•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

José Manuel Bello Rey,
presidente de Compostela Monumental

«Nunca houbo tanta dedocracia»

José Manuel Bello

150 150 CORALIA

Conversamos co ruído de fondo dunha manifestación en Raxoi. «A Policía Local leva tempo así, non os substitúen», afirma Bello en referencia a este conflito. O son escóitase no interior da súa tenda de recordos da rúa de San Francisco, unha das que rexenta e preto da que vive. Falamos con el da situación do comercio na zona vella compostelá que representa Compostela Monumental (CM), a asociación que preside desde hai quince anos.

«Nós somos pequenos pero estar dirixindo a COCAHI significa que os compañeiros desas cidades o creron conveniente. Cidades como Barcelona, Madrid co barrio das Letras, como Valencia Centro, o barrio gótico de León, Marín...».

Entrevista de VALERIA PEREIRAS
Fotografías de ROCÍO CIBES

Presides CM e ves de ser reelixido presidente da COCAHI [Confederación Española de Cascos Históricos]. Cantas cidades forman parte desta organización?
Agora acaban de incorporarse Sevilla, Badaxoz, Zaragoza… Seremos unhas trinta e oito.

E como se leva estar na presidencia por segunda vez?
Pois con moita ilusión porque estás a xogar na Champions. É unha satisfacción poder estar nesa competición de Cascos Históricos de toda España na que hai grandes cidades. Nós somos pequenos pero estar dirixindo a COCAHI significa que os compañeiros desas cidades o creron conveniente. Cidades como Barcelona, Madrid co barrio das Letras, como Valencia Centro, o barrio gótico de León, Marín…

Que tamén se incorporou hai pouco xunto con Vigo.
Si, co Centro Príncipe. E estar nesa elite para min é unha honra e un mérito tamén para Galicia.

Supón unha recompensa polo traballo que facedes?
Sen lugar a dúbidas. Así nolo premiaron, dándonos ese posto. Xa eramos unha referencia. Eu veño de presidir catro anos COCAHI e agora teño por diante outros catro. Quizais sexan os últimos porque hai que dar paso a outro tipo de xente. Pero aí quedarán.

Como se compaxinan estes dous cargos?
Pois implica moito traballo porque se xestionar unha cidade a nivel comercial é complicado, imaxínate a nivel nacional. Moitas reunións ministeriais en Madrid, moitos organismos que hai que pisar… Un nivel de esixencia moi alto. E despois o compromiso que tes con todos os presidentes das distintas cidades. Ata agora fomos cumprindo cos deberes, a min gústame moito traballar en equipo e teño un marabilloso.

E que sinerxías se teñen producido coa COCAHI?
Eu creo que a máis importante é que agora se nos abren as portas en todos os organismos oficiais, cando a COCAHI non llas abrían. Estamos agardando que nos reciban agora as SS.MM. os Reis de España. Isto non ocorrera nunca na entidade en case vinte anos que ten de existencia, e fixemos ano por ano un congreso a nivel nacional: en Santander, León, Valencia… O próximo vai ser o de Cidade Rodrigo.

En que consisten, son unha posta en común?
Si. No último que fixemos viñéronnos visitar empresarios da Arxentina. Querían ver como traballamos nós. Eles teñen alí os centros comerciais «a cielo abierto». Puxémoslle de exemplo Santiago de Compostela, o barrio das Letras de Madrid, Valencia… Entre outras. E temos moi boa conexión. Acabamos de crear a Confederación Iberoamericana de Cascos Históricos que teño tamén a honra de presidir e esa interrelación é moi boa para o comercio. É a nosa quinta provincia.

Neste ano que vén de rematar o Ministerio outorgoulle a Compostela Monumental o Premio Nacional de Comercio. Como o valorades?
Xa o valoramos moi positivamente en 2016, este é o segundo ano que nolo dan. Somos unha das institucións a nivel comercial máis premiadas do Estado. É un recoñecemento ao esforzo e ao traballo e a todas as campañas que fixemos ao longo destes anos. Fomos crecendo e o crédito vese aí. Sempre digo, con moita humildade, que a única maneira de recibir premios é traballando e traballando. Recoñecéronnolo os propios socios, a sociedade compostelá e agora o Ministerio. A xente recoñece perfectamente quen é CM. Hai quince anos non pasaba, era unha asociación de veciños máis pero sen o status que adquiriu a raíz de facer as cousas ben.

E tamén ganastes este ano o premio á publicidade en galego na categoría de radio que outorga o Parlamento de Galicia. A vosa comunicación é maioritariamente en castelán. Privilexiades este idioma?
Non. Nós somos moi respectuosos coa nosa lingua e coa lingua galega. Eu son galegofalante e eu creo que o 90% das nosas campañas son en galego. Evidentemente, se facemos unha campaña para COCAHI teremos que facela no idioma de todos que é o castelán.

«Somos unha das institucións a nivel comercial máis premiadas do Estado. É un recoñecemento ao esforzo e ao traballo e a todas as campañas que fixemos ao longo destes anos. Fomos crecendo e o crédito vese aí. Sempre digo, con moita humildade, que a única maneira de recibir premios é traballando e traballando».

Este ano volvestes facer a campaña de Sen Belén non hai Nadal. Por que credes que ten que haber un Belén institucional na praza do Obradoiro?
Por que non o ten que haber?

A nosa Constitución establece a aconfesionalidade do Estado.
Eu son un gran constitucionalista, pero aqueles que a queren romper quéreno facer tamén con isto. Os composteláns somos moi respectuosos cos peregrinos, somos moi acolledores e gústanos que os nosos costumes non os pise ninguén.

É unha cuestión de costumes, pero ten que facelo o Concello?
O noso alcalde ten que representarnos a todos. E tamén pasa o día do Apóstolo.

Agora Martiño Noriega si que acode á Traslación dos restos.
Non o fai, ou cambiaría agora de parecer. Todo aquel que non respecta os nosos costumes, non merece que estea cobrando do Concello de Santiago. Dígoo con toda claridade. Os que queren romper a Constitución son esa xente á que non lle gustan os costumes. Non teño nada en contra dos «Podemitas» pero estámolo a dicir: Madrid, Santiago, Barcelona…

Que pasa nesas cidades? Que medidas non vos gustan?
A min non me gustan as medidas que está tomando Madrid.

A limitación ao tráfico de Madrid Central?
Os comerciantes trasládanme que se está a facer sen contar con eles. Están pisando os dereitos da xente que traballa polas súas cidades.

Cres que retirar vehículos do centro afecta negativamente ao comercio?
A peonalización implica que ten que haber outros servizos previamente. Se eliminas prazas en superficie, créamas subterráneas ou en altura. A mobilidade é diferente en cada cidade. Madrid ten autobús, ten metro, ao igual que Valencia… Hai cidades nas que a mobilidade ten alternativa, aquí non. Co cal, se creamos rúas peonís primeiro teremos que ter servizos que nos faltan, e aquí quérese levar por outro lado.

Amais do Belén, outra crítica recorrente de CM nos últimos anos é o alumeado. Este ano volvestes cualificalo de «cutre».
Cutre queda curto.

Habería que destinar máis cartos a este capítulo? O orzamento é o mesmo desde hai anos.
Iso non quere dicir que estea ben. Compostela Monumental sufragou o alumeado durante dez anos, o mellor da historia. A cidade de Santiago é a capital de Galicia e non nos merecemos a cutrada de alumeado que se fai con este alcalde. Este Nadal afectounos o alumeado da zona histórica, non falo da zona nova que se conforman con nada, porque tiveron rúas sen iluminar durante varios anos porque eles non querían pagar. Pero nós si o fixemos, busquei patrocinios, incluso o Xacobeo contribuíu, cando o Concello non dedicaba nin un peso porque dicían que non o tiñan. Ata que un día Bugallo dixo que a zona nova non tiña e puxo unha partida para alumeado que hoxe non é suficiente. Segundo están as cidades, se non ambientas, non vendes.

É certo que en Vigo as luces atraen a moitas persoas de visita.
Na ponte de decembro estiveron cheos, tanto hoteis como restaurantes. A caixa fixérona outros, non Compostela sendo capital de Galicia. Coincidimos en que hai que ser aforradores pero entón que nin o fagan e volvémolo facer nós, pero en condicións.

Un representante de CM estivo hai uns días en Vigo avaliando o impacto no comercio. Cal foi a conclusión?
Como noutras cidades, por exemplo en Málaga na rúa Triana na que se reuniron vinte mil persoas esperando que acenderan o alumeado. Conclusión, o alumeado dinamiza o comercio e crea riqueza para a propia cidade. É un atractivo e crea ese ambiente que é necesario para animar as vendas.

Como vai a campaña de Nadal?
A nós a xente non nos adoita fallar. Cando en CM facemos a campaña de Nadal que é a estrela, sempre temos un volume alto de vendas. Quizais a nosa contorna non é a máis propicia. Se Vigo fixo un alumeado de primeira división e nós un de terceira rexional, con todos os respectos, teremos que sacar o partido adiante, pero non vai ser o mesmo que se tiveramos unha iluminación acorde ao que significa esta cidade. Xa o dixen moitas veces. Agora polo menos comezan a poñer as luces máis cedo, queren chegar a un grao de cumprimento conquistando barrios… Polo menos conciencia fórona collendo, pero non teñen a comercial porque non cren no proxecto.

É evidente que a sintonía da vosa asociación non é a mellor posible co actual consistorio.
Nós temos moi boa relación con todas as cidades que teñen alcaldes que marcan un nivel. A maioría das cidades do Estado. Aquí non temos moi boa sintonía, pode ser que teñamos diferente criterio… Quizais eles teñan razón e nós levemos vinte anos equivocados, poida que esteamos perdidos…

Mantivestes xuntanzas no Concello?
Si, pero é falar cunha persoa que non te escoita, con falta de respecto e consideración, como se fósemos apestados. Eles queren achegamento, proximidade, consenso… e despois á hora da verdade acaban poñendo uns pivotes aí sen consultar aos veciños. Tamén pasa cos cortes de tráfico ou cos orzamentos participativos. En Santiago nunca houbo tanta dedocracia. Conseguimos que o Concello teña un millón douscentos mil euros para que faga un Plan Especial novo e non quere, quere un plan de xestión. A normativa querémola adaptar aos novos tempos. Ten que vir agora unha lei nacional ou autonómica que poña as cousas no seu sitio.

Para xestionar o casco histórico?
Para ordenalo.

Falamos do turismo e do impacto que ten desprazando o comercio tradicional? Moitos están botando o peche.
Hai certos alcaldes e non residentes na cidade e nos cascos históricos que queren salvar os centros cando non saben realmente o que son. A miña familia leva 150 anos vivindo aquí. Non hai problema co turismo nin os composteláns creo que o teñan. A xente que marchou do casco histórico foi por falla de servizos.

Pero si que se están a pechar comercios tradicionais a favor dos destinados ao turismo.
Iso é descoñecemento do que é un comercio. Madrid recibe case vinte millóns de persoas. O barrio de Letras recibe a multitude de xente e todos os hoteis e todas as tendas están cheas a maioría do ano. Está masificado Madrid? Non. A renda que deixa o turismo en Madrid é unha barbaridade. Aquí veñen apenas catro millóns ao ano e hai xente que cre que xa hai masificación.

Pero Compostela é moito máis pequena.
Pero o lugar ao que se circunscriben os turistas é case o mesmo.

Dicías que a culpa é da falla de servizos. Cales botades en falta?
A presión da auga non é boa, Internet temos un mega e medio, non hai garderías… hai un centro médico porque o trouxen eu para Galeras. Botamos vinte e cinco anos case sen centro médico e tíñano en Conxo, en Vite… Aquí non o había desde que marchou o hospital vello. Entón, a xente marcha. Non hai onde aparcar, o aparcamento é caro, e a xente merca un piso nas aforas. Non é porque viñeran os turistas e eliminaran as tendas de toda a vida.

Tamén se rehabilitaron moitos edificios para destinalos a aloxamento turístico.
A Constitución española permítenolo. Hai unha sentenza recente nas Canarias na que o Supremo di que os apartamentos turísticos son legais.

Referíame aos ilegais, os que non pagan impostos.
Tampouco é tan difícil, vas á Xunta, pagas oitenta euros e dáste de alta, cumpres o seguro… De algo a xente terá que vivir. Hai mil catrocentos en Canarias. Alí os hoteis queixábanse do mesmo, e ao final o Tribunal Supremo acaba de darlle a razón. Non se poden eliminar. Eu si que lle recomendo a todos os que están que se dean de alta e o propio mercado xa se autorregulará. É a lei da oferta e da demanda. Estase a falar duns números que non son reais. Temos ao redor de doce mil camas, e os apartamentos turísticos non representan máis dun cero coma algo por cento.

Xa para ir rematando, como afrontades 2019?
Gustaríanos que a ONU recoñeza o día internacional dos Cascos Históricos e imos facer unhas campañas fortes e dinámicas. Seguiremos traballando cun Goberno ou con outro. A nosa sintonía é co casco histórico. E gustaríame ter un bo alcalde. Ata agora tiven mala sorte.

«Compostela Monumental sufragou o alumeado durante dez anos, o mellor da súa historia. A cidade de Santiago é a capital de Galicia e non nos merecemos a cutrada de alumeado que se fai con este alcalde».

«CM cando fai a campaña de Nadal que é a estrela, sempre temos un volume alto de vendas. Quizais a nosa contorna non é a máis propicia. Se Vigo fixo un alumeado de primeira división e nós un de terceira rexional, con todos os respectos, teremos que sacar o partido adiante, pero non vai ser o mesmo que se tiveramos unha iluminación acorde ao que significa esta cidade».

«Nós temos moi boa relación con todas as cidades que teñen alcaldes que marcan un nivel. A maioría das cidades do Estado. Aquí non temos moi boa sintonía, pode ser que teñamos diferente criterio... Quizais eles teñan razón e nós levemos vinte anos equivocados, poida que esteamos perdidos...».

«A presión da auga non é boa, Internet temos un mega e medio, non hai garderías... hai un centro médico porque o trouxen eu para Galeras. Botamos vinte e cinco anos case sen centro médico e tíñano en Conxo, en Vite... Aquí non o había desde que marchou o hospital vello. Entón, a xente marcha. Non hai onde aparcar, o aparcamento é caro, e a xente merca un piso nas aforas. Non é porque viñeran os turistas e eliminaran as tendas de toda a vida».

As eleccións están á volta da esquina.
Si, en cinco meses. Gustaríame que houbese unha persoa que tivese coñecemento de xestión do casco histórico. Encántame o que está a pasar en cidades como León, As Palmas, Valencia… Eu chamo ao alcalde de León e cólleme o teléfono, aquí parece que hai que pedir audiencia co Papa.

Por último, que significa para ti vivir e traballar na zona monumental?
É un privilexio vivir a carón da Catedral. Eu vin pasar por aquí Papas, ministros, presidentes… O nivel de vida que temos é marabilloso. Por iso hai que ser residentes, saber o que é un residente-resistente. Sentímonos moi cómodos porque temos seguridade, a praza do Obradoiro moi preto e o atractivo de ver xente de todas as partes do mundo. Iso é único.

Tamén é actualidade en Coralia:

Sara Santos,
presidenta da Asociación Hostelería Compostela

«Os pisos turísticos estannos a facer moito dano»

Con arredor de seiscentos asociados a asociación Hostelería Compostela pelexa por saír adiante despois da época convulsa que a deixou endebedada e que obrigou a repensar a súa orientación. Hoxe, coa integración da restauración e a hostalaría, busca…

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido