•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Milagros Otero
A Valedora do Pobo

«O máis importante do Dereito é a xustiza»

Milagros Otero

150 150 CORALIA
A primeira galega que ocupa o despacho do Valedor do Pobo é unha xurista compostelá de 58 anos que adora os haikus. Unha afección que herdou do seu mestre, a quen acaba de editar un libro de poemas. Coralia entrevistouna no primeiro día de sol nun Santiago que levaba semanas cuberto de auga.
  • ACTUALIDADE

Entrevista de JUAN OLIVER I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Que prefire, a Compostela luminosa e soleada ou a neboenta e misteriosa?
Gústame de todos os xeitos. Pero adoro ver a néboa baixando polas rúas, e tamén a chuvia. Cando pasa moito tempo sen chover sinto a necesidade de auga.

Cales son os seus currunchos favoritos da cidade?
Encántame pasear polo Campus, quizais pola miña vertente universitaria. Osixéname. E a parte última da rúa do Vilar, cando vai entrando en Praterías. E por suposto, o Obradoiro.

Xa que fala da súa vertente universitaria, lembra algún dos locais míticos do Santiago da súa mocidade?
Fun estudante de pouco lecer. Pero cando entrei no coro universitario, en 1979, en segundo de carreira, cando o dirixía Maximino Zumalave, as probas para entrar facíamolas na Casa da Parra, unha casa estartelada na que facía un frío tremendo. En 1981 entrei no Grupo de Cámara da Universidade e os primeiros ensaios tamén eran alí. A Casa da Parra ten unha relación coa música moi importante na miña vida.

Segue a cultivar a música?
Cantei no Grupo de Cámara vinte anos. Tiven que deixar o coro, porque non é o mesmo ser solista que formar parte dun coro. O importante nun coro é que a túa voz non destaque, e se o fai, es mal corista. Pero como solista tes que facer que a túa voz destaque.

«Encántame pasear polo Campus, quizais pola miña vertente universitaria. Osixéname».

«Na vida non sempre podes facer todo o que queres. É un camiño no que vas elixindo, ábrense posibilidades e vas escollendo. Sempre cara adiante, pero deixando atrás algúns ramais».

Pódese aplicar esa idea ao cargo de Valedora do Pobo?
Pode ser. Eu tiven e teño, creo, unha vida bastante consecuente. Deixeino no 2001, nun último concerto en Salamanca. Elixíranme decana da Facultade de Dereito e na vida non sempre podes facer todo o que queres. É un camiño no que vas elixindo, ábrense posibilidades e vas escollendo. Sempre cara adiante, pero deixando atrás algúns ramais.

Vostede é compostelá, así que non lle pasou o que a moitos da súa xeración, que descubriron o Santiago emerxente dos setenta e os oitenta ao chegar á Universidade.
Veño dunha familia na que ser santiaguesa era un orgullo, e desde nena sabíao e levábao dentro. Non fun dos que chegaron a Santiago con dezasete anos e a necesidade de coñecer unha cidade nova.

Dígoo pola vida de estudante.
Eu tiven outra vida. Non foi unha mala vida de estudante. Non tiven peor vida que a das persoas que ían de algueirada.

É o que facían moitos dos seus compañeiros, algúns eminentes xuristas hoxe.
Si, algún si. Pero case todo o meu lecer ocupábano a música e as clases no conservatorio. Tamén xogaba ao tenis e competía profesionalmente. Ademais eu era de estudar ao día, non me quedaba tempo para outras cousas. Non digo que o outro estea mal, pero eu divertíame doutra maneira.

Faría de Cicerone para os que viñan de fóra.
Claro. E sigo a facelo. Parte do meu corazón é latinoamericano, especialmente mexicano, e aos que veñen de alá, en canto chegan, procuro levalos pola parte de atrás da Alameda, alí onde está aquela árbore grande, cunha vista única da catedral, e dígolles: esta é a miña cidade.

«Parte do meu corazón é latinoamericano, especialmente mexicano, e aos que veñen de alá, en canto chegan, procuro levalos pola parte de atrás da Alameda, alí onde está aquela árbore grande, cunha vista única da catedral, e dígolles: esta é a miña cidade».

«Non me gusta a formulación xurídica unicamente legalista e procedementalista. A lei non é o máis importante do dereito, o máis importante do dereito é a xustiza. E o estudo do dereito unicamente como o estudo da lei e os procedementos, para min é incompleto. Sempre me gustou indagar sobre o sentido último do dereito».

«Podes ser firme e dura sen alzar a voz. Canto máis me enfado, menos alzo a voz. A cordialidade, a educación e a cortesía son valores que estamos a perder e que eu cultivo. «Por favor», «perdón» e «grazas» son palabras esenciais. Hai que respectar as persoas, sobre todo se son opoñentes, porque ese respecto mantén unhas formas que protexen o fondo».

Especializouse na Filosofía do Dereito, unha área que moitos estudantes consideran das máis difíciles.
Non me gusta a formulación xurídica unicamente legalista e procedementalista. A lei non é o máis importante do dereito, o máis importante do dereito é a xustiza. E o estudo do dereito unicamente como o estudo da lei e os procedementos, para min é incompleto. Sempre me gustou indagar sobre o sentido último do dereito. Filosofía, Historia do Dereito, Dereito Romano… Este tipo de materias máis humanísticas. Levábame fatal co Financeiro, co Tributario, mesmo co Dereito Administrativo. O que me gustaba, e o que logo definiu a miña traxectoria como xurista, era a reflexión, a busca, a persecución, case, da xustiza. É o valor xurídico que máis me atraeu. De sempre.

Cal é o seu filósofo de cabeceira?
Iso é como preguntar que fillo prefiro.

Pregúntoo desde un punto de vista persoal. Na época na que vostede chegou á Cátedra de Filosofía do Dereito estaba de moda aquilo da filosofía como ferramenta para a vida cotiá, máis Platón e menos Prozac…
Prefiro a Aristóteles. Platón era moi idealista. Aristóteles busca máis a experiencia. A procura do punto medio, a virtude aristotélica, é para min unha forma de actuar e de vivir. Para situarte diante de calquera problema tes que ter en conta a opinión das dúas partes. Nun conflito xurídico non existen necesariamente o bo e o malo. Hai que ter empatía coas dúas partes, sen xulgalas, para arranxar o problema. E o problema podes arranxalo se es quen de situarte nese punto intermedio, ver o que move a cada parte e o que precisa.

Sendo Valedora do Pobo semella que ten que estar sempre da parte do pobo.
A nosa esencia é defender os cidadáns fronte ás faltas de atención da Administración. Pero non concibo esa responsabilidade como acusar ou defender, senón como tender pontes de entendemento para alcanzar acordos que logren a xustiza.

Emprega a filosofía na súa vida?
Moitísimo. É parte da miña forma de ser. O estudo dos pensamentos fai que reflexiones dun xeito diferente. Son de talante impaciente e loitei toda a vida contra esa impaciencia porque é malo tomar decisións rápidas. E non me gusta nada a xente que impón o seu carácter ou o seu criterio, como a que di «Como eu digo, e digo ben», sen ter en conta que hai moitos puntos de vista. O que non son é relativista.

Que tal se leva co presidente Núñez Feijóo? Teñen boa relación?
Son relacións cordiais e correctas, igual que co resto de persoas coas que trato. A ninguén lle gusta que lle digas que unha cousa está mal feita e puntualmente as persoas poden molestarse, pero manter unha mala relación, non, a verdade. Con ninguén.

Para o seu cargo é bo ter unha personalidade cordial, amábel, compoñedora…
Podes ser firme e dura sen alzar a voz. Canto máis me enfado, menos alzo a voz. A cordialidade, a educación e a cortesía son valores que estamos a perder e que eu cultivo. «Por favor», «perdón» e «grazas» son palabras esenciais. Hai que respectar as persoas, sobre todo se son opoñentes, porque ese respecto mantén unhas formas que protexen o fondo. Aínda que poida parecer un pouco ficticio, canto peor sexa a relación máis cordial e cortés tes que ser, porque é a única maneira de protexela.

Que é o pobo?
O pobo é a razón de ser das institucións, a quen servimos, para quen traballamos. O conxunto das persoas que forman un país, a familia dos Estados.

En tempos tamén se deu o debate sobre quen conforma o pobo. Os políticos, os banqueiros, os grandes empresarios, tamén son pobo?
Son. Pero igual que sucede nas familias, cada quen ten unha función distinta. Un político ten unha función distinta á dun comerciante, á dun gandeiro e á dun mestre. Pero todos están integrados no mesmo grupo social e todos deberían traballar polo mesmo.

Cre que a cidadanía valora a Valedora? Non a vostede, senón a institución.
É unha institución un pouco descoñecida, e unha das miñas preocupacións é achegala ao pobo. Gústame mirar a xente aos ollos, porque así podo dicir: «Isto que vostede está pedindo non o podo facer». Os galegos non poden esperar de min que poida solucionar todos os problemas, nin que os solucione ao seu gusto. Pero si poden esixirme, e espero que o fagan, que non dea nunca a batalla por perdida e que a callada por respuesta nunca sexa aceptábel nesta institución. E que se se achegan por aquí, teñan a certeza de que nunca os vou enganar.

Tivo algunha vez a sensación de que a alguén lle sucedera algo intolerábel?
Moitísimas.

E como fai para canalizar administrativamente esa indignación persoal? Imaxino que o que lle sae é chamar ao alcalde correspondente e…
Chamo moitas veces. Unha vez chamei a un e díxenlle: «Ti viches Pretty Woman? Pois a este cidadán tes que tratalo como se fose a protagonista, pero sen a pizza». Ao día seguinte, o afectado sorprendeuse ao ver que o alcalde fora buscalo á porta da casa. Eu chamo a alcaldes, a conselleiros, a responsábeis de institucións… E sempre pido axuda. Nunca chamo para recriminar ou para pór verde a ninguén nin para amosar indignación. Porque eu non xulgo. E se vexo que é un conflito irresolúbel, entón tento, desde ese punto intermedio, que as partes atopen o seu propio camiño para resolver o problema.

Que outros casos lle impresionaron?
O dunha nai que veu pedirme axuda para obter unha medicina para o seu fillo, que tiña una enfermidade rara. O neno estaba a morrer, eu sabíao e ela tamén, pero ninguén llo dixera directamente. Fixéranlle crer que con esa medicina, que non era tal senón unha investigación, podía esperar algo. Ela dicíame que o seu fillo non tiña tempo, e eu díxenlle que efectivamente non o tiña. Abrazouse a min e chorou, e eu con ela. O neno morreu. Era un neno pequecho, fillo único. Temos casos tremendos. Desafiuzamentos, persoas que quedan de súpeto coa maleta na rúa. Lembro unha muller á que ían desafiuzar, que fora vítima de violencia de xénero e vivía cun fillo con discapacidade de grao alto. Era maior e nin sequera podía collelo para saír da casa.

Neses casos, aínda que non forme parte das súas funcións, chama ao banco?
Ao banco, ao concello, á Xunta, a San Pedro… A quen faga falta. E a maioría das veces solucionámolo. Os bancos non son entidades que eu poida supervisar porque non son entidades públicas, pero téñoos chamado, e teñen vido, e teñen colaborado moito e ben. Por iso digo que tamén forman parte do pobo.

Tamén haberá xente que virá con problemas particulares.
E tamén llo digo. Non podemos resolver problemas entre particulares e témolos que rexeitar. Pero sempre intento reflexionar con esas persoas.

«Os galegos non poden esperar de min que poida solucionar todos os problemas, nin que os solucione ao seu gusto. Pero si poden esixirme, e espero que o fagan, que non dea nunca a batalla por perdida e que a callada por respuesta nunca sexa aceptábel nesta institución».

Son moitas as reclamacións rexeitadas?
Non. O ano pasado atendemos o noventa e pico por cento das que chegaron. E moitas refírense a un mesmo problema. Co traslado do hospital Meixoeiro ao Álvaro Cunqueiro, só en Vigo tivemos 50.000 reclamacións, é dicir 50.000 persoas que atendemos individualmente. No 2017, co interese que tivemos en abrirnos ao rural, escribimos a douscentos concellos de menos de 5.000 habitantes. Cada un ten a súa problemática, e aínda que nós o formulemos desde o mesmo punta de vista, no momento en que nos responden xa é un asunto individual.

De que tipo son as queixas dos composteláns? Algunha teima en particular?
Hai bastantes reclamacións relacionadas co urbanismo e cos ruídos.

Hai moitas queixas sobre discriminación de xénero?
Temos aberta unha área de igualdade, pero as queixas adoitan ser transversais. Non identificamos moitas delas como problemas específicos de desigualdade. Hai discriminación no acoso escolar, na falta de apertura de prazas en residencias de anciáns, de demoras nos casos de dependencia… E todo iso, no fondo, cae sobre as mulleres. A desigualdade hai que vela desde unha perspectiva transversal. A sociedade ten que ser consciente e aínda non o é. E ten que selo en todos os ámbitos. Non vale dicir «Eu axudo moito en casa».

«Hai discriminación no acoso escolar, na falta de apertura de prazas en residencias de anciáns, de demoras nos casos de dependencia... E todo iso, no fondo, cae sobre as mulleres. A desigualdade hai que vela desde unha perspectiva transversal. A sociedade ten que ser consciente e aínda non o é. E ten que selo en todos os ámbitos».

«Fun a primeira académica da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, a primeira decana da Facultade de Dereito, a primeira catedrática de Filosofía do Dereito da Universidade... Pero nada diso é mérito meu. Tiña que ter chegado moito antes. Tocoume a min e estou orgullosa, pero houbo moitas mulleres que puideron ter chegado antes».

«Que se poderían facer máis cousas? Seguramente. Pero non hai queixa. Aínda que un par de asesores máis virían ben».

Non é estraño que o rótulo sexa Valedor do Pobo cando quen lidera o organismo é unha muller?
Unha vez pregunteille a unha persoa que andaba fóra do despacho a quen buscaba, e respondeu que ao Valedor. Así que lle dixen: «Pase». E dixo: «Non quero falar coa secretaria, quero falar co Valedor». «Pois aquí -contestei- non temos secretarias».

Se fose ao revés, se a institución fose Valedora e no despacho houbese un home, sería aínda moito máis estraño para esa persoa.
A sociedade aínda non ten dado ese paso. Pero a institución é neutra, segundo entendo eu.

Vostede firma como Valedor ou como Valedora?
Como Valedora.

A primeira no cargo.
Fun a primeira académica da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, a primeira decana da Facultade de Dereito, a primeira catedrática de Filosofía do Dereito da Universidade… Pero nada diso é mérito meu. Tiña que ter chegado moito antes. Tocoume a min e estou orgullosa, pero houbo moitas mulleres que puideron ter chegado antes. Preguntábame por que escollín a Filosofía do Dereito. Tiven unha sorte tremenda de ter un mestre como Francisco Puy. O meu camiño foi sinxelo. É dicir, non foi sinxelo ser profesora titular, nin catedrática, tiven que facer varias oposicións. Pero tiven a sorte de facelo coa axuda do meu mestre.

Ven de editarlle un libro de poemas, Haikus de Guillamonde.
Si, e eu saio nun deles.

O Parlamento facilítalle todos os medios que necesita?
Teño un equipo de traballo fantástico. As persoas que traballan aquí fano dun xeito vocacional. Que se poderían facer máis cousas? Seguramente. Pero non hai queixa. Aínda que un par de asesores máis virían ben.

Como se leva cos xuristas da oposición?
Luís Villares [portavoz de En Marea] foi alumno meu.

E era bo alumno?
Era, si. E moi reivindicativo.

Entrevista extraída do número 9

Tamén é actualidade en Coralia:

Goretti Sanmartín,
candidata á alcaldía polo BNG

«Necesítanse mulleres para tecer alianzas e avanzar»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Entusiasta e entusiasmada, Goretti Sanmartín será, logo de moitos anos como militante de base e activista social, a candidata á alcaldía de Compostela polo Bloque Nacionalista Galego. Feminista, ecoloxista e defensora da lingua e da cultura, a actual vicepresidenta da Deputación anima as mulleres de todos os ámbitos sociais a dar un paso adiante…

Coñezamos Compostela

Unha reportaxe de VALERIA PEREIRAS

Corría o ano 1967 cando, por encargo de TVE para o programa Conozca usted España, Claudio Guerín Hill (Sevilla, 1939) gravaba nas rúas da nosa cidade o documental Compostela. Unha marabilla de vintesete minutos e cincuenta segundos pola que pasean As Marías nun Santiago ateigado de estudantes e que inclúe un travelling con música dos Beatles de fondo no que se poden ver…

Agustín Hernández,
voceiro do Grupo Popular

«Politicamente eu son galego»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Antes que político, persoa. Así marca o inicio da conversa Agustín Hernández (Madrid, 1961), futuro candidato á alcaldía de Santiago de Compostela nas vindeiras eleccións municipais de maio de 2019. Nun despacho de Raxoi…

Concha Fernández,
concelleira de Políticas Sociais

«Nós chegamos onde non o fai a RISGA ou as prestacións estatais»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Nun despacho presidido por unha ilustración de Rosalía de Castro de Rei Zentolo, esta compostelá por decisión e adopción debulla os retos e logros que está a afrontar o Concello após tres anos de lexislatura…

Antonio López Díaz,
reitor da USC

«Somos unha fábrica de igualdade de oportunidades»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Natural de Barreiros e pai de dúas fillas -unha delas ex-estudante da USC-, o reitor da universidade máis antiga de Galicia asumiu o cargo no pasado mes de xuño após unha ampla vitoria nas eleccións…

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido