Tras as outras pegadas da solidariedade

150 150 CORALIA

Tras as outras pegadas da solidariedade

Por MERCEDES ROSÓN

idea de solidariedade é, en Santiago, unha idea vella. A fin do Camiño sempre estivo unida á idea de atención, de asistencia, de hospitalidade, e esta é, seguramente, a primeira concepción da solidariedade humana, compartir cos que chegan, cos que encontras, cos que están ao teu carón e o precisan.

Antes da globalización, antes de que o mundo estivese ao alcance de case todos a través dos medios, a proximidade constituía o único e verdadeiro espazo para a solidariedade, e Santiago, lonxe de conformarse con esa lectura individualista da solidariedade que a relixión chamou caridade, construíu arredor da caridade institucións que lle deran forma e sustentación ao exercicio da mesma. E dese xeito, incluso antes de que a palabra solidariedade entrara a formar parte do noso vocabulario sociopolítico posmoderno, Compostela institucionalizouna en forma de hospitalidade e asistencia a peregrinos, de acollemento a orfos, ou de educación ao pobo de Galicia.

Cando as nosas sociedades descubriron a idea contemporánea de solidariedade, nós levabamos séculos facendo dela o cerne da construción de Compostela, e por iso, non é estraño que esta pegada impregne aínda unha boa parte da nosa cidade. Efectivamente, Santiago dá mostras dunha arquitectura da solidariedade, con edificios como o Hospital Real de Peregrinos, o Colexio das orfas, o Colexio de xordomudos da época monterista, ou aquel vello colexio de pan e sardiña que foi a orixe da universidade en Galicia -e cuxa fachada é aínda hoxe a fachada do reitorado-, e outras moitas construcións que poderiamos incluír baixo esta epígrafe de «arquitectura da solidariedade».

Non sempre foi fácil esta arquitectura, incluso nos nosos tempos, nos que a idea de solidariedade está eticamente valorada, edificios como o do Proxecto Home teñen espido as contradicións que todos levamos dentro, e que tantas veces temos que vencer para que agrome a Compostela solidaria.

Cando as nosas sociedades descubriron a idea contemporánea de solidariedade, nós levabamos séculos facendo dela o cerne da construción de Compostela, e por iso, non é estraño que esta pegada impregne aínda unha boa parte da nosa cidade.

Se hai un proxecto que expresa a solidariedade de Santiago, ese é o da Universidade. O coñecemento é a única riqueza que nace para ser compartida, é a única que non só non se perde cando se transmite, senón que medra.

Pero as pegadas da solidariedade non se atopan só na pedra dos edificios. Se hai un proxecto que expresa a solidariedade de Santiago, ese é o da Universidade. O coñecemento é a única riqueza que nace para ser compartida, é a única que non só non se perde cando se transmite, senón que medra. Cando as cidades de Galicia comezaban a construír a ruta de edificación do seu benestar e da súa prosperidade, Santiago confiou o seu futuro ao coñecemento, e do mesmo xeito que as pedras dos edificios serviran para dar forma cívica e institucionalizar a caridade e a hospitalidade, a creación da universidade significou a institucionalización da «solidariedade do coñecemento».

O vello Gallaecia Fulget, labrado no friso de Fonseca, que serviu para conmemorar o V Centenario da Universidade de Santiago daba conta dunha Compostela que poñía a construción do coñecemento ao servizo do País, a mesma que soubo renunciar e compartir o seu carácter universitario con outras cidades de Galicia sen pedir nada a cambio, porque Santiago sempre atesourou a idea de Galicia como unha construción colectiva e complementaria, fronte á idea competitiva e de «cidade total» implantada hai tempo polos nosos veciños do norte e do sur.

Cada cidade, cada poboación, constrúe os seus espazos e as súas institucións para a solidariedade. A raíz relixiosa de Santiago está impresa en cada unha das pegadas que temos comentado, pero non as esgota. Porque Santiago non só transformou e institucionalizou as lecturas primixenias da solidariedade, senón que aos pés da catedral a solidariedade transcendeu o feito relixioso. Xa fora como asistencia hospitalaria, xa como fenómeno educativo ou coma hospicio, o certo é que a propia institucionalización do feito solidario acabou por poñer o foco no enfermo, no estudante ou no orfo. E, dese xeito, Santiago foi construíndo unha lectura cívica da solidariedade que deu orixe á cidade solidaria que temos hoxe.

Non vou entrar nunha competición ou ranking da solidariedade das cidades galegas, porque cada unha ten o seu xeito de expresar a solidariedade. Santiago acolle institucións e organizacións solidarias de todo tipo, que se ocupan da pobreza, da enfermidade, dos refuxiados etc., e todas elas serven de expresión das preocupacións dos cidadáns e cidadás polos seus veciños, de barrio, de parroquia, de cidade ou de mundo. Aprendemos a construír a nosa lectura republicana da «solidariedade cívica» tras as pegadas das vellas formas de solidariedade, e a darlle valor de dereitos cidadás ao que antes só se vía como arbitraria caridade. A solidariedade cívica é a «solidariedade dos dereitos» porque só cando comprendo que os outros teñen os mesmos dereitos ca min, a solidariedade convértese nunha obriga. E desde Santiago miro e fálolle a Europa.

Santiago non só transformou e institucionalizou as lecturas primixenias da solidariedade, senón que aos pés da catedral a solidariedade transcendeu o feito relixioso.

A solidariedade cívica é a «solidariedade dos dereitos» porque só cando comprendo que os outros teñen os mesmos dereitos ca min, a solidariedade convértese nunha obriga.

Contido extraído do número 5.

Aquí tes máis contidos relevantes:

A liberdade de SER. Que liberdade?

Por CRISTINA PALACIOS

María Miramontes: modista e galega

Por ENCARNA OTERO CEPEDA

Compostela futura na miña memoria

Por XEMA VARELA

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido