•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

A cidade de
MERCEDES ROSÓN

Mercedes Rosón

150 150 CORALIA

«Estar contigo ou non estar contigo é a medida do meu tempo». Lembrando a Borges principia Mercedes Rosón a nosa conversa no parque da Finca do Espiño.

Asomada ao seu miradoiro favorito, a política compostelá comparte con Coralia reflexións e emocións en torno ás súas dúas grandes paixóns: Concello e Universidade.

Á súa faciana asoma facilmente o sorriso e aos seus ollos a emoción. É tan amábel nas formas como contundente á hora de manifestar as súas ideas e crenzas persoais. Así o fai ao defender a lealdade como principio irrenunciábel en todas os ordes da vida, ou ao manifestar a súa completa admiración pola súa nai, por todas as mulleres da súa familia e por Hilario, o seu compañeiro desde hai máis de vinte anos.

«A política a veces é dura e aínda que nalgúns momentos a nivel persoal sufrín a súa crueldade, gocei moitísimo!».

SOCIEDADE

Dicía Encarna Otero no noso número de inverno que a cidade está moi perdida para os composteláns. Para Mercedes Rosón cal é o estado de saúde da cidade?
Estamos nunha situación de tránsito, a mellor, espero. A anterior lexislatura foi terrible para a cidade. Foron catro anos de parálise e decadencia. Aínda que compostelá de adopción (naceu en Becerreá, Lugo), son compostelá por paixón, e desde a adoración que sinto pola miña cidade creo que hai que traballar nun proxecto común das e dos composteláns. O proxecto do Santiago presente e futuro hai que levalo a cabo entre todos, mirando polo ben da cidade.

En doce anos desempeñando postos de responsabilidade no Concello, cal foi o momento máis complicado e cal o máis doce?
Houbo moitísimos máis momentos doces ca complicados. Efectivamente, a política a veces é dura e aínda que nalgúns momentos a nivel persoal sufrín a súa crueldade, gocei moitísimo! Tiven a oportunidade de coñecer profunda e intensamente non só os douscentos vinte e sete quilómetros cadrados que ten o concello, senón a moitas persoas e colectivos que traballan por sacar adiante a cidade (Cos ollos empanados e voz entrecortada, Mercedes colle aire antes de proseguir). A nivel persoal foi unha experiencia excepcional, que estableceu un antes e un despois na miña vida, facéndome sentir que aínda que poida non estar na política activa, son política e vou seguir séndoo toda a miña vida.

A entrada en política está no ADN de Mercedes Rosón ou foi unha circunstancia inesperada?
Son política de corazón, aínda que á militancia cheguei moito tempo despois de entrar en política. Pensa que eu vivín a Transición moi noviña, que na miña casa pasaban moitas cousas e que na Universidade vivín procesos moi importantes na historia do noso país. Sempre a tiven no meu ADN.

«O partido ten que volver enfocar dunha forma clara e nítida a súa visión do mundo e corrixir todas as patoloxías que arrastra no tempo; pero creo que vai sobrevivir».

«O presente e o futuro da Universidade en Galicia pasa por facer unha reflexión xusta, na que se aposte polo importantísimo valor que ten a investigación e a docencia na Universidade de Santiago».

«Santiago está moi conectado co mundo a través da creación, da cultura, da investigación, da empresa, de todo. Moito máis do que parece».

Máis dun ano despois da túa renuncia á acta, e tras os resultados das eleccións municipais e xerais, como ves o futuro do Partido Socialista na comarca de Compostela? Está en perigo de extinción?
Efectivamente está nun momento complicado, como están todos os partidos tradicionais neste momento. Ningún se salva das consecuencias deste proceso tan importante na historia galega e española contemporánea. O partido ten que volver enfocar dunha forma clara e nítida a súa visión do mundo e corrixir todas as patoloxías que arrastra no tempo; pero creo que vai sobrevivir. Por suposto!

A volta á primeira liña da política é unha tentación, un pesadelo ou unha promesa?
(Sopra) Eu sempre estou aí. Pódese facer política sen estar no Concello. Eu fágoa todos os días a outra escala, como compostelá e como membro de moitísimos colectivos aos que pertenzo e cos que levo traballando e colaborando desde hai moitísimo tempo. O tempo dirá…

Ata a descentralización, Compostela viviu épocas de gran bonanza e efervescencia grazas a Universidade. Para a Universidade de Santiago, calquera tempo pasado foi mellor?
Os escenarios son outros. A Universidade de Santiago era a de Galicia ata principios dos anos noventa, co que iso significaba: moitos campus e todo o territorio galego. Esa descentralización non se fixo todo o ben que se podería ter feito, por razóns como a duplicación de titulacións ou a elaboración dun mapa universitario que non resolve as nosas necesidades. O presente e o futuro da Universidade en Galicia pasa por facer unha reflexión xusta, na que se aposte polo importantísimo valor que ten a investigación e a docencia na Universidade de Santiago.

No tempo da globalización, no que quen se detén perde o tren do futuro, corremos o risco de desengancharnos da primeira división do pensamento, do coñecemento e a cultura?
Santiago está moi conectado co mundo a través da creación, da cultura, da investigación, da empresa, de todo. Moito máis do que parece. Polas propias dinámicas deses ámbitos, a relación co mundo vai ir a máis cada día, porque realmente estamos conectados. Outra cousa é que non se poña en valor na medida que se debería.

A cultura é un dos eidos máis sensíbeis a hora de recortar orzamentos. E en ausencia de Xacobeos e orzamentos extraordinarios, pode competir a cidade e a Universidade con localidades e institucións máis dinámicas?
O Xacobeo forma parte da vida da cidade, pero Santiago de Compostela é iso e moito máis ca iso. É un lugar de encontro e relación de moitísimos creadores, empresas e industrias culturais, e a oferta cultural de Santiago é moi importante todos ou case todos os días da semana. Se a cidade tivese un proxecto de cohesión, que deixase claro por onde ir e como potenciar e estimular os creadores, os xestores e os difusores de todo o que se coce en Compostela, estaríamos -como xa estivemos noutros momentos- nunha situación mellor; aínda así eu son moi optimista porque temos todos os ingredientes para chegar a onde queiramos.

A actividade pública de Mercedes Rosón é moi intensa, tanto que ás veces semella ter o don da ubicuidade. Cal é o seu segredo para manter ese dinamismo permanentemente?
Eu son xestora cultural e necesito estar en contacto co que pasa na cidade, en Galicia, en España e no mundo a nivel cultural, porque o meu traballo se basea en coñecer o que pasa para poder programar despois actividades de calidade. Pero é así de sempre! Pensa que en 2015 fixen trinta anos como traballadora da Universidade polo que vivín todos os procesos de transformación cultural da cidade. Nos primeiros tempos de Estévez e Chicho Losa, alá polos anos oitenta, eu traballaba nun proxecto precioso chamado Compostela Cultural, no que participaban a Universidade, o Concello, a Caixa de Aforros e residualmente a Xunta de Galicia, que estaba arrancando daquela. Iso tenme permitido estar en contacto con todo o novo e coñecer a todos os activos da cultura desde hai trinta anos ata o día de hoxe.

Por último, para rexenerar un barrio, unha comarca, unha cidade, que é máis importante, adoptar unha nova actitude individual ou mudar a perspectiva colectiva?
O aspecto colectivo é sempre determinante. Ningún partido político, ningunha asociación, ningún proxecto individual é posíbel sen contar coa xente, sen contar cos compañeiros de viaxe que somos os que habitamos os barrios, as parroquias e a cidade. A min gústame moito facer as cousas en equipo. Creo que é o que mellor sei facer.

Entrevista extraída do número 2.

Alfredo Iglesias
Entrevista e fotografías

Finca do Espiño
Localizacións

Primavera de 2016
Data de publicación

Alfredo Iglesias
Entrevista e fotografías

Finca do Espiño
Localizacións

Primavera de 2016
Data de publicación

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido