Compostela, cidade animada pola cultura

150 150 CORALIA

Compostela, cidade animada pola cultura

Por MERCEDES ROSÓN

Cada cidade ten algo que a fai diferente das demais, algo que os seus cidadáns e visitantes coinciden en salientar, algo que fai que un conxunto de rúas, edificios, xardíns e seres humanos se converta nunha cidade animada, con ánima, e que desa ánima emerxa o seu carácter distintivo. Incluso as cidades máis anódinas son seres vivos, complexos sistemas organizados e interdependentes que percibimos como unha unidade que lles dá sentido.

Non sempre somos capaces de percibir de inmediato este carácter, e moito menos transmitilo aos demais, ás veces porque non é nidio dabondo, outras porque permanece oculto, agochado detrás de elementos singulares que teñen unha presenza extraordinaria.

Nos últimos anos moitas cidades teñen buscado unha definición simbólica e expresiva deste carácter a través da construción de marcas-cidade. Lexións de consultores buscan en lugares do mundo enteiro a esencia destilada que obxectivar nun slogan, nun símbolo que conteña e represente a identidade diferencial desas urbes. Evidentemente, non todas teñen o éxito de Nova York, pero todas aspiran a conseguilo, e a maioría gastan moreas de cartos en definilas e difundilas, case que todas con ese éxito relativo que só perciben claramente o concelleiro do ramo e o equipo que o acompaña ás feiras e eventos para a súa promoción.

Nos máis de trinta anos que levo traballando no mundo da cultura en Santiago teño visto intentos diversos de mostrar a evidente presenza da cultura como xerme da vida da nosa cidade. Algúns de carácter parcial, sectorial; outros máis globais; algúns con carácter efémero e perecedoiro, outros con maior vocación de permanencia. Uns e outros teñen contribuído de xeito diferente na construción da identidade cultural de Compostela.

Compostela pertence ao segundo grupo de urbes das que falamos. É, sen dúbida, unha desas cidades cuxo carácter se agocha detrás do Santiago que emerxe coma un torrente á vista de propios e estraños: o Santiago da Catedral, o da Universidade, o do Camiño, o da Améndoa, o do Turismo; todas esas Santiago evidentes, pletóricas e exuberantes partes que agochan a cidade animada, a cidade que vive e a cidade vivida, a cidade con ánima.

A cultura é a ánima de Compostela, anima Compostela, dota de vida á pedra inerte das rúas, converte os pasos en pegadas e os sons en ecos, construíndo o fluír, o movemento de Santiago. Santiago non é unha cidade estática, porque a cultura fai que o feito relixioso, o universitario, o turístico, convivan dinamicamente con difuso protagonismo sen necesidade de competir, e por iso é que Santiago se move.

Nos máis de trinta anos que levo traballando no mundo da cultura en Santiago teño visto intentos diversos de mostrar a evidente presenza da cultura como xerme da vida da nosa cidade. Algúns de carácter parcial, sectorial; outros máis globais; algúns con carácter efémero e perecedoiro, outros con maior vocación de permanencia. Uns e outros teñen contribuído de xeito diferente na construción da identidade cultural de Compostela.

Quizais, entre todos estes intentos, a proposta do alcalde Estévez constituíu o momento de maior proxección de Santiago como cidade con ánima cultural, animada pola cultura. Foi un proxecto global, que repensaba a cidade desde a cultura, que incorporaba o urbanismo, o patrimonio, a educación, a investigación, a gastronomía, o público e o privado, e os reinterpretaba desde o feito cultural, dotándoos de sentido nesta nova lectura.

O segundo grande intento foi o Camiño, construído primeiro como un feito cultural que enriquecía a propia concepción cultural da cidade, transformándoa en lugar de encontro de culturas. O Camiño converteuse nun cordón do embigo que unía o mundo a Santiago. O Camiño só ten unha dirección; é o espazo de chegada do mundo a Compostela, e fai de Compostela fin e destino, dotándoa dun certo cosmopolitismo cultural. Desgraciadamente, o Camiño ten perdido unha boa parte desa construción cultural colectiva para converterse nun sendeiro que atrae camiñantes e peregrinos a Santiago.

E, xunto a estes dous intentos globais e intanxíbeis de dotar de identidade cultural a Compostela, a Cidade da Cultura constituíu un intento de plasmar esa idea nunha construción tanxíbel e permanente que dotase de sentido á Compostela Cultural. Pero a Cidade da Cultura naceu morta, porque para os promotores eran mais importantes os edificios que o proxecto cultural, e non foron quen de facer da Cidade da Cultura o contedor da ánima de Compostela.

Hai que dicir, no seu descargo, que a Cidade da Cultura naceu a destempo, nun momento no que a identidade cultural de Compostela decrecía de forma evidente, e no que as tensións entre as urbes galegas alcanzaban o seu punto máis alto na competición polos recursos e polas infraestruturas públicas.

O certo é que, por razóns diversas, todos estes intentos foron esmorecendo, deconstruíndo o marco no que a cultura dotaba de sentido a Compostela e deixando a cidade á espera dun novo tempo, sen crise e con vocación de identidade.

Os heroicos intentos dos pequenos axentes culturais composteláns tropezan coa inexistencia dese marco global que dote de sentido cultural á cidade, e que impide que actos illados formen parte dun todo que faga de Compostela unha urbe animada.

Oxalá cheguen novos tempos nos que reconstruír esa cidade animada pola cultura, con novas formas, pero coa mesma ambición de sempre.

O Camiño só ten unha dirección; é o espazo de chegada do mundo a Compostela, e fai de Compostela fin e destino, dotándoa dun certo cosmopolitismo cultural. Desgraciadamente, o Camiño ten perdido unha boa parte desa construción cultural colectiva para converterse nun sendeiro que atrae camiñantes e peregrinos a Santiago.

A Cidade da Cultura naceu morta, porque para os promotores eran mais importantes os edificios que o proxecto cultural, e non foron quen de facer da Cidade da Cultura o contedor da ánima de Compostela.

Contido extraído do número 4.

Aquí tes máis contidos relevantes:

María Miramontes: modista e galega

Por ENCARNA OTERO CEPEDA

«A miña patria é a miña infancia»

Por JOSÉ ANTONIO LIÑARES

Compostela futura na miña memoria

Por MERCEDES ROSÓN

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido