•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

María Vilas,
candidata á Alcaldía por Ciudadanos

«Santiago leva doce anos de desgoberno e de máis sombras que luces»

María Vilas

150 150 CORALIA

Diplomada en Traballo Social pola USC e con dous posgraos relacionados coa xestión de servizos sociais, María Vilas (Santiago de Compostela, 1984) traballa no centro de día de Urdilde, compaxinándoo co seu cargo como portavoz de Cs en Santiago de Compostela e na provincia da Coruña. Forma parte tamén do Comité Autonómico e do Consello Xeral do seu partido. A candidata de Cs á Alcaldía promete rexenerar Santiago de Compostela e sorrí ao preguntarlle se o castelán está desaparecido en Galicia.

María Vilas Liñares, Ciudadanos Santiago

«Para nós, irromper forte no Concello é moi importante porque, a pesar de estar presentes en todos os plenos que puidemos, de ter participado en todos os actos institucionais que se nos permitiu ou de coñecer o tecido social, cremos que é importante estar en Raxoi para poder realmente cambiar as cousas»

«Estamos comprometidos co proxecto de Cs que é un proxecto liberal, moderno, de sentido común, de buscar oportunidades de futuro, de non conformarse co que temos e de pedir máis á clase política»

Entrevista de VALERIA PEREIRAS
Fotografía de ALFREDO IGLESIAS

Cs aumentou un 36,68% os seus apoios en Compostela nas Xerais. En Galicia conseguiu dous escanos. Que lectura fas?
Para nós as enquisas son un axente motivador máis, tomámolas con moita prudencia. As mellores enquisas, para nós, son as urnas, loxicamente. Estamos moi contentos cos resultados obtidos o pasado 28A e queremos agradecer de novo a esas máis de 7.000 persoas que confiaron en Cs en Santiago de Compostela e pedirlles que o volvan repetir o vindeiro 26 de maio, e incluso a todas aquelas persoas que queren un cambio e que non se conforman coa cidade que temos hoxe, que confíen en Cs para levar ese sopro de aire fresco a Raxoi.

Con ese punto de partida, que obxectivos electorais vos marcades nas municipais? Aquí aínda non tedes representación.
Pois eses datos daríannos entrada en Raxoi, e para nós isto é importante porque durante estes dous anos e medio, tres, o noso equipo vén traballando na cidade reuníndose con todos os colectivos a nivel social, veciñal, económico, empresarial… Empapándonos das súas necesidades e reflexionando sobre como conformamos o noso proxecto a medida para Santiago. Compatibilizamos os nosos traballos con esta actividade política e, para nós, irromper forte no Concello é moi importante porque, a pesar de estar presentes en todos os plenos que puidemos, de ter participado en todos os actos institucionais que se nos permitiu ou de coñecer o tecido social, cremos que é importante estar en Raxoi para poder realmente cambiar as cousas. Desde fóra, temos presentado durante estes dous anos e medio máis de 100 iniciativas a nivel municipal no Concello, dando voz a veciños, entidades, a colectivos, que se achegaron a nós e nolo pediron. Estamos moi contentos pero os resultados quedaban aí. Nós instabamos o Pleno, que é o que podiamos facer, pero ao non recoller as nosas peticións ningún grupo pois non podías chegar máis alá. De aí a necesidade de querer irromper con forza en Raxoi para que o cambio sexa unha realidade.

Pregúntocho doutra maneira… Que sería un bo resultado para Cs en Compostela?
Agardamos ter máis dun representante. Agora mesmo as enquisas falan entre dous, tres, incluso nos chegaron a dar catro o pasado 28A. O que indica é a saturación da sociedade compostelá cos gobernos continuístas que presentan tanto PP como PSOE ou como tamén CA, e cremos que a sociedade quere ese cambio, e imos traballar duro os días que nos quedan de campaña para que isto sexa así.

Que destacarías do grupo de xente da túa candidatura?
Que somos un equipo de xente normal facendo un traballo extraordinario; que o noso compromiso coa cidade viña despois dos nosos traballos, quitándollo ao noso tempo de lecer e restándolles tempo ás nosas familias incluso, porque estamos comprometidos co proxecto de Cs que é un proxecto liberal, moderno, de sentido común, de buscar oportunidades de futuro, de non conformarse co que temos e de pedir máis á clase política. Viñamos diso, de dedicar tempo e esforzo e aportar o mellor de nós mesmos, porque este é un equipo moi comprometido, de xente con vocación política, que de verdade quere que as cousas cambian.

En que dirías que se diferenza o voso proxecto do dos outros partidos?
Para min diferénciase nunha cousa fundamental: somos xente da sociedade civil que decide vir aquí por un tempo determinado a aportar a un proxecto político. O que teñen os outros partidos son profesionais políticos que levan máis de 20 anos vivindo da política, exercendo como exalcaldes e como distintos cargos dentro da política. No continuísmo, a política non pode ser rexeneradora.

Cales son os elementos centrais do voso programa?
Decidimos, por respecto á cidadanía, ir presentando o noso proxecto en bloques. Temos catro diferenciados, dos cales xa presentamos dous. Un foi «Unha cidade para vivir» na que falamos de deporte como o eixe vertebrador da sociedade, dos servizos sociais, de familias e convivencia, calidade de vida e de seguridade, civismo e convivencia. Agora estamos con outro bloque, que é o de «Unha administración eficaz e útil para a cidadanía». Cremos que ten que ser un elemento facilitador e non un obstáculo na relación cos veciños de Santiago de Compostela. E quédannos outros dous bloques para presentar nos próximos días que son «Reactivación económica» e «Un proxecto de cidade». O noso proxecto fixémolo pouco a pouco e querendo mostrar ese proxecto a medida que deseñamos para Compostela aos cidadáns, e non facer como outros candidatos que prometen tres cousas pola mañá, cinco pola tarde e seis ao día seguinte sen ningún rumbo nin ningún obxectivo. Nós temos, en total, 250 medidas para Santiago de Compostela, pensadas e reflexionadas cos axentes sociais da cidade e que cremos que van gustar á cidadanía.

«O que teñen os outros partidos son profesionais políticos que levan máis de 20 anos vivindo da política, exercendo como exalcaldes e como distintos cargos dentro da política. No continuísmo, a política non pode ser rexeneradora»

«O noso proxecto fixémolo pouco a pouco e querendo mostrar ese proxecto a medida que deseñamos para Compostela aos cidadáns, e non facer como outros candidatos que prometen tres cousas pola mañá, cinco pola tarde e seis ao día seguinte sen ningún rumbo nin ningún obxectivo. Nós temos, en total, 250 medidas para Santiago de Compostela, pensadas e reflexionadas cos axentes sociais da cidade e que cremos que van gustar á cidadanía»

«Cremos que limpar a cidade é unha prioridade para todos os veciños, e así o din todas as enquisas que se fan a pé de rúa, que parece básica pero que é moi importante para unha cidade coma esta que é un escaparate a nivel mundial. Non só o casco histórico ou o Ensanche, senón tamén o rural, dotándoo dos servizos básicos necesarios e ordenando a xestión municipal»

Non as 250, pero enuncia algunha. De que tipo de propostas estamos falando?
Cremos que limpar a cidade é unha prioridade para todos os veciños, e así o din todas as enquisas que se fan a pé de rúa, que parece básica pero que é moi importante para unha cidade coma esta que é un escaparate a nivel mundial. Non só o casco histórico ou o Ensanche, senón tamén o rural, dotándoo dos servizos básicos necesarios e ordenando a xestión municipal. Non seguir con contratos prorrogados, en precario, senón apostar por unha boa xestión dos servizos municipais buscando sempre a mellor opción para que os servizos sexan de calidade e non ter eses retrasos a nivel da concesión de licenzas que paralizan a vivenda, o emprendemento, o comercio… que son motores económicos importantes para que a cidade medre e sexa de oportunidades e teña futuro.

Dicías que Santiago está nunha mala situación. Que balance fas destes últimos anos?
Nos últimos doce anos houbo máis sombras que luces e Santiago de Compostela ten perdido peso institucional, político, económico… Nos catro últimos anos do Goberno de Bugallo, principalmente nos últimos dous nos que a xestión económica foi nefasta, perdéronse proxectos importantes para a cidade. Ikea non se asentou en Santiago, Urovesa tivo que marchar, ou o tema das Cancelas que se fixo sen un plan para Fontiñas que quedou baleirado; un Goberno que continuou co do PP, coa confianza maioritaria dos composteláns, e que foi un goberno da vergonza onde perderon toda a credibilidade, protagonizando dous anos de goberno con tres alcaldes e casos ou sospeitas de corrupción. Todo iso segue latente na sociedade compostelá, que aínda non perdoa. Durante estes dous ou case tres anos de traballo que levamos na cidade así nolo manifestan.

E estes últimos catro de CA?
Estes catro con Martiño á fronte o que nos reflicten é unha decepción tremenda a nivel social, por parte de moitos que lle votaron porque pensaban que ía representar ese cambio. A decepción con CA a pé de rúa é evidente. Fálase de desgoberno, de tomar medidas ao azar, de non estar á altura dunha cidade capital de Galicia e desa perda de peso institucional e da pouca valoración do tema do Apóstolo e de Santiago como fin do Camiño, co que iso representa. Polo tanto, pensamos que Santiago leva doce anos de desgoberno e de máis sombras que luces e apostamos por un Santiago de Compostela con máis futuro e con oportunidades de cambio e melloras continuas.

Cales serían as luces? Pensades que hai algo que se fixera ben?
Teño que dicir e, eles sábeno, varias iniciativas en materia de obras, como sinalizar por exemplo asociacións sociais como Sarela, peticións que nós trasladamos ao Concello e que si foron aceptadas e se desenvolveron. O Goberno levounos adiante e, nese sentido, agradecémoslle que tivera en conta as nosas aportacións. E unha cousa que si que significaría positivamente deste Goberno, e tamén llo trasladamos por escrito para darlle os parabéns por esta acción, foi a campaña «Compostela en negro», referente á violencia machista; unha campaña foi quen de trasladarnos, non só á clase política senón a toda a cidadanía, a necesidade de poñer encima da mesa a loita contra esa lacra social na que todas nos debemos implicar. Creo que hai que deixar nese termo os partidos fóra e gañar esa batalla e, nese senso, puxeron en marcha unha campaña recoñecida non só pola cidadanía de Santiago de Compostela, senón por moitos outros concellos que se terminaron sumando, e para min foi unha campaña moi ben formulada, que puxo o foco no que o había que poñer.

O voso partido fala de feminismo liberal, iso que significa?
Nós cremos nun feminismo liberal, aberto, cremos sobre todo en que ningunha muller lle ten que dicir a outra que ten que dicir, nin sentir, nin pensar, porque precisamente o feminismo é isto, non? A loita pola igualdade e polos dereitos das mulleres que tanto custou conseguir e que moitas referentes, como Emilia Pardo Bazán, teñen feito por nós e porque hoxe en día poidamos dar pasos valentes, como o que estou dando eu neste momento. Cremos nun feminismo inclusivo, que respecte a muller que ten enfronte e en non facer agora unha loita entre mulleres a ver quen é máis feminista. Todas temos dereito a ser, a pensar e a sentir como nos apeteza en cada momento.

Pode definirse un partido como feminista e pactar un goberno con VOX en Andalucía?
En Andalucía o que se apostou foi por un goberno de cambio, que puxo fin a corenta anos dun Partido Socialista que tiña o goberno en Andalucía colapsado, e chegouse a un acordo co Partido Popular e, é certo que eles teñen tamén unha acción con outro partido, pero nós o que acordamos foi co PP romper e favorecer ese cambio en Andalucía e foi o que apoiamos.

«A decepción con CA a pé de rúa é evidente. Fálase de desgoberno, de tomar medidas ao azar, de non estar á altura dunha cidade capital de Galicia e desa perda de peso institucional e da pouca valoración do tema do Apóstolo e de Santiago como fin do Camiño, co que iso representa»

Outro tema que se vos critica é a respecto do idioma galego. Ti estalo a empregar, e moi ben, nesta entrevista. A pregunta é, cres que existe a imposición do galego?
En Galicia o que hai é unha cooficialidade. Cada quen ten dereito a falar no idioma que lle apeteza, cando lle apeteza e como lle apeteza. O idioma non pode ser unha arma política arreboladiza que uns empreguen para prexudicar os outros. Como ben dis eu son habitualmente galegofalante e en Ciudadanos todos me coñecen así e non por iso me excluíron nin me deron menos, todo o contrario, represento varios cargos orgánicos e confiaron en min desde o primeiro momento e no meu traballo, cousa que lles agradezo. Teño que dicir que non foi para nada un impedimento e, como ves, falo habitualmente galego e hai compañeiros que tamén o fan e outros en castelán con total liberdade. Pensamos que isto, a liberdade individual debe estar por riba de todo. Tamén cremos que hai marcos lexislativos que se poden readaptar e mellorar. Non cremos que o galego teña que ser unha imposición e si un mérito e non un requisito. Non sei se tes fillos pero se os tiveras e o teu fillo tivera que ir a traballar a Cataluña como médico pois que teña o dereito a facelo. Que o idioma non sexa nunca unha barreira senón un mérito.

Por que pensas que un idioma pode ser unha barreira? Non é unha riqueza?
Non, non. Penso que é unha riqueza, que sexa unha barreira á hora de que queiras desenvolverte profesionalmente noutra comunidade e que iso che reste. Que non poida presentarme a unha oposición en Cataluña porque non sei catalán. Nós vemos que ten que ser un mérito e non un requisito. O mesmo pedimos para Galicia. Pero non porque non sexa unha riqueza, unha riqueza e un privilexio para poder ter dúas linguas cooficiais e gozalas e empregalas cando nos apeteza en cada momento.

«Cremos nun feminismo inclusivo, que respecte a muller que ten enfronte e en non facer agora unha loita entre mulleres a ver quen é máis feminista. Todas temos dereito a ser, a pensar e a sentir como nos apeteza en cada momento»

E dirías que o castelán está desaparecido en Galicia como afirman, entre outros, Toni Cantó?
Toni Cantó, despois aclarou estas verbas e dixo que nos referiamos a que quizais no tema administrativo pois si que se lle dá prioridade ao galego en certas instancias e pedimos que haxa, por riba de todo, a liberdade individual de que cada un elixa o que desexa en cada momento. Pero non, eu coido que o castelán non está en vías de extinción, desde logo [ri], e aposto á liberdade persoal de cada un, de ser e expresarse como queira en cada momento e, por certo, que o respecten porque non sei se saberás que non é agradable que por pensar diferente aquí en Santiago de Compostela nos teñamos que ter acostumado a sufrir ultimamente escraches e improperios. Na nosa sede, e que despois en medios e en redes sociais vexas memes como se foramos nós os que o facemos. Eu non teño tempo nin ganas para facer iso, paréceme unha falta de respecto total e creo que todos temos dereito a unha convivencia onde nos respectemos, porque os nosos dereitos terminan onde empezan os dos que temos enfronte. Á parte dos insultos que estou cansada de escoitar, zapateáronnos unha carpa no Toural este fin de semana. Hai tres semanas que na praza de Galicia lle cuspiron na cara a outro compañeiro. Estou cansa de ter que ir á Policía poñer denuncias por este tema e creo que sinceramente Santiago de Compostela, que é unha cidade acolledora e aberta ao mundo, merece máis ca isto. Quero facer un chamamento neste sentido a que, por favor, todos sexamos responsables e capaces de convivir en democracia.

«Bugallo foi unha persoa que abandonou o seu equipo en 2011, no peor momento do PSOE en Compostela, índose a cobrar un soldo ao Parlamento de Galicia e agora preséntase de maneira oportunista cun proxecto continuísta co que xa foi derrotado nas urnas en 2011, así que non cremos que Bugallo sexa xa unha liña de futuro e de oportunidades para Santiago de Compostela»

De lograr representación no Concello con quen estariades dispostos a falar?
De momento, penso que é cedo para falar de pactos porque nós non estivemos en Raxoi, queremos que falen as urnas o 26 de maio, e a partir de aí o que si que falariamos sería de propostas e de programa e de medidas para Santiago de Compostela. O que sexa bo para a cidadanía podémolo apoiar sexa desde un goberno ou sexa desde a propia oposición. Do que si estou segura é que imos ser os garantes e os fiscalizadores das boas prácticas en Raxoi, de que se poña o cidadán no centro da acción política e de levar a súa voz ao Concello.

A nivel estatal Cs vetou calquera tipo de pacto co PSOE. Aquí estariades dispostos, se Bugallo vos necesitase para desbancar a CA, a darlle o voso apoio?
Nós cremos que o proxecto do PSOE é o proxecto persoal de Sánchez, dixémolo a nivel nacional. Apoiou a gobernos independentistas. Nós non queremos formar parte desa España, nin que ese sexa o mellor futuro para España. Respectamos os resultados das urnas, por suposto, imos a liderar unha oposición responsable a nivel nacional. Non sabemos se desde algún concello alguén vai levantar a voz en contra do proxecto personalista de Sánchez, aquí en Santiago de Compostela pensamos que Bugallo foi unha persoa que abandonou o seu equipo en 2011, no peor momento do PSOE en Compostela, índose a cobrar un soldo ao Parlamento de Galicia e agora preséntase de maneira oportunista cun proxecto continuísta co que xa foi derrotado nas urnas en 2011, así que non cremos que Bugallo sexa xa unha liña de futuro e de oportunidades para Santiago de Compostela. Nese sentido, teriamos moi difícil chegar a acordos non sei se co PSOE, pero si co PSOE de Bugallo porque non representa esa rexeneración necesaria para Compostela.

«Imos ser os garantes e os fiscalizadores das boas prácticas en Raxoi, de que se poña o cidadán no centro da acción política e de levar a súa voz ao Concello»

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido