•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Marcos Pombo

«Á veciñanza da zona vella
fóisenos sacando dereitos
e poñendo deberes»

Marcos Pombo

150 150 CORALIA

O desencontro con outra asociación veciñal da zona vella foi o detonante para a súa creación. A AA.VV. Casco Histórico encara o seu cuarto ano matizando a quen di que a zona vella compostelá é o máis importante para o Concello. «Non o é a veciñanza», asegura Marcos Pombo, o seu presidente, con quen falamos das carencias e problématicas que implica vivir no barrio histórico da cidade e que, din, están detrás da caída de poboación.

Marcos Pombo, presidente da asociacion de veciños Casco Historico de Santiago de Compostela

«A xente que pasa cantando, berrando… por unha zona vella como a de Compostela e xente que cando van a outra cidade europea non o fai. Iso significa que a administración municipal non fai o que se fai noutras cidades europeas».

Entrevista de VALERIA PEREIRAS
Fotografías de ROCÍO CIBES

Se non me equivoco a vosa asociación naceu impulsada por ex-membros de Compostela Vella. Foi unha ruptura?
Non só ex-membros. O que se produciu foi unha separación tras un desencontro agudo. Decidiuse non seguir formando parte e crear unha asociación veciñal. A asociación cultural San Martiño Pinario foi a base do que despois foi a asociación de veciños.

Cales foron eses desencontros?
Eu era unha das persoas que non formaba parte de Compostela Vella. Xente que coñezo si, e había desencontros pola organización, por como estaba estruturada e os métodos que se utilizaban para xestionala. Houbo reclamacións, pero tampouco é que lle deamos moita relevancia.

Había un baleiro en canto á representación da veciñanza?
Había situacións problemáticas e a xente que estaba asociada comprendía que non se axustaba ao que quería.

Pero que reclamacións en concreto? O tema do ruído, que é recorrente en Compostela Vella?
Nós temos que dicir que agora mesmo detectamos unha volta a unha situación que no seu día foi problemática, e moi seria. Estamos a observar un incremento e iso é porque a determinadas horas da mañá na zona vella hai berros… Desde o mércores até sábado incluído. A min achegóuseme xente que está molesta polos ruídos.

Santiago conta cunha das normativas máis estritas neste sentido. Non se pode saír coa copa á rúa a partir dunha hora, retíranse as terrazas… Vós como o vedes?
Inda que non se saquen as copas, as aglomeración de xente para fumar ou falar ás dúas da mañá producen ruído. Hai que ter en conta que as casas da zona vella están moi pegadas, son baixas, hai xente que vive nos baixos, e temos moitas ventás que non illan ben, que son de madeira. Vivir esa situación continuamente cando tes que erguerte cedo é un problema.

Que se pode facer contra iso?
Eu non creo que o ruído só veña producido polos locais, vén sobre todo de persoas que carecen de civismo. A xente que pasa cantando, berrando… por unha zona vella como a de Compostela e xente que cando van a outra cidade europea non o fai. Iso significa que a administración municipal non fai o que se fai noutras cidades europeas. Eu penso que alguén que grita a esas horas está cometendo un acto incívico, non respecta o descanso da xente. Iso hai que corrixilo. Eu saio e non monto balbordo.

Que vos parece a campaña «fala baixiño» dos locais nocturnos?
Creo que é moi acertada. Pero a administración tería que apoiar isto moito máis, que a policía local cando fai a rolda ou outro tipo de empregado público debería achegarse á xente e explicarlle que debe ser respectuosa, que hai xente durmindo. O ruído é un problema importante para unha zona residencial e é unha situación a mellorar.

Outra das vosas demandas recorrente é a dun centro sociocultural. Por que non o hai?
A falta dun centro sociocultural na zona vella, ao igual que a da fibra óptica, é un símbolo da importancia que a súa veciñanza ten para o Concello de Santiago. O CSC non é só un lugar onde desenvolver actividades, achegar queixas e inquedanzas… senón tamén un punto de encontro e saída cara á mellora da nosa situación. Agora temos unha aula, un local que non cumpre co básico, húmido, nunha rúa como Santa Cristina que é unha rúa agochada na zona vella. Tiñamos uns equipos informáticos que xa non funcionaba ningún. Veñen de colocarnos aínda agora un router. A importancia que a zona vella compostelá ten a nivel mundial non se corresponde coa que a administración lle concede á veciñanza.

Isto que me contas é curioso. Todas as asociacións veciñais coas que levamos falado comentan que o Concello só se ocupa da Améndoa.
Talvez os que non contamos como debiamos contar para o Concello somos os veciños. Iso é algo que puido constatar Martiño Noriega cando o chamamos para falar con nós sobre a problemática do aparcadoiro. Cando nunha sala a rebentar de xente comezan a levantar a man para dicir que son cidadáns de segunda, hai que meditar. Os veciños non somos privilexiados, todo o contrario. Debaixo do paraugas da palabra privilexio fóronsenos sacando dereitos e poñendo deberes, máis ca no resto da cidade.

Que deberes, por exemplo?
Proba a reformar calquera inmóbel. Ao redor dun 90% das estruturas da zona vella están catalogadas. Todo o que acometas ten unha serie de limitacións cun encarecemento de custes e tempos que non se dan no resto da cidade. Os niveis de protección máis altos están na zona intramuralla. E iso xa é un deber. A maiores, o tema do coche. Non pensamos que isto teña que estar cheo de vehículos, pero si que nos teñen que dar unha alternativa. Suprímense prazas, e a alternativa é un aparcadoiro privado de 120 euros ao mes. As 115 prazas de residentes que temos non son as 300, 400 que teñen barrios como o de San Pedro, Guadalupe ou Pontepedriña. Se o resto da cidade pode ter gas natural e eu teño que andar coa bombona de arriba para abaixo, temos menos dereitos.

Marcos Pombo, presidente da asociacion de veciños Casco Historico de Santiago de Compostela

«A falta dun centro sociocultural na zona vella, ao igual que a da fibra óptica, é un símbolo da importancia que a súa veciñanza ten para o Concello de Santiago».

«Quen pode hoxe reformar unha casa na zona vella cobrando 600 euros ao mes? No paro? Coas pensións máis baixas do Estado? Coas esixencias que marca o Concello? Non, é inviábel».

«Hai moita retórica e teoría de despacho e pouco pisar a rúa. Non é casual que haxa tantas queixas contra a administración. Tense que implicar a persoas especializadas en socioloxía, hai que formar un equipo multidisciplinar de seguimento da situación coa presenza da veciñanza. Non é unha situación que se resolva cun par de reunións, obriga a un traballo constante de análise e propostas na busca de solucións eficaces».

Que servizos públicos botades en falta?
Unha cuarta parte das persoas que viven na zona vella está envellecida e esas persoas teñen que ir coller o bus a San Roque, ou á Virxe da Cerca… Traer un bus eléctrico para a recollida de persoas na zona vella é unha proposta da asemblea veciñal. Até o hostal dos Reis Católicos, en cambio, entran buses cheos de turistas e peregrinos. No que respecta ao abastecemento de auga sufrimos limitacións da presión, cortes e tubaxes de chumbo. A obsolescencia da rede de sumidoiros é clara, así é que todas as semanas entran camións para limpalas en zonas como o Franco. Tamén precisamos dunha nova formulación para a recollida do lixo co soterramento de colectores. Tanta protección, e esquecemos as persoas! Esas son algunhas das variábeis do despoboamento que se está a producir.

E o turismo, pensades que estades a ser expulsados por mor do seu auxe?
Eu penso que fai falla un equilibrio, ou un reaxustamento. Cando a finais dos 60 comezaron as construcións noutros barrios e a xente tivo unha alternativa comezaron a deixar esas casas vellas e húmidas e foron baleirando a zona vella. Tamén houbo outra circunstancia, da que ninguén fala cando temos reunións no Concello, que é a actualización da Lei de Arrendamentos Urbanos. Cando se actualizaron as rendas antigas, xente que vivía en vivendas que precisaban unha reforma que o propietario non ía acometer decidiu marchar a unha vivenda nova que ofrecía confort. Rehabilitar unha casa na zona vella é moi custoso, adaptala ás necesidades do século XXI é moi caro. Se queremos ter unha zona vella coma antes, temos que ser conscientes da realidade económica. Quen pode hoxe reformar unha casa na zona vella cobrando 600 euros ao mes? No paro? Coas pensións máis baixas do Estado? Coas esixencias que marca o Concello? Non, é inviábel.

E o peche de comercios tradicionais?
Coa fuxida de persoas empezaron a pechar. Vén de facelo Grial, que estaba en San Miguel, cuxa propietaria mo dixo así de claro: «Non son eu soa, pódoche falar de vinte persoas máis que marcharon». Que acontece co comercio de proximidade? Pois que non ten xente próxima.

As vivendas estanse a transformar en hoteis e apartamentos turísticos.
É que só queda esa alternativa. O outro día falei cun rapaz que traballa en reformas na zona vella e díxome que entrara nunha casa abandonada que estaba filtrando auga na do lado. Para reformar non chega o medio millón de euros. Esta realidade non a ve a administración local. Teño un amigo que rehabilitou unha casa que agora é unha pensión porque esa é a única maneira que ten de acometelo. A lóxica económica non che leva a alugala porque non consegues amortizalo. As administracións públicas teñen unha tarefa pendente desde 2010, que é a política de vivenda.

Que medidas credes que axudarían a fixar poboación?
Creo que é acertado falar de fixar porque a recuperación non a vexo. A emigración e o paro unido á estrutura económica de Compostela non ten efecto chamada. A precariedade que hai é moi elevada. As vivendas tampouco invitan, as asumíbeis están como están e as outras teñen prezos desorbitados. Unha de cada dez persoas ten menos de dez anos e unha de cada catro ten máis da idade de xubilación. Estamos fartos de tanto conceptualismo, da teoría de despacho, e o necesario é atender as prioridades da veciñanza. Xa van vinte anos de despoboamento brutal, un 39% desde 1986. Se non actuaron nese tempo, ten que haber unha modificación forte e valente, que ten que implicar á sociedade civil e cunhas actuacións baseadas na realidade. Hai moita retórica e teoría de despacho e pouco pisar a rúa. Non é casual que haxa tantas queixas contra a administración. Tense que implicar a persoas especializadas en socioloxía, hai que formar un equipo multidisciplinar de seguimento da situación coa presenza da veciñanza. Non é unha situación que se resolva cun par de reunións, obriga a un traballo constante de análise e propostas na busca de solucións eficaces.

Fálasme de evitar que a zona vella se converta nun parque temático.
A zona vella ten fama de que a podes ver nun día, pero se comeza a estenderse a idea de que chega medio día porque non ten vida, ao mellor xente que vén a pasar un par de noites e deixar un capital pois decide marchar e facer noite noutro sitio. Ese é un grave risco e ao mellor é por iso polo que saltou unha alarma nas administracións cando se alcanzou a cifra de 7.000 residentes menos. Botarlle toda a culpa ao turismo creo que foi unha oportunidade para algúns. Fálase de saturación, pero eu non a vexo, en todo caso hai que canalizar mellor o tránsito. Hai moita xente que está a vivir del. Non se pode comparar Compostela con Barcelona ou Venecia, é completamente diferente. Se ti non te paras a pensar en como empregar ese fluxo de turistas para fixar poboación, non estás a facelo ben.

E que opinas dos pisos turísticos?
Eu vivo dun piso turístico. É da miña familia, pero non especulo nin defraudo, pago os meus impostos a Facenda. Hai moita xente que fai o mesmo, complementa a súa economía familiar. Eu como afectado, na asociación sempre levei este asunto a un debate público. Na última xuntanza asistiron os concelleiros de Espazos Cidadáns e Turismo, Duarte e Marta Lois, e puideron comprobar o que dicían os veciños. Hai unha campaña mediática que nos mete a todos no mesmo saco. Primeiro hai que pensar por que están deshabitados e non se rehabilitan.

As festas son unha das demostracións do espírito de barrio. Cales tedes aquí?
Unha das principais festas é a de San Xoán. A fogueira de San Martiño Pinario era unha xuntanza veciñal tremenda, saía na TVG antes que a da Coruña do impresionante que era. Diso hai 30 anos, despois prohibiuse realizala alí. Tamén temos o festival «Cincuenta anos aló», no que nos poñemos todos de época. No San Martiño facemos un magosto e foliada tamén na praza e este ano queriamos levar adiante unha festa de aspecto cultural, musical e de danza facendo unha fusión entre a cultura galega e cubana en Salvador Parga.

«Eu non cambio a zona vella
por ningún outro lugar».

Ti levas desde sempre na zona vella, como se vive aquí?
Eu non cambio a zona vella por ningún outro lugar. A zona norte ten moito espírito de barrio desde sempre e está habitada por xente humilde e traballadora de carácter afábel e acolledor. Recordo o marabilloso que era cando eu era neno. Desde entón cambiou algo. Hai trinta anos era espectacular vivir aquí pero, con todo, hoxe segue a ser único.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido