•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

O teu Xacobeo

Once anos non son nada

O teu Xacobeo

150 150 CORALIA

A espera está a ser longa, mais a dous anos do Xacobeo 2021 xa está todo en marcha para celebralo á altura da expectación. A orde de axudas «O teu Xacobeo» quere implicar a toda a sociedade e a todas as institucións na súa organización. En total, dous millóns de euros para desenvolver proxectos e iniciativas que anticipen o próximo ano xubilar.

Cando se celebre o próximo Ano Santo, terán pasado 11 anos desde o anterior. Trátase da dilación máis extensa de cantas provoca a aritmética do calendario para que o 25 de xullo coincida en domingo. A última vez foi no ano 2010 e volverá pasar no 2021, o número 120 na historia dos Anos Santos Composteláns, contando a partir do de 1182.

Para irse anticipando ao evento, a Axencia de Turismo de Galicia vén de publicar no DOG a Resolución (de 28 de decembro) coa orde de subvencións a proxectos novos de dinamización do Xacobeo 2021, dentro do programa «O teu Xacobeo». Esta convocatoria quere buscar cómplices entre a sociedade e as institucións para elaborar un gran proxecto transversal a toda Galicia que sirva de pista de despegue cara o que vai significar o próximo Ano Santo. Con ese fin, repartiranse dous millóns de euros entre entidades locais, privadas e aquelas sen ánimo de lucro que desenvolvan accións destinadas á promoción e potenciación de Galicia, así como a reforzar a dimensión internacional do Camiño e da Comunidade Autónoma.

A través de exposicións, concertos, feiras e festivais, publicacións, creacións audiovisuais, torneos deportivos, charlas, foros, encontros… É dicir, dunha variedade infinda de actividades posíbeis, as entidades interesadas en solicitar as axudas deberán presentar propostas relacionadas co patrimonio, a gastronomía e/ou os eidos artístico, deportivo e social. Reunindo todas as propostas, o obxectivo é elaborar unha gran programación sociocultural, de xeito multidisciplinar e participativo, durante os próximos dous anos.

A comisaria do programa, Cecilia Pereira, asegura que esta convocatoria responde á nova maneira de canalizar os proxectos transparente, para ofrecer igualdade de oportunidades aos solicitantes. «A intención é que o goce Galicia enteira, e a maneira que desde a administración nos pareceu máis axeitada para esta orde de axudas era a concorrencia competitiva». Ademais, as axudas non cobren a totalidade dos proxectos: «a cofinanciación é unha garantía de calidade. Obriga a que os proxectos estean desenvolvidos, que conten con orzamento, socios… E, por suposto, que estean en consonancia coas nosas liñas estratéxicas, en función dos valores do Xacobeo. Que sexan pertinentes», afirma Cecilia.

A resolución delimita esa pertinencia dos proxectos, os obxectivos cara onde deben dirixirse, os requisitos ou as contías a percibir, con porcentaxes máximas de aportación que varían do 30 ao 85%, en función da entidade e dos puntos conseguidos polo proxecto. Facelo en colaboración con outros socios, que teña un nivel de maduración alto –pode concorrerse cos xa iniciados desde febreiro–, ou a súa extensión territorial –cantas máis localizacións, mellor– poden supor maior puntuación. Ademais, aclara Cecilia, «esta subvención é compatíbel con calquera outra axuda, agás as da propia consellería de Cultura e Turismo». As propostas poderán presentarse até o venres 15 de febreiro, un mes desde a publicación no DOG, e a Xunta conta cun máximo de cinco meses para resolvelo.

recurso o teu xacobeo, ponte

A idea xeral deste precalentamento, como lle chama Cecilia, que abarca até abril do ano que vén, é «tecer unha rede de alianzas en torno ao Xacobeo 2021». A ocasión ben o merece. Porque 21 anos non son nada se serven para avanzar traballando en rede, para xerar un sentimento de orgullo e pertenza e situar o país enteiro e a súa capital, a meta do primeiro itinerario cultural europeo, á vangarda das novas tendencias.

Queres ollar outros contidos relevantes?

banner alala couture

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido