Querida Compostela

150 150 CORALIA

Querida Compostela

Por MANUELA DOMÍNGUEZ

eixei Sevilla para vir a Compostela hai 34 anos por amor. Aquí naceron Alba e Noa e aquí sigo, namorada da mesma persoa, do meu traballo e desta cidade. Son testemuña da súa gran transformación e do cambio de mentalidade das súas xentes.

Aprendín a divertirme mentres chovía: botas de auga, paraugas, bufanda, impermeábel… había que ter un bo equipo! Pero, a cambio… vaia paisaxe! canta beleza nas rúas e prazas molladas. Que sensación máis agradábel cando entro nas cafetarías un día de chuvia, frío, vento… e levo ese golpe de calor, ese balbordo da xente falando das novas do día cos xornais abertos de par en par e eses cafés composteláns tan bos!

Isto é unha vila! Coñécese toda a veciñanza. Si, recoñezo que máis dunha vez collín o Castromil para ir á Coruña e sentir a «bulla», gozar andando pola rúa sorteando as persoas, as colas nos comercios, facer un oco nunha barra para saborear unha Estrella e sentir o arrecendo gorentoso dos salgueiros nas rochas da Torre de Hércules, pero… nada comparábel ao que se sente de madrugada paseando pola améndoa coas persoas queridas escoitando o balbordiño da auga das fontes e a onda amorosa da Berenguela cando toca.

A miña familia e mais as amizades sevillanas sorpréndense cando conto que pasamos a fin de semana nas Burgas de Ourense chovendo por riba de nós e que á volta merendamos uns pinchiños na Praza da Leña de Pontevedra e acadamos a excelencia ceando unhas luras pequenas con cachelos en Carril. Imposíbel peripecia en Sevilla.

Aprendín a divertirme mentres chovía: botas de auga, paraugas, bufanda, impermeábel... había que ter un bo equipo! Pero, a cambio... vaia paisaxe! canta beleza nas rúas e prazas molladas.

Cando cheguei, un dos primeiros obxectivos foi entender e falar galego, e non desistín de facer un curso tras outro, e a día de hoxe sigo aprendendo; quédame moito. Grazas a un destes cursos atopei o primeiro traballo na primeira empresa de dobraxe de Galicia, cando a TVG comezaba a emitir.

Si, coñécese toda a xente e iso é un privilexio do que non sei se seremos moi conscientes. Só tes que dar os bos días máis veces e chegar un pouco máis tarde á casa porque tes que parar a botar unhas paroladas de máis.

É imposíbel non estar ao día do que acontece en Compostela, da súa programación cultural, da próxima conferencia, da última exposición. Na cidade do Museo do Pobo, de locais e tendas acolledoras: A Mouga, La Fromaxerí, Sombrereiría Iglesias, O Gato Negro, Bescansa, o Suso, o Derby.

Gústame o ambiente da praza de abastos, das rúas preto da catedral. Recoñezo que son unha «mirona», que devezo por sentar nunha terraza e ver pasear os peregrinos… Viva a mestizaxe! Facer de cicerone para as miñas amizades de fóra. Bonaval, Parque da Música, buscar as marcas dos canteiros pola catedral, ver agromar as lilas nas pedras -ata a Gabriel García Márquez lle chamou a atención-, parar xunto ás Marías e tocalas para que me pasen algo da súa dignidade, contaxiarme das risas dos estudantes polo campus…

Cando cheguei, un dos primeiros obxectivos foi entender e falar galego, e non desistín de facer un curso tras outro, e a día de hoxe sigo aprendendo; quédame moito. Grazas a un destes cursos atopei o primeiro traballo na primeira empresa de dobraxe de Galicia, cando a TVG comezaba a emitir. Foi o comezo, pero foi premonitorio do que remataría sendo o meu futuro laboral.

Gústame vivir a rúa e como apaixonada do cinema quedáronme gravadas as primeiras folerpas -que xamais vira en vivo- cando saía unha madrugada de ver Sendeiros de gloria no Salón Teatro, cando só era cinema. Hoxe é a sede do Centro Dramático Galego e onde teño a fortuna de desenvolver o meu traballo.

Como afeccionada ao teatro tamén lembro asistir á primeira estrea do CDG con Woyzeck, no ano 1994 ,e como, co meu traballo transcribindo textos para a dobraxe, empezo a coñecer persoas que á súa vez eran actores, actrices, directores e directoras de teatro, escritores e escritoras que traballaban adaptando e traducindo os guións das películas ao galego e, como estando a piques de renovar e ascender na empresa, me propoñen ser a secretaria do Centro Dramático Galego. Ata hoxe.

Síntome afortunada porque acabei traballando para o sector público e rodeada de xente moi creativa. Apaixóname un ensaio, o proceso creativo do vestiario, da escenografía, da interpretación, da música… máis incluso ca a propia estrea en si.

Escoitar a Castelao, Cunqueiro, Dieste, Cabanillas, Vilar Ponte, Blanco Amor, Otero Pedrayo, Roberto Vidal Bolaño e tamén a Shakespeare, Molière, Goldoni, Txékhov, Wilde, Camus, Lorca… en boca dos grandes actores e actrices deste país é todo un privilexio.

Privilexio por rescatar da miña memoria convivencias enriquecedoras cos grandes que xa non están como Pablo Seoane, Marisa Soto, Dorotea Bárcena, Roberto Vidal Bolaño, Xosé Manuel Olveira, Pico ou Paco Conesa, entre outros, e privilexio por seguir compartindo proxectos co melloriño da escena do noso país.

Por todo iso e máis, grazas miña querida Compostela pola túa benvida e permitir que hoxe me gabe de ser tamén picheleira.

Escoitar a Castelao, Cunqueiro, Dieste, Cabanillas, Vilar Ponte, Blanco Amor, Otero Pedrayo, Roberto Vidal Bolaño e tamén a Shakespeare, Molière, Goldoni, Txékhov, Wilde, Camus, Lorca... en boca dos grandes actores e actrices deste país é todo un privilexio.

Contido extraído do número 5.

Aquí tes máis contidos relevantes:

Tirana memoria

Por PABLO IGLESIAS

Fotolibros

Por ANXO RABUÑAL

Os risos da nenez

Por ENCARNA OTERO CEPEDA

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido