•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Eva López,
presidenta da
Asociación EM-REDE

«É moi triste unha cidade
cos escaparates tapados con papel»

EM-REDE

150 150 CORALIA

De proxecto a rede de cooperación e, agora, asociación. EM-REDE agrupa unha trintena de pymes de Santiago e comarca. Falamos coa súa presidenta, Eva López, de ELA Interiorismo, da situación da pequena empresa e das iniciativas que levan a cabo.

Eva López, Presidenta da Asociación Em-Rede

«EM-REDE naceu en 2006 do programa Equal Compostela Social a través do que se crearon ao redor de 60 empresas. O Concello iniciou a rede de cooperación na que comecei. Despois constituímonos en asociación».

«Hai que mercar no pequeno comercio, porque se morre tamén o fai a cidade. É unha cousa que vexo moi clara, sempre digo: imaxina unha cidade con todo pechado, cos escaparates tapados con papel. Xa o vimos nalgúns lugares e é moi triste».

Entrevista de VALERIA PEREIRAS
Fotografías de ROCÍO CIBES

Que é EM-REDE? Proxecto, asociación, rede de iniciativas empresariais?
E unha asociación de pequenas empresas, tanto de comercio como de servizos, unha asociación sectorial. É o que nos diferenza de asociacións meramente comerciais.

Que tipo de pymes tedes asociadas?
Temos desde avogados, fotógrafos, perruquerías, tendas de roupa… de Santiago e comarca. Aínda que está máis centrada en Santiago por ser onde máis hai, tamén en Milladoiro, Bertamiráns…

A Cámara de Comercio tamén representa pymes.
Si, pero tamén as grandes. A cámara foise desenvolvendo doutra maneira. Nós somos unicamente asociación, sen ánimo de lucro. Somos unha pequena unión de trinta socios. O número foi variando, pero é unha asociación moi íntima.

Supoño que aspiraredes a medrar.
Si, claro, pero tampouco é a meta. EM-REDE naceu en 2006 do programa Equal Compostela Social a través do que se crearon ao redor de 60 empresas. O Concello iniciou a rede de cooperación na que comecei. Despois constituímonos en asociación. Eramos ao redor de cincuenta, pero foron saíndo algúns e entraron outros novos.

Cantas quedades daquelas cincuenta empresas iniciais?
Pois algunhas seguen en marcha, pero non na asociación. Cando se crea, hai que pagar unha cota de oito euros, moi pequena. Facemos moito con pouco diñeiro, algo que sempre valoran as empresas asociadas. De Equal Compostela Social que formaban parte da rede, a día de hoxe quedamos cinco. Pero non quere dicir que todos pecharan. Coa crise moita xente cortou gastos e deixou a asociación.

Pasou o peor da crise? Ou segue a espada de Dámocles?
O comercio ségueo tendo difícil, pero xa arrastra a crise por outros temas, como as vendas online, as ofertas continuas, Amazon… De aí a «Campaña do Peixe», a concienciación cidadá que facemos xunto a Santiago Centro. Intentamos que a xente elixa o comercio de barrio. As vendas de moda tamén sofren polo tempo, niso non podemos facer nada.

Non, claro. Aí non podedes intervir.
[ri] Claro, pero si que cho trasladan.

A idea compartida é crear conciencia de barrio.
Por iso queremos dicirllo á cidadanía. Hai que mercar no pequeno comercio, porque se morre tamén o fai a cidade. É unha cousa que vexo moi clara, sempre digo: imaxina unha cidade con todo pechado, cos escaparates tapados con papel. Xa o vimos nalgúns lugares e é moi triste. A xente non se dá conta até que punto. A xente pensa que sempre vas estar aí. A concienciación cidadá é súper importante.

Que servizos ofrecedes en EM-REDE?
A nosa asociación baséase en ter os socios informados de axudas, convocatorias, actividades… do Concello ou da Xunta. Tamén temos a publicidade e creamos unha rede de networking. Organizamos obradoiros de formación, charlas, cooperamos con outras asociacións para realizar actividades en conxunto como a festa do Ensanche, campañas publicitarias, concursos como o de Nadal…

Contactades con outras empresas á parte das asociadas?
Os nosos obradoiros están abertos a todas, non só ás asociadas. E tamén facemos «máis amigos, máis negocios». Unha vez ao ano xuntámonos e tomamos unhas cañas. Veñen empresas diversas, coñéceste e avalías a situación desde outros puntos de vista. Tamén nos sumamos a campañas como a do 25-N ou do 8-M. Imos sobre a marcha vendo a que nos podemos unir, e que podemos facer. A nosa economía tampouco permite moito.

En canto a demandas, cales son as vosas?
Sumámonos ás demandas doutras asociacións. Estamos sempre en contacto: o tema do aparcadoiro, a ORA, como conseguir que a xente veña ao centro, un lugar onde poder realizar actividades. Temos o espazos sociocultural pero un horario específico un pouco incompatíbel.

Tedes boa relación co resto de asociacións.
Si, en principio nós levámonos ben con todo o mundo [ri]. Tamén temos socios na zona vella, non só aquí. Por iso o que nós intentamos é algo xeral, unir todo Santiago. A intermodal que está por vir, a ver se consegue conectar máis esta zona con Pontepedriña e a zona vella. Cada barrio ten as súas demandas, nós pensamos no conxunto.

Eva López, Presidenta da Asociación Em-Rede

«Sumámonos ás demandas doutras asociacións. Estamos sempre en contacto: o tema do aparcadoiro, a ORA, como conseguir que a xente veña ao centro, un lugar onde poder realizar actividades».

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido