A pequena Compostela gusta da lectura

150 150 CORALIA

A pequena Compostela gusta da lectura

Por PILAR SAMPEDRO

Entre os sectores de poboación que ocupan a cidade, a infancia é un dos fundamentais, porque asegura a continuidade e se constitúe en alicerce e porvir. As pequenas e pequenos traen a luz que a cidade milenaria precisa para sentirse rebuldeira e, aínda que xa non ocupan as prazas co balón (por puro civismo, que o patrimonio agradece), córrena, brincan por ela e paséana polos ‘colecamiños’, ao tempo que se fan autónomos e donos das rúas.

Das cidades dos nenos fala Tonucci, o célebre pedagogo, humorista e pensador italiano que ten a nenez por horizonte. Segundo el, un espazo urbano adaptado aos máis pequenos é un espazo acondicionado e accesíbel a todos os cidadáns. É por isto polo que nos congratulamos ao ver as crianzas soas ou coa familia, coas escolas, nos centros socioculturais, nas bibliotecas e nos museos. Gústanos encontralos nas librarías á escolla da próxima obra que van ler e nas feiras ou romarías do libro apropiándose dos espazos e participando de actividades de fomento da lectura, como bos lectores que son. Os estudos realizados pola Federación de Gremios de Editores non só demostran que superan neste hábito a outros estratos de máis idade, senón que son os libros dirixidos aos máis novos os que -en boa medida- manteñen na actualidade a nosa industria editorial.

A literatura é un verdadeiro milagre que a cultura galega lles ofrece nun esforzo ímprobo, pois en menos dun século foi quen de colocarse ao mesmo nivel que as do seu arredor. Desde os primeiros libros que as xentes das Irmandades da Fala dirixiron á infancia, atravesou a longa noite de pedra e ergueuse da man de todos os que viron a súa necesidade, especialmente desde a escola.

O libro infantil e xuvenil galego acompáñaos, nese camiño de ocio e diversión, en centos de horas que precisan para a adquisición da competencia lectora; un adestramento imposíbel sen o gozo que as historias, os versos, as viñetas… lles achegan. A literatura é un verdadeiro milagre que a cultura galega lles ofrece nun esforzo ímprobo, pois en menos dun século foi quen de colocarse ao mesmo nivel que as do seu arredor. Desde os primeiros libros que as xentes das Irmandades da Fala dirixiron á infancia, atravesou a longa noite de pedra e ergueuse da man de todos os que viron a súa necesidade, especialmente desde a escola. Estes últimos anos, a modo de exemplo, a celebración das Letras Galegas demostrou o empeño de Manuel María, Carlos Casares ou Mª Victoria Moreno en escribir para a rapazada galega, de tal maneira que nunca faltaran os libros destinados a eles escritos na lingua do país (como dicía Neira Vilas: «temos unha gran riqueza, que non está ao alcance doutros pobos moito máis grandes e ricos ca nós, temos unha lingua propia»).

A pesar de todo, semella que ás veces non acreditamos en tanta dita e seguimos a dubidar do valor da nosa lingua e literatura, tentando albiscar no exterior a presenza dunha maior calidade, ignorando tanto os galardóns acadados (son un exemplo os Premio Nacional de Literatura Infantil, Lazarillo, Ala Delta, Barco de Vapor, Edebé…, inclusión nas Listas de Honra do IBBY ou na dos White Raven, aos que se accede directamente desde o galego) como o número de obras traducidas a outras linguas. Por veces, descoñecemos que os nosos creadores e creadoras de obras infantís son autores de cabeceira de nenos e nenas doutras latitudes: Xabier P. Docampo, Ledicia Costas, Fina Casalderrey, Antonio García Teijeiro, Marilar Aleixandre, Marcos Calveiro, Gloria Sánchez…, sen esquecer, por suposto, a Agustín Fernández Paz: un mestre que se impuxo a escrita para encher o baleiro existente, un escritor coa ideoloxía do mestre que escribiu recollendo os valores democráticos e dotando de modelos non discriminatorios a quen non os tiña, como as nenas. Agustín é un dos escritores en literatura infantil e xuvenil en galego máis recoñecidos: así o evidencian o número de libros traducidos a diferentes linguas (non só as peninsulares, senón a outras máis remotas como o coreano, o búlgaro ou o árabe, pasando polo italiano, o francés ou o inglés) e a cantidade de premios recibidos (entre os que destaca o VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil y Juvenil en 2011, que o converteu no primeiro escritor procedente dunha lingua sen Estado con este galardón).

Temos unha lingua na que se crea; temos unha boa literatura; temos unhas editoras que se esforzan en publicar obras de calidade para as crianzas e que manteñen os premios e as coleccións en tempos difíciles; temos, mesmo, un par delas que converteron a cidade de Pontevedra na capital internacional do álbum ilustrado. En Compostela as editoras tamén poñen o seu gran; con este fin, Alvarellos acaba de iniciar unha colección infantil e o Concello mantén o Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.

A rapazada le nos libros, nas cancións e no teatro. Podemos observalos estes días cando descobren os monicreques que guían o roteiro Valle Inclán por Compostela. Vemos como se lles vai a cabeza detrás deles, corren e sentan diante do teatriño para ver A cabeza do dragón ao tempo que se fan donos da cidade, da súa cultura e da súa historia.

Presenciaremos, polo tanto, toda unha serie de cambios dos que xa empezamos a ter indicios, sendo as cidades que antes os adoiten as que mellor encararán o futuro. 

En esencia, vemos que as persoas van á procura de experiencias memorábeis, e que ademais, a un nivel máis profundo, demandan que se esperte e se consolide unha memoria colectiva da que se sentir orgullosas. Na súa voz, todo isto resumiríase nunha soa frase: Compostela, querémoste sempre viva e na nosa memoria.

Contido extraído do número 7.

Aquí tes máis contidos relevantes:

Santiago na memoria

Por MERCEDES ROSÓN

Tirana memoria

Por PABLO IGLESIAS

Apoteose da chafallada

Por PEPE SENDÓN

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido