•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Goretti Sanmartín Rei,
candidata á Alcaldía polo Bloque Nacionalista Galego

«Seremos a sorpresa destas eleccións»

Goretti Sanmartín Rei

150 150 CORALIA

Estes últimos catro anos compatibilizou o seu traballo no Concello de Santiago co cargo de vicepresidenta da Deputación da Coruña. Un traballo intenso, do que Goretti Sanmartín Rei (A Estrada, 1964) se sente satisfeita. Agora, encabeza a lista do BNG de Compostela ás municipais e asegura que o partido nacionalista será «a sorpresa destas eleccións», tras recuperar apoios na cidade nas Xerais do pasado 28A.

«Seremos a sorpresa destas eleccións, porque recibimos moi boas vibracións da xente que nos escoita e coa que falamos. Hai unha valoración moi positiva do traballo que desenvolvemos cando tivemos responsabilidades de goberno. Levamos a cabo políticas pioneiras e vangardistas en Cultura, Ecoloxía, Urbanismo, Participación Cidadá, Promoción Económica, Deporte...»

Entrevista de VALERIA PEREIRAS
Fotografía de ALFREDO IGLESIAS

Estes comicios volveron deixar erma a representación nacionalista en Madrid. O BNG gañou votos, pero o certo é que foron parar a saco roto. Como o valoras?
En chave local, e sentindo o feito de non obtermos representación polo que significa de carencia dunha voz propia en Madrid, hai que dicir que nos pasados comicios Santiago foi a cidade en que o BNG acadou os mellores resultados de Galiza, cunha porcentaxe próxima ao 9% e máis que duplicando os votos recibidos nas anteriores Xerais. Isto demostra que o BNG está á alza, en clara remontada e que é a referencia nacionalista no noso país. Foron moitas as persoas que confiaron no noso proxecto, aínda que funcionou o voto do medo. Cómpre lembrar que na provincia da Coruña, simplemente con que as persoas que nos votaron no Senado o fixesen tamén no Congreso xa obteriamos representación.

O BNG tamén apelou ao voto útil contra VOX na Coruña. Agora toca remar de cara as novas citas electorais, pero pensas que esta situación debería invitar a todos os partidos con centro en Galicia a reflexionar sobre a necesidade de unírense?
Desde o BNG levamos tempo a dicir que aquí caben todas as persoas que sintan Galiza e queiran defender os seus intereses. Hai sitio para todo o mundo e, de feito, estanse a producir moitas incorporacións á nosa organización. O BNG ten as portas abertas para continuar a construír unha forza nacionalista sen dependencias externas que sexa a verdadeira alternativa ás políticas do PP.

Cal é o prognóstico que manexades para as municipais? En que agardades que se traduza esta mellora nos apoios?
Seremos a sorpresa destas eleccións, porque recibimos moi boas vibracións da xente que nos escoita e coa que falamos. Hai unha valoración moi positiva do traballo que desenvolvemos cando tivemos responsabilidades de goberno. Levamos a cabo políticas pioneiras e vangardistas en Cultura, Ecoloxía, Urbanismo, Participación Cidadá, Promoción Económica, Deporte… Tamén hai moi boa valoración do noso labor como oposición. Puxemos sempre por diante os intereses da cidade e colaboramos con propostas en positivo para mellorar a vida de santiagueses e santiaguesas.

E que destacarías do equipo co que o partido se presenta a estas eleccións? Unha candidatura que, por certo, pecha o anterior número un do BNG en Compostela.
O noso é un equipo sólido, con gran coñecemento da cidade e capacidade de xestión. Está preparado para gobernar Compostela. Entre as persoas que van na candidatura do BNG hai representantes de asociacións veciñais, culturais, ecoloxistas, feministas, do sindicalismo, do comercio… É un abano da sociedade compostelá, xente con experiencia e xente nova que se incorpora ao proxecto. E todas as persoas candidatas continuaremos a beber da fonte dun dos mellores concelleiros que tivo Compostela, Rubén Cela, que continúa na organización na asemblea local e cuxa opinión e bo coñecemento da cidade estará presente tamén no traballo que levemos a cabo no futuro.

Non é unha lista cremalleira porque encabézala ti pero a segunda tamén é unha muller…
Non, non o é. Hai unha aposta á mantenta porque as mulleres vaian por diante. E por iso, nos cinco primeiros postos hai tres mulleres e dous homes, e somos dúas mulleres nos dous primeiros. Tamén hai unha aposta pola mocidade, a número dous Navia Rivas é unha muller nova, con ganas e con forza, ligada á universidade, mais nos postos 3, 4 e 5, estamos a falar de tres referentes do movemento asociativo e veciñal, desde O Castiñeiriño, pasando por Sar, Figueiras… xente que coñece moi ben Santiago, que levan pateándoo desde sempre.

«O noso é un equipo sólido, con gran coñecemento da cidade e capacidade de xestión. Está preparado para gobernar Compostela. Entre as persoas que van na candidatura do BNG hai representantes de asociacións veciñais, culturais, ecoloxistas, feministas, do sindicalismo, do comercio... É un abano da sociedade compostelá, xente con experiencia e xente nova que se incorpora ao proxecto»

«Debemos conseguir que o Concello sexa unha institución áxil e eficaz e que estea de parte da veciñanza. Hai moita xente que ve a casa do Concello como o lugar no que me van poñer problemas, e isto non pode ser. Hai que mudalo e conseguir que a cidade sexa para a xente que vive nela»

Cales son os eixes centrais do programa e da campaña do BNG que ten por lema «Santiago merece máis»?
Hai un lema nacional [«Ideas claras»], pero nós entendemos que Santiago merece máis do que ten neste momento. Temos que facer unha valoración de goberno, ser xustas e partir da base de que Santiago mellorou despois dos catro anos nefastos do PP, uns anos terríbeis nos que só eramos noticias por procedementos xudiciais alcalde tras alcalde e concelleiro tras concelleiro. Dito isto, é certo que hai unha gran parte da poboación que está desencantada, que agardaba que isto fose outra cousa e que se atoparon con que pasados estes catro anos de goberno de CA nada mudou.

Que debería cambiar?
Debemos conseguir que o Concello sexa unha institución áxil e eficaz e que estea de parte da veciñanza. Hai moita xente que ve a casa do Concello como o lugar no que me van poñer problemas, e isto non pode ser. Hai que mudalo e conseguir que a cidade sexa para a xente que vive nela. Este é tamén un momento magnífico para reflexionar sobre o modelo de turismo que queremos, un modelo máis de calidade, máis sostíbel, desestacionalizado, deslocalizado, que coñeza Santiago no seu conxunto e que non sexa só dúas rúas ao redor da Catedral, acompañado do mundo da cultura, do mundo ecoloxista, que a xente que veña aquí diga: vou alí porque sei que todos os mércores hai actuacións de tal tipo, o xoves de outro, e de paso tamén vou ver a Catedral ou vou facer turismo verde e vou subir o Pedroso ou coñecer o rural de Compostela, os petróglifos, e de paso a Catedral. Temos que ser capaces de lograr un cambio de chip moi grande, facer posíbel que a xente sinta viva a zona vella, o tesouro máis prezado de Santiago, que teña todos os servizos, que non perda a súa identidade… E para iso é imprescindíbel que haxa fibra óptica, que se garanta o acceso a Internet, que haxa máis flexibilidade á hora de dar licenzas, e evitar toda esa proliferación de negocios de souvenir que fan desaparecer o negocio local.

Isto como pode abordarse?
Facendo, por un lado, que aqueles comercios emblemáticos estean protexidos pola ordenanza, que obrigue a mantelos. Se non se pode garantir a súa continuidade, que non sexa posible que un Derby se converta en McDonald’s ou que un supermercado pase a ser unha tenda de recordos. Doutra banda, tamén levamos a proposta de que o Concello poida mercar locais comerciais na zona vella e que os poida poñer a disposición daquelas persoas que queiran abrir o seu negocio e vivir na zona vella, con alugueiros accesíbeis. E iso ten que facerse ao abeiro da fibra óptica.

Unha demanda histórica. Pode facerse?
Hai e ten que poder facerse. O soterramento non é viábel? Hai que pedir informes e ver que se pode facer acorde con Patrimonio. Mais ser é factíbel, por suposto. Tamén hai que facer un plan de revitalización do comercio, que Santiago sexa a capital das compras, que non teña esa barreira que parece que está na Senra, e haxa que ir á zona nova a algo, que se programen actividades culturais e comerciais. Tamén temos que conseguir reindustrializar Santiago, que non dependa tanto do persoal funcionario e do sector servizos. Para iso é fundamental completar as infraestruturas: o orbital, o orbitaliño, apostar por que haxa viveiros de empresas realmente e que a Universidade viva moito máis en relación coa cidade. Pensamos que hai moi boa disposición por parte do actual equipo reitoral para facelo, para conseguir que o coñecemento e a capacidade da USC non emigre, que non teña que marchar a xente nova. E logo unha cidade, como demostramos en Pontevedra, que estea pensada para as persoas. Hai que contar cun plan de mobilidade en que se lle dea prioridade á xente que vai a pé e en bicicleta, unha cidade moito máis accesíbel… Está ese plan sen facer. Temos que conseguir que sexa tamén unha cidade verde e darlle prioridade ao transporte colectivo fronte ao individual. Tamén unha aposta pola compostaxe. Non só fomentala, senón o tema escandaloso da depuradora que para nós é do máis importante. Non podemos seguir contaminando o Sar, e parece que miramos para outro lado.

«Temos que ser capaces de lograr un cambio de chip moi grande, facer posíbel que a xente sinta viva a zona vella, o tesouro máis prezado de Santiago, que teña todos os servizos, que non perda a súa identidade... E para iso é imprescindíbel que haxa fibra óptica, que se garanta o acceso a Internet, que haxa máis flexibilidade á hora de dar licenzas, e evitar toda esa proliferación de negocios de souvenir que fan desaparecer o negocio local»

Por que debería estar o BNG gobernando o Concello de Santiago?
Porque ten un proxecto para Santiago de Compostela, no que ten moi claro como quere que sexa Compostela nun horizonte de 10, 20 anos. Hai que facer unha transformación radical desta cidade, pensar cal é o modelo de turismo que queremos, unha cidade pensada para as persoas, para todas, e iso significa para as mulleres, para as crianzas, para as persoas con diversidade funcional… Pensar que Santiago precisa dese impulso transformador de xente que teña capacidade de traballo, de xestión, coa mirada posta no futuro, e que saiba como traballar desde unha administración en que vai ter que chegar a acordos. Acordos internos, dentro da propia corporación, mais tamén con outras administracións. Nos últimos anos Santiago perdeu moito peso político. Temos que ser capaces de recuperalo, de facer que desde fóra non se vexa Santiago como unha cidade con menos de 100.000 habitantes. Isto é así, pero ten unha Universidade que trae aquí moitísimos habitantes, con todo o turismo, unha poboación de vilas dos arredores que fai vida en Santiago de Compostela, unha cidade administrativa con todo o que isto significa. En resumo, pensamos que o BNG debe gobernar Santiago porque ten ese modelo de cidade para transformar, de concello para querer ser distinto de aquí en diante.

Que balance fas destes últimos catro anos de Compostela Aberta á fronte do Concello?
O que nos diferencia de CA, ademais de que temos un proxecto nacional e non só nacionalista e, por tanto, un modelo para o país, son moitas das cuestións que xa se desenvolveron en concellos como Carballo, Allariz, Rianxo… CA tivo vontade de facer algunhas cousas e, de feito, aprobou moitas das nosas propostas. Aprobou cuestións en pleno, nas negociacións dos orzamentos… Nós puxemos sempre por diante a gobernabilidade da cidade. Mellor que teña a que non teña orzamentos e apoiámolos a cambio, por exemplo, dunha inspección de servizos, dun seguimento das concesionarias. Non pode ser que a recollida de lixo non se cumpra cando hai que lavar os contedores, cando hai que recollelos, vixiar que estean en bo estado… Hai queixas constantes sobre este tipo de cuestións. Se deixas a concesionaria sen contrato logo é máis difícil facer un control do servizo, e neste momento hai moitas concesionarias sen contrato como as pistas de pádel, funcionando de maneira irregular. Ten que haber ese seguimento. É certo que a contratación faise ben, é moi limpa, mais unha vez que se adxudica… quen controla as condicións dos pregos? Quen mira iso? Nós puxemos ese tema enriba da mesa, ou que por exemplo se faga a cuberta da piscina de Sar… CA di que si e aproba iso igual que moitas outras cuestión que lles formulamos no pleno, mais logo non os executa. De cada 100 euros que teñen para obras, executaron 30. Deixaron sen executar 70, e iso é unha barbaridade. En concellos como o de Carballo licitouse máis obra pública que todo Santiago e A Coruña xuntos e, por tanto, vemos que hai unha incapacidade de xestionar no día a día. O BNG xa cando estivo no Goberno levando as concellerías máis vangardistas, referentes, xa entón demostrou que ten a capacidade, a forza, a enerxía necesarias e que ten ese equipo e ese liderado e, sobre todo, unha idea do Santiago que queremos.

«Santiago precisa dese impulso transformador de xente que teña capacidade de traballo, de xestión, coa mirada posta no futuro, e que saiba como traballar desde unha administración en que vai ter que chegar a acordos. Acordos internos, dentro da propia corporación, mais tamén con outras administracións»

Se o BNG se convertera en chave de goberno, con que forzas estaría disposto a pactar ou acordar un programa de goberno?
Nós o que temos claro é que non imos permitir que goberne a dereita, porque ideoloxicamente estamos nas Antípodas. Dixemos sempre que o BNG nunca vai favorecer que goberne unha dereita que xa nos demostrou o que podía ser, e que ademais foi o peor goberno que nunca tivo esta cidade. Agardamos que nin Ciudadanos nin VOX teñan representación, en ningún caso estariamos con eles nin co PP, que non ten proxecto para esta cidade. Fáltalle equipo, grupo, capacidade e enerxía mesmo para desenvolver calquera proposta que tivesen. De todas as maneiras, si que entendemos que hai determinadas cuestións en que temos que conseguir que haxa un pacto entre todas as forzas que conformen a corporación, como o pacto polo rural. Hai que dotar de servizos e abastecemento, transporte colectivo, ten que a xente poder vivir no rural no S. XXI, ser fonte de vida e produtivo, e dentro das forzas de esquerda, onde non vai haber maiorías absolutas como tampouco o BNG a vai ter, pero todas as forzas de esquerda o que van ter que facer é dialogar despois das eleccións. Nós non imos entregar ningún cheque en branco. Poremos o noso programa enriba da mesa e falaremos das cuestións que para nós son importantes. O BNG leva dando sinais durante todo este tempo, eu mesma na Deputación e cogobernando en distintos lugares, de saber entenderse. Sempre poño o exemplo da Coruña que durante dous anos e medio facíannos sempre a mesma pregunta: «Cando vai ser a crise de goberno?», «Cando vos ides botar os trastes á cabeza entre PSOE e BNG?». E eu sempre dixen que non tiña por que habela porque había un bo pacto detrás. Temos clarísimo o que queremos facer e como o imos facer. Temos reunións de seguimento, foise construíndo e rematou o período sen crise de goberno. Pensamos que o BNG será indispensábel nesa construción dunha alternativa.

Repetirías na vicepresidencia da Deputación?
Hai que esperar a ver os resultados. Cada cousa ten o seu tempo. De todas as maneiras, para min foron iso, anos de intenso traballo, onde ao comezo establecemos moi claramente que é o que queriamos facer na Deputación nas áreas que levamos o Bloque, tanto no Plan Único como ordenar as liñas de subvención da cultura, ir a por programas obxectivos, claros e transparentes de apoio ao que fai o tecido social… Durante os primeiros anos dediqueime moito á Deputación da Coruña mais cando tiña que atender as necesidades do Concello de Santiago tiña un moi bo equipo alí para deixar, inmellorábel, e tamén no Concello que a pesar de ser dúas persoas tiña un compañeiro como Rubén Cela cunha capacidade de traballo enorme e cun coñecemento do Concello extraordinario. Por iso tamén foi factíbel esa compatibilización das dúas responsabilidades. Aínda que houbo moito traballo, puidemos facer moito. Os primeiros meses foron difíciles, mover as maquinarias é complicado, saber que teclas tes que pulsar para activar determinadas cuestións, mais a verdade é que nos deu tempo a facer cousas que sabemos que van deixar pouso. Se gobernamos nós, serán consolidadas e reforzadas, pero é sinxelo darlle marcha atrás. Quedaron establecidas determinadas maneiras de proceder e de facer que contan cunha grande aceptación por parte do persoal técnico e tamén por parte da poboación que coñece un pouco as súas liñas. Na Deputación pasamos da discrecionalidade e o clientelismo á distribución obxectiva de fondos con autonomía total para os concellos, algo que se acompañou duplicando o apoio ao tecido asociativo, volvendo aos investimentos anteriores á crise. Só no Plan único pasamos de 24,5 millóns de euros do período anterior do PP aos case 100 millóns da actualidade. Haberá que esperar e ver, mais foi traballo que se levou moi ben.

«Na Deputación pasamos da discrecionalidade e o clientelismo á distribución obxectiva de fondos con autonomía total para os concellos, algo que se acompañou duplicando o apoio ao tecido asociativo, volvendo aos investimentos anteriores á crise»

«O BNG nunca vai favorecer que goberne unha dereita que xa nos demostrou o que podía ser, e que ademais foi o peor goberno que nunca tivo esta cidade. Agardamos que nin Ciudadanos nin VOX teñan representación, en ningún caso estariamos con eles nin co PP, que non ten proxecto para esta cidade»

Queres ollar outros contidos relevantes?

josé Bermúdez

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido