•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

María Cheda

«O poder da imaxe é brutal»

María Cheda

150 150 CORALIA

Leva anos relatando Galicia aos espectadores de Antena 3, canle á que chegou despois de traballar na CNN+. De espírito inquieto e curioso, nada podería estrañar entre os seus que antes ou despois regresara a México, un escenario informativo polo que sente paixón, e ao cal «volvería de cabeza». Rostro e voz da actualidade, recoñece estar enganchada á adrenalina da televisión e á vida de xornalista. E, fronte ao discurso de moitas empresas de comunicación, é tallante ao afirmar que en Galicia e en España fan falta máis profesionais nos medios porque sobran cousas que contar. As súas crónicas posúen un estilo moi persoal que está presente en todo o que fai; un xeito de informar propio que fixo tendencia en eidos tan diversos coma o gastronómico e o musical.

maria cheda, xornalista

Entrevista de IGNACIO REPÁREZ
Fotografías de ALFREDO IGLESIAS

Na túa familia xa van tres xornalistas de carreira: o teu pai, o teu irmán e ti. Non é habitual nunha profesión que maltrata tanto a vida familiar.
É verdade, esta profesión non se define por un trato amábel con quen a exercemos. Lembro que o meu pai sempre chegaba de noite á casa, esgotado do traballo… Aínda que iso si, cun sorriso que segue a manter. É a imaxe da constancia e o esforzo. Sempre nos pediu que non seguiramos o seu camiño profesional. Pero caemos os dous. O meu irmán, primeiro, e máis tarde, eu.

Por que o teu pai non quería que fósedes xornalistas?
Non quería, non. Sabía a vida que levaba el, o esforzo que supuña… E non a quería para os seus fillos. Unha vida sen horarios, con tensións, as vinte e catro horas do día pendentes da actualidade, do teléfono… A pesar de todo, podo asegurar, creo, que a día de hoxe está orgulloso.

O seu pai segue a exercer o xornalismo.
Segue, si. E creo que morrerá sendo xornalista. Seguro.

Como te enganchaches á vida de xornalista?
Sempre me gustou escribir, escribo desde que era unha nena. De feito, cando tiña once anos déronme un premio nun concurso literario infantil. Dicíanme que tiña que dedicarme a escribir. O enganche á televisión veu logo de facer unhas prácticas na Televisión de Galicia. E logo outras en Localia. Ao principio era como un hobby, non tiña a sensación de estar a traballar senón de facer algo que me gustaba. E iso fago.

E enganchácheste…
É que o poder da imaxe é brutal. Co tempo, eu xa non podo entender o xornalismo só con letras. Necesito a imaxe, que me conten as cousas con imaxes e contalas eu con elas, adaptando o que vas dicir á imaxe que tes ou que pensas que vas ter. É certo que na tele non tes tempo para profundar nos temas como podes facer nun artigo para un xornal. Pero os directos son brutais. Miras o cámara, intúes que imaxes vai poder ofrecerte… Non pasa como na escrita, que tes o CTRL+Z para rectificar. Na tele o risco é permanente. E é precisamente esa tensión permanente, a adrenalina, a que engancha…

Lembras ter cometido algún erro nun directo?
Claro! Na tele metes a pata mil veces. Lembro un contando unha folga de recollida de lixo. Agora nunca levo papeis con notas, pero antes si adoitaba facelo. Naquela ocasión, Matías Prats deume paso e nese intre un refacho de vento vooume os papeis, agacheime e desaparecín da imaxe. Literalmente, perdín os papeis. Agora nunca os levo. Prefiro ter claras na cabeza as ideas que quero transmitir e contalas con naturalidade. E a todos os que están aprendendo lles recomendo, non sei se de modo erróneo ou non, que non leven papeis, que fagan entender o que van a contar sen limitarse a lelo nun papel.

Traballaches na CNN+, unha canle de información que emitía noticias as vinte e catro horas do día. Foi a túa mellor etapa profesional?
Nunca digo que foi a mellor, porque creo que a mellor etapa sempre é a que está por chegar. Pero CNN+ era un medio espectacular, con información constante, cun cadro de persoal de xornalistas excepcionais, referentes da profesión, xefes que ensinaban a traballar, pero que tamén deixaban traballar… Foi moi bonito, e foi moi duro o día que decidiron pechalo e cambialo por Gran Hermano 24 horas.

Maria Cheda, xornalista

«Os directos son brutais. Miras o cámara, intúes que imaxes vai poder ofrecerte... Non pasa como na escrita, que tes o CTRL+Z para rectificar. Na tele o risco é permanente. E é precisamente esa tensión permanente, a adrenalina, a que engancha...».

«Non podo entender o xornalismo só con letras. Necesito a imaxe, que me conten as cousas con imaxes e contalas eu con elas, adaptando o que vas dicir á imaxe que tes ou que pensas que vas ter».

«Poderíamos contar moitas máis cousas das que contamos. Pero o consumo de información está hoxe condicionado polas audiencias. A proba é que a canle con máis audiencia de España é Tele 5, cando os seus informativos non son os máis vistos».

Traballaches na CNN+, unha canle de información que emitía noticias as vinte e catro horas do día. Foi a túa mellor etapa profesional?
Nunca digo que foi a mellor, porque creo que a mellor etapa sempre é a que está por chegar. Pero CNN+ era un medio espectacular, con información constante, cun cadro de persoal de xornalistas excepcionais, referentes da profesión, xefes que ensinaban a traballar, pero que tamén deixaban traballar… Foi moi bonito, e foi moi duro o día que decidiron pechalo e cambialo por Gran Hermano 24 horas.

E agora en Antena 3? Notas moita diferencia traballando nunha delegación?
Estou moi ben, síntome cómoda, na casa. Antena 3 segue a apostar polas delegacións e iso fainos traballar duro. Entre un 60% e un 70% dos contidos dos telexornais de Antena 3 veñen das delegacións.

Como é contar Galicia aos telespectadores dun medio dirixido a toda España?
Imaxino que hai que profundar en explicar o contexto, en dar detalles que a un telespectador galego non lle farían falta, pero que a un de Murcia, si. É como empezar de cero. Tes que explicar en moi pouco tempo e con poucas palabras a relevancia da información que vas contar. Como o día que se reabriu o Pórtico da Gloria. Como explicas nuns segundos o que representa a Catedral de Santiago? Ou o significado do Pórtico e da posibilidade de ver as imaxes coa súa policromía orixinal? O mesmo sucedeu o día do roubo do Códice Calixtino. Había que explicar o que significaba a perda desa xoia.

Fálame de México. Creo que tes unha relación especial con ese país.
Namoreime del de pequena, cando descubrín a Frida Kahlo e empecei a interesarme por ela e por todo o que a rodeaba. Logo, cando estaba na Facultade, xurdiu a oportunidade de viaxar alí e facer un curso no Instituto Tecnolóxico de Monterrey. Só había dúas prazas, había que sacar unhas notazas e fíxeno.

Uau! Monterrey! Vaia sorte.
Si, aínda que era a peor época do narcotráfico e a cidade era un perigo. Vimos mortos, había tiroteos… Lembro que unha noite, nunha discoteca, botaron escaleiras abaixo unha bolsa chea de cabezas humanas. Foi terríbel. Moitos estudantes que estaban alí dixeron que querían marchar e volver a casa. Pero eu pretendía quedar máis tempo no país, e como Monterrey era un sitio difícil e tiña que facer un traballo de fin de carreira, ocorréuseme facelo sobre a relación entre o movemento zapatista e os mass media. E conseguín quedar. Fun a Chiapas, que entón tiña un ambiente moi particular, xa non na turística San Cristóbal, senón nas vilas e nas aldeas. Campesiños, guerrilleiros… Era incríbel.

Visitaches Chiapas máis veces?
Si, claro. Pero xa levo ano e medio sen pasar por alí e teño gañas de volver. Teño moitos amigos e adoito ir unha vez ao ano, ou cada ano e medio.

Se che xurdise unha oportunidade profesional en México, volverías?
Volvería de cabeza. De feito hai algúns anos tentei volver, falando cos compañeiros que andan por alá, non só en México, senón por toda América Latina, para ver o xeito de intentalo. Pero non é nada fácil. Ademais, México é un dos peores países do mundo para exercer o xornalismo. De feito, desde hai anos é o país onde máis xornalistas morren asasinados.

Outra das túas facetas é o xornalismo gastronómico. Tes un blog, Ojo al plato, e ademais é frecuente verte presentando eventos relacionados coa alta cociña e a restauración…
Ultimamente o blog téñoo un pouco abandonado. Pero grazas a el tiven a oportunidade de presentar a gala do certame Cocinero del Año. Gustoume e empecei a encadear traballos por toda España. O último, o Madrid Fusión. Irrenunciábel.

Falando de restauración. Cales son os teus favoritos en Santiago?
Pois… Moitos, a verdade. Pero dous especialmente: o Abastos 2.0 e o Izakaya Marquesa.

Cal é a túa relación con Compostela, a túa cidade?
Adoro Santiago. Hai zonas como a do mercado de abastos, ou o Preguntoiro, que teñen un encanto especial. E aínda que agora non vive a mellor das súas épocas -non son os noventa-, segue a ser unha cidade chea de vida. E tamén canalla, desas que nunca dormen.

Ou sexa, o ideal para a vida de xornalista.
Ha, ha! Pode ser. Os xornalistas levamos unha vida canalla, por iso vivo fóra de Santiago, aínda que preto. Pero a cidade tamén é un encanto, a pesar de que cando se enche de turistas pérdeo un pouco.

Como ves a situación do xornalismo en Galicia?
Como noutros sitios, a verdade, non lle vexo moitas diferenzas co resto de España. Faltan xornalistas e sobran cousas que contar.

Pois algunhas empresas xornalísticas pensan que é ao revés, que o que sobran son xornalistas.
Eu creo que é unha concepción errada. Poderíamos contar moitas máis cousas das que contamos. Pero o consumo de información está hoxe condicionado polas audiencias. A proba é que a canle con máis audiencia de España é Tele 5, cando os seus informativos non son os máis vistos.

Como se pode enganchar o público coa información?
Pódese facer un xornalismo ameno, divertido, que informe e ao tempo entreteña e atraia ao público.

Cal sería para ti a oportunidade profesional ideal?
Pois… Eu o que faría sería montar a miña propia canle! Non, en serio, eu son bastante optimista e onde estou sempre tendo a facer que sexa a miña casa, por iso sempre estiven cómoda nos lugares onde traballei. Non teño unha preferencia especial.

E onde che gustaría traballar, se puideses elixir?
Gustaríame poder traballar nunha contorna idílica; seguramente nalgunha capital iberoamericana, onde puidese facer información en profundidade. Hoxe facer xornalismo de investigación non é fácil. Non. E na televisión, moito menos. Pouco tempo e moitos contidos.

Outra das túas facetas son os festivais de música.
Sempre digo que o inverno está para ir ao cine, ver series e películas, e o verán, para ir de concertos e festivais. Sonche un pouco pesada coa música.

Por que pesada?
Cos amigos e cos colegas, digo. Sempre ando a lles recomendar libros e discos.

Pois recoméndalles un libro e un disco aos colegas de Coralia.
Vale. Discos, calquera de Biffy Clyro. E libros, El hombre que amaba a los perros, de Leonardo Padura. Ou La isla bajo el mar, de Isabel Allende.

Maria Cheda, xornalista

Entrevista extraída do número 10

CYRA I vestimenta     Hotel Moure I localización

Maria Cheda, xornalista

Onde viaxarías antes? Ao pasado ou ao futuro?

Antes e despois cara adiante. Sempre.

Tres adxectivos que te describan.

Enérxica, adrenalínica e dobremente enérxica.

Quen non te coñece ben, en que acostuma equivocarse respecto a ti?

Non teño o gusto de coñecelos…

Cans, gatos ou peixes?

Pancho. É un can, pero se fose peixe amaríao igual. Non teño relación cos gatos. Creo que pensan cousas de min sen coñecerme; son os que teñen a resposta da pregunta anterior.

Destino ideal para desconectar do mundanal ruído.

Mazunte, en Mexico. Levo as súas coordenadas tatuadas na pel por si me perdese…

Cal é o teu lema?

Work Hard & Party Hard.

Cal é a pregunta máis difícil de responder?

Quienes somos, de dónde venimos, a dónde vamos…. Siniestro Total xa se fixo todas as preguntas antes.

De poder elixir, que superpoder quererías ter?

Teletransportación. Sen «lugar» a dúbidas.

Cal é a túa palabra favorita?

Cantimplora! Con moitos decibelios, a viva voz, e con sorriso. A verba máis gozosa do mundo.

Un prato de outono co que triunfar.

Tacos de rubia galega con flor de cabaza. E calquera dos que faga a miña nai nunha fin de semana coa cheminea posta… Puro amor.

Tamén é actualidade en Coralia:

Sara Santos,
presidenta da Asociación Hostelería Compostela

«Os pisos turísticos estannos a facer moito dano»

Con arredor de seiscentos asociados a asociación Hostelería Compostela pelexa por saír adiante despois da época convulsa que a deixou endebedada e que obrigou a repensar a súa orientación. Hoxe, coa integración da restauración e a hostalaría, busca…

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido