•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Javier Sánchez,
presidente de Conxo Aberto

«As obras de infraestrutura dos últimos 25-30 anos illaron máis o barrio»

Javier Sánchez, presidente de Conxo Aberto

150 150 CORALIA

Leva xa oito anos á fronte da asociación de veciños Conxo Aberto, que integra a cerca de duascentas persoas inscritas. Falamos con Javier Sánchez da situación deste barrio do sur de Compostela, un dos que máis ten medrado nos últimos anos. A rotonda, o transporte público, as infraestruturas deportivas, a xestión do CSC Aurelio Aguirre ou o centro de saúde son algunhas das eivas que reclaman mellorar.

Entrevista de VALERIA PEREIRAS
Fotografías de ROCÍO CIBES

Estades pendentes de coñecer polo miúdo a proposta de Fomento para humanizar a rotonda de Conxo. Hai algún avance?
Que nós saibamos, non. Xa é o terceiro ou cuarto ministro que nos di que a obra se vai rematar pero, de momento, non sabemos cal é a proposta máis alá de poñer unha lousa e tapar o burato do centro. Iso para nós non é a humanización que se pediu desde o barrio, é intentar disimular o que se fixo para que se pareza ao proxecto inicial.

Como era ese proxecto inicial?
Era, desde o noso punto de vista, deficiente para un entorno urbano, e o resultado final da obra foi incluso peor. Volver ao proxecto inicial é volver a un proxecto que ao barrio non lle parecía axeitado desde o punto de vista da integración. É, a partir de aí, cando nós falamos de desenvolver un proceso de humanización real que esperemos que afecte non só a rotonda física en si, senón tamén a súa contorna.

Non se levou a cabo a tramitación da obra tal e como estaba formulada?
Non. Nesa obra ao pouco de empezar houbo unha parada de varios meses nos que, aparentemente, non pasaba nada, pero si que pasaba: houbo unha negociación entre a empresa [Dragados] e o Ministerio para facer un reformado do que non se informou ao Concello e do que non tivemos coñecemento os veciños, que significou o que ves agora. Ten un burato no medio, as zonas verdes convertéronse en formigón pintado de verde e toda a contorna máis próxima quedou igual.

Que significou esta operación para o barrio?
Para o barrio a obra foi un pouco decepcionante. Á marxe de que sabermos que ía xerar incomodidades durante a execución pensamos que aportaría algo, pero non o fixo.

Nin sequera a nivel de tráfico?
Nós aquí os únicos problemas que tiñamos co tráfico era nas horas puntas pero o resto do día non había problemas para incorporarse na rotonda. Os problemas de tráfico en hora punta na rotonda continuamos a telos porque a xente que entra e os que saímos de aquí atopámonos atascados polas mañás e a outras horas de tráfico intenso. A quen si lle mellorou moito a vida foi ás persoas en tránsito. É dicir, a xente que é de fóra de Santiago e que ten que desprazarse cara o polígono do Tambre porque agora poden facelo desde O Milladoiro, Roxos, Bertamiráns… sen ter que pasar por ningún semáforo. Métense polo paso soterrado de Conxo e van polo túnel do Hórreo. Para nós a rotonda non supuxo ningunha mellora, nin desde o punto de vista da mobilidade interna nin desde o punto de vista de conectarnos co resto da cidade.

O certo é que Conxo ten quedado algo descolgado da cidade con todas as vías de comunicación que se trazaron, até Romero Donallo, que o separou do Ensanche.
Todas as obras de infraestrutura dos últimos 25-30 anos illaron máis o barrio. A primeira fenda evidente é Romero Donallo, despois chegou o Periférico que tampouco axudou, mesmo a reforma que se fixo na avenida de Vilagarcía, Sánchez Freire e García Prieto, que era a arteria principal que conectaba por aquel entón Conxo con Santiago. Coa reforma que se fixo ao eliminar un dos carrís de circulación e o aparcamento en superficie quedou reducida a mero tránsito de saída de cidade. Non hai onde parar, nin moito menos estacionar para facer unha compra. Ademais, a avenida de Ferrol quedou sen resolver, cando chegas ao final non hai nada, unha casa, e está infrautilizada.

«Todas as obras de infraestrutura dos últimos 25-30 anos illaron máis o barrio. A primeira fenda evidente é Romero Donallo, despois chegou o Periférico que tampouco axudou, mesmo a reforma que se fixo na avenida de Vilagarcía, Sánchez Freire e García Prieto, que era a arteria principal que conectaba por aquel entón Conxo con Santiago. Coa reforma que se fixo ao eliminar un dos carrís de circulación e o aparcamento en superficie quedou reducida a mero tránsito de saída de cidade».

«A Consellería no seu momento tiña un anteproxecto de centro de saúde que se ía construír na parcela próxima á praza da Mercé e daquela había o compromiso de construílo en paralelo ao centro de saúde de Galeras. Pero o de Conxo nunca chegou e desde aquela foi quedando esquecido. Na nova planificación de centros de saúde para Galicia non aparece polo que semella que a medio prazo non se levará a cabo».

«O transporte urbano é un servizo que cumpría mellorar, desde todos os puntos de vista, non só de frecuencia senón na localización das paradas, que haxa lugares sinalizados para esperar o autobús. En tema de servizos deportivos, nesta zona apenas temos».

Hai un mes, protestabades pola ausencia de pediatra no centro de saúde. Isto resolveuse?
O problema foi a falta de planificación por parte do SERGAS. Resolveuse un concurso de traslados, a pediatra que estaba marchou para un novo destino e a persoa que tiña que incorporarse estaba de vacacións, co que quedou un prazo de case un mes sen cobertura. É un problema de planificación porque a xerencia ten que saber perfectamente a situación. É algo recorrente e que nos preocupa porque aínda que entendemos que pode ser unha situación esporádica dunhas vacacións, como xa tivemos outras experiencias similares e até que houbo presión do barrio non se restableceu o servizo, pois non nos fiamos un pelo. A marxe de manobra que lle damos á Consellería é moi pouca. A nosa meta é mellorar os servizos do centro de saúde, incluso chegar a desenvolver un centro de saúde novo.

Levades un tempo pedíndoo, non está cuberta a atención médica primaria en Conxo?
Aquí temos un centro pequeniño e os que estamos aquí temos moi boa atención, eu estou encantado, pero moita xente non está dada de alta nel porque saben que é reducido e moitos seguen en Concepción Arenal. O problema é que como a xente non se adscribe, non contan. Temos o Concepción Arenal sobredimensionado e o que se propuxo foi crear un centro de saúde zonal.

E tedes algún compromiso en firme neste sentido?
A Consellería no seu momento tiña un anteproxecto de centro de saúde que se ía construír na parcela próxima á praza da Mercé e daquela había o compromiso de construílo en paralelo ao centro de saúde de Galeras. Pero o de Conxo nunca chegou e desde aquela foi quedando esquecido. Na nova planificación de centros de saúde para Galicia non aparece polo que semella que a medio prazo non se levará a cabo. Nós cremos que é necesario porque o sur da cidade desenvolveuse nos últimos anos dunha maneira tremenda e cun incremento de poboación enorme e, ao igual que en Galeras facía falla, aquí tamén. O núcleo urbano foi desenvolvéndose ao redor do barrio e fagocitándoo, pero os servizos non o fixeron en paralelo ao incremento de poboación.

Que outros servizos botades en falta?
O transporte urbano é un servizo que cumpría mellorar, desde todos os puntos de vista, non só de frecuencia senón na localización das paradas, que haxa lugares sinalizados para esperar o autobús. En tema de servizos deportivos, nesta zona apenas temos. Está o pavillón do colexio Quiroga Palacios e o instituto ten o seu pavillón pero un e o outro están ocupados coas actividades do centro. Temos o campo de fútbol do Conxo e unha pista multiusos, de fútbol, baloncesto… Pero que non está ben delimitada. Os servizos non se acompasan ao ritmo de poboación do barrio.

Tamén vos reunistes hai uns días co alcalde para falar da situación deste CSC Aurelio Aguirre, tedes unha campaña co cancelo #Conxononsetoca, como se está a desenvolver?
Este é un centro que sempre tivo moita vida e a implicación da veciñanza no desenvolvemento das actividades. Este é un servizo que o Concello ten externalizado; agora son centros cívicos, e coa chegada en xullo da nova concesionaria houbo unha serie de desaxustes e de cancelación de actividades e desencontros pola forma de programar e polas demandas do barrio que nos levaron a iniciar esta actuación. Hai persoal que leva aquí moitos anos e que tiña actividades que estaba desenvolvendo e que se moveron de sitio. Perdéronse, deixando un colectivo importante de mozos desatendido. En definitiva, vimos que algo que se construíu coa participación de todos se estaba destruíndo por unha empresa privada que acababa de entrar cun contrato millonario para supostamente mellorar a xestión. Aínda que fomos capaces de reaccionar por iso, acabouse demostrando co paso do tempo que non só é un problema de Conxo senón que é xeral. Para este ano fixemos a programación cun compoñente moi importante de actividades propostas polas asociacións do barrio. Imos vendo novidades, e o Concello está intentando mediar para mellorar o funcionamento. Periodicamente tamén temos contactos co Concello para saber como vai o tema, pero seguimos pendentes de ver como responde a empresa en canto á xestión de persoal e de programación. É preciso que a xente poida acceder ás actividades a un prezo axeitado.

Dicías que o Concello vos vai informando. En termos xerais, cal é o nivel de receptividade do Goberno municipal?
É bo. Sempre tivemos boa relación con todas as corporacións até o de agora. É o que nos interesa, pero tamén nos interesa un bo nivel de resposta.

E aí cal é o nivel?
Vemos que se intenta facer cousas. Sabemos que hai problemáticas como é o caso concreto deste contrato que son complexas por mor da lexislación sobre regulación dos contratos unha vez asinados. Pero nós esperamos que o Concello non recúe.

Pero haberá un prego de condicións que redactaría o Concello, estase a cumprir?
Entendemos que hai un prego que rexe este contrato e que o Concello llo ten que facer cumprir ou tomar as medidas previstas na lexislación para que a empresa entenda que non o está a facer ben. O contrato vai ser difícil que poida resolverse porque comporta unha serie de cuestións xurídicas que se prolongarán no tempo, polo que ao mellor dura máis o preito que a vixencia do contrato. Nós o que agardamos é que o Concello dentro da marxe de manobra que ten e coas ferramentas coercitivas para traer ao rego á empresa, faga o que está na súa man para que as cousas se desenvolvan como está recollido no prego e non como até agora.

Falando de cousas máis alegres, este é un barrio con historia e con moitas celebracións ao longo de ano, desde o Samaín ao San Xoán ou o recuperado Banquete de Conxo. Aquí hai sentimento de pertenza?
Si, aquí a xente sempre se sentiu moi identificada. En certa medida o illamento que se foi producindo con respecto ao resto de barrios «axudou» e impulsou a vida deste, que a xente estea moi identificada. Os meus fillos, por exemplo, desde que eran cativos cando lles preguntan de onde son, sempre din que de Conxo. Aquí a xente fala de ir a Santiago. O sentido de pertenza é moi grande. En Conxo preocupámonos de xerar tecido social.

De cara ao ano que vén que tedes previsto organizar?
En principio, o que procuramos é consolidar o que estamos a facer, porque a capacidade é limitada. Intentamos ofrecer algo novo cada ano. Por exemplo, este Samaín na festa das cabazas intentamos dinamizar o tema dos disfraces, a Santa Compaña… Coa idea sempre de consolidar as festas tradicionais. Temos algunha pendente de abordar, como por exemplo o Entroido, pero aquí si que xa temos moita tradición de participar no que organiza o Concello. E quen sabe se no futuro poderemos ir recuperando a tradición da cabra. No pasado facíase unha festa moi grande pero é complexo manter algo así no tempo.

No Banquete de Conxo hai cabra.
Hai, pero imos intentar consolidar o Banquete e pouco a pouco ir retomando esas celebracións tradicionais, non só do barrio senón de Galicia, porque son un punto de encontro para que a veciñanza se vexa, fale, intercambie ideas; hai un encontro interxeracional e a veciñanza responde de marabilla.

En resumo, como é vivir en Conxo?
É fantástico, a verdade, porque aínda que estás a un paso da cidade vives como na aldea. Os nenos poden xogar na rúa, hai centro sociocultural e un montón de vida, actividades para todas as idades. Calquera tarde ves nenos xogando ao fútbol, ao patinete, outros veñen aquí ler… Conxo é un barrio no que gusta vivir porque é un barrio no que se pode vivir coma antes. É un barrio tranquilo, seguro e onde os veciños se coñecen e se saúdan.

«Conxo é un barrio no que gusta vivir porque é un barrio no que se pode vivir coma antes. É un barrio tranquilo, seguro e onde os veciños se coñecen e se saúdan».

Tamén é actualidade en Coralia:

Sara Santos,
presidenta da Asociación Hostelería Compostela

«Os pisos turísticos estannos a facer moito dano»

Con arredor de seiscentos asociados a asociación Hostelería Compostela pelexa por saír adiante despois da época convulsa que a deixou endebedada e que obrigou a repensar a súa orientación. Hoxe, coa integración da restauración e a hostalaría, busca…

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido