•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

ROSA MARÍA SABORIDO
O triunfo do estilo

Rosa María Saborido

150 150 CORALIA

«Unha muller inqueda, enérxica, que toma a iniciativa e á que lle gusta marcar o seu propio camiño», así describe Lluís Llongueras a Rosa María Saborido no seu libro Ellas, las mujeres que me han fascinado. As súas palabras reflicten á perfección o sentimento de varias xeracións de mulleres e homes que en Compostela e na súa contorna adoran por igual a persoa e a profesional. Despois de máis de corenta anos de éxitos empresariais, Saborido segue creando verdadeira arte coas súas mans e traballando cada día coa mesma paixón dos primeiros tempos. Hoxe, coma sempre, Rosa María Saborido achégalle a Compostela un estilo e unha clase fóra de serie.

«O estilo Llongueras caracterízase por marcar as irregularidades do pelo, apoiándose nos contrastes de medidas e nos cortes programados. Tamén son sinais de identidade da casa os degradados de cores».

É TENDENCIA

De cativa, con que soñabas?
Eu, con apenas seis anos, xa tiña claro que quería ser peiteadora e ata que o conseguín non parei! Ao primeiro, os meus pais tomárono a broma, pero eu, desesperada por saber como podía chegar a selo, cheguei a escribirlle unha carta a Henry-Colomer, que era o nome que vía polos salóns de peiteados da época e, esperando a que a botase, a carta acabou gardada dentro dun libro. Como a miña cantilena era a mesma a diario, os meus pais acabaron por ir falar cunha coñecida, cuxa filla xa era peiteadora, que lles explicou que era unha profesión na que podía ter titulación e da que podía vivir. E, como daquela non había escolas de peitado en Santiago, tiven que agardar a ter catorce anos para que os meus pais accederan á petición dunha veciña que tiña unha pensión en Vigo para que me deixaran ir alí estudar. Desde entón nunca máis deixei a tesoira e o peite.

Quen foi a primeira clienta e como foron os teus principios?
A miña nai foi a primeira clienta, á que xa daquela lle facía permanentes sen calor; logo empezaron a vir as miñas amigas. Un bo día, unha delas decidiu casar e acabei peiteándoas a todas para a voda; aquela circunstancia proporcionoume moita sona. Tamén lembro as irmás do crego, que me traían as perrucas para que llas peitease na casa, antes de empezar a vir elas para que as peitease tamén. A casa dos meus pais -cos que eu vivía daquela- comezou a encherse de clientas, e con 19 anos aluguei un local en Antequeira, pretiño da miña casa, para abrir nel o primeiro salón de peiteado. Despois, co obxectivo de prepararme mellor fun a Barcelona, facer o primeiro curso na escola de Lluís Llongueras, que se converteu no meu mestre a partir daquel momento. Lembro que cando chegou o final daquel primeiro curso, Lluís pediunos que o valorásemos, e eu comentei que como o meu salón estaba no campo, podería aplicar os cortes mais non as mechas de cores; el fíxome prometer que llo ía propor ás miñas clientas, e así o fixen en efecto. A partir daquel momento, empecei a recibir clientas de todas as partes e en gran cantidade, tanto é así que, para poder atendelas, abría o salón ás 6.30 da mañá e non o pechaba ata as 3.00 da mañá do día seguinte, co que apenas podía descansar tres horas ao día. Pero eu non daba citas, así que a xente viña e agardaba ata dez horas para que a atendese, e tiñan que agardar fóra porque dentro non había sitio!

Con que pensamento das comezo ao día?

Érguete pensando que o día de hoxe non é coma o de onte! A vida é un papel en branco que vas cubrindo cada día.

A que sabía a túa nenez?

Ao pan de molete que facía meu pai no forno de leña.

Queda algún soño que facer realidade?

Os meus soños están cumpridos. Agora os meus soños son os meus netos, que son a miña vida!

Cinco salóns e unha academia falan por si sós do teu éxito como empresaria, pero cal é para ti o segredo do teu triunfo profesional?
O segredo é que che guste o que fas e facelo ben sempre. Para chegar a ser unha mestra na túa profesión tes que estar sempre ao día.

Como era a moda en peiteados ao principio da túa carreira?
Nos meus comezos triunfaban os cortes á navalla moi curtiños, as calugas longas e uns recollidos moi cardados que chamaban a atención. Logo, Llongueras revolucionou o mundo do peiteado e creou un método que, baseándose nos cortes programados, permitía facer un corte de pelo dunha tesoirada ou rizar unha melena con sete bigoudis. Estas técnicas déronnos moitísimo prestixio, ata o punto de que as clientas empezaron a chamarme «a Llongueras de Rois». E é que en Rois tiven salón durante catorce anos.

En que mudou Santiago -no que á moda se refire- neste tempo?
Santiago cambiou moito. Antes a mocidade levaba máis deseño no pelo, máis cortes con deseño, pero agora todo o mundo leva as melenas longas e con prancha. Non se ve esa variade de estilos que se vía antes. Antes, a xente acudía moitísimo máis aos salóns de peiteado e agora as rapazas novas solucionan o seu peiteado na casa coas pranchas e cos vídeos de Internet, e se ben hai persoas que lle dan estilo, hai outras que non o conseguen. Isto e a crise -que impide que a mocidade poida acudir todas a semanas ao salón- aféctalle moi negativamente á moda que hoxe vemos nas rúas.

Que é o estilo Llongueras?
O estilo Llongueras caracterízase por marcar as irregularidades do pelo, apoiándose nos contrastes de medidas e nos cortes programados. Tamén son sinais de identidade da casa os degradados de cores; unhas cores que se inspiran na mocidade, nese período no que o pelo ten eses brillos naturais tan bonitos, con matices moi claros e moi escuros.

Como serán esta primavera o home e a muller Rois Llongueras?
Serán, coma sempre, eles mesmos. A nosa filosofía é a de adaptarmos o estilo a cada persoa, evitando os cortes estandarizados e favorecendo a liberdade no estilo. E, fieis á filosofía do constante anovamento, incorporamos unha nova liña de produtos ecolóxicos, elaborados con algas, que é o último para o pelo e a pel.

Cal é para ti o momento máis fermoso como estilista despois de máis de catro décadas ao máximo nivel?
Para min cada día é fermoso! É fermoso ver como as clientas traen as súas fillas e as súas netas aos salóns. Iso dáme vida! Tamén o é que moitas alumnas da academia nos elixan para formarse, logo de oírlles falar de min as súas avoas.

Ao longo dunha traxectoria tan prolífica, hai traballos e clientes especiais? Cal son eses imprescindíbeis no álbum de Rosa Saborido?
Traballei con Llongueras a nivel internacional en Nova York, Bari, París ou Helsinki, e peiteei a Sara Baras, María Luisa Merlo, Carla Royo-Villanova, Fiona Ferrer, Tareixa Navaza, Diana Nogueira, Nely Fernández, Silvia Jato ou María Casanova. Pero para min todos os clientes son igual de importantes, aínda que teño que recoñecer que peitear a Rocío Jurado me produciu unha grande impresión.

E despois de facer durante anos e anos maxia coa cor, a pintura entrou na túa vida. Pintar é un divertimento ou unha necesidade?
As dúas cousas, ao mesmo tempo. Preciso pintar porque o paso ben, porque gozo moitísimo e porque non podo pasar moitos días sen coller os pinceis… Con todo, cando decidín pintar non sabía o que en realidade era, ata o punto de non saber que precisaba mercar (ri a esgalla)! Vendéronme un maletín para principiantes con catro tubos, e así empecei na pintura. A pintura permíteme canalizar as miñas emocións, fixar un momento… A diferenza dun peiteado que se vai, a pintura permanece.

Pódesnos contar, para rematar, como é a pintora Rosa Saborido? E como variou o seu estilo desde que colleu o primeiro pincel?
A miña pintura é moi miña, moi autodidacta, canaliza o que sinto nese intre. En realidade, eu non debuxo nada, porque prefiro traballar directamente co pincel, inspirándome en momentos de especial significado para min, como unha paisaxe de outono, unha flor, ou unha escena mariña. A min, a pintura que me gusta está chea de vida.

«É fermoso ver como as clientas traen as súas fillas e as súas netas aos salóns. Iso dáme vida!».

Entrevista extraída do número 5.

Álex Regueiro
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Primavera de 2017
Data de publicación

Álex Regueiro
Entrevista

Alfredo Iglesias
Fotografía

Primavera de 2017
Data de publicación

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido