•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

A cidade de
MARTIÑO NORIEGA

A cidade de Martiño Noriega

150 150 CORALIA

Martiño Noriega acaba de cumprir o seu primeiro ano á fronte da Alcaldía compostelá, convencido da necesidade de devolverlle á cidade a autoestima e de reconciliar a cidade cos seus habitantes. Aos seus corenta e un anos, o doutor Noriega está a vivir intensamente cada minuto do seu primeiro mandato, facendo gala dun estilo de facer política que en nada se asemella ao dos seus predecesores no cargo. Agora que o verán chegou para ficar, o primeiro edil da capital de Galicia comparte con Coralia a súa diagnose da situación do Concello, fai balance destes meses á fronte da corporación e repasa os principais eixes da actuación política e social do goberno de Compostela Aberta.

SOCIEDADE

Republicano, soberanista e de esquerdas. Con que institución tes máis sintonía: coa monarquía, coa Igrexa ou coa Xunta?
Teño boa sintonía coa Igrexa, que estableceu unha relación de respecto co goberno municipal e entendeu perfectamente a nosa posición diferenciando os espazos de representación civil dos espazos relixiosos. A Igrexa entendeu que non houbese presenza institucional nos oficios relixiosos mellor ca algunhas das outras opcións políticas da cidade. No mes de marzo, o Concello aprobou os primeiros orzamentos presentados por Compostela Aberta.

Políticas sociais e emprego incrementan as súas partidas nun 35%. E, en que se vai notar a diferenza?
Agardo que se note no día a día de todos aqueles que o están a pasar mal ou en risco de exclusión social. Grazas aos novos fondos, as persoas van poder optar a axudas que, máis ca axudas de beneficencia, deben ser axudas de dignidade, tanto no plano habitacional como no económico.

O Toural e Cervantes amosan a diario a problemática da exclusión e a dificultade da convivencia entre residentes e persoas sen teito. Neste ano, como actuou o Concello para mellorar a situación das persoas en exclusión ou en risco?
Primeiramente, no aumento do investimento e na posta en marcha de programas piloto que non existían na cidade ata o de agora, acordados con entidades como a Cruz Vermella ou FEAFES, que están a traballar con equipos na rúa. Tamén se tomaron medidas habitacionais que inclúen pisos de titularidade municipal e convenios con pensións da cidade. A exclusión é un problema complexo que non ten unha solución a curto prazo, porque detrás destes casos hai situacións persoais moi complicadas cuxa solución require vontade política e colaboración con outras administracións como a Consellería de Sanidade ou a de Política Social.

Dentro dos orzamentos de preto de cen millóns, trinta consígnanse a gastos de persoal e preto dun millón ás nóminas dos músicos da banda de música. Non obstante, da partida total, apenas dous millóns van destinados á Compostela rural. É isto correcto?
Non exactamente. O orzamento da banda municipal supera o millón setecentos mil euros, porque a maiores das nóminas hai outros gastos. É importante sabelo, porque a banda é un servizo valorado na cidade, prestado por funcionarios, que como outros servizos do Concello sofre déficit de persoal por mor da lei Montoro, que impide substituír xubilacións e baixas. Ese déficit de persoal afecta á maioría dos servizos, o que redunda na calidade de prestacións que se poden dar. No tocante ao rural, é certo que aumentamos a cantidade consignada, como é certo que hai cantidades vinculadas aos plans da Deputación non orzadas. A nosa decisión política é a de destinar exclusivamente ao rural os investimentos da Deputación, para equilibrar territorialmente o concello.

«A Igrexa entendeu que non houbese presenza institucional nos oficios relixiosos mellor ca algunhas das outras opcións políticas da cidade».

«Hai que cambiar as prioridades: primeiro os pequenos detalles, o mantemento, e logo as grandes infraestruturas».

«Algunhas fochancas mentais son máis difíciles de solucionar que as fochancas das redes viarias, das beirarrúas e dos parques, que acabarán por solucionarse».

Cantas fochancas hai que tapar cos primeiros orzamentos de Compostela Aberta? E en canto ás fochancas no asfalto, que partida representan do total?
No que vai de ano actuouse en oitocentos puntos da cidade, e ao final do verán o investimento no mantemento da rede viaria situarase preto dos dous millóns de euros. Os informes din que nos últimos anos se acumulou un déficit de cinco millóns de euros no investimento e no mantemento. Eu estou indo todas a semanas a dous ou tres barrios para falar coas asociacións, que nos entregan os informes de necesidades. E de todas as necesidades, que son moitas, estamos a darlle prioridade ás partidas destinadas ao mantemento. Hai que lembrar que os problemas tenos o conxunto da cidade, non só un barrio. Nos últimos anos non se fixo mantemento e o que nos toca a nós e asumir todas as paternidades, incluso as que non son nosas. Algunhas fochancas mentais son máis difíciles de solucionar que as fochancas das redes viarias, das beirarrúas e dos parques, que acabarán por solucionarse.

Os barrios -máis aló da muralla ou do Ensanche- quéixanse xeralmente de seren os grandes esquecidos. En que mudou a vida da veciñanza de Conxo, do Castiñeiriño ou da Enfesta neste ano? E en que o fará ao final da lexislatura?
Mudou nun aspecto importante: o da interlocución. Neste ano o grupo de goberno mantivo xuntanzas con máis de cincuenta asociacións veciñais e eu reuninme con máis de trinta asociacións da cidade. As asociacións axudaron a facer unha verdadeira auditoría cidadá para podermos darlles prioridade ás necesidades e recollelas nos orzamentos. Eu agardo que o contacto fluído sirva para que nos vindeiros anos poidamos corrixir o deterioro da cidade e que a medio prazo a cidade mude para ben a súa cara.

A municipalización do servizo da grúa e ORA está enriba da mesa. Como beneficiaría á cidadanía este cambio na titularidade do servizo?
En principio, a municipalización é beneficiosa por cuestións de custos. Prestar o servizo directamente sae máis barato, pero a municipalización do servizo ten que supoñer un valor engadido, como a bonificación para quen paga aquí os impostos do vehículo e un mellor ordenamento das zonas de estacionamento por barrios.

A estación intermodal leva anos enchendo xornais. A súa primeira fase será unha realidade nesta lexislatura? Que representará para Compostela?
Despois de case vinte anos falando da estación intermodal, este ano asinamos o convenio que permite fixar un horizonte máis alá da solución ferroviaria. Se nesta lexislatura somos capaces de deixar atado ese horizonte e executar gran parte da obra, podemos cambiar a cara de Compostela. A estación intermodal será ese corazón que redistribúa a mobilidade e a maneira de relacionarse, concentrando nun só lugar o transporte por estrada, o transporte ferroviario e as conexións peonís. Eu creo que Santiago estivo moitos anos instalada nas grandes infraestruturas e pouco nos pequenos detalles, e agora hai que cambiar as prioridades: primeiro os pequenos detalles, o mantemento, e logo as grandes infraestruturas. Entre estas últimas, a estación intermodal é prioritaria.

Cal é o mellor momento do día?
Cando chego á casa co tempo suficiente para poder bañar a miña nena, estar con ela un anaco e deitala.
A quen admiras en política?
Admiro a Xosé Manuel Beiras. Admiro a Ada Colou, a Encarna Otero e a Mercedes Rosón.

Moitos veciños e veciñas cren que o turismo pon en perigo a habitabilidade da cidade monumental. É posíbel conciliar o carácter residencial co turístico?
Ten que ser! Ou podemos morrer de éxito, polo menos no que se refire á identidade da cidade. O casco histórico debe ser o lugar para conciliar, no que sexa posíbel vivir! Para logralo, aprobamos unha moratoria por un ano na construción de novos hoteis e estamos avanzando os traballos do plan especial para regular os usos comerciais e declarar determinadas zonas saturadas. Ademais, desde o Consorcio acaba de sacarse unha liña de axudas para o pequeno comercio do casco histórico, dotada con cen mil euros. O obxectivo debe pasar por preservar o que hai, coidando a conexión coa memoria da cidade, para evitar converternos nunha Venecia. Compostela é unha paixón, e poñer esa paixón en valor é fundamental! Conectar co relato da memoria e adaptalo aos novos tempos é un valor engadido para todos, para os que viven na cidade e para os que a visitan. Eu creo que ese é o bo camiño para ter un modelo de casco histórico e de cidade de éxito.

Unha das xoias da Cidade Histórica é a praza, pero son moitos os que pensan que o turismo está a desvirtuala. Cara a onde vai a Praza de Abastos?
Cara a un modelo propio que non reproduza modelos de mercados coma os que se ven en cidades como Madrid, cara a un modelo que poña en valor o que foi e o bo traballo dos praceiros e praceiras e da propia cooperativa. A praza é un dos pulmóns da cidade, ese lugar onde mesturar tradición e modernidade. Ten moitos problemas estruturais, de aparcamento e infraestruturas, pero tamén ten unha localización moi fermosa. Hai que buscar un modelo que permita á xente da praza seguir desenvolvendo o recuperado ata o de agora, sen desnaturalizar a praza. En atopar un punto de equilibrio andamos.

Se tiveses unha variña máxica, que borrarías do teu primeiro ano como alcalde de Compostela?
(
Ri) Foi un ano apaixonante, pero duro. Gustaríanos ter sido capaces de acelerar os procesos, de actuar antes no mantemento, de cambiar a situación de exclusión social… A min gustaríame que as cousas fosen a un ritmo máis rápido, pero levou tempo encamiñar o proceso do cambio. E o certo é que atopamos moito apoio nos barrios e moita comprensión na xente, pero tamén atopamos moita resistencia en diferentes sectores da cidade. Houbo quen non dixeriu ben os resultados e desde o primeiro día atacou sistematicamente o novo goberno, esquecendo a situación pola que pasara a cidade nos catro anos anteriores. Publicamente faltouse ao respecto non só aos que traballamos no concello, senón tamén á propia institución.

Máis ca de Santiago o Maior, ultimamente estase a falar do Gran Santiago. En que se concretaría a área metropolitana de Compostela?
No que queiramos, sempre e cando sexamos capaces de evidenciar que cooperando conseguiremos mellorar a prestación de servizos. Concellos coma Ames, Teo, Oroso, Boqueixón, Val do Dubra e Vedra configuran ese espazo da gran capital e debemos ser capaces de aproveitar ese potencial en cuestións concretas: apostando por un servizo de emerxencias comarcal ou coordinando as políticas sociais! Falando de servizos de auga pública ou de transporte metropolitano. E, unha vez que sexamos capaces de facer iso, por que non falar de fusións? Pero evitando poñer o carro diante dos bois! Os ataques e críticas deste primeiro ano fanche botar en falta Teo, ou Teo é o refuxio perfecto cando hai mareas vivas en Compostela? (Antes de contestar, ri con ganas) Son complementarios! Os meus pais decidiron deixar o Ensanche para iren vivir a Teo cando eu era un neno. En Teo está a familia e boa parte do meu corazón. E moitos dos veciños e veciñas que lle dan vida a Compostela, veñen de alí, ou de Ames ou de Brión; é esa gran capital que construímos entre todos. Porque Compostela é un reto que ten un peso específico. É unha cidade da que eu estou namorado desde que teño recordos e é un reto no que o vou dar todo, eu e todo o grupo de goberno. Outra cousa é que ao final a xente diga: ‘fixérono ben ou non o fixeron ben’, pero ninguén nos vai negar o traballo, o esforzo e a ilusión.

E, por último, en Compostela o verán é bo para…
O verán e bo para descubrir outra cidade. Unha cidade na que habitan moitas cidades que deberían rozarse máis. O verán permítenos percorrer unha cidade viva, cun corazón que latexa tras as súas pedras; unha cidade diferente á do resto do ano, unha cidade que está preto da costa e na que, de seguir avanzando na idea da gran capital, ao mellor podemos mover os marcos para chegar ao mar!

«Houbo quen non dixeriu ben os resultados e desde o primeiro día atacou sistematicamente o novo goberno, esquecendo a situación pola que pasara a cidade nos catro anos anteriores. Publicamente faltouse ao respecto non só aos que traballamos no concello, senón tamén á propia institución».

Entrevista extraída do número 3.

Alfredo Iglesias
Entrevista e fotografía

Concello de Santiago e rúa de Carretas

Verán de 2016

Data de publicación:

Localizacións:

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido