•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Juan Mera
O rei do ring

Juan Mera

150 150 CORALIA

«Mentres perseveramos e resistimos, podemos conseguir todo o que queremos». Detrás desta frase de natureza motivadora atópase o lendario boxeador Mike Tyson, primeiro referente deportivo de Mera (Vedra, 1994), quen vén de converterse no novo campión de España de kick-boxing. Desde que era só un rapaz a súa paixón polo boxeo e a súa dedicación por esta disciplina foron medrando ano tras ano, até facer de el un referente do deporte da loita en ring. O campionato de España é, até agora, o último dunha longa lista de méritos do ironman galego, para quen non existen os imposíbeis, un campión feito a si mesmo que xa está centrado en novos e máis ambiciosos retos. Mera, co que Coralia vén de compartir un día de adestramento no Pedroso, ten un sorriso co que desarma, pero foron os seus puños de aceiro os que o fixeron número un.

Juan Mera

Entrevista de ÁLEX REGUEIRO
Fotografías de ALFREDO IGLESIAS

A conquista do campionato español de kick-boxing é resultado de moitos anos de esforzo e dedicación. Como enfrontas a preparación dun reto tan importante? Cantos meses ou anos de adestramento hai detrás do campionato?
Este reto afróntoo con disciplina e sacrificio, e preparándome intensamente para o combate durante catro meses. Un deses meses pásoos en Holanda onde están Badr Hari, Murthel Groenhart… os mellores, que che ensinan disciplina de verdade e como adestrar. Boto un mes alá de adestramento duro e despois sigo aquí coa rutina. Badr Hari é ao kick-boxing o que Mike Tyson é ao boxeo.

Que foi o máis duro do adestramento?
O máis duro é a disciplina, o A, B, C de todos os días. Cada día levántome ás seis da mañá e saio correr seis quilómetros en xaxún; despois dúchome e almorzo. Logo vou traballar de sete e media a dez. De dez a doce volvo a adestrar dúas horas, unha hora fago boxeo e a outra dedícoa ao kick-boxing. Como e durmo, e xa ás sete da tarde adestro outra hora máis. Despois o que queda é cear e durmir.

Onde reside a túa vantaxe competitiva: na forza, na coordinación ou na concentración?
O meu forte é a concentración, sobre todo, pero tamén a forza. A miña vantaxe é o meu estilo de pelexa.

Lembras cando foi a primeira vez que dixeches en alto «isto é o meu»?
Si, claro (ri). Desde sempre, desde cativo. Tería seis ou sete anos cando vin por vez primeira a Tyson. Foi el quen espertou en min a curiosidade e lembro que con oito e nove anos vía vídeos del para saber máis sobre este mundo. De feito, o que lles pedía aos Reis Magos e a Papá Noel eran guantes de boxeo e sacos…

E como reaccionaron ao teu carón?
A familia non moi ben, pero é o normal, porque son o pequeno da casa e entre os meus nunca houbo unha afección especial por este tipo de deportes, aínda que agora todos están encantados.

Es capaz de lembrar que sentiches a primeira vez que subiches a un ring?
Si, claro (ri). Era todo nervios!

Juan Mera

«Amólame máis perder que un golpe mal dado. A vitoria enche e amortece toda a dor, por iso cando che toca estar da outra banda, hai que seguir loitando, ser forte e loitar para gañar».

Juan Mera

O kick-boxing é un deporte con apenas medio século de vida, a metade de camiño entre Occidente e Oriente. Que o fai tan atractivo para ti?
A agresividade e dureza que o caracteriza.

Para ti, o kick-boxing está máis preto do boxeo, do karate ou do muay thai?
Para min, do boxeo.

Poderías explicarnos en que difiren as diferentes modalidades deste deporte (semi-contact, light-contact ou full-contact) e a quen se adecúan mellor?
O light-contact adecúase mellor a cativos e menores de idade. Nel non podes golpear ao KO, tes que pegar sempre medindo a forza. Full-contact é unha variedade de kick-boxing onde só se permite pegar puñadas e patadas de cintura para arriba. Despois está o kick-boxing, que permite pegar puñadas e patadas a calquera altura do corpo e, a maiores, golpes cos xeonllos; é o que segue as regras do k1 -é o kick-boxing que se ve hoxe por hoxe-. No semi-contact as patadas e puños deben producirse por riba da cintura e en cada golpe párase a pelexa para puntuar.

Todos os deportes teñen pros e contras, pero cales serían as vantaxes e desvantaxes do kick-boxing con respecto a outras prácticas deportivas?
Penso que no plano físico é un dos deportes máis duros que hai, o que significa que tes que traballar a todos os niveis, e moi especialmente os apartados de elasticidade e coordinación. Tamén tes que facer fondo, así que tes que correr, traballar a forza; é dicir, co kick-boxing traballas a todos os niveis. En canto ás desvantaxes, subliñaría os impactos na tibia e no antebrazo.

Uns números atrás, Vero Boquete explicábanos que a parte máis dura do deporte son as lesións. Que é para ti o máis difícil da túa disciplina?
Amólame máis perder que un golpe mal dado. A vitoria enche e amortece toda a dor, por iso cando che toca estar da outra banda, hai que seguir loitando, ser forte e loitar para gañar.

Pagan a pena os sacrificios?
Si, por suposto. Os sacrificios pagan a pena. Tras pasar polo torneo no que me proclamei campión de España non teño ningunha dúbida ao respecto. Despois desa pelexa, despois dunha recuperación dura e dunha disciplina férrea, cóllome unha semana de descanso e como todo o que quero, como chocolate, saio un pouco, trasnoito. Procuro rebaixar o ritmo e esquecerme de horarios durante unha semana, durmir, comer moito e desconectar.

No caso dos deportes de contacto, como levan a familia e os amigos verte recibir e dar golpes? É habitual que asistan aos combates?
Son sobre todo os amigos os que me acompañan, porque a familia non leva nada ben verme recibir golpes, aínda que cada vez o levan mellor.

Karate Kid, Tigre e dragón e a maioría de películas do xénero, inciden na grande importancia dun bo mestre para chegar lonxe. Quen foron os teus e como es ti como mestre?
Comecei a adestrar no ximnasio Sparta da avenida de Lugo con Antelo, que foi o meu primeiro mestre. Logo de tres anos con el, decidín continuar só. E aínda que é duro facelo ti todo só, dar ese paso permíteche programar os teus obxectivos ao cento por cento. Ademais teño a sorte de que o Club CAMM dáme a posibilidade de adestrar e levar adiante a miña idea, a miña rutina. Que como son eu como mestre? penso que o fago ben (sorrí). Encántame o que fago, así que nas clases transmito sempre bo rollo. Estou ou tento estar sempre ledo; iso si é importante!

Queres un corpo 10?
Consellos de Juan Mera para gañarmos en benestar:
· Descansar e durmir un mínimo de 8 horas.
· Favorecer a relaxación cunha sesta
despois de comer.
· Comer moita froita a diario e controlar a calidade dos alimentos, que han de ser de confianza (de aquí do país, de Galicia).
· Adestrar e facer deporte a primeira hora
da mañá e en xaxún.
· Facer controis médicos de maneira regular.
· Incorporar hábitos activos, procurando facer todo a pé.
· Beber moita auga para estar
ben hidratados.
· Manternos no peso adecuado (se estamos máis activos,
sentímonos mellor e todo custa menos).
· Almorzar moi forte, comer forte
e cear pouco (proteína pura).
· Ter sempre unha actitude positiva.

Juan Mera

Con que es mellor?
Cos pés ou coas mans?
Coas mans.
Unha frase motivadora:
«O problema non é o problema,
o problema é a túa actitude
fronte ao problema».
Un deportista polo que
sintas admiración:
Mike Tyson.

«A realidade é que o 90% das persoas que veñen a clases non recibe impactos, a pesar do cal, para a maioría da xente, o boxeo son só golpes e ollos inchados».

Que é o máis enriquecedor para ti do traballo cos teus alumnos e cal é a lección máis importante que deberiamos aprender antes de poñernos as luvas por vez primeira?
O máis enriquecedor é ver sufrir con gusto. Adestrar todos xuntos como unha familia. Somos un grupo grande que nos axudamos e tiramos os uns polos outros. É a familia que fas co deporte, e ao final ese lazo é o máis bonito.

Que ensina o kick-boxing que non ensine o atletismo ou o fútbol?
Respecto!

Os deportes de contacto viven un bo momento en Galicia ou están a ser perseguidos polo «pensamento politicamente correcto»?
Eu o que digo é que antes de opinar convén practicar. O boxeo é algo máis que pegar golpes na cara. Para facer boxeo tes que correr, facer abdominais, saber estirar, saltar á corda, ter coordinación. No boxeo adéstrase todo iso, o que ao saltar ao nivel de competición se traduce en xogar a dar golpes. A realidade é que o 90% das persoas que veñen a clases non recibe impactos, a pesar do cal, a maioría da xente cre que o boxeo son só golpes e ollos inchados.

Juan Mera

O cine e a televisión teñen creado un estereotipo de boxeador, rudo e de poucas palabras. Pero, lonxe desa imaxe, ti sempre tes un sorriso ou unha frase animosa para os demais. Como é Juan Mera dentro e fóra do ring?
A min gústame ser amigábel con todo o mundo porque é como mellor estou. Se che gusta o que fas vas estar de mellor humor e relaxado sempre. Iso si, dentro do ring eu quero gañar como ninguén. Para min, a vitoria é o máis grande que hai. Non me importa outra cousa. Non hai dúbida ao respecto: cando teño a oportunidade vou por ela ao cento por cento.

E, finalmente, agora que estamos a decidir os propósitos para o ano que comeza, ti xa sabes cales serán os teus próximos obxectivos?
Seguir adestrando con seriedade e fortaleza. Todo o que vai vir será bo!

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido