•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

LUISA PITA
Arte en tránsito

Luisa Pita

150 150 CORALIA

O sorriso de Luisa é continuo, sen pausa. As súas maneiras, delicadas. E o seu mirar, entre traveso e curioso, revela un amor absoluto pola arte. Se a súa cor é o vermello, o seu pintor é Picasso, e o seu estilo favorito, o impresionismo. Pita rompe moldes entre os galeristas profesionais, ao converter a visita ao seu sempre dinámico espazo expositivo nun acerto, con independencia do maior ou menor coñecemento do artista ou obra en cartel por parte de quen contempla. As súas mans son dúas bolboretas frenéticas e incansábeis, sempre dispostas a revelar matices ou unha pincelada xenial.

SOCIEDADE

Cal é o segredo do teu éxito?
Segredo non hai, é traballo diario; non sei se é un éxito continuado, pero desde logo é unha ilusión permanente, día a día. Todas as cidades son boas prazas para a arte e o que hai que facer é impulsar, apoiar e crer nestes proxectos marabillosos que a xente, día a día, levanta, traballa e defende. A min gústame que cando a xente se achega á galería, vexa algo máis que a obra de arte en si mesma, por iso me implico, acompáñoos, fágolles visitas guiadas. Simplemente penso que todas as persoas que entran na galería son o mellor público posíbel.

O artista nace?
O artista faise. Dubido moito que haxa por aí unha fada madriña que lle pon a alguén os pinceis ou os materiais na man para de repente xerar unha historia marabillosa que ese alguén saberá plasmar. Penso que podes ter calidades, pero hai que formarse e desenrolar esas calidades. A arte é puro oficio, constancia e traballo. É a perdurabilidade a que fai que unha obra e un artista sexan recoñecidos.

E o coleccionista de gama alta, ama a arte ou só busca facer un bo negocio?
O coleccionista sempre ama a arte. É algo pasional. Se alguén ten a posibilidade de adquirir e a súa vez compartir as obras que posúe, estamos diante dunha paixón, non diante dun negocio.

É este un momento axeitado para lanzarse ao coleccionismo?
Sempre é un momento axeitado, o que acontece é que a palabra coleccionismo pode levar a malas interpretacións. O coleccionismo asóciase cun investimento importante de diñeiro, se ben coleccionista é calquera persoa que queira gozar dunha peza especial na súa casa. Aquí ten habido pezas a partir de 50 euros, coma os gravados do artista xaponés Masafumi Yamamoto, que teñen gustado moito, ou esculturas de Camilo Seira que se vendían a partir de 100 euros. O que quero dicir é que o coleccionismo funciona a partir da necesidade e o goce que cada quen obtén cando adquire unha peza dun artista con traxectoria e que non ten que ser necesariamente de miles e miles de euros. A partir de cantidades moi normais, como son 50 euros, xa podes atopar pezas e se non o galerista búscache o que estás a demandar, porque todos os valores son moi altos cando un ten que dispoñer do seu propio diñeiro. Iso hai que respectalo sempre.

Cal é a saúde da arte en Galicia?
Agora mesmo hai artistas que teñen unha presenza e unha traxectoria extraordinaria. Hai que confiar en que toda esta xeración de artistas que están saíndo de Belas Artes, poidan ocupar o lugar que se merecen e o sitio que lles corresponde, porque hai xente moi boa que aínda está por despuntar. Nos vindeiros dez ou quince anos veremos como esta nova xeración de artistas se vai facendo un oco nas galerías, como vai medrando profesionalmente e como nós, os galeristas, podemos apostar por eles. Agora mesmo dar nomes, resúltame moi difícil. Eu aposto por moita xente que me está a facer chegar os seus proxectos, os seus currículos e que eu, pouco a pouco, vou integrando na galería.

Dunha galería de arte como Santiago, que peza che inspira máis?
A min o sitio que me emociona sempre é o parque da Almáciga. Encántame ir alí e pasear, buscar un recunchiño de sol e desfrutalo. Non preciso máis, así son feliz!

Rematamos cunha cita de Pablo Picasso: «A pintura non se fixo para decorar os apartamentos. É un instrumento de guerra ofensiva e defensiva contra o inimigo». Verdadeiro ou falso?
Absolutamente verdadeiro! O artista transmite a través da súa obra todo o que quere, todo o que sinte, todo o que é bo ou positivo para a sociedade. Permítese esa liberdade de xogar co que el observa, de interpretalo e dirixilo a todo tipo de público. Sen dúbida, comparto totalmente a opinión deste gran mestre.

Álex Regueiro
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Inverno de 2017
Data de publicación

Álex Regueiro
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Inverno de 2017
Data de publicación

Entrevista extraída do número 1.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido