Santiago na memoria

150 150 CORALIA

Santiago na memoria

Por MERCEDES ROSÓN

 

Nunca contei coa plena complicidade da miña memoria para viaxar por ela. A prematura falla do meu pai mais as difíciles separacións familiares fixeron sempre complicadas as excursións por ese almacén de recordos onde a maioría das persoas só encontran escenas luminosas, alegres e pracenteiras.

Cheguei a Santiago alá por setembro do 70, cando aínda non cumprira os nove anos, despois de vivir catro anos en Almería. As cores da cidade diferían tanto das do Mediterráneo que resultaba difícil describir un día alegre naquel outono frío e húmido, e no que o paraugas se tiña convertido nunha extensión da miña anatomía que non sempre respondía ás demandas do meu cerebro.

A auga, as botas, as bufandas, esa cor gris que tanto teño chegado a amar, e as continuas loitas entre o vento e o maldito paraugas, que case sempre gañaba o vento para desgusto da miña nai, construían unha nova realidade que xa tiña esquecida da miña vida en Becerreá. Pero Santiago foi tamén o reencontro cos meus irmáns e a miña nai, naquela casa de San Pedro de Mezonzo onde volvemos ser unha familia. O ensanche era entón un campo de obras, de edificios que se erguían desafiantes e que xeraban a idea dunha cidade nova que crecía en poboación e no seu urbanismo.

Foron os anos de maior crecemento de Compostela, o ensanche crecía cunha nova luz, cun novo comercio, como tamén crecía eu naquela década convulsa e desafiante dos setenta; pero a medida que crecía o ensanche, eu namorábame da cidade vella, dunha améndoa que languidecía necesitada de rehabilitación e investimentos, e que facía de Santiago unha cidade de contrastes entre o vello e o novo, entre o antigo e o moderno, entre a tradición e o progreso.

Moi pronto marchei da casa materna, para vivir na zona vella, no Pexego de Abaixo, na Rúa Nova, na Costa Vella, en San Francisco. Definitivamente, as cores grises, a pedra, os recendos da auga e do musgo gañáronlle á luz do Mediterráneo.

Inmersa na xestión, teño visto de preto a maioría das transformacións que se teñen producido na cidade vella: a súa posta en valor, a súa recuperación e rehabilitación, a súa conservación, a súa dinamización.

Dúas cidades nunha, dous latexos diferentes, en Santiago, en España, na miña familia, en toda as familias. Crecín nun tempo de contradicións e de alternativas, nunha década de cambios e de esperanzas, na fronteira entre eses dous mundos, entre o Instituto Rosalía de Castro e o de Conxo, entre o ensanche e a zona vella, chea desas contradicións que tiña Compostela, cegada polo desenvolvemento económico e social, nunha adolescencia rebelde e inconformista, na que me deleitaba cos marabillosos e, daquela, pouco valorados espazos da cidade histórica.

Moi pronto marchei da casa materna, para vivir na zona vella, no Pexego de Abaixo, na Rúa Nova, na Costa Vella, en San Francisco. Definitivamente, as cores grises, a pedra, os recendos da auga e do musgo gañáronlle á luz do Mediterráneo.

Inmersa na xestión, teño visto de preto a maioría das transformacións que se teñen producido na cidade vella: a súa posta en valor, a súa recuperación e rehabilitación, a súa conservación, a súa dinamización. E, a miúdo, teño a sensación de que a miña vida e a de tantos composteláns teñen pasado polas mesmas etapas que a cidade.

Sempre vin Santiago como unha cidade viva, chea de contradicións, con eses dous latexos que fan que cando valorizamos a cidade vella desvaloricemos o ensanche, e empecemos a falar del como «o das deficientes construcións e urbanizacións dos setenta». E así, empeñámonos en buscar alternativas ao modelo urbanístico e construtivo do ensanche para definitivamente construír unha cidade alternativa á daquela década. Tamén eu participei desta lectura excesivamente crítica e con certo sabor a adolescencia.

O certo é que a madurez persoal tamén me levou a valorar esa cidade incomprendida do ensanche, a encontrarme co meu pasado e co da cidade sen resentimento, a viaxar pola miña memoria e pola da cidade sen recalar sempre e necesariamente nos momentos complexos da vida, e a redescubrir, así, o enorme caudal de vitalidade e dinamismo que corre pola zona nova e que non é alleo ao seu modelo urbanístico e construtivo.

O ensanche é o punto de encontro de Compostela, é a cidade onde nos atopamos os composteláns, a cidade do comercio, do paseo, a cidade á que non chegan os turistas, a cidade nova que non necesita transporte, que se pode vivir a pé, a cidade á man. Tardei en aprender a importancia destas cousas, fascinada polas cores da zona vella, pero hai xa tempo que comprendín que o ensanche, esa cidade que me acolleu cando cheguei a Santiago e da que fuxín sempre, é tamén o espazo que me faltaba para encher a miña vida, unha cidade na que reencontrarme co meu pasado, que me aprace, coma nunca e coma sempre.

A miúdo, teño a sensación de que a miña vida e a de tantos composteláns teñen pasado polas mesmas etapas que a cidade.

O ensanche é o punto de encontro de Compostela, é a cidade onde nos atopamos os composteláns, a cidade do comercio, do paseo, a cidade á que non chegan os turistas, a cidade nova que non necesita transporte, que se pode vivir a pé, a cidade á man.

Contido extraído do número 6.

Aquí tes máis contidos relevantes:

A miña música compostelá

Por CARME HERMIDA GULÍAS

Mulleres Lilas, coirazas de cores

por MANUELA DOMÍNGUEZ

A pequena Compostela gusta da lectura

Por PILAR SAMPEDRO

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido