, caftáns, saris ou pezas de roupa e bolsos de seda chinesa, algodón do Nepal e tecidos afgáns.

Sen dúbida, o mundo ten en Espadela Artesanato un belo escaparate.

Contido extraído do número 3.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido