•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

PAUL DANIEL
«Non hai mellor sitio no que estar que Santiago»

Paul Daniel

150 150 CORALIA

A Real Filharmonía de Galicia celebra os seus primeiros vinte anos de éxitos baixo a dirección de Paul Daniel. O tamén director da Orquestra Nacional de Burdeos e director invitado das máis destacadas orquestras e compañías de ópera mundiais deseñou un programa cheo de contrastes para a tempada que agora principia, que inclúe nomes como Gluck, Dvoràk, Brahms ou Buide.

Desde o seu nomeamento como director titular hai tres anos, Daniel está a imprimir un estilo novo á orquestra da cidade, que veu como se ampliaba o seu repertorio ou como xurdían novos formatos de concerto cos que achegar a música dos grandes compositores á cidadanía compostelá.

Daniel, que foi condecorado coa Cruz do Imperio Británico no ano 2000, e que recibiu o premio Olivier pola súa dedicación á ópera e un Gramophone pola súa serie de música inglesa para Naxos, enche o noso número de outono de paixón pola vida e pola música.

CULTURA

Cales son as principais sorpresas que nos reserva o programa da nova tempada da RFG?
Para min é importante arrancar a tempada cun gran concerto no Auditorio. Igual de importante é levar a música alí onde vive a xente; por iso este ano faremos visitas aos centros socioculturais, dividindo a orquestra en dúas seccións e tocando para xente que normalmente non crería que a orquestra lle pertencese. Poderán escoitar así grandes obras de Bach, Mendelssohn, Britten ou Grieg. No Auditorio principiamos tempada coa estrea de Pasaxes de Fernando Buide, un compositor galego recoñecido no mundo enteiro, nun programa que tamén inclúe unha sinfonía de Brahms. En novembro presentaremos en Santiago e Vigo a grande ópera de Bizet Os pescadores de perlas en versión concerto. Trátase dunha nova iniciativa que poñemos en marcha en coprodución cos Amigos de la Ópera de Vigo. E, antes do Nadal, poderedes oír a importantes directores e solistas interpretando grandes sinfonías clásicas de Beethoven, Brahms ou Dvoràk, xunto a outras menos habituais como o Concerto para violín e vento de Kurt Weill. A orquestra tamén tocará en Vigo dúas veces antes do Nadal, e irá a Ourense, Ferrol e Lugo repetindo os concertos de Santiago. E, antes de despedir o ano, tamén recibiremos a Antoni Ros Marbà, un dos directores máis importantes para a RFG. Ademais, grazas ao programa Descubre unha orquestra para ti, a túa! poderanse escoitar obras coñecidas do repertorio da RFG dunha maneira máis informal e nun ambiente máis distendido. Facer canteira de público é un labor moi importante, por iso poderase escoitar a RFG nos barrios, nun concerto de tarde para nenos e familias ou nun concerto de abonamento máis formal.

«Esta orquestra é de pequeno tamaño; pero a súa ambición é moi grande e, aínda que somos conscientes das nosas dimensións, gústanos marcarnos grandes metas e tratar de acadalas».

«A xente nova acostumouse a recibir moita información nun prazo de tempo moi curto e agora estamos a asistir a un cambio de ciclo, a un novo xeito de achegarse á cultura e ao lecer que se traduce en que se corren máis maratóns e se len libros máis voluminosos».

«Cando o público aprecia como se fan as cousas e os músicos se preocupan de agradar ao público prodúcese unha boa retroalimentación, a retroalimentación das cousas pequenas; e é entón cando recollemos un produto feito con coidado, a man e con cariño».

Cando, no 2013, asumiches a dirección da orquestra compostelá, sentías que a música da Filharmonía estaba escondida. Revelar a súa música e chegar a un público máis amplo é un fermoso obxectivo. Cales son as virtudes da Real Filharmonía para conseguilo?
Esta orquestra é de pequeno tamaño; pero a súa ambición é moi grande e, aínda que somos conscientes das nosas dimensións, gústanos marcarnos grandes metas e tratar de acadalas. Ao longo destes tres anos tentei abrir as ventás ao público, porque cando cheguei á dirección da RFG a orquestra parecía estar escondida.

Logo de anos dándolle as costas á música en vivo, a mocidade volve encher auditorios. Cal cres ti que pode ser o motivo deste fenómeno?
Durante anos, a mocidade afíxose a vivir o seu lecer a toda présa, centrándose en actividades que precisaban concentración durante pouco tempo. A xente nova acostumouse a recibir moita información nun prazo de tempo moi curto e agora estamos a asistir a un cambio de ciclo, a un novo xeito de achegarse á cultura e ao lecer que se traduce en que se corren máis maratóns e se len libros máis voluminosos. É o que ocorre coa comida, que viviu o triunfo da fast food antes de imporse a slow food, na que se inviste tempo en cociñar sen présa.

É a RFG unha xoia descoñecida para Compostela?
O meu traballo pretende que a cidade coñeza a súa orquestra. O reto é lograr a visualización da RFG. Se non somos capaces de chegar coa música á cidadanía de Compostela, o problema somos nós, non a cidade. Non é o mesmo descoñecemento que falta de valoración.

O Auditorio de Galicia é a casa da RFG, unha casa á que chegarán obras importantes este exercicio. Sénteste a gusto no Auditorio?
Eu véxome moi cómodo no Auditorio, pero a música fíxome ser moi ambicioso. Quero ver xente no Auditorio todo o día.

Falando de ambición, cunha carreira como a túa, con premios como o Olivier ou o Gramophone, que significado encerran a RFG e Santiago para ti?
Se a cidade e a orquestra teñen ambición, non hai mellor sitio no que estar que Santiago de Compostela. As grandes cidades e o seu público están esgotados. O público xa o viu todo, polo que non aprecia a oferta e resulta difícil atraer a súa atención. Londres, ás veces, semella un gran bazar no que todo está a túa disposición, e con toda esa oferta de produtos recorrer a cidade resulta algo esgotador. Cando o público aprecia como se fan as cousas e os músicos se preocupan de agradar ao público prodúcese unha boa retroalimentación, a retroalimentación das cousas pequenas; e é entón cando recollemos un produto feito con coidado, a man e con cariño.

Un soño?
Eu non soño mentres durmo; só soño cando estou a dirixir.

Quen son os compositores que mellor conectan co público compostelán e con Paul Daniel?
Ata a miña chegada, o carácter da orquestra estaba moi conectado co mundo de Mozart, Haydn, Schumann, Brahms ou Beethoven, é dicir, co miolo do repertorio clásico. Desde logo este é o corazón do mundo da música, pero penso que o público, os músicos e máis eu coincidimos na idea de escoitar un pouco máis de Janaceck, Mahler ou Benjamin Britten. A orquestra sempre estivo interesada nun amplo repertorio, e creo que as veces é bo procurar un toque de fusión. A min gústame innovar desde a tradición, aínda que o meu compositor favorito sempre é o que interpreto ese día.

Burdeos e Santiago están conectadas pola batuta de Paul Daniel, pero en que se parecen musicalmente as dúas capitais?
A ambición das dúas orquestras crea unha conexión moi especial co público. Son dúas cidades con importantes universidades, conectadas polo Camiño de Santiago. En Burdeos comeza un dos camiños máis importantes, e a min, no futuro, gustariame facer o Camiño unindo ambas as dúas orquestras.

Música que che transporta á nenez?
A nana Polly put the kettle on.

Despois de dirixir a Real Filharmonía, interpretando a compositores de orixe galega como Fernando Buide ou Eduardo Soutullo, onde cre Paul Daniel que radica a singularidade da música feita en Galicia?
A música galega é moi rica. De feito, cada compositor ten unha cor e unha personalidade completamente diferentes. Non podes comparar a Buide con Vázquez, con Soutullo ou con Durán. É sorprendente o número de compositores que hai en Galicia, pero todos os autores cos que teño traballado teñen en común un fondo coñecemento da tradición e do acervo cultural galego, que son capaces de interiorizar e transformar en algo único, que ninguén fixera antes.

Darlles nova vida ás partituras é o segredo da boa dirección? Como se consegue?
Pese a que a resposta é doada, isto é moi difícil de conseguir. Como músico, ti coñeces de memoria cada nota de Beethoven, porque a tes tocado moitas veces, por iso o reto é borrar a túa memoria e comezar de cero, coa mente limpa, como se fose a primeira vez que te enfrontas a esa peza. Ser capaz de esquecer todo o que sabes, todo o que sentes, para empezar de novo, é a habilidade técnica máis importante dun músico a hora de enfrontarse a unha partitura.

Por último, é a música o mellor medio para poñer paz nun mundo que, dun tempo a esta parte, semella ter toleado?
A música en abstracto non é nada; non existe. É unha idea neutra que só adquire senso cando a interpretamos para a xente e a tocamos xuntos. Os músicos tocamos xuntos, cantamos xuntos; sen fronteiras, sen Brexit. En Israel ou en Palestina ou na China vaise entender facilmente a música doutra cultura, de aí que cando os músicos interpretamos xuntos unha partitura estamos asistindo a un acto de paz. Por iso creo firmemente que non podes facer a guerra con alguén co que fas música.

«A música en abstracto non é nada; non existe. É unha idea neutra que só adquire senso cando a interpretamos para a xente e a tocamos xuntos. Os músicos tocamos xuntos, cantamos xuntos; sen fronteiras, sen Brexit».

Entrevista extraída do número 4.

Sabela Fernández
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Auditorio de Galicia

Outono de 2016

Data de publicación:

Localizacións:

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido