•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

GHALEB JABER MARTÍNEZ
«A cultura é o mellor antídoto contra a intolerancia»

Ghaleb Jaber Martínez

150 150 CORALIA

Hai tantos composteláns coma ideas hai de cidade, máis ningunha é mellor ou máis xenuína ca as outras. Compostela é unha realidade plural, cuxa apertura ao mundo é produto do incansábel labor de persoeiros como Ghaleb Jaber e institucións como a Fundación Araguaney-Puente de Culturas.

Jaber Martínez (Santiago, 1981) vén de suceder o seu pai á fronte dunha fundación que desde 2008 forma parte da Alianza Mundial para a Diversidade Cultural da UNESCO, tarefa que deberá compatibilizar coa dirección da semana euro-árabe Amal, que celebrará este ano a décimo sétima edición, e coa paternidade, na que se estreou hai ano e medio.

«A miña nai é de Venezuela, o meu pai de Palestina, pero foi aquí onda formaron o seu fogar e esta Fundación é o xeito co que lles quixeron agradecer aos galegos o seu agarimo cara a eles, devolvéndolles cultura».

«Facemos mal se non apostamos pola diversidade, porque a cultura é o mellor antídoto contra a intolerancia».

«Facer de Compostela e de Galicia lugares máis diversos é o labor da Fundación que trouxo a Santiago persoeiros da relevancia de Arafat, Mahmud Darwish ou Fidel Castro, e que puxo en marcha un festival de cinema árabe único en Europa, o festival de cinema árabe máis vello de Europa».

SOCIEDADE

Vés de tomar o relevo á fronte do padroado da Fundación Araguaney-Puente de Culturas. Despois de trinta anos de vida da entidade era tempo de cambiar o rumbo e de apostar por unha visión máis nova?
Despois de tantos anos e de tantas actividades desenvolvidas por unha Fundación privada sen soporte institucional, o maior reto vai ser manter o nivel de calidade que deixa o presidente ao tempo que tentamos ollar os novos proxectos cunha mirada rexuvenecida. Pero, para min, o labor máis importante será o de manter o traballo feito durante trinta anos, que non é pouco. A miña nai é de Venezuela, o meu pai de Palestina, pero foi aquí onda formaron o seu fogar e esta Fundación é o xeito co que lles quixeron agradecer aos galegos o seu agarimo cara a eles, devolvéndolles cultura.

A Fundación defende a cultura sen fronteiras e sen prexuízos, pero no mundo que vivimos semella un obxectivo moi ambicioso. Cales son as principais ferramentas para achegármonos a esa meta?
Desde o principio, o noso enfoque da cultura foi facer que o gran público, que a cidadanía se achegase á cultura, se achegase ás nosas actividades. É por iso polo que nos sentimos moi orgullos de que Santiago teña no seu vocabulario, e isto é moi difícil, palabras como amal, palabras como Palestina ou Mundo Árabe. Este é un dos grandes logros da Fundación, e un dos éxitos de Amal, ao longo de 16 anos, ten sido ateigar as salas de público para ver cinema árabe cando a xente apenas vai ver cinema do país. Se é moi difícil que unha película española teña público, imaxina co cinema árabe! A misión da Fundación sempre foi loitar polo público.

A presidencia da Fundación Araguaney e a dirección de Amal son compatíbeis co desenvolvemento de proxectos propios como creador?
Coido que si! Non hai outro camiño! Por fortuna, teño unha profesión que me permite traballar desde calquera lugar, sen precisar estar nun espazo físico determinado. A partir de agora tentarei compaxinar o mellor posíbel esta nova responsabilidade como a miña faceta profesional da produción e creación de contidos para televisión, mantendo o mesmo nivel de esixencia e a mesma ilusión polo traballo.

Exposicións, encontros e premios converten a Fundación en referente cultural dentro e fóra de Galicia, cales son os seus fitos máis relevantes ata o de agora e onde porá o foco no vindeiro ano?
A min, ás veces, dáme a sensación de que aquí practicamos a endogamia, mirando só cara a dentro e esquecendo enriquecernos con outras culturas. Ás veces semella que a nivel institucional non se valora a diversidade cultural, a pesar da problemática que representan para Europa e Estados Unidos a falta de conciencia do valor da diversidade, o auxe dos populismos da extrema dereita ou do racismo. Facemos mal se non apostamos pola diversidade, porque a cultura é o mellor antídoto contra a intolerancia. Facer de Compostela e de Galicia lugares máis diversos é o labor da Fundación que trouxo a Santiago persoeiros da relevancia de Arafat, Mahmud Darwish ou Fidel Castro, e que puxo en marcha un festival de cinema árabe único en Europa, o festival de cinema árabe máis vello de Europa. De cara aos vindeiros meses, gustaríame que no seo da Fundación gañase presenza a cultura latinoamericana así como anovar o padroado, desde o convencemento de que non só por ser novo as ideas son novas; de feito o problema é que moitas veces a xente nova ten ideas moi antigas, moi vellas.

A Semana de Cinema Euro-árabe Amal é unha cita indispensábel no calendario cultural de Compostela. Tamén o é para os políticos?
É unha pregunta complicada! A Xunta de Galicia leva apoiando o festival todos estes anos, polo que é o único patrocinador que se mantivo durante todas as edicións. Con todo, a situación económica variou moito coa chegada da crise e, se ben antes tiñamos apoio por parte do Ministerio de Exteriores, agora non recibimos ningún apoio desde o goberno central. A pesar de todo, seguimos sacándoo adiante, sen apenas recursos económicos, porque estamos convencidos de que un festival de cinema non soamente é glamour, non soamente é o fasto que adorna un festival, sobre todo é o encontro das películas co público, nunhas salas que durante o festival seguen a encherse. Hai que lembrar que Amal ten máis de 250 espectadores de media por proxección e isto é algo inaudito. Pero este traballo non se fai da noite para a mañá, é un traballo que implica moitos anos de dedicación, de saber xestionar cultura, e ás veces sentimos como que molestamos. Galicia ten moitos festivais e todos son necesarios. Santiago ten tres dedicados ao cinema: Curtocircuíto, Cineuropa, e Amal. Dos tres, Amal é único que non ten soporte do Concello de Compostela por ser unha iniciativa privada, unha iniciativa que de non facela nós, non faría ninguén. Encantaríanos que as institucións visen a Amal como algo necesario, algo que hai que apoiar, pero para nós o festival non é unha cuestión de economía, non é un capricho. Para nós, o intercambio cultural entre o mundo árabe e occidente é importante para evitar os radicalismos, o extremismo e a xenofobia.

Que é Amal en ruta?
Nós non facemos un festival que dure unha semana e punto. Nós traballamos todo o ano para difundirmos o cinema árabe, a diferenza do que sucede con outros festivais galegos. Dado que a xente demanda estes contidos, quixemos darlle forma e promover unha serie de mostras coas películas de edicións anteriores de Amal e levalas a outras cidades de Galicia. Este ano fixemos unha mostra en Pontevedra e outra en Lugo, e estamos traballando para levala a cabo en Ourense, como xa fixemos en Marrocos, Alxeria, Venezuela ou México. O noso traballo de xestión cultural é moi amplo e, grazas a non estarmos institucionalizados, mantemos unha dinámica moi activa para promover o cinema árabe alá onde se demande.

«Para nós, o intercambio cultural entre o mundo árabe e occidente é importante para evitar os radicalismos, o extremismo e a xenofobia».

Os muros entre Occidente e Oriente son insalvábeis ou somos máis parecidos do que ás veces imaxinamos?
Somos iguais! Eu creo que os muros son moi sinxelos de derrubar porque os muros non son reais. Os muros son mentais, son ficticios. Baséanse no sustento do medo, no sustento da manipulación da información que recibimos sobre o diferente, sobre quen non pensa coma nós. É moi sinxelo derrubar eses muros e eses estereotipos, e sobre todo cos palestinos. Os palestinos e os galegos somos iguais. Palestina é un lugar moi pequeno que ten moitas aldeas, como Galicia. A min, Palestina recórdame moito a Galicia. Somos xente da aldea, de xantares de fin de semana coa familia, de salvagardar os lindes… Temos moitas similitudes porque na práctica somos a mesma xente falando idiomas diferentes.

«Como galego-palestinos que somos, sabemos plantarlles cara a aqueles que pretenden facernos sentir estraños na nosa terra». Esta frase é da túa autoría. Realmente, Compostela é tan acolledora como se di ou a orixe segue a ser un factor diferencialista?
A xente normal da rúa, a xente que vive a súa vida, que ten a súa familia, que ten o seu traballo é xente acolledora. As que levantan muros son as ideoloxías; as ideoloxías son as que levantan estereotipos. Eu nacín aquí en Santiago, eu son un rapaz de Compostela, que medrou no Ensanche, non na Zona Vella, que celebraba as vitorias do Compos na praza Roxa. Eu son un rapaz de Compostela que está dirixindo un festival de cinema árabe que é único en Europa. Algúns séntense incomodados polo feito de que quen desenvolve este labor sexa unha entidade privada e é aí cando sentes o rexeitamento, pero non por parte da xente de Compostela, onde nunca tiven ningún problema pola miña orixe, senón por mor das ideoloxías políticas.

A multiculturalidade de Compostela é real ou é un fermoso mito?
É real. Por sorte, somos unha cidade moi diversa, grazas ao Camiño de Santiago, grazas ao fomento do turismo, grazas á Universidade. Somos unha cidade con xente nova moi dinámica, e isto representa unha gran riqueza para unha gran cidade.

Témosche oído dicir que máis que falar do mundo árabe, hai que falar co mundo árabe. Que estamos perdendo?
Canto máis alá chegue o teu coñecemento máis grande será o mundo que posúas, e se soamente falamos do noso, se soamente falamos da cultura galega, o noso redúcese a Galicia. Se nós falamos coa cultura árabe, coa cultura latinoamericana, coa cultura chinesa, o noso mundo ampliarase ao mundo árabe, a América Latina, á China. Polo tanto, que estamos perdendo? Estamos perdendo o mundo, un sociedade cada vez máis global, cada vez máis conectada. Non podemos ir cara a atrás, non podemos ser soamente habitantes dunha pequena aldea, temos que ser habitantes da aldea global. É por iso polo que, se non falamos co mundo árabe e con todas as culturas que habitan no mundo, estamos a perder o mundo no que vivimos.

Por último, o compromiso é unha actitude individual ou xa está incorporado no ADN da familia Jaber Martínez?
Penso que xa está incorporado no ADN da familia, quizais pola súa historia. A historia dun rapaz que nace nunha Palestina ocupada, que ten que saír pitando por culpa da guerra, que elixe Compostela porque non quere atoparse con ningún árabe, que quere estudar porque precisa sacar a carreira de medicina para volver e axudar o seu pobo. A historia dun palestino que chega a Compostela despois do Apóstolo e dunha venezolana que chega a Compostela escapando da situación que se vive en Venezuela; a historia dun encontro nunha terra allea do que xorde un hotel, unha produtora de televisión, etc. A rutina da xente, a rutina da túa cidade fai desaparecer a cidade, pero os emigrantes son capaces de ver esa cidade invisíbel na que vivimos e, grazas á unha mirada nova sobre as cousas, son quen de poñer en marcha novas iniciativas e facelas florecer. Estamos deixando morrer milleiros de persoas no Mediterráneo, miles de refuxiados de Siria, con estudos universitarios, con iniciativa, empresarios, emprendedores, e talvez a solución á nosa crise económica pase por traer a xente cunha nova visión das cousas, con novas iniciativas, cun xeito diferente de ver a vida capaz de transformar a nosa sociedade en algo máis próspero.

«Por sorte, somos unha cidade moi diversa, grazas ao Camiño de Santiago, grazas ao fomento do turismo, grazas á Universidade. Somos unha cidade con xente nova moi dinámica, e isto representa unha gran riqueza para unha gran cidade».

«A rutina da xente, a rutina da túa cidade fai desaparecer a cidade, pero os emigrantes son capaces de ver esa cidade invisíbel na que vivimos e, grazas á unha mirada nova sobre as cousas, son quen de poñer en marcha novas iniciativas e facelas florecer».

Lorena Cochón
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Primavera de 2017
Data de publicación

Lorena Cochón
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Primavera de 2017
Data de publicación

Contido extraído do número 5.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido