•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

SARA NAVARRO
SCQ-MAD
con Nieves Rodríguez

Sara Navarro

150 150 CORALIA

Durante décadas, as irmás Fandiño Ricart mantiveron acesa unha chama de liberdade que lle insuflou vida ao vello corazón de Compostela. Pasado o tempo, é un deber cidadán devolverlle ese alento e ese amor a Maruxa e a Coralia; por iso nos gusta facelo a través da moda que se viste e que se le.

MODA POR SARA NAVARRO

A das Dúas Marías é unha das historias máis conmovedoras e estremecedoras que escoitei na miña vida. Revólvete e sacódeche os órganos máis fondos da alma.

Na época na que o seu pai tiña o seu pequeno obradoiro e a súa nai traballaba como modista, adiantada probabelmente ás modas do seu tempo, as pequenas Coralia e Maruxa aturaban as estreiteces cotiás coa improvisación de algo tan raro por aquel entón como a moda, a orixinalidade e a creatividade. Os zapatos que o seu pai realizaba e os vestidos que confeccionaba a súa nai foron, sen dúbida, o seu aliciente para subsistir a unha vida de grandes privacións. Non me custa imaxinar como sería aquel obradoiro do número 32 da Algalia de Arriba, xa que ao botar a mirada atrás podo ver o obradoiro dos meus avós; un obradoiro situado nos baixos da súa vivenda en Elda, onde el, sentado na súa cadeira, pasou a maior parte da vida facendo zapatos.

«A das Dúas Marías é unha das historias máis conmovedoras e estremecedoras que escoitei na miña vida. Revólvete e sacódeche os órganos máis fondos da alma».

«Coma Fandiño, e na mesma época, o meu avó era o creador dos seus propios modelos, o seu artesán, o seu patronista e o seu vendedor. Nunha posguerra marcada pola fame e a pobreza, o zapateiro érao todo á vez».

«Coralia e Maruxa optaron por manterse fieis aos seus e as súas orixes. Esa foi a súa brillantez. Pero tal determinación significou para elas a condena a un cárcere social e deshumanizado».

Coma Fandiño, e na mesma época, o meu avó era o creador dos seus propios modelos, o seu artesán, o seu patronista e o seu vendedor. Nunha posguerra marcada pola fame e a pobreza, o zapateiro érao todo á vez.

Contábanos a miña avoa que traballaba desde as seis da mañá ata as doce da noite. Que unhas veces facía dous zapatos e outras tres e que, cando os tiña terminados, ía de porta en porta ou de vila en vila. Din que ás veces tardaba dous ou tres días en regresar, e que unhas veces os vendía e outras os trocaba por comida… Con eses zapatos calzaba a miña avoa e as súas fillas, que podían levar uns zapatos de tissu de prata os domingos e pasear desde a casa ata a praza da vila… A miúdo, cosidos e remendados… A miña avoa tamén conta que o meu avó só subía cear o día de Noiteboa, cravado sempre na súa cadeira de zapateiro.

Fandiño, como facía o meu avó coas miñas tías e a miña nai, tamén faría zapatos para as súas fillas, probabelmente cos retrincos das súas encargas, e creo que elas, envoltas nunhas circunstancias tan limitadoras, atoparon nos soños dos tecidos e as formas a única saída posíbel para lograr sobrevivir a unha realidade feita con anacos doutros panos máis grises e ásperos. Coralia e Maruxa optaron por manterse fieis aos seus e as súas orixes. Esa foi a súa brillantez. Pero tal determinación significou para elas a condena a un cárcere social e deshumanizado.

Se estas extraordinarias mulleres tiveran paseado o seu atrevemento polas beirarrúas de Nova York ou París, teríanas fotografado para Vogue ou Paris Match, porque foron as Anna Piaggi dos oitenta ou as Anna dello Russo do 2000 nun momento de lucidez tan adiantado ao seu tempo, tan vangardista e contemporáneo que, sen dúbida, escribiron a máis fascinante bitácora de estilo e tendencia da época futura. Ás dúas, á hora dos seus afamados paseos, calzaríaas cun Mary Jane Meadows de tecidos de cadros vermellos e ocre, como heroínas de Austin; cun botín patinadora Victoria, que simulara un trampantollo bicolor, como a irmá pequena do relato de May Alcott, ou cun abotinado anos 40, Alexa, en cor cereixa, para camiñar con paso firme e sonoro por un chan húmido de lastros de reflexos de auga, e ir salpicando cos brillos do charol. Este, sen dúbida, sería o seu favorito.

«Se estas extraordinarias mulleres tiveran paseado o seu atrevemento polas beirarrúas de Nova York ou París, teríanas fotografado para Vogue ou Paris Match, porque foron as Anna Piaggi dos oitenta ou as Anna dello Russo do 2000 nun momento de lucidez tan adiantado ao seu tempo, tan vangardista e contemporáneo que, sen dúbida, escribiron a máis fascinante bitácora de estilo e tendencia da época futura».

«Fixeron voar os seus soños lonxe, valéndose do impulso dos fortes ventos e as correntes, para sobreviviren sen necesidade de volverse tolas».

Porque estas irmás, iconas da moda, absorberon o legado cultural dunha cidade patrimonio da humanidade -nunha parte de España que sempre mirou moi lonxe, cara a outros continentes-, para facer voar os seus soños ata mundos nos que elas encaixaban. Fixeron voar os seus soños lonxe, valéndose do impulso dos fortes ventos e as correntes, para sobreviviren sen necesidade de volverse tolas. Foi así como puideron permanecer na cidade que tanto amaban sen quebrantar a súa fidelidade a un fogar que lles deu a forza para ser diferentes e facer da súa vida un ritual diario de estilismos, toucados e zapatos, que fixeron delas as máis modernas blogueiras de Santiago e da historia de España.

Diríalles e dígolles desde aquí, que a súa vida e a súa imaxe son unha infinita fonte de inspiración para calquera muller e condición. Que crearon o máis contemporáneo dos estilos e o máis anacrónico, e que, cando me vexo de pequena pedíndolle ao meu avó que me faga un zapatiño de princesa, soamente podo pensar en canto me gustaría vérllelo posto nos seus pés, escintilantes por mor das pedras de cores, á hora de camiñar pola rúa do Vilar, para que, como auténticas princesas transgresoras, endexamais perderan a maxia que mantivo as súas vidas en pé e as súas miradas pintadas da cor do mundo no que terían merecido vivir.

Nieves Rodríguez
Modelo

Álex Regueiro
Estilismo

Alfredo iglesias
Fotografía

Lucía Cabrera
Aux. de produción

Rois Llongueras
Maquillaxe e peiteado

Alalá
Vestimenta

Teatro Principal

Primavera de 2017

Data de publicación:

Localizacións:

Contido extraído do número 5.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido