•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

MERY PAIS
Arte con mensaxe

Mery Pais

150 150 CORALIA

#Intrusas, work in progress, unha proposta viva que medra no tempo, procuroulle a Pais o primeiro premio na última edición do certame para novos artistas co que desde 2002 o Auditorio de Galicia nos adianta bianualmente a arte que vén.

Co seu proxecto, a artista compostelá dá visibilidade á exclusión social e á criminalización colectiva que sofren as mulleres musulmás, convidándonos, ao mesmo tempo, á reflexión conxunta e a xerar novos lazos.

Temos ata o 25 de setembro para achegármonos ata a sala Isaac Díaz Pardo e emocionarnos co traballo de Mery Pais e coa obra dos corenta creadores seleccionados polo xurado do Noveno Premio Auditorio de Galicia para novos artistas. Un fermoso percorrido pola fotografía, o debuxo, a pintura, a escultura, as instalacións, as videoinstalacións e as performances que confirman a boa saúde da arte en Galicia.

«Fixen a miña primeira exposición con cinco anos, así que non lembro un tempo no que non fose artista».

CULTURA

A que idade soubeches que querías ser artista? Lembras cando, a quen e como o anunciaches?
Fixen a miña primeira exposición con cinco anos, así que non lembro un tempo no que non fose artista. Recórdome a min mesma, sendo moi cativiña, pintando no obradoiro da miña nai, que tamén é artista (Mery é filla da creadora María Xosé Domínguez). Ao estar sempre rodeada de arte, non houbo un momento concreto no que anunciase que quería ser artista.

En Compostela a arte está viva ou Compostela máis ben vive da arte?
Compostela é unha cidade dinámica, na que se sente e se vive a arte.

É belas artes, entón, unha materia pendente para a capital galega?
Non! Existindo unha Facultade de Belas Artes en Pontevedra, non vexo a necesidade de ter unha facultade en Santiago, nin tantas como hai por toda España. A facultade de Pontevedra é moi boa e ten todos os medios precisos.

Como se recibiu entre os teus a decisión de marchar estudar Belas Artes a Tetuán? O choque cultural foi un aliciente ou un obstáculo, ou ambas as dúas cousas?
Na miña casa aceptárono de bo grado. De feito, foron eles os que me animaron a tomar a decisión, pensando que eu estaría ben se facía o que sentía que debía facer. Son moi aventureira e naquel momento sentía a necesidade de vivir a experiencia de Marrocos, así que elixín estudar a carreira en dous idiomas novos e nunha facultade con menos recursos! Desde logo, o máis complicado foi o choque cultural do meu primeiro ano, cando pensei incluso en abandonar, pero ao final ese choque resultou a cuestión máis gratificante. Chegar a sentir que todos somos en realidade iguais e o preto e o lonxe que estamos uns dos doutros foi parte do proceso. A adaptación foi complicada, pero superar o reto permitiume ter o que agora teño.

A Paul Bowles, Yves Saint-Laurent ou Claudio Bravo cativounos a beleza de Marrocos que reflectiron na súa obra. No teu caso, foi amor a primeira vista?
Si. Desde a primeira viaxe que fixen, quedei namorada das súas cores, da súa intensidade, dos arrecendos e dos seus fortes contrastes. Foi o que me atraeu para lanzarme á aventura de marchar a vivir alí.

As cores, a luz, os aromas, os sons de Marrocos, que lle achegan á túa obra?
Marrocos é un país de contrastes, ou é branco ou é negro, arrecende ben ou cheira moi mal, e a xente é moi rica ou moi pobre. Estar no medio de todo, podendo apreciar todos os seus contrastes, faiche ver o mundo desde outra perspectiva. Que como afectan estes estímulos á miña obra? Máis que nas cores, eu penso que me inflúen no concepto do contraste.

E as cores, a luz, os aromas, e os sons de Compostela?
Eu nacín no casco vello e vivín toda a vida no casco vello. Compostela encántame! De feito, quedo moitísimas noites na Quintana a escoitar as campás, a soas. A Quintana é o recuncho de Compostela co que máis me identifico (sopra), pero a cor de Compostela é gris, por iso me gusta viaxar, para empaparme doutras cores e traerllas a Compostela na miña obra.

Un lugar para perderse?
A antiga medina de Tánxer.
Persoa imprescindíbel?
Papá.
Un soño?
A igualdade. A todos os niveis. De clase, de xénero, de raza, de cultura...

«A Quintana é o recuncho de Compostela co que máis me identifico (sopra), pero a cor de Compostela é gris, por iso me gusta viaxar, para empaparme doutras cores e traerllas a Compostela na miña obra».

Entre Tetuán e Compostela hai semellanzas ou o atractivo está nas diferenzas?
Hai moitas semellanzas. Cando marchei pensaba que marchaba ao sur e, ao final, marchei a outro norte! Tetuán non é gris, é branca, así que está na mesma gama. É unha cidade moi branca na que chove moito. Ten un clima semellante e tamén ten moita vexetación. Porén, ofrece o contraste dos ceos, dos aromas, do idioma, do bulicio. Aquí, agás no Apóstolo, non ves tanta xente nas rúas!

No ámbito público, quen fai máis e quen fai menos por destruír prexuízos? A arte é unha boa maneira de enfrontarse ao temor ao diferente?
Estamos moi condicionados pola imaxe que transmiten os medios de comunicación, pola televisión coméndonos a cabeza todo o día (suspira). É unha loita de minorías. A xente non está mentalizada na loita contra os prexuízos e a arte é o medio co que podo combater isto e traballar para que cada vez máis xente tome conciencia da realidade.

«Non sei onde vou acabar! A min, lévame o vento!».

Desde 2015 estás a desenvolver un proxecto fermosísimo no Museo Thyssen. Que é NOS+ Otras: En Red?
NOS+ Otras: En Red é un proxecto no que colaboran o Museo Thyssen e a Rede Museística de Lugo, que nos permite traballar con mulleres en risco de exclusión social. Paula Cabaleiro, Monica Mura, Paula Noya e mais eu xeramos obradoiros nos que a creatividade nace do diálogo coa colección do museo. No meu caso, do diálogo cunha obra de Maigret xurdiu unha performance.

Hai unha arte feminina ou é unha etiqueta dos medios?
Traballo como muller, traballo con mulleres e o traballo que estou a facer agora vai ser só para mulleres (sorrí), así que eu diría que si! Hai unha arte feminina!

Os teus soportes favoritos son a fotografía, o vídeo e as instalacións. Cara a onde vai a arte e cara a onde vai a artista?
É complicado. Penso que a arte se preocupa cada día máis por chegarlle á xente, por facela partícipe, ou polo menos é o que me gustaría que ocorrese, porque creo na capacidade da arte para cambiar o mundo! Pero eu non sei cara a onde vou eu, non sei onde vou acabar! A min, lévame o vento!

Entrevista extraída do número 3.

Aquí tes máis contidos relevantes:

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido