•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Olalla García,
directora do Refuxio de Bando

«Coñecer os animais cambia a perspectiva»

Olalla García

150 150 CORALIA

De carecermos de transporte propio, visitar a casa dos animais «en tránsito» de Bando pode resultar unha tarefa complexa, ao acharse fóra do percorrido habitual do autobús de san Marcos. Hai, de feito, voluntarios que ao carecer de carné deben recorrer ao taxi para poder compartir un paseo con Luci ou con Rihanna. Fagámolo no medio que o fagamos, o camiño está perfectamente sinalizado e achegarnos ate o Refuxio de Bando non ten perda, porque en caso de dúbida só teremos que deixarnos guiar polos ladridos e ouveos dos cans residentes, que irán a máis a medida que Compostela adoite a súa fisionomía máis campestre. A pesar da fermosa paisaxe de uces e eucaliptos que rodea a institución, ao chegar a Bando a angustia e incerteza dos seus inquilinos captará toda a nosa atención para conmovernos e concienciarnos por igual. E xa se trate dunha estancia de curta ou de longa duración, o equipo de profesionais que se ocupa do seu benestar, tratará de manter viva en todos os animais a ilusión por atopar esa familia que os queira, protexa e entenda. Olalla García, logo de anos como voluntaria do centro, converteuse recentemente na nova directora do Refuxio, un espazo ao que agardan novos tempos e moitas ideas que pór en marcha.

«Tentamos que todas as adopcións se fagan desde a responsabilidade e que se pense no que iso vai supoñer co tempo».

  • SOCIEDADE

Entrevista e fotografías de ALFREDO IGLESIAS

Este será o teu primeiro verán ao fronte do Refuxio de Bando. En que mudou a túa visión das problemáticas do centro desde que dirixes a institución?
Levo moi pouco tempo como directora e aínda me estou a poñer ao día. Porque, a pesar de que xa coñecía o refuxio como voluntaria, agora estouno a ver desde outra perspectiva. Antes de formar parte do Refuxio de Bando estiven ao fronte de SOS Animalia, unha asociación para a protección animal a través da cal xa coñecía a problemática do abandono. Teño que dicir que é diferente a estar nunha asociación sen ánimo de lucro, na que se funciona con casas de acollida e con medios limitados que impiden recoller máis animais dos que se poden auxiliar. Aquí é diferente. Temos moitos máis animais: douscentos cans e cincuenta gatos de media, o que fai que todo sexa máis complicado. O simple feito de ter estas instalacións significa outras responsabilidades e tamén representa unha cuestión importante pola que mirar.

O refuxio funciona con financiamento público e privado. A saturación das súas instalacións é consecuencia das limitacións orzamentarias ou do desinterese da sociedade?
Os cartos son básicos para facer un montón de cousas, pero o refuxio, como calquera outra entidade, vese desbordada en certas datas do ano pola falta de concienciación da xente, o que xera importantes gastos para os concellos e para as asociacións. A orixe do desbordamento é a falta de concienciación da xente. É un problema con moitas vertentes, que está a supoñer, por exemplo, un forte incremento na taxa de abandono de animais de razas potencialmente perigosas, por temor ás sancións económicas que recolle a nova lei, ao tratárense de animais que requiren licencias específicas ademais de chip.

Os voluntarios representan pezas importantes na organización de Bando, pero quen son os voluntarios máis axeitados?
Os voluntarios son imprescindíbeis! No Refuxio de Bando acostuman pasear aos cans e compartir tempo cos gatos para mellorar a súa socialización. Tamén se involucran á hora de organizar feiras e actividades coas que xuntar fondos. De entrada, pode ser voluntaria calquera persoa que teña e sinta amor polos animais e teña tempo libre e ganas de axudar.

Un libro que todos deberiamos ler antes de adoptar:
El dulce hogar de Chi
O verán é bo para…
Compartir cos nosos amigos de catro patas.
Unha acción que che produza benestar:
O ronrón dun gato.

«A orixe do desbordamento é a falta de concienciación da xente. É un problema con moitas vertentes, que está a supoñer, por exemplo, un forte incremento na taxa de abandono de animais de razas potencialmente perigosas».

Cada vez que o refuxio ten noticia dun abandono, que protocolo se activa?
O Refuxio de Bando acolle animais dos tres concellos integrados na fundación: Santiago, Vedra e Teo. Cada concello conta co seu servizo de recollida de animais, do que se encargan nalgún caso empresas privadas e Protección Civil noutros casos. De feito, é habitual que a veciñanza chame aquí ao atopar un animal extraviado ou ferido, cando debería chamar ao servizo de lacería do seu concello.

Fronte ao obsequio, cales son as vantaxes da adopción?
A persoa que vai responsabilizarse do animal ten que tomar ela mesma a decisión, pero normalmente a xente que agasalla un animal non pensa nas consecuencias que supón ese acto. No Refuxio de Bando non se dan animais en adopción para terceiras persoas, por iso realizamos o trámite directamente co adoptante, salvo que sexa para un membro da familia e se saiba que esa persoa está interesada en adoptar e en coidar ao animal. Cando alguén adopta en Bando coñece o que esa decisión representa. Os adoptantes contan con toda a nosa axuda, ademais de dispor de información precisa sobre as pautas a seguir. Tentamos que todas as adopcións se fagan desde a responsabilidade e que se pense no que iso vai supoñer co tempo.

Inculcar responsabilidade será a meta da Aula de Educación Ambiental do refuxio?
A idea é educar a través de charlas. Xa se estaban a dar nos colexios e nos institutos, pero a partir de agora queremos conseguir que a cidadanía veña aquí para que poidan ver de primeira man como funcionamos. Coñecer os animais cambia a perspectiva. A Aula de Educación Ambiental está pensada para colexios e institutos, pero estamos a valorar dar entrada a outros públicos.

Mídese o éxito do Refuxio de Bando pola taxa de adopcións? Cal é o tempo de estadía medio dos animais acollidos?
Nestes últimos anos hai menos animais no refuxio porque está a haber máis adopcións, que en boa medida se están a producir desde o estranxeiro. É o caso de Holanda ou Inglaterra, por exemplo. É este o éxito do refuxio? Pois si, se falamos en termos de número de saídas e adopcións, xa que aquí a prioridade é que os animais pasen o menor tempo posíbel dentro do refuxio, pois a pesar de recibir atención veterinaria e coidados, non é o sitio ideal para que viva un animal. O noso obxectivo é atoparlles unha familia axeitada canto antes, xa que o tempo que un animal bota no refuxio pode ser duns meses ou de toda a súa vida. Algúns animais levan aquí moitos anos e hai outros que teñen a sorte de atopar casa tan pronto se cumpre o prazo legal para seren adoptados. A media de tempo que cans e gatos botan aquí é máis alta do que desexariamos.

Son os grifóns de Bando dúas caras da mesma moeda?
Hai xa un par de anos que os grifóns están moi solicitados. É curioso porque até hai pouco os animais de caza estaban moi discriminados, chegando a pensarse que as pautas e rutinas adquiridas impedirían a súa percepción como animais de compañía. Hoxe está demostrado que non é así e, de feito, os grifóns -sobre todo en Holanda e Inglaterra- son animais moi solicitados como animais de compañía por seren cariñosos e dóciles. Holandeses e ingleses teñen maior sensibilidade cara ao tema que nós, porque saben que cando rematan as tempadas de caza este tipo de animais sofren abandono.

Detrás do teu activismo, hai algún nome ou algunha historia que che chegara ao corazón?
Hai moitos casos que me tocaron de maneira fonda, porque cada animal é único, aínda que hai un que me marcou dun xeito especial cando era voluntaria no refuxio, o caso dun can que recollemos no concello de Brión -que por aquel entón formaba parte da fundación do Refuxio de Bando-. Ao animal en cuestión deixárano amarrado nunha pedra a carón do encoro de Barrié de la Maza coa intención máis que probábel de que afogase. O abandono tivo lugar en época de seca, polo que non tiveron esa sorte. Rescatamos o canciño que estaba esquelético e subímolo ao refuxio. E malia perder os dous ollos, salvouse e conseguímoslle unha adoptante fantástica! Foi moi duro (confesa Olalla moi emocionada)! Critter -que é como se chama o protagonista desta historia-, marcounos a moitos dos que pasamos por aquí. Onde o atopamos non tiña nin alimentación nin auga; tiña no estómago pedras, herba e terra. E, se ben o seu caso é dos máis crueis, Critter a día de hoxe segue a vivir!

Son os grifóns de Bando dúas caras da mesma moeda?
Hai xa un par de anos que os grifóns están moi solicitados. É curioso porque até hai pouco os animais de caza estaban moi discriminados, chegando a pensarse que as pautas e rutinas adquiridas impedirían a súa percepción como animais de compañía. Hoxe está demostrado que non é así e, de feito, os grifóns -sobre todo en Holanda e Inglaterra- son animais moi solicitados como animais de compañía por seren cariñosos e dóciles. Holandeses e ingleses teñen maior sensibilidade cara ao tema que nós, porque saben que cando rematan as tempadas de caza este tipo de animais sofren abandono.

«Pode ser voluntario calquera persoa que teña e sinta amor polos animais e teña tempo libre e ganas de axudar».

Contido extraído do número 9

A taxa de sacrificios cero é un obxectivo realista? Hai familias suficientes para tantos animais abandonados?
Desde algúns concellos estanse a promover campañas de esterilización, incluso cos gatos rueiros, e o resultado estase a notar. Aquí actualmente estamos a recibir, por exemplo, moitos menos gatos da rúa. É entón posíbel falar do sacrificio cero? Pois a pesar de ser complicado acoller a todos os animais que nos chegan, aquí hai xa dous anos que non se sacrifica ningún animal. Pero, ao non ter adoptantes para todos, facemos moito énfase na cuestión da esterilización. Hoxe non contamos con fogares suficientes para todos os animais e a estatística baixa considerabelmente se a circunscribimos a fogares responsábeis.

Cales son os traumas máis habituais aos que debedes facer fronte?
Os animais chegan aquí moi asustados. No Refuxio de Bando van estar rodeados de máis animais e de xente que non coñecen, polo que o medo se converte no primeiro inimigo ao que enfrontarse. Hai animais que deixan de ser parte dunha casa para verse, dun día para outro, vivindo na rúa.

Cando un can ou un gato só tivo o refuxio como fogar, chega a adaptarse a unha vida nova lonxe de Bando?
Lonxe de Bando e lonxe da rúa. Todo o mundo acábase acostumando á boa vida. Hai animais que teñen máis traumas, máis medo, e aos que ao mellor lles custa un chisco máis. Por iso é preciso seguir as pautas axeitadas, saber a quen recorrir en caso necesario, xa sexa a etólogos ou a educadores, e poñermos moita paciencia da nosa parte.

E por último, Olalla, que circunstancias deberiamos ter presentes a hora de inclinármonos pola adopción?
Á hora de adoptar un animal é preciso comprender que o animal vai manifestar a súa propia personalidade, co seu propio carácter. O adoptante deberá, pois, procurar a súa adaptación ao animal e ao revés, pero tamén deberá entender que o animal vai estar presente durante toda a súa vida, xa se aburra, xa se divirta con el. Xunto a isto, a adopción vai supoñer gastos, entre os que haberá que contemplar as visitas aos veterinarios ou os asociados a unha alimentación axeitada. Facer que a vida do animal sexa a mellor posíbel debe ser sempre o obxectivo a cumprir.

Tamén é actualidade en Coralia:

Agustín Hernández,
voceiro do Grupo Popular

«Politicamente eu son galego»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Antes que político, persoa. Así marca o inicio da conversa Agustín Hernández (Madrid, 1961), futuro candidato á alcaldía de Santiago de Compostela nas vindeiras eleccións municipais de maio de 2019. Nun despacho de Raxoi…

Concha Fernández,
concelleira de Políticas Sociais

«Nós chegamos onde non o fai a RISGA ou as prestacións estatais»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Nun despacho presidido por unha ilustración de Rosalía de Castro de Rei Zentolo, esta compostelá por decisión e adopción debulla os retos e logros que está a afrontar o Concello após tres anos de lexislatura…

Antonio López Díaz,
reitor da USC

«Somos unha fábrica de igualdade de oportunidades»

Entrevista de LAURA R. CUBA I Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Natural de Barreiros e pai de dúas fillas -unha delas ex-estudante da USC-, o reitor da universidade máis antiga de Galicia asumiu o cargo no pasado mes de xuño após unha ampla vitoria nas eleccións…

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido