•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

JORGE MIRA
«A única maneira que ten unha sociedade de progresar,
a esencial, é a través do coñecemento»

Jorge Mira

150 150 CORALIA

A Jorge Mira (Baio, Zas, 1968) nada lle prace máis que o seu traballo. «Boto dez ou once horas diarias no meu despacho», asegura. Catedrático de Electromagnetismo na Universidade de Santiago, decidiu estudar física, lembra, porque «é a ciencia que intenta explicar todo o que existe». Mira é consciente do deber social dos científicos e a parte da súa vida que non emprega en investigar ou en facer deporte -a súa outra paixón-, utilízaa para facer accesíbel o coñecemento complexo. «A única maneira que ten unha sociedade de progresar, a esencial, é a través do coñecemento», afirma, preocupado polas retalladas orzamentarias en investigación.

SOCIEDADE

Cando se instalou en Compostela?
No ano 1986, a piques de cumprir os 18, para facer a carreira.

Por que escolleu estudar Físicas?
A min gustábame todo. Pero unha vez que tes que elixir, vaste decidindo. A física ten a capacidade de explicar todo o que te rodea. Vin unha virtude nesa maneira de pensar. Tiven unha crise entre as matemáticas e a física, pero a física engloba bastante ben a matemática. A física é universal. Eu, por exemplo, estou en catro liñas de investigación distintas. Debo ser o único investigador desta universidade que traballa nas cinco grandes áreas de coñecemento. O saber, desde o punto de vista administrativo, repártese en cinco leiras, das ciencias puras ás humanidades. Eu teño produción científica en cada unha das cinco.

Cales son esas catro liñas de investigación?
Unha ten que ver coa ciencia de materiais, que é a liña en que traballei sempre. Outra, co ámbito médico: a xeración de imaxe da articulación da mandíbula. Cando un ten artrite reumatoide hai un aumento de volume por inflamación. Nos cativos é importante saber cando iso está inflamado, porque eles non se decatan. Despois investigo a aplicación de nanomagnetismo, nanotecnoloxía, ao medio. É enxeñaría química. Son partículas que ciscas na auga e atrapan o material contaminante. Logo a auga límpase cun imán. E a outra liña é análise social de poboación, un modelo matemático. Expliquei, por exemplo, como evolucionou a poboación galega á hora de escoller o seu idioma durante un século. Traballei con xente de Filoloxía. Tamén fixen cousas sobre pedagoxía e dou clase nun mestrado de Económicas.

Como lembra a vida universitaria nos anos en que a cidade tiña sona por ela?
Significou unha reforma do meu modo de vida. Son unha persoa de método. Estabelecín rápido a miña pauta de vida, distinta da anterior. Na segunda metade dos oitenta a universidade estaba no máximo esplendor. Era unha cidade chea de xente, unha universidade chea de xente, sentada polos bordos das aulas. A marcha nocturna era como unha manifestación. Claro, na pirámide de poboación había o dobre de persoas desa idade das que hai agora. Era unha vida estudantil moi animada e activa. Fun representante de alumnos dos CAF e nas eleccións había debate político. Iso xa non existe. Era unha universidade moi viva.

E garda especial agarimo a algún lugar de Compostela?
Un que me gusta é a zona da Praza da Fonseca, o pazo co seu claustro e a estatua, o xardín e os bares, a trinta metros do Obradoiro. Onde naceu a universidade. Fundouna un bispo. Santiago é tamén bispos e Igrexa.

«Na segunda metade dos oitenta a universidade estaba no máximo esplendor. Era unha cidade chea de xente, unha universidade chea de xente, sentada polos bordos das aulas. A marcha nocturna era como unha manifestación. Claro, na pirámide de poboación había o dobre de persoas desa idade das que hai agora. Era unha vida estudantil moi animada e activa».

É coñecido entre o gran público polo seu traballo de divulgación científica. Como o combina cunha ciencia tan pura, e tan dura, como a física?
A física é posibelmente unha das mellores materias para ser divulgador. Dá unhas bases moi potentes en case todos os ámbitos do coñecemento. No palmarés dos premios Nobel hai físicos en todas as categorías, mesmo en literatura. En medicina, economía, química…

En literatura?
José Echegaray. Foi fundador e primeiro presidente da Real Sociedade Española de Física. A palabra divulgar vén de vulgarizar. É unha vulgarización do contido. Cando lle queres transmitir algo complexo a unha grande audiencia debes vulgarizar, castrar, o discurso prolixo e complicado dese contido científico para estendelo de maneira máis sinxela.

Daquela explique, en modo divulgativo, que é a física?
A física é a ciencia que intenta explicar todo o que existe.

O seu traballo como divulgador provoca suspicacia dos seus colegas físicos?
Pode que haxa quen se meta moito na divulgación e mingüe a súa capacidade investigadora. A min, a nivel investigador, sempre me foi ben, grazas a Deus. O meu nivel científico é bastante potente. O que pasa o que lle boto moitas horas, dez ou once diarias. Teño unha vida moi simple. Fago pouco máis que traballar e facer deporte. É un pouco triste dicir isto así, seino. Hai xente que ten familia e dedícalle tempo á familia. Eu non. A divulgación sería a miña familia.

Que relación ten a divulgación científica co ensino?
Menos do que a xente pensa. Así como divulgar é vulgarizar, ser ensinante ou alumno é distinto. Un non pode confundir a divulgación coa educación, aínda que hai parte común. Divulgar é lanzar unha peza resumida de coñecemento para que a xente capte a idea. Pero ensinar… Para explicar a teoría da relatividade teño feito pezas de cinco minutos. Pero para explicar a relatividade na facultade tardas dous ou tres meses na materia de electrodinámica clásica. Iso é educar. Coa divulgación non se educa. Ganas cultura, pero un non pode aprender física vendo cousas de divulgación.

Dicía que a física serve para explicar todo. Pero socialmente as ciencias puras ou as humanidades están menos valoradas que o coñecemento con aplicacións mercantís inmediatas.
É así. A filosofía ou o grego están agora mesmo nun transo moi gordo. É unha mágoa, porque son os alicerces fundamentais sobre os que se construíu a nosa cultura. Que a nivel educativo básico desaparezan os fundamentos paréceme preocupante.

Aféctalle ao mundo da física?
En física non se nota tanto. Na propia facultade hai unha presión moi alta de alumnado. O grao de física ten a cuarta ou a quinta nota de acceso máis alta da USC. Despois de Medicina e Odontoloxía, Física está preto de Xornalismo e de Comunicación Audiovisual. É un momento moi bo. Ademais, a física deu, nos últimos anos, saltos moi importantes no coñecemento.

Por exemplo?
Un dos fitos foi o descubrimento entre 1998 e 2003 da chamada enerxía escura, que supón o 70% do universo. Esa é a mellor metáfora do cambio de milenio. Quere dicir que a humanidade descubriu o 70% do universo. Cando se faga un especial nos medios que haxa no ano 2500 e se pregunte que fixo a humanidade, dirase «no paso do segundo milenio ao terceiro a humanidade descubriu a enerxía escura». Quedará na historia. Como quedou o de Colón cando descubriu América.

Non parece existir moita conciencia popular da súa importancia.
Antes, cando un científico descubría algo, a filtración á rúa era lenta. Pero cando se encontrou a enerxía escura, aos poucos anos xa se falaba do 70%. Na física, por exemplo, as ondas gravitacionais axiña pasaron á rúa. Ou a xenética, noutro ámbito.

A ciencia, en realidade todo coñecemento humano, é un esforzo colectivo, no que se constrúe sobre o que outras persoas fixeron antes. Como se transmite esa memoria?
A memoria da ciencia transmítese da maneira estándar que seguen os científicos para comunicar os resultados. Se un científico atopa un resultado, publícao nunha revista científica. Este é, agora, o patrón que mide a calidade dun científico. Mídea en función do prestixio da revista e do impacto que ten un artigo publicado na comunidade. Aí está a memoria.

Pódese dicir que Galicia lle achegou algo singular á ciencia?
A ciencia é moi universal. Un electrón de Santiago é como un electrón de Wisconsin. Pero a ciencia galega hai 30 anos non era case nada e agora está homologada internacionalmente. O salto cualitativo de Galicia na investigación, e de España en xeral, foi brutal. Pasamos de sermos residuo, de sermos marxinais, a ser unha potencia homologada con calquera do noso contorno.

A que se debeu?
Á modernización do país a partir da Transición. Aínda que pensemos que hai problemas, o adianto foi tremendo, descomunal. Cualitativo e cuantitativo. A posta en marcha da universidade foi un detonante. E a universidade española, aínda que a xente a critique, modernizouse estratosfericamente.

As retalladas orzamentarias en educación, e en concreto en investigación universitaria, poñen en risco ese avance?
Afectan, si. Pero depende da fiestra temporal. Se un compara coa situación que tiñamos hai 30 anos, o nivel subiu moitísimo. Se se compara coa de hai cinco anos, caeu a actividade porque os recursos minguaron. Con todo, as novas xeracións son moi boas. Pero hai unha caída de recursos evidente, que vai levando pouco a pouco a unha caída de resultados.

Ese descenso de recursos, que efectos pode ter?
É mala cousa, porque o que distingue Europa, o que distingue o mundo occidental e o progreso da humanidade, é o avance científico. Mentres non se teña claro, temos un problema. A única maneira que ten unha sociedade de progresar, a esencial, é a través do coñecemento. Para rachar os límites ten que favorecer o progreso do coñecemento. Non falo só da ciencia, tamén da historia, da pintura, da filosofía… De todos os xeitos, no século XX progresouse. O que pasa é que un empeza a pensar se agora empezamos a retroceder. Ás veces dáme esa sensación. Que a formación que tivo a miña xeración era de máis calidade no seu contexto que a que hai agora no contexto actual. Na miña non había medios dixitais, era un paradigma distinto, enténdoo, e agora un neno ou unha nena aprenden doutro xeito. Pero, varrendo eses matices, a formación era un pouco máis sólida que agora.

É premio Peña Novo polo uso do galego no mundo científico. Aínda hai xente á que o galego non lle parece axeitado para segundo que parcelas do coñecemento…
Paréceme raro que a xente pense iso. Cres que a xente o pensa?

A xulgarmos por algunhas decisións sobre política educativa, iso parece.
Eu creo que o galego, no que é respecto institucional, ganou. Pero a forza do galego é moito menor que a do castelán. O castelán non necesita protección, o que necesita protección é o galego. Porque aínda que o galego ten plena consolidación lexislativa e política, no día a día esvaece. Os nenos de agora son formados para ter un bo dominio do galego, que non tiñan os nenos de hai 40 anos. Pero os nenos de hai 40 anos falaban moito máis galego que os nenos de agora. É así. O galego está feble.

E as súas análises matemáticas confírmano?
Nas análises faise unha predición a futuro, e o galego non desaparece, pero a forza que ten é moito menor que a do castelán. Pero non fai falta facer un estudo. Eu son catequista. E cando daba catequese hai 30 anos, todos os nenos agás un falaban galego. Xa non. Vas a un sitio e ves que de dez nenos falan todos castelán agás tres.

Catequista? Como compatibiliza un científico o seu labor coa relixión?
Non ten nada que ver. A ciencia ten o seu dominio e a relixión ten outro dominio. Un non pode demostrar nada de Deus, nin que existe nin que non existe. Son cousas inabordábeis pola ciencia. Todo o mecánico que temos arredor, todo o noso mundo, ten as súas leis e rexe de acordo con elas. Non hai ningunha incompatibilidade.

«A física é posibelmente unha das mellores materias para ser divulgador. Dá unhas bases moi potentes en case todos os ámbitos do coñecemento. No palmarés dos premios Nobel hai físicos en todas as categorías, mesmo en literatura. En medicina, economía, química...».

«Cando se faga un especial nos medios que haxa no ano 2500 e se pregunte que fixo a humanidade, dirase «no paso do segundo milenio ao terceiro a humanidade descubriu a enerxía escura». Quedará na historia. Como quedou o de Colón cando descubriu América».

«Teño unha vida moi simple. Fago pouco máis que traballar e facer deporte. É un pouco triste dicir isto así, seino. Hai xente que ten familia e dedícalle tempo á familia. Eu non. A divulgación sería a miña familia».

«A única maneira que ten unha sociedade de progresar, a esencial, é a través do coñecemento. Para rachar os límites ten que favorecer o progreso do coñecemento. Non falo só da ciencia, tamén da historia, da pintura, da filosofía... De todos os xeitos, no século XX progresouse. O que pasa é que un empeza a pensar se agora empezamos a retroceder».

«Eu creo que o galego, no que é respecto institucional, ganou. Pero a forza do galego é moito menor que a do castelán. O castelán non necesita protección, o que necesita protección é o galego. Porque aínda que o galego ten plena consolidación lexislativa e política, no día a día esvaece».

Entrevista extraída do número 6.

Daniel Salgado
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Álex Regueiro
Estilismo

Outono de 2017
Data de publicación

Rois Llongueras
Peiteado e maquillaxe

Facultade de Física
Localización

Daniel Salgado
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Álex Regueiro
Estilismo

Outono de 2017
Data de publicación

Rois Llongueras
Peiteado e maquillaxe

Facultade de Física
Localización

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido